INVESTIGADORA NO CAMPO DO XÉNERO NA COMUNICACIÓN

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio fundador da Asociación A Illa dos Ratos, para a serie “Cangueiras 2026” en colaboración coa Concellaría de Igualdade do Concello de Cangas.

CANGUEIRAS 2026

“Eu sempre son de Cangas, aínda que leve tempo fóra dela”

Asun Bernárdez Rodal

Asun Bernárdez Rodal, a nena de Cimadevila que con esforzo e sacrificio conseguiu converterse nunha das principais investigadoras sobre xénero e comunicación a nivel nacional

Asun foi a primeira dos cinco fillos/as que tivo a familia de Cimadevila que formaran Francisco Bernárdez, un home vinculado ao mundo do mar e que chegou a ser presidente da Confraría da vila, e Beatriz Rodal, unha muller que compaxinaba os seus labores do fogar co traballo de atar as redes e vender na praza cada día, un traballo que daquela non se pagaba.

ASUN BERNÁRDEZ RODAL
A pequena Asun nunha foto nas rúas de Cangas.

O pai de Asun quedara orfo de nai dende que contaba con sete anos, e quizais por iso, para saír adiante tivo que agudizar moito o seu enxeño. Era moi intelixente e ata que morreu, con so 52 anos, sempre tratou de inculcarlle a súa filla o gusto pola cultura co obxectivo de que a humildade da súa clase social non fora un impedimento para o seu crecemento persoal e laboral no futuro.

A nai sempre tivo presente o peso e a dor de ser pobre e tamén trasladoulle aos seus fillos a importancia de que a xente “humilde” como eran eles, tiñan que traballar moito para saír adiante.

Todos/as os/as fillos/as do matrimonio interiorizaron esta idea moi dentro deles, e ao longo das súas vidas demostraron co seu esforzo e a súa capacidade de sacrificio que tiñan moi presente as ensinanzas dos seus proxenitores.

Os pais de Asun Bernárdez a mandaron para Madrid a un colexio interna para que puidese continuar cos seus estudos

No ano 1976, logo de que Asun rematase os seus estudos básicos na Compañía de María de Cangas, os seus pais decidiron enviala a Madrid cunha monxa que era prima da súa nai, e que buscou un internado onde puidese vivir e formarse.

En Cangas non podían darlle uns estudos, así que a idea era que marchase para alá como interna durante dous anos e que mentres estivese alí buscase un oficio para poder pagarse ela mesma o colexio.

A partir dese momento, a vida de Asun, que tiña 15 anos, sería sempre así: traballar e estudar todo o tempo. Buscando a forma de sobrepoñerse ao sentimento de soidade que a invadía, sacou unha titulación de administrativa e máis tarde obtivo tamén o bacharelato mentres compaxinaba os estudos co traballo.

ASUN BERNÁRDEZ RODAL
Asun de moza sentada sobre unhas redes de pesca co peirao de Cangas ao fondo.

Cando contaba con 21 anos, Asun decidiu matricularse en Filoloxía Hispánica, unha carreira que cursou entre 1982 e 1987 e que elixiu porque sempre lle gustara a literatura.

Nunca deixou de formarse e anos despois, logo de asistir a un congreso de semiótica no que entrou en contacto con tres profesores da Facultade de Ciencias da Información, decidiu matricularse alí e enfocar o seu doutorado nese campo: a análise semiótica do discurso e as imaxes, interpretando os medios de comunicación de maneira teórica.

Seguiu traballando como administrativa mentres desenvolvía a súa tese fora da universidade, ata que no ano 1990 pediu unha excedencia que lle permitiu rematala e presentala. Logo da súa lectura ante o tribunal, Asun doutorouse en 1994 no campo das ciencias da información e grazas a isto, comezou a traballar como profesora na universidade.

Era o ano 1996 e dende ese momento foi encadeando contratos ata que no ano 2000 conseguiu a súa praza no departamento como Profesora Titular da Universidade Complutense de Madrid.

ASUN BERNÁRDEZ RODAL

Asun Bernárdez especializouse no campo do xénero e comunicación

A medida que Asun ía avanzando na súa formación xurdiulle unha curiosidade vital relacionada co xénero na comunicación.

A universidade estaba moi masculinizada tanto en autores como en referencias e había cousas que logo de pasar pola facultade parecíanlle bastante curiosas como o feito de que Carmen Mejía, catedrática de filoloxía galega de UCM, lle dera clase de literatura galega  e unicamente lle presentase como muller relevante a Rosalía de Castro e que non lle volvesen a nomear outra muller ata 5º da carreira.

Ao rematar na facultade tiña claro que quería cambiar as cousas e foi cando iniciou a colaboración con compañeiras e profesoras coas que comezou a traballar no campo dos estudos de xénero. Xuntas foron organizando congresos e impulsando novas materias,  como a de “Comunicación y género” (2011), que comezou a impartirse como optativa en Periodismo, pero que non conseguiron que se incluíse en Publicidade polo complicado que era meter temas de xénero nos programas universitarios.

Nos anos seguintes, Asun foi facendo diversas publicacións e investigacións, participando de varios proxectos e dando varias conferencias relacionadas con este tipo de temática, e co paso do tempo converteuse nun referente no campo do xénero e a comunicación a nivel nacional. Aquí podedes consultar o seu extenso curriculum.

ASUN BERNÁRDEZ RODAL
Conferencia sobre “Moda e feminismo” celebrada no Museo do traxe na que Asun Bernárdez participou como poñente. (2012)

Como directora do Instituto Universitario de Investigaciones Feministas, Asun Bernárdez impulsou varias iniciativas formativas relacionadas con estudos feministas

Como podemos comprobar no seu extenso curriculum, Asun Bernárdez tamén tivo a oportunidade de exercer como directora do Instituto Universitario de Investigaciones Feministas, creado no curso 1988-1989 baixo o paraugas institucional da Universidade Complutense de Madrid

O Instituto está dedicado á investigación e a docencia en temas de xénero, estudos de mulleres e feminismo. A filósofa e teórica feminista Celia Amorós foi a súa primeira presidenta en 1990 e ten como obxectivo a xeración e difusión do pensamento feminista e os estudos de xénero a través da creación e mantemento de equipos científicos interdisciplinares de investigación.

O Consello do Instituto está formado por preto de 80 persoas pertencentes a distintas disciplinas académicas nas áreas das Humanidades e das Ciencias Sociais, que imparten docencia e investigan no ámbito dos estudos feministas.

Dende 2011, Asun Bernárdez asumiu a súa dirección e impulsou a creación entre outras cousas dun doutorado en xénero e un máster de estudos feministas. 

ASUN BERNÁRDEZ RODAL

Curso do profesorado da UCM na cidade mexicana de Veracruz.

Asun Bernárdez tivo o recoñecemento do pobo de Cangas en varias ocasións e é a autora do libro “Lola, filla de Cangas”

Aínda estando lonxe da súa vila natal, Asun foi recoñecida pola súa traxectoria en varias ocasións tanto polas autoridades, sendo pregoeira das Festas do Cristo de 2017, como por diversos colectivos, como por exemplo cando recibiu Premio Mulleres en Acción, impulsado pola Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas en 2018.

ASUN BERNÁRDEZ RODAL
O PREMIO MULLERES EN ACCIÓN nacera no ano 2012 co obxectivo de recoñecer o labor, traxectoria ou acción social, cultural, artística ou profesional que realizasen mulleres, colectivos ou entidades, e que supoñan unha contribución relevante para a implantación da igualdade de xénero na nosa sociedade.

Durante a pandemia da COVID-19, aproveitando que puido dedicar tempo a outros proxectos, comezou a escribir un libro sobre a historia de Lola Rodal Blanco, filla da sindicalista Dolores Blanco Montes, alcumada “a Pasionaria de Cangas” e que logo do golpe militar do 36 fóra condenada a 12 anos e un día no cárcere de Saturrarán en Guipúzcoa.

Una día, Iago Santos Castroviejo, membro da Asociación pola memoria histórica 28 de agosto de Cangas, comentoulle que tiña unhas gravacións de Lola Rodal e insistiulle durante tres anos para que considerase seriamente escribir algo sobre aquela historia.

A nai de Asun, que nacera na ribeira de Cangas, coñecía o ambiente que se vivira na vila durante a República, e cando a súa filla era nova xa lle contara cousas daquela época, así que Asun tan pronto tivo a oportunidade, asumiu o reto de escribir o libro.

Nas entrevistas que lle facilitou Iago Santos, comprobou que como eran homes os que facían as preguntas se centraban sobre todo na política e nos datos sobre quen era o alcalde, concelleiros, …

A Asun iso non lle parecía o máis interesante e decidiu escribir a historia a partir de datos reais pero ficcionalizando o texto co obxectivo de impregnar a obra cun espírito máis literario, e decidiu enriquecer o texto para transmitir a oralidade de xeito máis elaborado mesturando o relato de Lola cos seus propios recordos, como nena que vivira na Ribeira de Cangas. 

Empezou pouco a pouco a escribir e para non perder a emoción das súas palabras, usou como base a transcrición do contido das cintas, que xa foran depositadas no Museo do Pobo Galego, pero como non chegou a coñecer a Lola Rodal, se sentía libre para escribir mesturando os seus propios recordos co dela.

A tradución ao castelán de “Lola, filla de Cangas” se publicará este verán de 2026 na Editorial da Universidade de Valladolid.

Asun Bérnardez tamén ten unha faceta como creadora teatral na que a mirada de xénero está sempre presente

Asun sempre foi moi afeccionada ao teatro. Gustáballe escribir textos e facer lecturas dramatizadas así que cando acabou a carreira, decidiu comezar a dar clase na escola de teatro que a Universidade de Kent Canterbury tiña en Torrelodones, onde elaborou un monográfico cun enfoque feminista sobre D. Juan Tenorio, a figura máis reinterpretada da historia.

Nese ámbito conectou e incluso fixo amizade con xente do mundo do teatro, e grazas a iso tivo a oportunidade de publicar algún texto en colaboración con Ernesto Caballero, director do Centro Dramático Nacional.

Asun non se considera unha dramaturga porque non chegou a traballar neste campo de xeito profesional, pero escribiu varias obras teatrais, algunhas aínda sen estrear, e precisamente no Centro Dramático Nacional participou nun ciclo dedicado a catro mulleres pioneiras do teatro elaborando unha obra sobre a figura de Rosario de Acuña.

ASUN BERNÁRDEZ RODAL
Elenco do Centro Dramático Nacional encargado da representación da obra sobre Rosario de Acuña escrita por Asun Rodal (2018)

A esixencia da vida académica privouna de dedicar máis tempo a esta faceta pero a día de hoxe mantén ese vínculo con xente do teatro e incluso leva un grupo teatral de estudantes da facultade.

Para rematar, non podemos esquecernos de comentar que o grupo Teatro Aberto de Cangas levou a escena no ano 2023 a obra “A trenza dos feitos amargos”, sobre un texto adaptado da obra “Lola, filla de Cangas“.

Queremos dar as grazas a Asun por facilitarnos a maior parte da información e moitas das fotografías que empregamos para elaborar este artigo. Cremos que pola súa importante traxectoria no eido académico e teatral, vinculada sobre todo a busca da igualdade de xénero, e sobre todo polo amor que sente pola súa vila ben merecía un recoñecemento como cangueira.

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.