A MULLER LOITADORA QUE ALEGROU A SÚA VIDA CANDO RECIBIU A CULTURA COS BRAZOS ABERTOS
Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio fundador da Asociación A Illa dos Ratos, para a serie “Cangueiras 2026” en colaboración coa Concellaría de Igualdade do Concello de Cangas.

“A metade do que sei é de ler e a outra grazas a Asociación A Cepa”
Pili Ferrari
Pili Ferrari naceu no seo dunha familia humilde de Cimadevila
Os primeiros anos da infancia de Pilar Ferrari Parcero (22/03/1955) transcorreron nunha casa de alugueiro en Cimadevila, parroquia de Darbo, cunhas condicións moi precarias onde entre outras cousas non había auga corrente.
A súa familia era moi humilde e se conseguiron saír adiante e non pasaron fame foi grazas aos seus proxenitores, uns traballadores incansables.

A súa nai, Josefa, era ama de casa e para colaborar na economía familiar, se ofrecía para traballar nas fincas das amigas, e o seu pai, Antonio, era un mariñeiro de baixura que debido a súa militancia sindicalista moitas veces tiña problemas para atopar traballo na vila.
Era un home ao que lle gustaba a cultura, tiña a casa chea de libros de literatura clásica, inculcoulle a lectura a súa filla e era un dos poucos mariñeiros que cando chegaba do mar se preocupaba en ir falar cos profesores para interesarse polos progresos dos seus fillos.
Pili estudaba no cole “das monxas” (a Compañía de María de Cangas). Alí asistían as nenas das familias con máis recursos do pobo, como as fillas dos patróns, pero tamén as das máis humildes, as dos mariñeiros, que tiñan que asumir o custo que tiña a educación privada naqueles tempos, unhas 25 pesetas anuais.
O uniforme que tiñan que levar obrigatoriamente as alumnas axudaban a que no día a día non se percibisen esas diferencias sociais pero cando chegaba o “Día da nena María” a cousa cambiaba porque as que tiñan máis recursos asistían a escola coas súas mellores galas.
Para as nenas das familias máis humildes, que non tiñan moita roupa, era un momento incómodo e precisamente por iso a pequena Pili se poñía “enferma” nesas datas para non ir a escola e non ter que sufrir aquel desfile de “princesas”.

Pili Ferrari no centro acompañada dos seus irmáns Toño e José.
O pai de Pili Ferrari decidiu abandonar Cangas para buscar un traballo que lle permitise mellorar a vida da súa familia
Ante a falta de oportunidades de traballo, o pai tomou a difícil decisión de marchar a traballar fóra na busca dun mellor futuro para os seus fillos (Pili, Toño, José e Fernando). Primeiro probou sorte como mariñeiro no País Vasco e máis tarde, xa con 40 anos emigrou a Alemaña onde lograría os cartos necesarios para construír a casa familiar a que se mudarían cando Pili cumpriu os trece anos.
Una par de anos antes, a súa nai, que tamén quería contribuír a mellorar a situación familiar, entrara a traballar en Massó como descontinua (tamén estivera na de Cervera) e como por aquela época era habitual que cando faltaba a nai os fillos pequenos quedaran a cargo das nenas máis maiores, Pili tivo que deixar a escola para encargase do seu irmán Fernando, nome que lle puxera ela mesma, e que por aquel entón tiña 6 meses.
Cando foron comentar o tema na escola, a nai Vázquez Gesto, que era a profesora de Pili, choroulle a súa proxenitora para que non a quitara de estudar porque a pesar de que era bastante revoltosa e a tiña que castigar a miúdo, consideraba que era unha boa estudante. De feito pronunciou unha frase que quedou para sempre marcada na memoria da nena: “estas lágrimas no son vacías: yo me preocupo por la gente que vale“.
Pero a decisión xa estaba tomada e a pequena tivo que cambiar os libros por outros labores impropios da súa idade como ir a praza, facer a comida, ocuparse do fogar ou ir o río a lavar a roupa miúda.
Encargarse da casa e os irmáns requería dos cinco sentidos e aínda así as veces sucedía algún que outro accidente, como nunha ocasión na que estaba facendo a comida e prendeulle lume na cociña de gas.
Daquela eses electrodomésticos levaban na parte traseira unha botella co gas inflamable que en caso de incendio podía explotar. Sendo consciente do que podía pasar pero ignorando o perigo, Pili colleu unha toalla vella, conseguiu alcanzar a botella, envolveuna e tirouna fora da casa. Cando a nai volveu a casa e mirou que a nena queimara as pestanas levou un susto de medo ¡¡¡.

Coa mellora da economía familiar, o pai lle propuxo a nai a posibilidade de que deixase o traballo en Massó para que Pili volvese a escola pero ela non estaba de acordo porque dicía que a prioridade debía ser gañar cartos para rematar a casa. Finalmente optaron por unha solución intermedia e a matricularon nas clases de noite que impartía o mestre D. Camilo “mau mau”.
A pequena estivo asistindo regularmente as súas clases pero pouco antes de que chegase o momento de examinarse no Instituto Santa Irene de Vigo o mestre morreu e Pili quedou sen poder sacar o graduado.
O consolo que lle quedou foi que nos anos seguintes mentres as súas amigas foron entrando a traballar en Massó, ela xa estaba adaptada a levar a casa e coidar dos seus irmáns, o que lle permitía podía organizar o seu tempo sen ter que estar pendente duns horarios coma no traballo que había na fábrica.
A Escola para Adultos que a Xunta de Galicia abriu na Pedra Alta nos anos 90 cambiou a vida de Pili Ferrari
Logo dunha xuventude chea de sacrificios pero tamén de momentos cheos de ledicia e música compartidos cos bos amigos, en xaneiro de 1975 Pili casou con Chani, o amor da súa vida, e con el formou a súa familia. Foron anos nos que Pili dedicouse sobre todo a crianza dos seus fillos, Patricia (1975) e Daniel (1976) e a exercer como ama de casa.
Unha vez criados os fillos, animouse a facer un curso de cantería e ao rematar, unha compañeira animouna para que se anotase na Escola para Adultos que abrira a Xunta de Galicia por aquela época na Pedra Alta para conseguir o título de Graduado Escolar.
A idea de retomar os estudos que non puidera finalizar sendo nena era algo que a motivaba e unha vez comentado o tema na casa, ao ver que a familia a apoiaba matriculouse e aquela escola cambioulle a vida, grazas sobre todo ao bo facer do profesor Fernando Cuñarro.
Como recoñecía no discurso que pronunciou cando foi elixida como Pregoeira das Festas do Cristo 2022, “alí coñecín compañeiros e compañeiras marabillosos, un profesorado entregado ao seu traballo e abríuseme un novo mundo, o mundo da cultura“.

Aquela escola era moi diferente a unha escola convencional porque ademais das clases, se organizaban talleres de pintura, cestería, teares, abelorios ou mecanografía.
Pili afrontou o graduado coma un reto persoal e aínda que seguramente non lle facía falta, no camiño contou co apoio incondicional da súa familia. Os seus fillos, que sempre lle dicían que era como Tejero polo estrita que fora cando eran eles os que estudaban, bromeaban con ela e as veces ata se permitían facerlle bromas dicíndolle “se non aprobas, non vas a praia“.
Logo de dous anos nos que se foi dando conta de que sabía máis do que pensaba, Pili Ferrari sacou o graduado con nota e a súa vida mellorou a través das experiencias relacionadas coa cultura.
Tivo a oportunidade de coñecer en persoa a varios escritores galegos que viñan convidados a aquela escola e grazas as viaxes culturais que organizaban dende o centro coñeceu moitos fermosos lugares da nosa terra.
Todo isto provocou que aquela Pili Ferrari que falaba maioritariamente en castelán, se transformase tras pasar por aquela experiencia formativa porque aprendeu a valorar a nosa lingua e a comezou a empregala con máis asiduidade.
Outra cousa importante que Pili agradecera sempre a Escola para Adultos foi que alí, da man de Vázquez Pintor, meteuse en teatro, algo que non era novo para ela xa que cando era nena, nunha ocasión tivera que interpretar a Cristóbal Colón nunha obra que se fixera na Compañía de María, e dende entón actuar converteuse na súa paixón.

A Asociación Cultural A Cepa, a segunda familia de Pili Ferrari
Dous anos despois de rematar as clases, Fernando Cuñarro, director da Escola de Adultos, suxeriulles a algúns dos seus ex-alumnos a posibilidade de crear unha asociación cultural que organizase obradoiros e actividades culturais e esa idea sería o xerme da A.C. A Cepa, colectivo que xurdiría con forza no ano 1995 presentándose á sociedade canguesa no cine Galaxias grazas a colaboración da Asociación de Mulleres de Moaña.

Pili foi a primeira presidenta da entidade, como di ela “presidenta por bocazas“. Resulta que cando estaban cos trámites de constitución ninguén se postulaba para ocupar o cargo e chegou un momento no que Raúl Cerna, coñecido anos despois por ser a cabeza visible da Asociación Española Contra o Cancro en Cangas, se ofreceu dicindo, “pois serei eu”.
Eran catro homes e o resto todas mulleres entón Pili Ferrari dixo “se a maioría somos mulleres o lóxico sería que fose unha muller, digo eu….” e claro, logo de realizar aquela afirmación de forma tan rotunda, non puido rexeitar a presidencia, un posto que mantería ata os nosos días excepto durante os catro anos nos que se incorporou á política local nas listas do BNG do ano 1999 que encabezaba Clara Millán, unha etapa na que aprendeu moito a pesar de ter que estar na oposición.

A A.C A Cepa botou a andar co inicio dos obradoiros de pintura, encaixe de bolillos, tapicería ou memoria a asociación creceu exponencialmente grazas as numerosas altas de socios e socias.
Botando a vista atrás, Pili recorda que aqueles inicios foron anos dunha intensa actividade cultural na que se realizaron multitude de actividades. Un exemplo eran as “Xornadas sobre a lingua galega“, que duraban 5 días nos que se abarrotaba a Casa da Cultura de Cangas para escoitar e coñecer a moitos escritores e poetas galegos contemporáneos como Carlos Casares, Bernardino Graña …
Pero tamén se iniciaron proxectos moi importantes como a recuperación de fotografías antigas da historia da vila que posteriormente pasarían a formar parte do Arquivo fotográfico de Cangas.
Esas instantáneas foron protagonistas de varias exposicións moi concorridas baixo títulos como “Polos camiños de Cangas” ou “A imaxe do tempo” e serviron de base para a posterior publicación de libros como “As mulleres da conserva“, “As escolas de Cangas“, “Cangas viva 1940-1975“, “Vén cantar a Cangas“, “Mariñeiros de Cangas“ ou diversos monográficos sobre personaxes da vila como Ubaldo Lemos Vaqueiro, Serafín Graña Rúa, Pepe Santos Rodríguez “O Poeta”, Sarah Lorenzana, ou Bernardino Graña Villar, con quen mantiveron unha gran relación de amizade e celebraban cada ano con motivo do seu aniversario cunha comida na Casa Museo A Mangallona de Coiro, impulsada por outra persoa importante cando falamos da cultura e de Cangas como é Camilo Camaño.

Hoxe en día Pili Ferrari é moi coñecida na vila pola súa participación activa na vida social e a súa implicación en moitas iniciativas sociais da vila
Hoxe en día, ademais de exercer como carismática presidenta da gran familia da A.C A Cepa, Pili Ferrari é moi coñecida na vila pola súa participación activa en diferentes eventos como o Entroido de Cangas ou na representación teatral con motivo da Conmemoración histórica “A Defensa da Vila – María Soliña”.

Tamén é unha muller que merece un recoñecemento pola súa implicación en diversas causas sociais como as actividades impulsadas pola Asociación Española contra o cancro.

Queremos dar as grazas a Pili Ferrari por darnos a oportunidade de charlar con ela sobre a súa vida, experiencias e sentimentos e por facilitarnos os datos e fotografías cos que elaboramos este artigo que merecía esta “cangueira”.
Óscar Rodríguez Martínez
Socio fundador de A Illa dos Ratos.
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/02/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/20/10/2020
Un comentario
Pilar ferrari Parcero
Grazas por todo Oscar