A MULLER QUE LEVOU O SABOR DE CANGAS Á HISTORIA DA GASTRONOMÍA GALEGA
Texto elaborado por Lucía Sotelo Nogueira, socia de A Illa dos Ratos, a partir da información e fotografías facilitadas pola A.C. A CEPA, e por Pilar “Morocha”, filla de Pilar “A de Simón”, para a serie “Cangueiras 2026” en colaboración coa Concellaría de Igualdade do Concello de Cangas.

Pilar “A de Simón” foi unha figura importante da hostalaría de Cangas e pioneira da gastronomía galega
Josefa Ana González Martínez (Cangas 27/01/1922 – 06/08/2016), máis coñecida por todos como Pilar “A de Simón”, foi unha das figuras máis importantes da historia da hostalaría en Cangas e unha pioneira da gastronomía galega nun tempo especialmente difícil.
Nunha época marcada pola posguerra, cando a vida estaba chea de limitacións, Pilar soubo transformar o esforzo e o traballo diario nun proxecto que acabaría converténdose nun referente culinario.

A nosa protagonista foi inscrita no rexistro civil como Josefa Ana pero a bautizaron como Pilar
A nosa cangueira de hoxe naceu no seo dunha familia humilde que vivía en San Roque e que estaba formada por Eugenio, mariñeiro, e Ana, ama de casa que dedicou a súa vida a sacar adiante aos seus oito fillos: Tucho, Berto, Eugenio, Sergio, Libaño, Pepita, Gelina e Josefa Ana.
O motivo de que esta última fose máis coñecida como Pilar foi que ao seu padriño non lle gustaba o nome coa que a inscribiran no rexistro civil, e o día do bautizo pediulle o cura que a bautizase como Pilar.
Da venda de marisco en Vigo aos fogóns dun restaurante mítico: a vida dunha muller que fixo da cociña tradición, traballo e identidade
Todo comezou cando a nosa protagonista casou co mariscador Celestino Pintos Rial, coñecido como “Simón” polo seu parecido cun home de Nerga do mesmo nome que traballaba na baleeira de Massó. Con el tivo tres fillos: Pepe, Pilar (Morocha), e Eva, sendo Pepe quen continuaría máis tarde co negocio familiar coincidindo coa xubilación de seu pai.
A vida era dura naqueles tempos e mentres o seu marido traballaba no mar, Pilar encargábase de vender o marisco en Vigo, onde un día, propuxéronlle preparar un xantar para celebrar un acontecemento.
O resultado foi tan bo que comezaron a chegar novos encargos e aquela oportunidade converteuse no primeiro paso dun camiño que acabaría culminando na creación dun restaurante que marcaría época.
Animada por aquela experiencia, Pilar abriu unha pequena casa de comidas en Balea, aínda que continuou madrugando para vender o marisco.
O habitual era que o día anterior pola tarde, sobre as 18h, deixase os sacos coas centolas vivas no peirao da Congorza e pola mañá cedo os recollese para levalos a Vigo.
As veces tamén levaba polbo e luras en tinas co mulido na cabeza ata o barco que facía o traxecto de Cangas a Vigo e unha vez alí se facía cun carro e ía a ribeira a vender.
Aquela rutina non era sinxela de manter, pero pouco a pouco o proxecto da casa de comidas foi medrando e en 1948, Pilar e a súa familia abriron finalmente o restaurante Casa Simón, que co paso do tempo se convertería nun dos establecementos máis prestixiosos da gastronomía galega.
Pilar estaba á fronte dos fogóns, mentres que “Simón”, se encargaba especialmente dos peixes e de cocer os mariscos, dando forma a unha proposta culinaria baseada na calidade do produto do mar e na tradición da cociña galega.
E precisamente para manter a calidade, Simón era quen se encargaba de comprar directamente o marisco aos barcos. As veces aproveitaba os seus contactos para facerse con bos lotes de ameixas e navallas que logo vendía as fábricas de conservas ou aos mellores restaurantes da época como o Mosquito ou o Canario.

Entre o arrecendo do mar e o son das potas na cociña, Pilar converteu Casa Simón nun lugar onde a tradición galega atopou mesa e memoria
Os pratos de Casa Simón fixéronse famosos. Entre eles destacaban especialmente o rodaballo ao forno e o lumbrigante con arroz, un prato do que Pilar foi pioneira, pero tamén tiñan moita sona as vieiras estufadas, as empanadas (de millo, bacallau con pasas ou xoubas), o cabrito ao forno, as xoubiñas guisadas en tarteira de barro ou os mariscos frescos da ría.
A súa cociña tamén recibiu recoñecementos fóra de Galicia, chegando a gañar en Madrid varios premios polas súas empanadas, especialmente as de xoubas e polbo.

Tras a xubilación de Celestino, o seu fillo Pepe Simón incorporouse ao negocio para continuar o legado familiar a carón da súa nai e coa axuda da súa muller Encarna Soliño
Co paso dos anos ampliaron o restaurante e organizaron banquetes e grandes celebracións, mantendo sempre o espírito da casa: unha cociña baseada na tradición, na calidade do produto e tamén na hospitalidade.
As veces os mariñeiros chegaban do mar as cinco da mañá, e Pilar os recibía cunhas copiñas de augardente para quencer o corpo e lles servía algún prato a partir do que lle sobrara do día anterior.
Con Pilar na cociña, Casa Simón foi testemuña de homenaxes, visitas de personaxes ilustres como por exemplo Julio Iglesias co seu grande amigo Pepe Domingo Castaño, Anthony Quinn, Romina y Albano ou Adolfo Suárez e moitos dos seus ministros da UCD; e comidas multitudinarias, como cando Citroën presentaba no local os novos modelos con máis de 200 convidados/as. Tamén participaban en eventos que importantes empresas organizaban en Madrid e Barcelona.
Pero máis alá da sona do restaurante, Pilar é lembrada por quen a coñeceu como unha muller sinxela, familiar e moi querida, que trataba a todo o mundo por igual.
Cando eran as Festas de San Roque e pasaban os gaiteiros polo restaurante, ela tiña a costume de abandonar temporalmente a cociña e saír a cantar e bailar con eles, e así o fixo ata que faleceu o seu fillo.
Segundo lembra a súa filla Pilar “Morocha”, na cociña contou sempre coa axuda de toda a súa familia… o tío Sergio, a tía Cecilia ou a tía Gelina, que as veces marchaba a Noruega co seu marido. Pero se alguén tivo un papel destacado axudando na elaboración dos pratos foi Eva, a filla de Pilar, que traballaba con ela e formaba parte do día a día do establecemento.

Casa Simón chegou a situar Cangas no mapa da alta hostalaría galega, e boa parte dese mérito débese ao carácter, á capacidade de traballo e á visión de Pilar. Cociñeira incansable e auténtico “todo terreo” da cociña, soubo converter unha pequena iniciativa familiar nun símbolo da gastronomía da vila.
A súa cociña fixo historia e o seu legado segue vivo, cada día, entre os fogóns de Casa Simón
Pilar faleceu en agosto de 2016 e aínda que nos seus últimos anos a súa saúde xa non lle permitía compartir o día a día do restaurante coa familia, acudía de vez en cando acompañada pola súa coidadora e recibía o cariño da veciñanza e dos comensais.
Hoxe o seu legado continúa vivo a través das súas netas, Ana e Marta, que manteñen o restaurante e a memoria dunha muller que fixo da súa cociña unha referencia para Galicia.
Porque en Casa Simón non só se servían pratos: tamén se cociñaba, a lume lento, unha parte da historia de Cangas.

Lucia Sotelo Nogueira
Socia fundadora da Asociación A Illa dos Ratos.
Licenciada en Ciencias do Mar pola Universidade de Vigo.
Educadora ambiental.
-
Lucia Sotelo Nogueira#molongui-disabled-link
Deixa a túa resposta