O XOGO DE MESA QUE NACEU DUNHA “IDEA DE MERDA”

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio fundador de A Illa dos Ratos, empregando fotografías e contidos obtidos a partir das conversas mantidas con Rubén Cembellín, creador do Perfect!

“Un xogo de mesa interactivo, no que todos participan todo o tempo e no que podes rir xogando e lendo, xa que cada carta ten ademais un chiste e nela aparece unha simpática e curiosa personaxe”

Rubén Cembellín Cordeiro

Rubén Cembellín Cordeiro (Pontevedra, 1979) é o creador de Perfect!, un xogo de merda”, un xogo de mesa que ven de converterse no xogo do momento no Morrazo. Neste artigo coñeceremos ao seu autor e a curiosa forma na que se lle ocorreu a idea que daría orixe a este divertido xogo que está pensado para pasalo ben en familia ou cos amigos.

O creador de “Perfect!, un xogo de merda” ten raíces en Cangas, pero ata os 16 anos vivía cos seus pais en Madrid

Aínda que naceu en Pontevedra, o certo é que por circunstancias da vida, Rubén Cembellín Cordeiro pasou a súa infancia e adolescencia en Madrid. Sempre levou con orgullo a súa orixe galega e esa “morriña da terra” a paliaba cada verán vindo cos seus pais a Cangas para pasar as vacacións cos membros da súa familia que seguían residindo aquí, algo que tempo máis tarde sería determinante para que se mudase a nosa vila con 16 anos.

Segundo nos contou, Rubén nunca foi moi afeccionado aos xogos de mesa senón que como a maioría dos nenos dos anos 80 e 90, pasaba gran parte do seu tempo na rúa xogando ao fútbol, nos recreativos ou na casa xogando no ordenador ou coa súa Mega Drive.

Ata 2018 non comezou a probar cos amigos xogos como o Catán ou o Sushi Go e o feito desa afección nacese de maneira tardía e que non tivese cultura de xogos de mesa, encheron de frescura a súa creación, o Perfect!

A idea de crear algún contido relacionado coas cacas xurdiu pola gran cantidade de deposicións de can que Rubén se atopaba pola rúa

¿No vos pasou algunha vez que paseando polas nosas rúas pisastes unha caca de can? Pois este feito tan cotián foi o que inspirou a Rubén, unha persoa con moita imaxinación, inquietudes e á que sempre lle encantou facer xogos de palabras.

Comezou a fixarse máis detidamente nas feces de can que se atopaba, lles sacaba fotos, logo analizaba as súas formas e texturas para buscarlle un sentido e finalmente se inventaba unha historia. 

Un día atopaba unha caca con forma de interrogación e se lle ocorría “o dono deste can ten que ser un filósofo“; outro día a forma recordaba á dun xeado de máquina e pensaba “o dono deste can seguro que era pasteleiro“…

PERFECT ¡ UN JUEGO DE MIERDA

Pouco a pouco descubriu que o tema podía resultar moi divertido, así que comezou a anotar as ideas que se lle ían ocorrendo e tras varios meses acabou creando unha mini-guía con razas de can inventadas a imaxe e semellanza deses supostos donos que imaxinaba segundo as deposicións atopadas.

Un accidente laboral fixo que Rubén tivese tempo para desenvolver a idea de crear un xogo de mesa

Moitos anos antes do nacemento do xogo, Rubén estivo traballando como deseñador gráfico en Exclusivas Iglesias, unha das empresas máis importantes do Morrazo.

Cando o seu posto de traballo foi suprimido, quedou na empresa durante 17 anos exercendo funcións de mozo de almacén, ata que sufriu un accidente laboral que lle danou unha man.

Foi mentres estaba convalecente cando na súa cabeza comenzaron a tomar forma as primeiras ocorrencias que finalmente darían lugar ao Perfect!

Nunha noite de inspiración comezou a pensar en posibles personaxes con forma de caca cos seus respectivos nomes e historias. Entre outras ocorréronselle algunhas como “Caca Chernóbil” (aquela que cheira moi mal e que representou cunha máscara de gas) ou “Cacain Bolt” (a que sae moi rápido) e incluso foi máis aló e pensou en accións que poderían realizar esas personaxes.

PERFECT! UN JUEGO DE MIERDA
Algunhas das cartas do xogo nas que podemos apreciar o enxeño nos nomes das personaxes, a frescura dos seus deseños e a descrición das accións que fan tan divertido o xogo.

foi cando se lle ocorreu a idea de crear un xogo de mesa que incluíse diferentes cartas nas que as personaxes fosen tipos de cacas e que cada un deles levase aparellada unha acción.

O primeiro que fixo foi buscar como establecer unha relación entre o nome de cada personaxe, o seu deseño e a acción que se lle podía asociar. Pensou que os ataques poderían realizarse coas cartas de cacas e que para defenderse poderían empregarse outras nas que aparecesen representados algúns dos elementos que normalmente podemos encontrarnos nun cuarto de baño como unha escobilla, un rolo de papel hixiénico ou un desatascador. 

O xogo tivo un proceso de maduración de dous anos e medio nos que se foron testando diferentes personaxes, accións e dinámicas

A idea foi tomando forma pouco a pouco durante os dous anos e medio nos que Rubén estivo madurando o xogo e foron sucedéndose múltiples cambios que afectaron a súa dinámica.

PERFECT¡ UN JUEGO DE MIERDA
O creador do xogo, Rubén Cembellín posando con dúas participantes dunha das partidas coas que foi madurando o xogo.
 
Por exemplo, as persoas que son afeccionadas ao Perfect! probablemente non saben que o primeiro prototipo do xogo chamábase Oh Shit! (Oh Merda!), emulando a frase que calquera de nós diría tras pisar unha caca de can.
 
Nesa primeira versión, as cartas con accións de ataque eran cacas humanas e a xogada gañadora era ter no teu poder a túa zapatilla favorita, unha caca de can e o trevo da sorte.
 
Foi por mor dunha crítica sobre a desconexión conceptual que supoñía que a xogada gañadora se fixese pisando caca de can cando as cartas de ataque eran cacas humanas, cando Rubén decidiu que era mellor contextualizar todo o xogo nun cuarto de baño e cambiou as cartas de zapatillas por cartas de cus.
 
Foi un longo proceso de ensaio e erro, utilizando varios centos de cartas diferentes para probar que tal se xogaba con elas nas cafeterías cos amigos, modificando deseños e accións, xogando de novo con máis xente e mesmo asistindo a algunhas feiras moi importantes de xogos de mesa como a FIJMC (Feira Internacional de Xogos de Mesa de Córboba) ou o LES (Leigo Ergo Sum en Madrid).
 
PERFECT ¡ UN JUEGO DE MIERDA
 
Para asistir a eses eventos con algo máis elaborado, Rubén fabricou unhas cartas prototipo empregando unhas imaxes da internet e presentounas nunha caixa 3D deseñada polo seu irmán Iván.
 
Este traballo previo deu unha aparencia máis profesional ao xogo fronte á doutros participantes que asistiron con propostas que incluían cartas en papel de folio, debuxadas a man e metidas nunha simple funda de plástico.
 
PERFECT ¡ UN JUEGO DE MIERDA
Caixa 3D na que se presentaba o prototipo do Perfect!
 
O xogo tivo moi boa acollida nas feiras e a xente do sector coa que tiveron oportunidade de falar animáronlles a lanzalo porque lle vían moito potencial. De feito, autores doutros xogos que coñeceron o proxecto de Rubén foron moi amables con el e lonxe de ver o Perfect! como competencia, ofrecéronse a orientalo nos seguintes pasos que debía seguir se quería sacar o xogo ao mercado.

A experiencia nas feiras de xogos de mesa resultou tan satisfactoria que Rubén decidiu dar o paso definitivo e comezou a realizar el mesmo as ilustracións

A lesión sufrida na súa boneca, da que aínda sofre secuelas, provocou que finalmente fose despedido e iso fíxolle reformularse o seu modo de vida e emprender creando a súa propia empresa xunto á súa parella.

Así naceu Pink Souba Sociedade Cooperativa Galega que ten dúas liñas de traballo principais:

  • Studio Creativo Gráfico, con funcións de deseño gráfico, creación de xogos de mesa e distribución.
  • Pink Souba Clothing, dedicada ao deseño e confección de roupa única, urban e estilo propio baixo o lema “Rías Baixas Style”, con camisetas e suadoiros homenaxe ás Illas Cíes, o Morrazo e Galicia en xeral, confeccionando en Cangas as súas propias pezas e apoiando tamén o comercio local.
 
Unha vez posta en marcha a empresa, Rubén comezou coa fabricación do xogo, e o fixo mediante autoedición, é dicir, creado ao 100% por el, tanto idea orixinal, como mecánica, narrativa, ilustración, deseño gráfico e maquetación.
 
O resultado foi un xogo orixinal, financiado cos seus propios medios e fabricado 100% en Galicia, asumindo o aumento de custo de produción fronte a outros países como China ou Polonia, apostando por un produto nacional, fomentando a industria galega e o crecemento do sector de xogos de mesa en Galicia.
 
Esa primeira versión xa contaba con 108 cartas entre as que había catalogadas 43 tipos de cacas humanas, 9 tipos de cus e máis de 50 accións posibles. Para distribuílo, el mesmo encargouse de percorrer librerías, xogueterías e tendas de cómic do Morrazo e para promocionalo enviou o xogo a varios influencers importantes e lanzouse a organizar charlas e partidas en colexios e institutos, para que os seus potenciais consumidores coñecesen de primeira man a dinámica do xogo.
 
 
Tamén participou en eventos como a Cómic Con de Moaña, Ghallufadas en Bueu ou o Lérez Up en Pontevedra e organizou partidas en locais como o Ghato do Mar, a Tapería O Laño ou o Carlete.
 
E todo ese esforzo deu os seus froitos porque en menos de 6 meses conseguiu vender 1.200 unidades. Aos poucos o xogo foi dándose a coñecer e tendo repercusión mediática en medios escritos como o Faro de Vigo, La Voz de Galicia ou  Atlántico Diario e mesmo noutros medios como a TVG (programa Quen anda aí?) ou varias cadeas de radio.
 

O futuro a curto prazo pasa por continuar coa distribución e promoción a nivel de toda Galicia antes de dar o salto a nivel nacional, a outros países da UE e mesmo a Latinoamérica e/ou traducilo para que sexa distribuído noutros países como EE.UU. ou China, quen sabe se a través dalgunha das empresas punteiras do sector.
 
 
Queremos dar as grazas a Rubén Cembellín polas facilidades que nos deu á hora de escribir este artigo. Sempre é agradable coñecer a persoas emprendedoras do noso pobo que poñen a Cangas no mapa a través das súas creacións, aínda que neste caso sexa grazas a “un xogo de merda” que vos convidamos a coñecer.
 

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.