UN HOME ADICADO A CANGAS E AS SÚAS XENTES.

Texto elaborado por Sara Ruth Pombal Lagoa. Socia de A Illa dos Ratos.

“A nosa vila navega

polo Señal e o Costal

vive ríe soña e canta

porque ten que madrugar”.

(Xullo, 1998)

Un 6 de xuño de 1918, ano no que remata a Primeira Guerra Mundial, a vila mariñeira de Cangas, da a benvida a Xosé Santos Rodríguez, coñecido máis adiante coma Pepe O Poeta.

Dende cativo Pepe tivo mestres entrañables dos cales aprendeu moitos os valores que despois poría en práctica, como Xosé Monge, Pepe Azpeitia na Fonte do Galo ou o mestre do Pósito de mariñeiros Felipe Carnicer. Este último, impulsou a creación da escola elemental de pesca en Cangas, sendo o primeiro centro educativo de pesca de Galicia e de España.

Todas estas escolas foron lugares importantes para el. Pero foi na Escola de Noite de Manuel Mosquera “Barbicas”, onde descobre a súa paixón pola poesía. Hoxe en día esta ‘escola’ rehabilitouse, e é un dos elementos arquitectónicos patrimoniais máis importantes de Cangas.

A Pepe sempre o describen como unha persoa moi vivaz e con ganas de facer moitas cousas. Organizaba excursións ao monte, fundou varios equipos de fútbol nos anos 40 (‘Juventud’, ‘Justicia’ e ‘Pentalfa’). Ademais foi conserxe do centro recreativo da Casa da Bola, onde aprendeu a xogar ao billar.

Como vemos Pepe era un home moi versátil. Quería facerse músico e tocar o violín, foi barbeiro e boticario. Abriu o seu propio negocio “Ferretería Pepe”, na rúa Valentín Losada. Era moi bo vendedor, sempre ía acompañado dun sorriso e daba consellos a todos os seus clientes. Ademais, sempre tiña a man un poema para ler a quen quixera escoitar.

Pepe “O poeta” estivo na infantería de mariña durante a guerra civil

Pero na súa vida non todo foi desfrutar e pasalo ben. Nos anos 40, coa Guerra Civil de por medio, Pepe tivo que servir na infantería de Mariña. Tocoulle enrolarse no barco “Mar Negro” con base en Mallorca, e no barco minador chamado “Neptuno”, en Cádiz.

Todo isto trouxo algo bo consigo. Pepe aínda non o sabía pero a súa historia de amor estaba a piques de comezar. Alí en Cádiz coñeceu unha rapaza do conservatorio de música Falla, Aurora Ros Ayera. Escríbense cartas durante 15 anos pero, sen saber por que, deixan de facelo.

Anos despois, houbo unha explosión nunha polvoreira de Cádiz, e isto foi a chispa que Pepe necesitou para escribir a Aurora e volver a visitala. E como non podía ser doutra maneira, no ano 1955 casan na igrexa de San Antonio, alí en Cádiz.

Pero para chegar a este punto pasan moitas cousas de por medio. Ao rematar a guerra, Pepe volveu á súa querida Cangas. Pasaba os domingos visitando enfermos e persoas necesitadas, ás veces, co seu bo amigo e tamén escritor Bernardino Graña.

E como non podía ser doutra maneira, Juan Illanes, coadxutor da parroquia de Cangas, noméao ‘vogal de caridade’ do grupo Acción Católica no 42. Pepe sempre tiña algo que facer, non podía estar parado. Así, organizaba rifas e actuacións para a recadación de fondos para as persoas máis humildes. Incluso foi presidente da xunta parroquial da Acción Católica, de Cáritas e da sección da Adoración Nocturna de Cangas.

Pepe, era un home moi dinámico, culto, xeneroso, gustáballe moito facer deporte, estar cos seus amigos e veciños. Era moi solidario, así algúns veciños dicían que era como un apóstolo moderno, xa que sempre axudaba en todo o que estivera na súa man, como por exemplo a cubrir papelame, encher instancias, solicitar praza dos rapaces orfos en diferentes colexios ou a ingresar enfermos en sanatorios.

Como vedes, sempre estivo preocupado polas persoas máis necesitadas, e contaba co apoio de Blas Pérez González, daquela ministro de Gobernación. Os veciños de Cangas incluso contan que grazas a Pepe e o seu labor persoal, desapareceu a “peste branca” (tuberculose) da comarca.

Toda a súa personalidade afable aprendeuna da súa nai e reflíctese nos seus poemas. Era gran admirador de Shakespeare, San Juan de la Cruz e Rosalía de Castro.

Como mostran os seus actos, vive dedicado a Cangas e ás súas xentes. E así o coro dos Pepes e as Pepitas, dirixidos por Tucho Perete dende 1992, visítano un 19 de marzo para celebrar a súa onomástica e agradecerlle todo o que fixo pola vila de Cangas. 

Á súa vez, no ano 1997 o alcalde da vila, Euloxio López, convidouno a ler o pregón das Festas do Cristo. El, encantado, preparou algúns versos para agasallar a todo o mundo.

Xa no 2007, un triste día de febreiro, a súa familia e a vila de Cangas tiveron que dicirlle adeus, aos 88 anos de idade. Faleceu deixando atrás un gran legado, que podemos ver reflectido no libro que recompila algún dos seus poemas publicado pola Asociación A CEPA: “Veleiro de Soños”.

E como non podía ser doutra forma, a vila de Cangas dedicoulle parte do paseo marítimo, chamado hoxe en día “paseo de Pepe Poeta”, preto da praia de Rodeira.

“Marchou o entrañable amigo

máis ben marchou un irmán

no mesmo mes que Cunqueiro

nos deixou en soedá”

(Cangas, 1994) 

Sara Ruth Pombal Lagoa
+ artigos

Socia de A Illa dos Ratos

6 comentarios

  1. Os libros da A.C. A CEPA » A Illa dos Ratos

    […] despois a edición de libros sobre os poetas populares máis sobranceiros da vila: Xosé Santos (Pepe Poeta), Serafín Graña e Cecilio […]

  2. Cangas en la literatura » A Illa dos Ratos

    […] con Serafín Graña en la capilla del Hospital rodeados de chingolos y paseamos por Rodeira con Pepe Poeta aprovechando el buen tiempo para tomar unas sardinas que «xa pingan no pan». Un pan que es el […]

  3. Os libros de A CEPA » A Illa dos Ratos

    […] despois a edición de libros sobre os poetas populares máis sobranceiros da vila: Xosé Santos (Pepe Poeta), Serafín Graña e Cecilio […]

  4. Cangas na literatura » A Illa dos Ratos

    […] con Serafín Graña na capela do Hospital rodeados de chingolos e paseamos por Rodeira con Pepe Poeta aproveitando o bo tempo para tomar unhas sardiñas que xa pingan no pan. Un pan que é o cerne da […]

  5. Asociación Cultural A Cepa » A Illa dos Ratos

    […] dedicadas á muller, xornadas á lingua e homenaxes e actos a escritores, Bernardino Graña, Pepe poeta, Serafín, Cecilio Rial, Manuel María, Rosalía de Castro, cursos de iniciación e […]

  6. Serafín Graña Rúa, moito máis que un poeta popular e carteirista » A Illa dos Ratos

    […] para improvisar versos sobre calquera tema, circunstancia ou acontecemento. En palabras de Pepe Poeta, outra persoa relevante na historia da cultura canguesa, “Serafín, o das coplas, compón […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.