AVOGADO DE PROFESIÓN, CANGUÉS E COMUNISTA DE CORAZÓN

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio da Asociación A Illa dos Ratos, a partir da información facilitada por José María Rial Chapela, sobriño de Chimé. Fotografías cedidas polo arquivo fotográfico da A.C. A Cepa.

Pepe Chimé, un neno da ribeira de Cangas que chegou a exercer a avogacía en Madrid sen esquecer as súas orixes 

José Chapela González (Pepe Chimé), naceu en Cangas o 14 de maio de 1944. Era o maior de catro irmáns do matrimonio formado por Antonio, patrón de pesca, e Mercedes, unha comerciante da vila, que comezou vendendo tecidos nos mercados e que máis tarde rexentaría un coñecido comercio na rúa Real, coñecido como a de Merceditas.

PEPE CHIMÉ
Pepe Chimé coa súa irmá (1952).

A súa infancia transcorreu naquela Cangas da época, moi diferente á actual, na que os xogos e as relacións sociais se daban nas rúas. Aínda que Pepe non tivo que ir ao mar como algún dos seus amigos, si que tiña que botar unha man cando o seu pai chegaba das mareas ao peirao de Cangas ou cando a súa nai tiña que montar as tarimas do seu posto os días de mercado.

Foi un alumno aplicado nos estudos, que realizou na Compañía de María de Cangas e os colexios Mezquita e Alba en Vigo, pero como non todo ían ser os libros, adicou parte do seu tempo aos seus deportes favoritos de xuventude, sendo un dos pioneiros do balonmán en Cangas, e un bo xogador de fútbol, no que era coñecido co alcume de Zarrita.

PEPE CHIMÉ
Chimé, primeiro pola dereita na fila de arriba, co equipo de balonmán no campo do aterrado.

Comezou a exercer como avogado en Madrid e alí entrou en contacto con membros do Partido Comunista de España que aínda estaba na clandestinidade

Trasladouse a Salamanca a mediados dos 60 para cursar a carreira de Dereito, formación que remataría na Universidade de Santiago. Unha vez tivo o título baixo o brazo, trasladouse a vivir a Madrid coa idea de preparar unhas oposición de inspector de facenda pero alí coñeceu a unha das persoas que marcou a súa vida, Ángel Nóvoa Rivas, un avogado ourensán que tiña un bufete na capital e que necesitaba un pasante nese momento. Alí comezou a exercer como profesional, e polo seu bo facer, en moi pouco tempo pasou de ser o pupilo do xefe a converterse no seu socio.

Foi nesta etapa en Madrid cando Pepe Chimé entrou en contacto co Partido Comunista de España, daquela ilegal, e no que militaría boa parte da súa vida. Eran os tempos da ditadura franquista e Pepe participaba activamente na difusión e reparto de propaganda, incluso colándose no Santiago Bernabeu para repartila entre a xente que estaba vendo o partido nas gradas. Este tipo de accións lle custaron máis dun susto, incluída algunha carreira escapando da temida policía social da época.

A finais dos 70, comezou a súa andaina na política local encabezando a candidatura do PCE nas primeiras eleccións municipais da democracia, e foi elixido alcalde

En abril de 1979 tiveron lugar as primeiras elección democráticas aos concellos. Chimé, animado polo seu irmán Suso, presentouse como cabeza de lista do PC en Cangas. A súa candidatura tivo un gran apoio e conseguiu ser a segunda forza máis votada con case 1.800 votos e cinco concelleiros que permitiron que, co apoio dos demais grupos de esquerda e nacionalistas (mediante o pacto co PSOE, BN-PG e UG), fose elixido Alcalde de Cangas.

En Cangas estaba o único alcalde comunista de toda Galicia e era Pepe Chimé, un home que tiña un carácter cordial e aberto, que era moi ameno falando e sempre estaba disposto a escoitar as necesidades dos veciños, e a dar a cara para defendelas. Quizais por iso, e porque se sentía moi orgulloso de ser de Cangas, contaba co apoio e co respecto da xente de todas as ideoloxías e coa admiración dos seus compañeiros de corporación que o vían como un gran líder.

Non foi un mandato doado polas dificultades que tiña para compaxinar as obrigas da alcaldía co seu despacho de avogados en Madrid, pero a pesar de iso esforzouse moito por realizar unha boa xestión dun Concello que naquela época contaba con escasos medios para atender as moitas necesidades e demandas dos veciños.

Para facer as cousas máis operativas, quen levaba a xestión do día a día sobre o terreo era o tenente de alcalde Tucho Perete, o seu compañeiro inseparable e man dereita, pero cando había pleno, que se celebraba os xoves, Pepe collía o seu chamativo Seat 1430 amarelo, e logo dunha longa viaxe por esas estradas da época, se plantaba en Cangas para exercer as súas funcións como alcalde en persoa.

PEPE CHIMÉ
Pepe Chimé presidindo un pleno do Concello (1980).

Antes de rematar a lexislatura marchouse a vivir por amor a Puerto Rico pero non se adaptou alí, separouse e regresou a Cangas para exercer de avogado, na que sería unha das súas mellores etapas como profesional

No ano 1982, logo de tres anos cheos de alegrías pero tamén de momentos complicados cos que tivo que lidar, as circunstancias da vida o levaron a ter que deixar o bastón de mando antes de concluír o mandato de catro anos para o que fora elixido. Íase marchar a Porto Rico por amor, pero antes deixoulle unha das súas frases míticas a un compañeiro de partido: “Eu crin que podíamos cambiar o mundo, pero logo me din conta de que non, así que terei que conformarme con que o mundo non me cambie a min”.

A historia de amor que o levou a Puerto Rico, lamentablemente non tivo un final feliz. Chegou a casarse coa muller que amaba, Carmen Rivera, pero non se adaptou a vida alí e non tardou moito en separarse e regresar á vila.

Unha vez en Cangas retomou a súa carreira na avogacía dende un despacho que xa montara en Cangas cando exercía en Madrid. Nesa oficina situada na Rúa Cega número 17 de Cangas traballaba a diario o seu irmán Paco, que na súa ausencia se encargaba de atender aos clientes e de recompilar a información necesaria para que Pepe preparase os casos antes de representalos nas correspondentes vistas xudiciais.

Era unha época na que había poucos avogados na vila, pero a xente non acudía a Pepe por iso senón porque sabían da súa valía como letrado. A súa fama era tal que incluso viña xente de toda a xeografía galega con casos que parecían perdidos para que Chimé buscase algún tipo de resquicio legal para gañar a preito.

Nesta etapa levou sobre todo casos de dereito civil e penal e neles volveu a demostrar a súa gran valía profesional e unha gran empatía cos seus clientes.

Cando sabía que os seus representados tiñan dificultades para pagar as minutas, non so se ofrecía a eximilos do pago senón que tamén se prestaba a axudarlles con cartos do seu peto ou empregando os seus contactos para buscarlles un traballo.

Amaba a súa profesión, e a exercía cun estilo propio inimitable, moi valente e resolutivo, profundamente carismático chegando a ser provocador co xuíz ou o fiscal se as circunstancias o precisaban ou empregando noutros casos o seu característico sentido do humor.

Precisamente para achegarnos a esta faceta da súa personalidade, poderiamos falar da súa participación na mítica comparsa da vila “Os mariñeiros”, pero por sorte tamén temos coñecemento dalgunhas boas anécdotas que vamos a deixar aquí recollidas.

Cando o meteron no hospital por urxencias pensando que era un paciente

Nunha ocasión, estaban xogando un partido no Keniata de Cangas e un compañeiro do seu equipo rompeu un dedo. Chimé acompañouno ata a residencia a Vigo cando estaba esperando a ver que lle dicían ao lesionado tivo a ocorrencia de sentarse nunha cadeira de rodas que había na entrada e acender un cigarro.

Ao pouco tempo, un celador achegouse por detrás e o meteu a toda presa para dentro do centro hospitalario. Chimé podería ter dito algo, pero decidiu ver como acababa a viaxe. Cando chegaron ante o médico de garda e lle preguntou que lle pasaba, contestoulle “A min non me pasa nada, estaba fumando fora e me trouxeron para aquí” desatando as risas do doutor.

Cando o parou a garda civil e tivo a ousadía de replicarlle con sorna ao axente

Noutra ocasión, a principios dos anos 80, nunha das viaxes que facía habitualmente de Cangas a Madrid no seu 1430 amarelo a Garda Civil deulle o alto e lle dixeron “Lleva usted una luz fundida, y no me diga que se le acaba de fundir ahora…”. Chimé que era bastante despistado puxo unha mirada de pícaro e tocándose o bigote respostoulle: “Yo de momento aún no he abierto la boca”.

O Garda Civil puxo a súa atención no interior do vehículo e deuse conta de que faltaba o retrovisor e preguntoulle “Y el retrovisor donde está?” e aí Chimé tirou de sarcasmo e respostoulle mentres o recollía do chan: “Aquí, es que se acaba de caer”.

Era o principio da democracia e a broma podía ter acabado mal para o noso protagonista, pero finalmente apareceu o outro compañeiro do Garda Civil e a historia rematou entre risas na antiga peaxe de Rande, co garda explicándolle a Chimé un problema que tiña cunha servidume de paso e este resolvéndolle as súas dúbidas.

A finais dos anos 80 empezou a visitar asiduamente a illa de Cuba, un lugar que marcaría a súa vida para sempre, converténdose noutra das súas paixóns

Pepe Chimé viaxou por primeira vez a Cuba a finais dos anos 80 do século pasado. Era unha viaxe de pracer pero unha vez alí namorouse daquel país e nos anos seguintes organizaba a súa axenda para poder pasar períodos de tres semanas na illa, a pesar das 9 horas de viaxe que iso supoñía.

Entrou en contacto con persoas importantes do goberno e fixo amizade con Jorge ”Papito” Serguera, antigo heroe da Revolución cubana, outra das persoas que o marcou nos derradeiros anos da súa vida.

PEPE CHIMÉ
Fotografía tomada na Habana en 2002 e publicada no Faro de Vigo no 2016 acompañando a noticia do falecemento de Chimé, na que este aparecía xogando ao xadrez co seu gran amigo Jorge Serguera “Papito”, exfiscal xeral do Estado de Cuba e exembaixador castrista en Arxelia.

En cada visita combinada ocio con labores profesionais, actuando como conselleiro de maneira informal co goberno cubano e colaborando como redactor no diario Granma, pero tamén tivo tempo para facer vida social e de gañarse o cariño e o respecto da xente máis humilde. José María Rial, sobriño de Pepe é coñecedor de moitas anécdotas que tiveron a Pepe como protagonista:

  • Nas súas estancias na illa, era habitual ver a Pepe no “Parisien”, o cabaret do Hotel Nacional de Cuba no Malecón. O establecemento tiña numeradas as mesas por números pero á mesa onde se sentaba sempre lle chamaban a “cama 1” porque era habitual que Pepe, que adicaba as horas da noite a ler e estudar, se quedara durmido no segundo show e volvese en sí tras algúns minutos de desconexión.
  • Cando chegaba alí, era unha alegría para todos porque era unha persoa que sempre axudaba aos máis necesitados. Ten feito a viaxe cargado de medicamentos porque alí, a pesar de contar con grandes profesionais da medicina, non contaban cos medios para tratar as enfermidades.
  • Os empregados do hotel sabían da súa xenerosidade nas propinas e había quen cambiaba a quenda de traballo para cadrar con él, como era o caso do amable aparcacoches que cando o recoñecía se poñía a súa enteira disposición.
  • Nunha ocasión na que tío e sobriño coincidiron uns días en Cuba, estiveron unha tarde enteira sentados na mesa do Hotel Nacional compartindo cun trío musical cubano e dando renda solta a paixón que Chimé sentía polas súas cancións tradicionais.

Por todo isto podemos afirmar rotundamente que Cuba foi outra das súas paixóns. Ademais dunha filla, Chanel de las Mercedes, nacida en 2005, non son poucos os amigos que alí deixou, e que, recoñecen as axudas de Chapela, xa que era así como o coñecían.

Un deles contaba, a raíz do seu pasamento, que na última viaxe chamouno e pediulle que o levara por todos os lugares que marcaron a súa vida na Habana como a oficina que creara a finais dos anos 80 para canalizar unha actividade de intermediación cos armadores de Cangas que chamara HIALSA (Hío Aldán S.A), ou unha casa colonial na zona da Quinta Avenida da Habana onde residira durante un tempo e que contaba cun patio interior onde tiveran lugar interminables reunións con autoridades destacadas do goberno cubano. Tanto Pepe coma o seu amigo, tiñan moi claro que era unha despedida, e que non ía volver máis.

Pepe Chimé faleceu en 2016 deixando outra das súas frases para a posteridade: “O meu reino xa non é deste mundo”

O exercicio da avogacía foi unha paixón para el, e entregouse a ela incluso nos seus últimos anos de vida.

Xa con problemas de saúde, dicía que para estar aquí mermado, mellor non estar”, así que viviu ata os seus último días gozando das súas amistades e das pequenas cousas que o facían feliz como a lectura, unha verdadeira paixón para Chimé, as partidas de xadrez e dominó que xogaba practicamente a diario no antigo Marina e posteriormente no Club de Xubilados, e o tabaco, isto último a pesar dun by pass e dos consellos do seu cardiólogo para que abandonase ese hábito.

PEPE CHIMÉ
Pepe Chimé nos xulgados de Vigo.

A súa despedida foi moi sentida e especial. O día do seu enterro, a pesar de que o párroco advertira aos familiares que se negaba a que na igrexa entrara a bandeira do partido comunista, finalmente ese símbolo tan importante para Chimé estivo con él no momento da súa despedida.

Tras unha emotiva ceremonia, á saída do féretro un trío musical cubano cantou unha adaptación da canción “Todas las mañanitas”, unha canción que Chimé cantaba coa súa nai e que lle gustaba dende pequeno.

Deste xeito despediuse deste mundo Chimé, un home moi apreciado alí por onde pasou, bondadoso e cun sentido do humor que empregou ata os últimos momentos da súa vida cando resignado, sabendo que non era moito o tempo que lle quedaba, pronunciou a frase “O meu reino xa non é deste mundo”.

Queremos agradecer a José María Rial, sobriño de Pepe, a súa colaboración na elaboración deste artigo. Dende un ano despois do seu falecemento, a rúa que o viu crecer xa leva o seu nome, pero criamos que a vida deste gran home ben merecía ser recordada pola pegada que deixou no corazón de todos os que tiveron a honra de coñecelo e tamén polo amor e orgullo que sempre mostrou pola súa vila, Cangas. 

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

3 comentarios

  1. Suso Caramuxo, historia viva de Cangas (IV) » A Illa dos Ratos

    […] barco fueron recibidos por el Tucho «Perete» que hacía de alcalde accidental debido a que  Pepe «Chimé» estaba de viaje, y también por algunos de sus familiares que habían habían sido advertidos […]

  2. Suso Caramuxo, historia viva de Cangas (IV) » A Illa dos Ratos

    […] foron recibidos por Tucho “Perete” que exercía como alcalde accidental debido a que Pepe “Chimé” estaba de viaxe, e tamén por algúns dos seus familiares que foran previamente avisados (membros […]

  3. Pilar López Riera

    Moi interesante, gustaría e conocer as rutas do mes de Xunio

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.