CANDO OS NAVÍOS DE LIÑA SE CONVERTIRON NOS ÚLTIMOS BUQUES DE GUERRA A VELA

Texto elaborado por David Vidal, Guía no Museo Massó de Bueu.

[…] Preparado ya todo lo concerniente al servicio de piezas y lo relativo a maniobras, oí que dijeron:
«La arena, extender la arena».

[…] Pasando de mano en mano, subieron de la bodega multitud de sacos, y mi sorpresa fue grande cuando vi que los vaciaban sobre la cubierta, sobre el alcázar y castillos, extendiendo la arena hasta cubrir toda la superficie de los tablones. Lo mismo hicieron en los entrepuentes. Por satisfacer mi curiosidad, pregunté al grumete que tenía al lado.

«Es para la sangre -me contestó con indiferencia.
¡Para la sangre!» repetí yo sin poder reprimir un estremecimiento de terror.

Benito Pérez Galdós
Trafalgar (1873)

A Batalla de Trafalgar foi a fin da era dos navíos de liña e o comezo da dos buques propulsados por vapor

A Batalla de Trafalgar foi un punto de inflexión, o cambio dunha era onde os navíos de liña pasan a ser os últimos buques de guerra a vela, emblemas das batallas navais da Idade Moderna durante aproximadamente dous séculos, entre mediados-finais do XVII e mediados do XIX, momento a partir do cal toman protagonismo os barcos de guerra propulsados a vapor. 

A súa denominación de liña vén do seu gran tamaño e capacidade de armamento, atributos axeitados para a formación dunha liña de batalla ou combate en fronte do inimigo, tanto por babor como por estribor, servindo como auténticas murallas de madeira para protexer a Nación, como adoitaban sinalar os británicos. 

A nivel construtivo os navíos de liña son unha evolución dos galeóns, con tres grandes paus – maior, trinquete e mesana – que requirían dunha gran habilidade e experiencia para a súa manobra. O seu armamento repartíase en dous ou tres pisos por borda sendo máis habitual sumar 74 canóns se ben o número final de pezas de artillería diferenciaba os navíos de liña de primeira, segunda e terceira clase. 

Xa que logo, un navío de primeira clase era aquel que portaba entre 98 e 120 canóns repartidos en tres pontes; o de segunda clase compartía o mesmo número de pontes pero instalaba entre 80 e 98 canóns mentres que o de terceira clase entre 74 e 80 en dúas pontes.

Calquera destas clases estaba á sombra do impoñente Santísima Trinidad que cos seus 140 canóns repartidos en catro pontes era o maior navío da súa época, o Escorial dos mares. Con todo cómpre sinalar que tamén existían navíos de cuarta, quinta e mesmo sexta clase se ben non eran considerados de liña senón fragatas, corvetas ou bergantíns.

OS NAVIOS EN LIÑA
Santísima Trinidad (Fonte Wikipedia).

Debido ao seu tamaño os navíos de liña esixían unha impresionante cantidade de madeira na súa construción

Precisábanse en torno a 1600 toneladas, capaces de soportar 168 toneladas de pezas de artillería, 32 toneladas de cable, 30 toneladas de aparellos, 14 toneladas de telas de vela, 8 toneladas de brea, 50 e 70 toneladas de munición e unha tripulación de 600 a 800 homes, o que supón un importante gasto unicamente asequible para economías saneadas.

Precisamente aquí temos o xerme da debilidade da frota naval española a finais do século XVIII. Para facérmonos unha idea, na Batalla de San Vicente (1797), prólogo á fatídica Batalla de Trafalgar, a Coroa española dispoñía de 79 navíos de liña que se viron reducidos á metade antes de iniciárense as hostilidades no cabo gaditano, cunha ampla maioría abandonados debido á falta de mantemento por causa das dificultades de importar a materia prima necesaria para unha correcta posta a punto.

A pesar desta ruinosa loxística, e aínda sen contar os buques menores que acompañaban estes colosos dos mares (fragatas, bergantíns, corvetas, buques-hospitais, etc) o combate consistía en disparar simultáneas salvas a discreción contra a muralla de navíos inimiga para resultar gañador, na maioría dos casos, aquel que posuía os máis grandes e poderosos canóns.

Mais é importante sinalar que precisamente debido aos seus altos custes de fabricación e mantemento o obxectivo non era afundir a frota inimiga senón derrubar ou desarmar os mastros – isto é, desarborar a navepara posteriormente capturalos. De aí que moitos decidisen afundir os seus barcos antes de ver como volvían ao servizo baixo a bandeira do vencedor.

En relación a este tema, a Sala Noble do Museo Massó, situada no primeiro andar, céntrase na navegación marítima e a conquista do mar por medio da apertura de novas rutas comerciais na época moderna

Inaugurado no ano 1932 como un museo mariñeiro onde se reunía a valiosa colección da familia Massó, destaca por expor entre unha ampla diversidade de obxectos varias vitrinas onde podemos camiñar arredor de detalladas maquetas de barcos como naos e fragatas.

OS NAVÍOS DE LIÑA
Pascual Munoa Oraa, en 1943 construíndo o modelo do San Juan Nepomuceno (Fototeka Kutxa).

Entre elas sobresae polo seu tamaño a de San Juan Nepomuceno, un navío de liña construído polo modelista vasco Pascual Munoa en 1936. Botado en 1766 e cunha tripulación de 530 homes e 74 canóns, foi o último buque español en ser derrotado dos 15 que participaron na escuadra hispano-francesa en Trafalgar, cando estaba baixo o mando do brigadier da Real Armada Española Cosme Damián Churruca. Atacado no momento final por seis navíos británicos ás ordes do almirante Horatio Nelson, tivo que renderse unha vez desarborado con preto de 100 mortos e 200 feridos.

Rematou os seus días despezado en 1818 despois de ser remolcado a Xibraltar onde serviu como unha sorte de museo flotante. En homenaxe á valentía de Churruca que tanto impresionou aos británicos, a cámara do comandante do barco estaba pechada cunha lápida na que se lía o seu nome con letras de ouro e ante a cal cada visitante tiña que descubrise se quería entrar.

A pesar de que estes navíos debían formar cadansúa liña de batalla, en Trafalgar non foi así. Horatio Nelson, a mellor arma da escuadra británica, non dispuxo unha formación en liña senón dúas columnas co obxectivo final de avanzar e romper perpendicularmente a liña inimiga para rodear a frota hispano-francesa e desarborala en pequenos combates individuais que en practicamente dúas horas venceu os seus navíos máis importantes.

Nelson pereceu na batalla mais o seu navío HMS Victory continúa en activo para a Armada británica. Se ben está en dique seco na localidade británica de Portsmouth, continúa como buque insignia do Segundo Lord do Mar con capitán e tripulación propia, sendo deste xeito o único navío de liña orixinal que sobreviviu até os nosos días.

OS NAVÍOS DE LIÑA
O HMS Victory en Portsmouth (licencia CC de Flickr).
David Vidal
+ artigos

Guía no Museo Massó.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.