28 DE AGOSTO DE 1936: OS 11 MÁRTIRES DE ANGUIEIRO E A REPRESIÓN FASCISTA EN CANGAS DO MORRAZO
Texto elaborado por Aitor González Bamio, estudiante de Historia da Facultade de Xeografía e Historia da USC. Fotografías cedidas para este artigo pola Asociación pola Memoria Histórica 28 de agosto de Cangas.
A modo de introdución e para reconstruir a crónica do sucedido na nosa vila en agosto do 36 botaremos man de tres apoios diferentes, pois cómpre non quedarse nunca cunha única versión da Historia.
Deste xeito, o relato que vas ler a continuación é o resultado de contrastar información provida tanto de documentos facilitados pola Asociación de Memoria Histórica de Cangas (cuxo nome, 28 de agosto, fai precisamente referencia á nosa data fatídica), como dos libros Cangas na Historia (obra do mestre e historiador galego Xerardo Dasairas Valsa) e Lola, filla de Cangas. Neste último título, a autora, Asun Bernárdez Rodal, fai un esforzo por tecer unha liña argumental ao longo de 30 historietas a partir dos testemuños que deu Lola Blanco Rodal antes de morrer. Lola foi unha veciña do noso pobo en tempos da República, da sublevación e da represión.
A nivel nacional o contexto histórico estivo marcado polo fin da ditadura de Primo de Rivera, a marcha do rei Afonso XIII, e pola alternancia no goberno da esquerda e a dereita xa unha vez constituida a II República
Para ben ou para mal, os sucesos históricos na Galiza do século XX están suxeitos e estrictamente ligados á situación da España do seu tempo e por iso imos dar unhas pinceladas sobre a historia máis recente do noso país antes de centrarnos no que supuxo para a nosa vila.
Uns anos antes do acontecido no Anguieiro, alá por 1930, a ditadura de Primo de Rivera quedara sen apoios e chegara á súa fin tras sete anos no poder. A continuidade da dinastía borbónica estaba posta en tela de xuízo, xa que Afonso XIII (o rei de España por aquel entón) déralle o seu visto bo ao réxime ditatorial. Un ano despois, en 1931, coa figura do monarca posta en entredito, abríronse as urnas para unhas eleccións municipais.
Con este panorama, na mañá do 14 de abril de 1931, proclamábase a II República española. Adóitase dicir que España acostouse monárquica e ergueuse republicana. O republicanismo triunfou nas principais cidades españolas como Madrid e Barcelona, onde o caciquismo ou a influencia que exercían o clero e os nobres sobre os civís non tiña tanto peso. Mentres a euforia era a protagonista dos principais núcleos de poboación, Afonso XIII partía cara ao exilio.
Por segunda vez na Historia, España estaba encabezada por un goberno democrático, puramente elixido polo pobo.
Dentro da traxectoria da II República española diferenciamos tres etapas principais
A primeira de todas as etapas é coñecida como o Bienio Azañista ou progresista. As esquerdas ocupaban o poder, presididas por Manuel Azaña. Con este panorama, en 1931, elaborouse unha constitución republicana orientada a unha serie de proxectos de reforma que pretendían modernizar a España. Entre eles, procurábase instaurar o laicismo (separando a Igrexa do Estado), así como unha reforma educativa que rematase co analfabetismo en España, leis para mitigar a miserable situación das clases populares (que moitas veces vivían na miseria ou laboralmente explotadas), etc.
Esta constitución republicana trouxo consigo, ademais, liberdades sen precedentes como o voto feminino.
A segunda etapa da República chega en 1933. Ábrense as urnas e as dereitas acadan o poder mediante eleccións. Durante os dous anos seguintes, que son coñecidos como o Bienio Negro (1933-35), tratan de revertir todos os cambios que as esquerdas levaran a cabo.
Finalmente, a terceira etapa inaugúrase en 1936. Os partidos de esquerdas agrúpanse nunha coalición denominada Fronte Popular, que vencerá nas eleccións. O descontento da extrema dereita propiciará o golpe de estado que, fracasado, dará paso á despiadada Guerra Civil. O resto é historia.
O contexto cangués, un caso singular por tratarse dun pobo mariñeiro cunha gran actividade sindical
A diferencia da meirande parte de núcleos de poboacións galegos do momento, Cangas non era unha vila labrega. Cangas era unha vila mariñeira onde primaban a pesca e as actividades artesanais en relación co mar. Este fenómeno propiciou que incluso antes dos tempos da II República, a actividade sindical e de reivindicación laboral entre cangueses e canguesas estivera á orde do día.
As mulleres acostumaban traballar nas fábricas (cuns salarios miserables, incomparables cos dun home), mentres que os homes adoitaban ser mariñeiros. Cangas xa protagonizara episodios convulsos que anticipaban o conflicto fratricida.
É o caso da revolución de 1934 (ano que coincide, e non casualmente, coa chegada das dereitas ao mando da República). A organización sindical máis significativa da nosa vila era a Alianza Mariñeira que, como todas, sería inmeditamente clausurada co triunfo da sublevación militar.
Nos tempos da II República, Cangas do Morrazo era un fervedoiro de ideas. Polas súas rúas confluían xentes relativas ás máis diversas correntes intelectuais. Aínda que existían monárquicos e individuos da dereita política, o común era atopar persoas de esquerdas, socialista, anarquista ou comunista, que vían na República a esperanza dunha vida digna para as clases populares.
Os falanxistas eran xente que estaba a favor do levantamento militar. Os membros deste colectivo eran comunmente coñecidos como “os camisas azuis”, xa que esta era a súa prenda identificativa. Actuaron como axentes do terror e da represión tan pronto como as tropas de Franco se levantaron África, empregando as armas e a violencia para arremeter contra a esquerda política.
Estes homes eran os que se encargaban de levar a cabo no noso pobo os arrestos das distintas personalidades cuxas ideas ou anos de actividade previa atentasen contra as bases da ultradereita e o catolicismo. As detencións eran posibles moitas veces grazas á delación dos veciños ou á información subministrada polos documentos das organizacións sindicais que eles mesmos clausuraran.
Pero máis curioso aínda é como, noutras ocasións os falanxistas asasinaban levados pola carraxe persoal contra os seus propios veciños (contra aqueles cos que se levaban mal, contra persoas implicadas nun desamor seu…).
Tras o alzamento militar as detencións adoitaban facerse de madrugada e o pobo cangués vivía nun eterno terror, especialmente cando caía a noite
Sempre era un misterio enterarse cada mañá de que veciño desaparecera no transcurso da noite anterior. Os presos, con sorte, eran normalmente conducidos cara a prisión de Pontevedra. Alí eran sometidos a xuízos de dudoso criterio. Entre as sentencias máis comúns atopamos a pena de morte, a cadea perpetua ou ser enviado ao campo de concentración de San Simón.
Os arrestados menos afortunados simplemente eran sacados da súa casa para padecer baixo os fusiles da Falanxe nas rúas do seu propio pobo. Era moi común atopar cadáveres nos cruceiros de Cangas cada mañán. Outros eran asasinados no camino cara o seu xuízo en Pontevedra. Neste último caso, usábase como pretexto para xustificar a execución unha interpretación abusiva da “ley de fugas” que sostiña que era lícito disparar contra aqueles presos que tratasen de escapar.
O caso dos mártires do Anguieiro serve para ilustrar a barbarie cometida polos falanxistas en Cangas
Chegada a madrugada do 26 de agosto de 1936, uns cantos membros da Falanxe detiveron en Cangas a varios sindicalistas e militantes da esquerda, que eran considerados perigosos polos seus capturadores.
Os golpistas temían que as esquerdas chegasen a agruparse e a loitar en contra a sublevación. De feito, como sabemos, isto foi o que sucedeu nas principais cidades de España como Madrid ou Barcelona, que resisitiron ata o final da Guerra Civil no 39.
Nestas localizacións, a República mantivo o mando, mais Galicia quedou completamente sometida á dominación dos sublevados apenas un par de días despois do levantamento militar.
Os diversos arrestados foron recluídos na chabola dun encascador por dous días ata que os falaxistas decidiron seleccionar once caras. Todos os presos eran inocentes cuxa sentencia estaba á espera de ser dictaminada por homes que acadaran o poder mediante as armas e a violencia (rematando coa democracia que, en 1931, por fin chegara a España).
Ningún deles cometera delito de sangue nin roubo. Eles tan só loitaran por unhas mellores condicións laborais para eles e as súas familias. Estamos a falar dunha Cangas onde apenas había oportunidades de estudar porque era necesario comezar a traballar a idades tan tempranas como os 12 anos, onde as mulleres non gañaban nin a metade que os homes, onde os seguros laborais e a xornada de oito horas (a diferenza doutros pobos veciños como Moaña) non existían. Unha Cangas proletaria, asoballada, onde se o mar non daba os seus froitos, todo canto podían esperar os cangueses era fame e unha miseria aínda maior.
Os once elixidos foron introducidos no camión do dono da fábrica de gaseosas, que os transportou pola costa de Ximeu na estrada de Pontevedra
Quizais nese intre, ese equipo fatídicamente seleccionado aínda tería a esperanza posta de seren levados ata Pontevedra, onde ser xulgados. Eles non sabían que estaban a piques de convertirse nuns mártires da República coma outros tantos, que algún día serían recordados coma heroes que loitaron pola democracia e a liberdade. Para achegarnos dunha forma un pouco máis humana e familiar a quenes foron estes represaliados, facilítase a continuación unha tabla cos seus datos personais.
Eran as catro da mañán e a furgoneta detívose no Anguieiro. O piquete fascista – formado por un garda civil e catro falanxistas – fíxolles abandonar o vehículo e arremeteu contra os once condenados.
O acto destacou pola súa atrocidade, a violencia e a aleivosía coa que foi cometido o homicidio. Na beira da estrada, o piquete fascista apagou lentamente a vitalidade dos once do Anguieiro. Este episoido barbárico non foi un fusilamento. Matáronnos a golpe vivo, rebentándoos a culatazos salvaxes sen ter sequera a decencia de asestarlles un tiro limpo que lles producise unha morte rápida. Os once do Anguieiro eran xente moza e curtida polos seus oficios (que moitas veces requerían destreza física). Polo tanto, foron evidentemente golpeados ata á morte coas mans atadas, indefensos, para que así non tivesen de xeito ningún a oportunidade de defenderse.
Cando os verdugos regresaron ao corazón de Cangas, dirixíronse á fábrica de Cervera e fixeron un reconto dos cadáveres para proceder a desfacerse deles e cairon na conta de que faltaba un
Dispuxeron a todos os executados que se trouxeran sobre as mesas onde se traballa o peixe para atalos cunhas grellas de ferro, subilos a unha lancha e fondealos na Ría de Vigo coma se nada acontecera. De súpeto, decatáronse de que alí só había 10 corpos inertes.
Faltaba un! Tras catro viaxes por mar, a ría gardaba o segredo dos crimes do fascismo. Lao Ferreiro é o nome de aquel que case vive para dar parte do que a néboa de terror que cubría Cangas era capaz de facer.
Canteiro de 18 anos, perdera o coñecemento por un culatazo que lle asestaran na cabeza. Espertou cando a furgoneta regresaba a Cangas, ensangrentado e entre cadáveres. O seu irmán estaba entre os executados. Lao chimpou do transporte dos seus agresores e tratou de fuxir ferido, debilitado, famélico, mallado, temeroso por saber que non tiña escapatoria, que o atoparían antes ou despois.
Conseguiu escapar ata Aldán, onde alcanzou a casa dun familiar que lle negou a súa axuda. Cando alguén agochaba a un fuxido na casa ou simplemente o encubría, era considerado traidor polo réxime e, xeralmente, castigado con pena de morte.
Cunha patrulla de sete homes por terra con cans rastreadores e sete homes por mar a bordo dunha lancha de motor, os axentes da represión non tardaron en dar con Lao. Lao foi rematado en Cabo Home. Aínda nunhas condicións tan precarias fora capaz de camiñar ata unha decena de quilómetros entre o lugar da malleira inicial e o que sería a súa tumba.
O xoven canteiro suplicaba por unha morte rápida que non lle foi concedida. Morreu entre berros, apuñalado polas baionetas dos falanxistas, que deixaron o seu corpo sen vida tirado onde bate o mar.
Cos corpos afundidos no medio da Ría de Vigo, fondeados nas máis escuras profundidades da mesma auga salgada que baña a nosa vila, o crime podería ser esquecido … pero non foi así
Porén, como se a mesma natureza se compadecese do terror da represión, o 9 de novembro do mesmo ano das execucións, un barco que faenaba preto da terra enganchou algo moi pesado no rizón.
Cinco dos cadáveres afloraron na superficie para anunciarlle unha vez máis aos cangueses as atrocidades das que eran responsables os sublevados. As familias axeonllábanse ante os cadáveres, desgarradas. Moitas outras acudían ao lugar coa esperanza aciaga posta en que aparecesen os seus familiares, arrebatados dos seus fogares e en paradeiro descoñecido.
Pronto apareceu a Garda Civil para facer liscar a todo o mundo do lugar. Dise que os cadáveres foron levados de volta á Ría para que non volvesen a saíra flote nunca máis.
Hoxe en día, os seus nomes fican todos rexistrados nun monolito no Anguiero (lugar da execución, visitable na estrada que conecta Cangas con Pontevedra, á altura da capela de San Cosme). Alí é onde cada ano adoita celebrarse unha homenaxe e unha ofrenda floral, en reivindicación e defensa da memoria histórica e a democracia.
A modo de conclusión podemos dicir que estas once voces todas apagadas forman parte das aproximadamente cincuenta que a represión franquista se cobrou co seu levantamento militar en Cangas do Morrazo.
Porén, non poderíamos nunca cuantificar todas as almas destrozadas por ver esmorecerse nos cárceres aos seus seres queridos, por perder aos seus fillos, amantes e familiares en mans dos sublevados. Cómpre difundir os crímenes da Humanidade para que nunca máis se repitan.
Quero adicar este artigo a Ana, futura promesa do mundo da cultura, riquiña e intelixente a partes iguais, por ofrecerse a darlle unha lectura aos resultados da miña investigación e axudarme a crecer.
A todos os que padeceron na loita pola liberdade e á memoria, que é tarefa de todos.
Aitor González Bamio
Estudante de Historia na Facultade de Xeografía e Historia da USC.
3 comentarios
Charosd
Xenial o artigo, noraboa.
Maria
Marabilloso Artigo, Aitor, Noraboa e grazas por enriquecer a Nosa memoria.
Antonio N-t L
Grazas.