AQUEL CARNAVAL DE ANTES NO HÍO                                           

Texto elaborado por Anxo Coya Otero, veciño do Hío e Premio Ignacio Cerviño á Recuperación / Promoción do Patrimonio en 2019. A fotografía do encabezamento corresponde á Comparsa de Liméns no entorno do Cruceiro de Hío.

 A Lucho Solla, aos que foron membros do grupo de gaiteiros “Sachadiço”, a Pepe Bermúdez e Belén Guimeráns, e a todos devotos do carnaval.

 É tempo de comer filloas, orellas, roscas, bicas ou un bo cocido porque é do máis típico do xantar do carnaval.

Dos entroidos tradicionais de Cangas, o Carnaval do Hío é a gran festa das sete aldeas

No anterior artigo que adicabamos aos entroidos tradicionais de Cangas, falabamos dos casos de Darbo e Aldán. Nesta segunda e última entrega, adicada ao Carnaval do Hío, faremos un repaso da súa historia e características, poñendo en valor ás persoas e colectivos que participaron e o impulsaron ao longo do tempo.

Cada unha das sete aldeas da parroquia Hío (O Igrexario, Vilariño, Pinténs, Vilanova, Liméns, Nerga e Donón) actúa como unha comparsa representada por un presidente, aínda que hoxe en día este cargo atópase repartido entre dúas ou tres persoas.

Nestes pobos a veciñanza constrúe dun xeito artesanal dous palcos, un exterior ao aire libre, e outro interior onde os gaiteiros de cada unha das aldeas poidan tocar durante a noite, polo xeral, no baixo dunha vivenda cedida polo propietario/a.

Na xornada do domingo de entroido, cada un dos presidentes recibe aos gaiteiros contratados. Durante o día fanse pasa rúas, cántase, báilase e tócase nas tabernas e bares, é o comezo da troula. Pola noite tócase no palco interior.

Na xornada do luns actúase, e sempre por esta orde, nas aldeas de: Vilariño, O Igrexario, Pinténs e Vilanova. As sete comparsas saen ao encontro (andando) para xuntarse, e así ir en peregrinación ata a aldea de Vilariño. Crúzanse reverencias verbais entre as sete aldeas.

Alí todos os grupos de músicos tocan dúas pezas no palco exterior, sendo a primeira en tocar a aldea anfitrioa e rotando a quenda na seguinte aldea na que se actúa, é dicir, o que tocou de primeiro pasará ao último e o que tocaba de segundo será o primeiro e así sucesivamente. Despois, cada comparsa regresará a súa propia aldea, onde rematarán tocando de madrugada no palco interior.

No martes, a orde do percorrido é: Liméns, Nerga e Donón, actuando nos palcos exteriores da mesma maneira.    

OS ENTROIDOS TRADICIONAIS DE CANGAS
Comparsa de Donón en Vilanova cos gaiteiros “Os Campaneiros” no ano 1969.

Recollemos dos máis veteranos que no palco exterior da aldea de Nerga, que dende fai anos se elabora en “O Xogo da Bola, antigamente a xente agudizaba o oído e tamén a vista en todas as actuacións dos gaiteiros. Ao remate, e sempre dun xeito popular e sen ningún premio, designábase con comentarios, aos mellores gaiteiros das sete comparsas.

Antes había certa disputa por contratar aos mellores gaiteiros. Incluso esta rivalidade se trasladaba ás tabernas por vender o mellor viño tinto, lamentablemente algo polo que hoxe xa non existe controversia.

Debate ou máis ben certo enfrontamento existiu entre as comparsas do “Hío” (Igrexario) e Nerga, segundo recollemos na entrevista feita no 2006 a Josefa Costas Otero (+). Contounos Josefa que isto transmitiullo a súa avoa, pois Manuel Benito, alcalde de Barrio e pai da súa avoa, estivo involucrado no tema.

Segundo as datas facilitadas estariamos en 1880 ou 1881. Curiosamente estes datos coinciden co artigo publicado polo investigador José Moreira Pumar “Cangas 1860: los carnavales de Hío y el Entierro del Grelo” (FdV, edición Morrazo, 14/02/2018). 

O percorrido do carnaval do Hío cambiou respecto a antes da Guerra Civil

Antigamente, de calquera xeito antes da Guerra Civil, o percorrido do carnaval do Hío non era como agora, pois a festa facíase no propio barrio e non a había en tódalas aldeas. Sabemos que no 1928 o domingo de carnaval cadrou no 19 de febreiro.

Recollemos na prensa antiga deste ano a morte dun mozo na aldea de Nerga e lugar do Canizo. Tiña vinte anos e era veciño da parroquia do Hío, cuxo nome aparece como Benigno Pérez, alias “Mangona”.

Apareceu morto, segundo os xornais de finais de febreiro de 1928, despois estar bebendo unhas cuncas de viño e próximo á saída dun baile, polo que relacionamos estes detalles puntuais coa celebración do carnaval. O cadáver foi enterrado, e uns días despois, o xuíz mandou que se lle realizara a autopsia, polo que tivo que ser exhumado. Houbo un persoa de Darbo detida acusado de darlle golpes á vítima.

Os grupos de gaitas no carnaval do Hío eran contratados polos presidentes das comparsas de cada aldea

En distintas entrevistas a persoas xa finadas, comunicóusenos que os mozos que por idade se estreaban primeiro como “medios socios” e despois como “socios” tiñan que pagar unha cota que o presidente de cada comparsa recollía.

Con estas cotas pagábanse aos gaiteiros, dábaselle de xantar e de beber, e tamén de durmir. Velaí o testemuño do finado José Lemos de Vilanova, quen aseguraba que para ser “medio socio” tivo que ir coller longueiróns á praia para ir vendelos e satisfacer a súa cota.

Segundo diversos artigos antigos aparecidos na prensa local, as xuventudes de Vilariño e do Seixo (Darbo) acudiron a actuar no carnaval de Cangas no 1929. En Vilariño contratouse antes do 1945 ao grupo “Airiños do Monte Castelo” e despois aos “Os Airiños da Nogueira” que trocaron máis tarde de nome chamándose “Airiños do Parque de Castrelos” amenizando á Comparsa de Vilariño ata 1952.

En Vilanova, no ano 1947 ocupou a presidencia José Sotelo, “O da Costa”, contratando o servizo musical de “Os Tolíns” que tamén actuaron dende 1950 ata 1952 ocupándose de presidir a comparsa Avelino Otero García, “O do quinteiro de abaixo”.

De 1954 a 1956 foi máximo responsable José Lemos Sotelo cando estes gaiteiros xa pasaran a chamarse “Os Alegres de Cabral” que seguiron actuando en Vilanova en 1957 con Justo Lorenzo ao cargo.

OS ENTROIDOS TRADICIONAIS DE CANGAS
Ubaldo Lemos, sempre activo no carnaval, xunto con Ceferino Iglesias e Santiago co estandarte da Comparsa de Liméns, pousan cos gaiteiros Os Morenos.

José Figueroa González “O Rabelo” sería tamén presidente e cremos que coincidiu coa presencia gaiteira do grupo “Os Pichoucos do Casal” dos que temos noticia que tocaron nesta comparsa cando menos de 1960 ata 1963 sendo neste último ano o responsable Andrés Otero Sotelo.

Formaban este grupo: Olimpio Martínez (gaita), Antonio Iglesias Román (gaita), Ramón Sueiro (tambor) e Julio Lago Oya (bombo) sendo substituído nun ano polo seu tío Emilio Oya González. Apórtanos José Antonio Sotelo unha anécdota dos Pichoucos, pois no 1963 a un dos gaiteiros rompeulle o roncón e, para poder continuar tocando, tivo que deixarlle outro un veciño de Pinténs coñecido por Gilito “O Trisco” (pai de Anxo Gago).

Dende 1964 e durante case vinte anos actuaron nesta comparsa o grupo “Os Carballeiras” de Barrantes con varios presidentes desta aldea : José Solla, José Antonio Sotelo, Marcelino Carabelos ou Carlos Piñeiro, entre outros. Dicimos case, porque no 1977 foron substituídos polo grupo “Airiños das Rías Baixas” ás “ordes” de José Gutiérrez.

Na aldea de Donón contamos coa participación informativa da veciñanza, en especial coa memoria, hoxe presente, de José Nogueira Novas, quen nos aporta numerosa información do carnaval desta comparsa, que en realidade comezou a súa celebración do entroido no ano 1957, coincidindo coa chegada da nova estrada que comunicaba O Igrexario con dita aldea.

Foi no ano 1957 cando a xuventude de Donón contratou aos gaiteiros “Os Peruchos” de Castrelos para amenizar esta comparsa. Cuarteto formado polos irmáns García Vila. Ao ano seguinte contrataron ao grupo de gaitas “ Los Hermanos Alfonsitos” de Matamá. En 1959 chegaron a tocar nesta aldea o que para moitos foron os mellores gaiteiros das Rías Baixas: “Os Campaneiros” de Vilagarcía, que o fixeron durante tres anos consecutivos.

Non podemos pasar por alto a importancia de grandes grupos de gaiteiros que pasaron polo carnaval do Hío como “Os Morenos” de Lavadores, que actuaron na aldea de Pinténs dende 1945 ata 1956 e tamén varios anos en Liméns e anteriormente en Nerga.

No carnaval do Hío participaron gaiteiros e grupos destacados a nivel local

De coñecido prestixio eran os gaiteiros locais “Os Airiños do Mar do Hío” fundado en 1945 e composto por: José Gutiérrez (gaita), Eduardo Menduíña (gaita), Feliciano Otero (tambor) e Ramón García (bombo).

OS ENTROIDOS TRADICIONAIS DE CANGAS
Grupo de gaiteiros “Airiños do mar do Hío”.

Actuaron de 1946 a 1948 en Nerga, no 1949 no Igrexario e de 1950 a 1952 en Liméns. Eran coñecidos popularmente como Os Atrevidos, pola ousadía de tocar en tempos difíciles da posguerra.

Segundo a entrevista, citada anteriormente,  á veciña de Nerga, Josefa Costas Otero, acreditounos que despois de que este grupo tocase na Comparsa de Nerga, foron contratados outros gaiteiros de nome “Os Salados”. Anos máis tarde tocaron “Os Parrulos”.

Parécenos de recibo citar a outros grupos de gaitas que tocaron nesta festa do Hío, como “Airiños Galegos de San Paio” (que o gaiteiro Lucho Solla, natural de Vilariño (O Hío), fundou xunto co Mestre Enrique Otero), “Os Tranquilos” de San Xoán do Monte, “Airiños das Rías Baixas”, “Os Parrulos”, “Os Airiños do Monte Castelo” de Darbo, “Os Areeiras” de Catoira ou “Os Airiños da Nosa Terra” formado por: Urbano Otero (gaita), o mestre gaiteiro Anxo Gago(+), Feliciano Otero (tambor) e Pepe García (bombo).

Tampouco debemos esquecer a participación de persoeiros senlleiros e míticos que gozaban no carnaval do Hío, entre eles aos veciños Eusebio de Nerga, Ceferino Iglesias de Liméns, Antonio “do Carril”, Gilito “O Castellano”, José Lemos de Vilanova, Anxo Gago Vaqueiro, e un longo etc.

Engadimos con especial agarimo ao veciño de Nerga, xa finado, Julio Paz, quen acostumaba a sentir esta festa dun xeito especial, dando numerosos “vivas”: ¡Vivan todas as comparsas!, ¡Viva o carnaval! ou Vivan os gaiteiros!.

OS ENTROIDOS TRADICIONAIS DE CANGAS
Julio Paz xunto cos gaiteiros “Tebras” do Hío (1998).
Anxo Coya Otero
+ artigos
Veciño do Hío.
Premio Ignacio Cerviño á Recuperación/Promoción do Patrimonio 2019.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.