AS FIGURAS CON SIGNIFICADOS QUE SOSTEÑEN OS TELLADOS
Texto elaborado por Liliana Cancelas Gargamala, socia de A Illa dos Ratos.
De seguro que vos chamou algunha vez a atención esas pedras con decoracións diversas que sobresaen dos tellados das igrexas románicas, pero, sabiades que non son pezas meramente ornamentais?
Como case todas as pezas que compoñen as igrexas románicas, os canzorros tamén cumpren unha función: soster as vigas do tellado. Se puidésemos ver un canzorro enteiro, veríamos isto:
Os canzorros da igrexa se San Martiño de Moaña son un exemplo da iconografía románica mediante a que se buscaba representar a esencia dunha realidade
Como podedes observar, só miramos aproximadamente un 50% da lonxitude total do canzorro, a parte ornamental. A parte que non miramos estaría dentro do muro e ten esa forma peculiar para que poidan encaixar nel as vigas.
Algunha vez vos preguntastes por que teñen esas formas tan curiosas? A resposta habería que buscala na iconografía románica na cal se representaban as cousas de forma esquemática porque o obxectivo non era plasmar a realidade senón a esencia desa realidade.
Os motivos escultóricos escollidos para os canzorros son do máis variado; formas vexetais, xeométricas, animais, monstros, humanas… e aínda outras de difícil categorización.
Hoxe en día podemos non comprender o significado das representacións empregadas nas igrexas románicas xa que están pensados para unha poboación que non sabía ler nin escribir pero totalmente familiarizada con este tipo de figuras alegóricas. Por iso, os escultores as empregaban para facerlles chegar as mensaxes adoutrinantes da igrexa. Así, non é raro a referencia á comisión de todo tipo de pecados.
Neste artigo trataremos de propoñer posibles interpretacións para algúns dos canzorros máis curiosos da fachada sur dunha das máis fermosas igrexas románicas do Morrazo, a de San Martiño de Moaña (s. XII):
Canzorros 2 e 5. O acróbata
Contando de esquerda a dereita, os canzorros 2 e 5 mostran un acróbata. Esta personaxe era empregada pola igrexa para ilustrar elementos negativos como a perda de tempo, un pecado moi mal visto. A repetición podería ser unha forma de reforzar a mensaxe.
Canzorros 3 e 15. O músico
Neste caso podemos observar uns músicos que poden simbolizar varias cousas: o camiño da alma de regreso a Deus ou tamén se poden interpretar como unha representación de festa.
Se nos fixamos máis en detalle no canzorro nº15 e tentásemos recoñecer o instrumento, é posible que nos vexamos en dificultades e teñamos que buscar información adicional.
Recentes estudos feitos por Faustino Porras sobre instrumentos musicais do románico, din que podería tratarse dun músico tocando un instrumento chamado “dolio” ou tonel. O dito instrumento foi empregado no noroeste da Península e se queredes coñecer outros exemplos, podedes desprazarvos ata Rebón (Moraña) ou a Bembrive (Vigo).
Canzorro 6. Cabeza coas mans na boca
A boca é a protagonista destas representacións facendo referencia a diversos pecados relacionados con ela como poden ser a gula, a maledicencia, a mentira, a ira…
Canzorro 9. Cabeza de animal
Tamén temos exemplos de canzorros con cabezas de animais o humanas que non parecen ter ningún significado concreto podendo ser, nestes casos, meros canzorros decorativos.
Canzorro 16. Besta con algo na boca
Neste canzorro represéntase a unha leoa transportando a súa cría. Os autores neoplatónicos cristiáns crían que a leoa paría unha cría morta que resucitaba ao terceiro dia, polo que é unha imaxe moi explícita da idea da resurrección.
Canzorro 17. Besta amosando os dentes
A representación dunha besta coa boca aberta mostrando os dentes é unha representación do mal visto que estaban as mostras de excesiva alegría ou o humor, xa que o goce podía ser un indicio de tentación diabólica.
Esta é só unha pequena escolma dos canzorros da igrexa de San Martiño de Moaña. Invitámosvos a coñecer ou volver a visitar o templo pola vosa conta ou na nosa ruta “San Martiño de Moaña”. Ou ver como se repiten ou non noutras igrexas románicas da zona, como a de Santo André do Hío, da que falamos na ruta “O Hío, de pedra en pedra”.

Liliana Cancelas Gargamala
Socia de A Illa dos Ratos e Guía Oficial de Galicia
Deixa a túa resposta