OS INICIOS DOS 50 (+1) ANOS DO INSTITUTO DE RODEIRA

Texto elaborado por Serafín Parcero Pérez, que foi alumno do Instituto de Rodeira dende o curso 1970/71 ao 1973/74, e posteriormente exerceu como mestre en distintos centros da provincia: C.P. Reibón e C. P. Seara, en Moaña, C.P. A Sangriña, en A Guarda, CEIP Espiñeira-Aldán e, finalmente, no I.E.S María Soliño de Cangas ata a súa xubilación. Ademais é autor dos libros “Ollos de Cinsa” (premio Matilde Bares de Relatos de Muller), “Viúvas de vivos e de mortos” e “As illas dos deuses”. Fotografías aportadas polo propio autor e outras cedidas pola A.C. A CEPA.

Rúa de Ramón Cabanillas, 16 en Moaña. Telf. 606 98 44 85

No ano 2020 cumpríronse 50 anos da inauguración do Instituto de Rodeira. Unha efeméride que pasou con máis pena que gloria, seguramente por mor da pandemia provocada pola COVID19. Tendo en conta a enorme transcendencia deste fito non só para Cangas, senón tamén para Moaña e Bueu, considero que dito aniversario debería ser recordado e celebrado dunha maneira máis apropiada.

A posta en marcha do Instituto de Rodeira non só significou unha auténtica revolución educativa nos concellos antes nomeados, senón que  tivo unha especial relevancia nos campos do arte, a cultura, o deporte, no tecido económico e no cambio dos usos e convencións sociais.

OS 50 ANOS DO INSTITUTO DE RODEIRA
Edificio orixinal do Instituto de Rodeira en 1970.

Este artigo, á parte de constituír unha evocación persoal dunhas persoas e uns tempos xa pasados, pretende ser unha pequena homenaxe a todas aquelas e aqueles que co seu alento nos guiaron dun desesperanzador país en branco e negro a un pais en color cheo de retos de futuro.

Compraceríame moito que mediante os vosos comentarios, coas vosas lembranzas traducidas nalgún artigo seguramente máis acertado ca este ou simplemente aportando algunha foto da época, tiverades a ben colaborar nesta conmemoración.

O curso 1970 – 71 foi o primeiro para o Instituto de Rodeira

No mes de outubro de 1970 un grupo duns douscentos mozos e mozas de Cangas, Moaña e Bueu embarcámonos nunha emocionante aventura, nunha viaxe que ía marcar, para sempre, a vida de moitos nós. Ese ano estreamos, cheos de ilusión, as instalacións do Instituto de Rodeira, o primeiro instituto de bacharelato da bisbarra. Un Instituto mixto, todo un avance para a súa época.

No primeiro ano de funcionamento do instituto, como se pode apreciar na fotografía que encabeza este artigo, a presenza feminina era minoritaria. No curso seguinte, 1971/72, coa incorporación das alumnas que proviñan dos centros de relixiosas de Cangas e Bueu, a situación cambiaría notablemente.

Mais a viaxe na que nos enrolamos non era para percorrer un espazo, senón que se trataba dunha viaxe no tempo: unha afortunada singradura que nos ía levar dos tempos escuros, da longa noite de pedra do franquismo, ata un futuro luminoso, un  futuro cheo de esperanzas e de expectativas.

No novo instituto estaba a agardar por nós un claustro de profesores e profesoras que non só ían consentir que os tratásemos de ti, senón que moitos deles animaban a que, cando tiñamos que dirixirnos a eles, descabalgaramos do tratamento de respecto que de xeito habitual se dispensaba ás persoas de máis idade ou de relevancia social.

Un claustro de profesores e profesoras que non só trataban de transmitir os coñecementos ou os contidos das materias que cada un deles/as impartía senón que, sen caer en nocivos adoutrinamentos, tentaban de inculcarnos un valores radicalmente opostos aos dominantes na sociedade daquela época. Uns valores que tentaba perpetuar, con escaso éxito, a rancia Formación del Espíritu Nacional que todos detestabamos. No caso das nosas compañeiras, aínda peor: elas tiñan que cursar as discriminatorias Labores de Hogar.

OS 50 ANOS DO INSTITUTO DE RODEIRA
Alumnos de 2ºB do Instituto de Rodeira no curso 1970-71.

Un claustro de profesores e profesoras que impartían os contidos das súas materias cuns métodos pedagóxicos máis que novos, revolucionarios, atreveríame a dicir, cando menos para o noso país e tendo en conta aquela etapa histórica. Unha metodoloxía engaiolante e atractiva. Malia que aínda tropezamos con algúns representantes da “vella escola”, a maior parte dos nosos profesores e profesoras, sen abxurar da memorización dos contidos, deixaron de considerala  como fin en si mesmo e apostaron por converternos en suxeitos da aprendizaxe mediante a reflexión, o razoamento e a práctica.

Todo elo apoiado nunhas modernas instalacións (laboratorios de Física e de Química, ximnasio, salón de actos, etc.) e nunha xenerosa dotación de material (material de laboratorio, de Ciencias Naturais, proxectores de diapositivas, equipos de reprodución de son, multicopista…).

Algúns deses elementos considerámolos a día de hoxe elementais e desfasados, mais naquela época e para nós, que na inmensa maioría procediamos de escolas e academias particulares nas que, descontando os libros de texto, non tiñamos outro material de apoio máis que o encerado e o xiz, a regra, a escuadra, o cartabón e os decimonónicos mapas murais pendurados das paredes, eses modernos aparellos constituíron un auténtico descubrimento. Tamén axudou en grande medida a nova Ley General de Educación, de 1970, que entre outros  acertos, establecía a avaliación continua. 

Un claustro de profesores e profesoras que nos abriron os ollos á literatura, ao cine, á música, ao teatro. Todos os que tivemos a sorte de contar con Chicho como profesor de Física ou de Química lembramos como, logo de explicar a materia, mentres calculabamos masas moleculares ou resolviamos problemas de pancas e de planos inclinados, adoitaba poñermos música.

Grazas a el coñecemos a Paco Ibáñez, que poñía voz e música a varios dos máis recoñecidos portas da literatura española, como Gerardo Diego ou o mesmo Quevedo. Descubrimos igualmente unha nova xeración de poetas, os cantautores, entre eles un mozo catalán chamado Joan Manuel Serrat que había pouco sacara un LP que levaba por título: “Dedicado a Antonio Machado, poeta”  do que estou case seguro que todos lembrades as estrofas: “Caminante son tus huellas/ el camino y nada más/ Caminante no hay camino/ se hace camino al andar.” Ou a Cecilia, a do ramiño de violetas, traxicamente falecida cando regresaba a Madrid despois dun concerto na mítica sala Nova Olimpia de Vigo.

Un claustro de profesores e profesoras que, dende o respecto mutuo, tentaba confraternizar, na medida do posible, co alumnado. Sirvan como exemplo os partidos de fútbol que disputabamos entre profesores e alumnos  para celebrar o San Tomé de Aquino, patrón daquelas do ensino superior e universitario.

Ou as saídas pedagóxicas, unha das primeiras, ao Museo de Pontevedra, da que se conserva un entrañable documento gráfico. O propio director “facía a vista gorda” cando os alumnos de Moaña e Bueu solicitabamos dispensa para non acudir a clase no día de San Martiño. Malia non figurar como día non lectivo no calendario escolar, D.Hilario accedía á petición. Moitos dos alumnos/as de Moaña –e tamén de Cangas, que se apuntaban á festa– logo do recreo botabamos a andar cara a Abelendo, para beber o viño novo acompañado de castañas cocidas. Sen  servizo de transporte escolar, á hora de volver para a casa cada quen tiña que buscarse a vida.

Durante aquela fantástica viaxe no só houbo tempo para a formación e o estudio. Tamén dedicamos moito tempo –uns máis que outros, coma todo nesta vida– para a amizade, o compañeirismo, o deporte, as incipientes reivindicacións de tipo político e a diversión.

O Instituto converteuse nun lugar de encontro e interacción de centos de mozos, mozas e adolescentes do Morrazo, dende Domaio ata Bueu

Naceron alí amizades, complicidades, amoríos e desamores, algúns deles aínda a día de hoxe presentes. Estas fluídas relacións entre mozos e mozas das distintas vilas e lugares constituíron o mellor antídoto contra os localismos ou “parroquialismos” exacerbados,  tan propios da época.

Acendidos partidos de fútbol nos recreos, no patio traseiro ou nos areais onde hoxe se asentan os campos do keniata e as pistas de tenis. Paseos pola praia nas horas libres, polo xeral en boa compañía. Algún que outro baño cando chegaba o bo tempo. Risos e chanzas nos breves respiros entre clase e clase, desexando sempre que o profesor/a se demorase un chisco.

50 anos do Instituto de Rodeira
Equipo dos alumnos no partido contra os profesores no día de San Tomé de Aquino no campo de Massó (28/01/1973)

Nas horas libres ou cando colgabamos clase, unha escapada case furtiva para ir tomar uns viños na de Perfeuta, no Forte. En fraternal rolda iamos pasándonos aquelas enorme cuncas de louza branca cun sospeitoso parecido a un penico.

Pagabamos o viño “a escote”, tamén a barra de pan coa que acompañabamos o viño, non fora ser que se subise á cabeza. Por desgraza, algunha que outra vez o sinxelo remedio non daba resultado e había quen chegaba de volta  ás clases máis locuaz do habitual. 

No cumio da diversión estaban, sen dúbida, os guateques dos domingos e festivos

Recadar fondos para a viaxe de fin de curso foi o pretexto para solicitar permiso á dirección do Centro. O director accedeu coa condición de que algún profesor estivese presente. Don Arturo, sacerdote e profesor de Relixión, gran afeccionado ao xadrez asumiu esa responsabilidade.

Comprensivo e bastante tolerante tanto para a época como para a súa condición de relixioso, non adoitaba inmiscirse na nosa maneira de divertirnos, contentábase cunha interesante partida de xadrez contra algún alumno avantaxado no xogo.

Nos guateques, que tiñan lugar nunha das aulas do fondo do corredor, cerca dos servizos, adoitabamos escoitar e bailar música dos Beatles, de Simon and Garfunkel, tamén de Pink Floyd, dos Rollings ou Led Zeppelin, así coma os grupos españois de moda nos sesenta e nos primeiros anos dos setenta.

Estas festas non tardaron en acadar unha grande aceptación e pronto se converteron no lugar de reunión favorito da xuventude da contorna. A fama dos guateques do Instituto de Rodeira cruzou a ría e moitos mozos e mozas de Vigo non dubidaban en coller o vapor para asistir aos mesmos. As inauguracións das discotecas “Riverside”, en Cangas e “Palmaverde” en Moaña significaron o comezo do declive e final desta actividade.

Paga a pena recordar aqueles tempos no Instituto de Rodeira 

Pasados xa máis de corenta anos, evoco con agrado e agradecemento cada un dos catro cursos que cursei nese centro, catro cursos que deixaron en min, creo que tamén na maior parte dos meus compañeiros/as, unha pegada difícil de borrar. As clases prácticas de Física e de Química que Chicho impartía no laboratorio unha vez á semana.

Electrólises, reaccións ácido-base, disolucións, preparación de circuítos eléctricos, visualizar moléculas mediante modelos de química orgánica, eses mesmos modelos de variñas e pequenas esferas de cores que naqueles mesmos anos estaban a usar nas máis prestixiosas institucións educativas dos países máis desenrolados.

A teoría de conxuntos e a lóxica matemática. Os comentarios de texto, as transcricións fonolóxicas e fonéticas nas clases de Lengua española e de Literatura, as mesmas clases nas que Dª Vitoria non só nos falaba de Saussure, senón tamén da gramática xenerativa de Chomsky, un dos grandes referentes, aínda a día de hoxe, tanto da esquerda tradicional como da  chamada esquerda “rupturista”.

Como non lembrar que para as clases de Ciencias Naturais levabamos ás veces ras e lagartos para seren abertos co fin de estudar as súas partes. Impresionábame moito observar como latexaban aqueles pequenos corazóns e tiven claro que a medicina non era a miña vocación.

Gustábanme moito máis as saídas educativas ao entorno para observar as anémonas e as estrelas de mar, as lapas, os caramuxos e os pequenos camaróns que habitaban as pozas de auga que a baixamar formaba na Punta de Rodeira, pequenos universos de vida e diversidade.

OS 50 ANOS DO INSTITUTO DE RODEIRA
Autobús fronte ao Instituto de Rodeira nos anos 70.

As prolixas análises de obras de arte de todas época e estilos que nos ofrecía D. Hilario, director e profesor da Historia da Arte. Edificios, esculturas e cadros como a “Gioconda”, do gran Leonardo da Vinci ou “La maja vestida” de Goya. O de  “La maja desnuda” era xa outro cantar…

As clases de Educación Física no ximnasio e tamén na praia, con Eduardo, que pouco máis vello era ca nós. Era o substituto do profesor titular, praza que okupaba (está escrito adrede, por se alguén non o colle) o alcalde da vila. Eduardo animábanos a participar nas competicións deportivas entre centros escolares.

Como daquela non había pistas deportivas na vila, xogabamos ao balonmán na rúa Eduardo Vincenti, o lugar onde se estaban a poñer os alicerces do que, co tempo, se había converter no milagre do balonmán en Cangas. Logo de transportar as porterías dende o local da Fonte do Galo, que servía á súa vez de improvisado vestiario, marcábase un campo con xiz a altura do palco da música da Alameda Vella, fronte a de Indalecio e a xogar.

Tamén participabamos en competicións de campo a través e atletismo, obtendo excelentes resultados. No 1973 clasificamos os equipos de campo a través, tanto masculinos como femininos, para os Campionatos de España de escolares, que ese ano tiñan lugar en Toledo.

Por desgraza, non puiden participar no desprazamento ao campionato pois, nun dos animados encontros de fútbol que disputabamos durante os recreos onde hoxe están os campos do keniata, fun “rematar” de xeito glorioso contra dun petouto agochado debaixo da area. O certo é que o fútbol tampouco foi nunca o meu forte…

Como estaba prohibido impartir clase nunha lingua distinta ao castelán, algúns alumnos do Instituto de Rodeira renunciaban as horas dos recreo para acudir ás clases de Galego

Non podo rematar este paseo pola nostalxia sen facer referencia á loita pola dignificación da nosa lingua. O réxime ditatorial tiña vedado o ensino de ou en calquera outra lingua que non fose a “lingua do imperio”. Na sociedade galega estaban a darse pequenos pasos para conseguir que a lingua propia acadase o recoñecemento que merecía.

Apareceron novos autores e autoras e editoriais que escriben e publican case exclusivamente en galego, fúndanse asociacións e colectivos que reivindican o uso do galego como lingua oficial, tamén no ensino. No Instituto aportamos o noso pulo para facer máis grande esa onda que avanzaba imparable: como non se podía dar clases de galego no horario oficial (as clases doutras materias en galego eran daquelas unha utopía), decidimos renunciar a dúas das horas dos recreos da semana para acudir ás clases de Galego.

Capitaneou esta aventura D. Xerardo Sacou, bo e xeneroso, profesor de Latín, Vigués Distinguido e fundador da Aula da Toponimia Galega e do Instituto de Estudos Vigueses. D. Xerardo renunciou tamén a esas horas non lectivas e, coa axuda do manual “O galego na escola” (editorial Anaya), durante dous cursos sucesivos iniciounos no coñecemento e no estudo da nosa lingua. Unha lingua que, de xeito paragóxico, levabamos usando dende que aprenderamos a falar.

Moi pronto veu a luz a “Revista do Instituto”, impulsada polo alumnado de máis idade, fundamentalmente alumnos e alumnas de COU.  A revista imprimíase na multicopista do Instituto e non se chegaron a publicar moitos números pois tivo que deixar de editarse por orde das antidemocráticas autoridades da época.

OS 50 ANOS DO INSTITUTO DE RODEIRA
Alumnos do Instituto de Cangas na selectividade: Paco Rodríguez, Xulio Ríos, Moncho Millán e Xosé Enrique Sotelo, posteriormente alcalde de Cangas, entre outros. (1976)

Deste último episodio –e de moitos outros dos que aquí non se fai referencia– hai persoas que saben ou lembran bastante máis que este modesto escribán. Agradaríame moito, como apuntaba na introdución, que colaborasen con este aniversario malia que teña que ser celebrado cun curso de retraso.

Serafín Parcero Pérez
+ artigos

Mestre xubilado e escritor.

Ex traballador ocasional na baleeira de Massó Hermanos en Cangas.

5 comentarios

  1. O Morrazo na obra de Serafín Parcero » A Illa dos Ratos

    […] “un cidadán do Morrazo”. Unha idea e un sentimento forxados nos seus anos de estudante no Instituto de Rodeira, onde compartiu aulas, compañeirismo  e amizade con mozas e mozos dos distintos lugares que […]

  2. A Xeración Rodeira do Morrazo » A Illa dos Ratos

    […] ofreceu Serafín Parcero coa súa acertadísima crónica neste mesmo blog baixo o título “Os 50 anos do Instituto de Rodeira” para achegar a miña visión persoal sobre aqueles anos do instituto de Rodeira que, […]

  3. María Abal

    Adiante con esa festa tan desexada…. Contar c@s profes de Rodeira 2021

  4. Aitor

    Un artigo precioso!

    Primeiro de todo, parabéns a Serafín e a todo o equipo de A illa dos Ratos por faceren posible esta publicación. Unha redacción gloriosa, sen dúbida propia dun escritor.

    En canto aos contidos, son todos moi emotivos. Síntome moi afortunado de terme cultivado nun centro con tanta historia e polo que se deixaron caír mestres de tanta calidade. Soño con ser mestre eu tamén e, sen dúbida algunha, as anécdotas relatadas son a máis pura e tenra evidencia do amor pola profesión. Todas as anécdotas baixo o estandarte da vocación, coa curiosidade e a vitalidade sempre a flor de pel. Canto amor polo coñecemento e pola vida cultural en xeral, sen distinción entre ciencias, letras e calquer tipo de actividade intelectual ou física!

    Que sorte tan grande a de que un templo da cultura así, que foi testemuña e berce da reivindicación pola lingua galega, se atope en Cangas. Vexo que a maxia dun instituto a pé de praia tamén foi unha constante ao longo de toda a súa existencia. Un aplauso moi ruidoso, enorme e dende o corazón!

    Por certo, son moi moi fan do detallle da Maja espida! 🙂

  5. Arsenio G.X.

    Acertada conmemoración que debera ser aínda máis salientada e celebrada oficial, ou institucionalmente, polos tres concellos do Morrazo.

    Tampouco esquenzades o capítulo final deste centro educativo, ó cal tocounos protagonizar ós nenos que nos tocou cursar a EXB nas súas instalacións a finais dos 80, xermolo do sería o CEIP A Rúa. Os que o vivistes, tanto mestres, coma alumnos e pais, sabedes que da para moito lembrar. Aínda chegamos a compartir o centro durante un ano cos de bacharelato, antes de rematarse o Instituto María Soliño en Montecarrasco.
    Desa época final, antes da desaparición física do centro, somos moitos dos barrios do Espíritu Santo, O Forte, Rodeira e A Pedreira que, logo de segregarnos do Colexio do Castrillón, vivimos esa etapa da nosa vida escolar dunha maneira moi especial en Rodeira, marcada por un sinfín de carecias de material e das xa moi deterioradas instalacións, reivindicacións e pelexa por acadarmos melloras e por un profesorado exemplar coma tal, case na súa totalidade, ó meu xuízo.
    Unha aperta a todos eles e a tódolos compañeiros que recordan con agarimo, coma min, aqueles anos da EXB en Rodeira.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.