NAUFRAXIOS A FINAIS DO SÉCULO XIX E NOS ALBORES DO XX

Texto elaborado por Xerardo Dasairas Balsa, mestre xubilado e cunha dilatada traxectoria como investigador en diversos ámbitos.

Xa dicía nos primeiros anos trinta o director da Escola de Pesca de Cangas, Felipe Carnicer, que esta vila era a de máis pescadores de España, pero tamén a que máis vidas lle tributaba ao mar.

Non cabe dúbida que a continuada pingueira de naufraxios, ás veces nun curto lapso de tempo, segue, aínda hoxe, a pór en evidencia os riscos e perigosidade deste oficio, a pesar das actuais melloras materiais e técnicas nos barcos e na navegación.

Para a gran familia dos mares de Galicia e os que dun xeito ou doutro coñecen o duro e perigoso labor e os naufraxios consecuentes, estas traxedias do mar non deixan de causar un profundo pesar sobre todo cando estes conlevan a perda de vidas humanas.

O TRIBUTO HUMANO DE CANGAS AO MAR
Pintura titulada “Barco desaparecido”, de Sousa Pinto.

Cabe que neste repaso polos naufraxios de antano e obviando os danos materiais, o sentimento de dor e solidariedade colectiva e particular coas familias e achegados das vítimas, se mostrase sempre cun grande impacto social ao longo dos tempos.

Porén, en tempos pasados, a traxedia non xiraba só arredor da perda dos seres queridos ou apreciados, senón que se estendía de xeito dramático ás familias que, ademais da perda do principal sustento económico, quedaban nunha precaria situación económica e de desamparo, apenas cuberta naquelas datas por algunhas cativas axudas institucionais e recadacións solidarias públicas.

Aínda que a nosa primeira intención fose facer referencia a maioría de naufraxios e vítimas relacionados con Cangas, sería practicamente imposible recollelos todos, non só pola falta de información sobre moitos deles, senón tamén pola amplitude do tema no que se refire a tripulantes cangueses traballando en barcos doutros portos. Sen menoscabo de ningunha das vítimas, tentaremos reflectir aqueles que máis impacto e conmoción social causaron no seu tempo.

O tributo humano de Cangas ao mar a finais do século XIX

O primeiro naufraxio do que imos dar conta foi o do balandro Flor de María de Manuel García que afundiu no medio da ría ás dúas da madrugada a mediados de xaneiro de 1880.

Viña de Vigo cargado con 400 quintais de sal con mar calmo pero o exceso de peso e as malas condicións do barco  provocarían a morte por afogamento do patrón Manuel García e de Francisco Núñez que deixaban familia, mentres que un terceiro tripulante, Laureano Bermúdez, puido chegar a nado á praia da Ribeira de Cangas.

A mediados de xaneiro de 1885 afundiría a lancha Victorio con base no Areal vigués, afogando nove dos seus tripulantes dos que dous deles eran de Cangas. O día primeiro de abril de 1886 perecería afogado na zona da Cantareira nas Cíes, o veciño de Darbo, Segundo Lemos, cando xunto con outros compañeiros apañaban percebes coa lancha San Antonio.

O 27 de maio de 1887, ao envorcar a lancha El Único por un golpe de mar, perecería o mariñeiro de Cangas Rafael Lemos cando andaba con outros catro compañeiros ao marisco no sur das Cíes.

O TRIBUTO HUMANO DE CANGAS AO MAR
Debuxo dun náufrago.

A finais de febreiro de 1891 tamén se produciría a morte por afogamento, ao caer ao mar Manuel Graña Martínez cando na altura da Borneira cabeceou o bote no que andaba ao polbo con outros compañeiros, que non puideron facer nada por el.

Arredor do 23 de febreiro de 1891 morrería afogado Manuel Graña Martínez ao caer ao mar por un forte cabeceo da lancha polbeira, fronte á Borneira cando procedían a arriar a vela e o mastro da embarcación.

A comezos de maio de 1894 desaparecería entre as rochas da Galera nas Cíes, o mariñeiro de Darbo Sebastián Villar Iglesias de 19 anos, arrebatado por un golpe de mar cando pescaba cun seu irmán e outro compañeiro.

O 12 de decembro de 1899 morreron dous tripulantes do vapor Vincenti, Joaquín Abal e mailo alcumado “O Truán” de 14 anos cando remolcaban unha goleta entre A Guarda e Vigo. A delegación da Cruz Vermella en Cangas, instalada na vila no ano anterior, entregaríalle unha axuda ás viúvas.

Nos primeiros anos do novo século sucederon varios naufraxios

Xa entrado o século XX dase noticia, sen máis datos, de dúas vítimas dunha lancha de pesca canguesa afundida na Borneira, punto negro da ría ao que xa lle dedicamos particular atención noutro traballo.

En 1902 naufragaría nos baixos da Illa das Ratas (Rodeira) o balandro Travilla de Corcubión sen baixas que lamentar e preto deste lugar sería o vapor de pasaxe Marcelino Barreras quen en 1904 abordase a unha chalana, causando unha vítima.

O 12 de decembro deste mesmo ano, naufragaría na Punta das Cíes a traiñeira Paulina a causa dun golpe de vento mentres largaba o aparello. Levaba 19 tripulantes patroneados por Benjamín Graña Acuña e 15 deles conseguiron asirse ao casco durante hora e media ata que foron salvados.

O mariñeiro José Curra foi rescatado do mar pero morrería antes de chegar á praia do Forte onde tiña a súa base a embarcación e onde residían a maioría dos tripulantes. Pouco tempo despois chegarían os outros tres falecidos, Soage, Ángel Iglesias O Ganchiño e José Troncoso que deixaban viúvas e moitos fillos, agás o último que estaba recén casado.

A comezos de xullo de 1905 durante unha treboada caeu un raio sobre a traiñeira Dos Hermanos ao sur das Cíes, matando ao mariñeiro de Cangas José Rial Sotelo. Neste mesmo ano, tamén se produciría a envorcadura dunha gamela en Barra tripulada por dous irmáns, falecendo un deles que por eivas físicas non puido salvar.

A Leonor era unha traiñeira de Vilariño que naufragou nos illotes das Osas durante un grande temporal

O 15 de outubro de 1907, cando ía vender o peixe a Vigo, tería lugar o naufraxio da traiñeira Leonor de Vilariño (O Hío) nos illotes das Osas, fronte da Muralla de Couso en medio dun gran temporal.

O TRIBUTO HUMANO DE CANGAS AO MAR

Estaba patroneada por José Benito Lorenzo e levaba dezaseis tripulantes do Hío, Cangas e Aldán dos que só salvaron catro, entre eles o mozo Francisco Rodal Menduíña cuxa valentía permitiu o salvamento dos outros compañeiros polas tres traiñeiras que acudiran de Aldán na súa axuda.

O TRIBUTO HUMANO DE CANGAS AO MAR
Francisco Rodal Menduíña, o heroe da Leonor.

Os mariñeiros de Cangas participaron no salvamento de tripulantes doutras embarcacións en varios naufraxios 

Na noite do catro de novembro do ano antedito, perecería afogado o mariñeiro de Cangas José A. González cando pola noite caeu do barco Massó nº 2 na altura do Cabicastro. Residía en Bueu e deixou viúva embarazada e catro fillos.

Ás veces os falecidos son de localidades próximas como Serafín Pérez Portela de Tirán que morreu afogado cando pescaba no Malpaso entre Cabo Estai e A Marosa ou o afogamento de Ángel Silva de Darbo cando a finais de agosto de 1910, andaba co seu pai Ignacio aos polbos en Bouzas e envorcoulles a gamela.

Noutras ocasións, os datos non son moi concretos e resúmense con notas concisas como esta de principios de maio de 1912, na que se dá conta do naufraxio fronte a Cabo Silleiro dunha gamela de Cangas na que pereceu un dos dous irmáns que a tripulaba.

Mariñeiros de Cangas tamén interviron no salvamento doutros barcos como no caso dunha traiñeira de Teis que naufragou na Borneira e o encargado do faro de Cangas e mailo patrón do María, José Vázquez, que atendía o mantemento dos faros e balizas, decatáronse da situación e salvaron a un mozo e mailo patrón de 72 anos que apenas podía agarrarse ao cabo que lle largaron tendo que subilo en brazos.

Outra intervención dos nosos mariñeiros foi co Antonio Velázquez cuxa tripulación foi rescatada en marzo do 1914 pola motora canguesa Cantabria cando permanecían encallados na illa de Sálvora.

Esta acción de salvamento sería recoñecida pola Axudantía de Mariña de Cangas que lle entregou á tripulación da Cantabria premios e medallas, acto que foi amenizado pola banda de música municipal de Pontevedra que se achaba na vila con motivo da festa de San Xosé, patrón da confraría.

En xullo de 1909 morrería afogado o mariñeiro de Cangas, Antonio Vidal, cando faenaba no cabo de Vicos (Cíes) debido a unha ráfaga de vento que envorcou a embarcación.

No mes de xaneiro de 1913, cun forte temporal reinante, un golpe de mar sobre a unha da madrugada arrebatou da cuberta do vapor Fontoira de Bouzas ao patrón de Darbo José Parcero Lemos de 32 anos, cuxo corpo nunca foi recuperado.

Deixa viúva encinta e tres fillos e a súa nai Ramona Lemos, tamén viúva, ficaría soa e meses despois aparecería morta dando pé a un curioso asunto do que daremos conta nun apartado de sucesos.

O TRIBUTO HUMANO DE CANGAS AO MAR
As cruces de Punta Robaleira e Cabezo na Costa da Vela lembran ás vítimas do mar.

O naufraxio da traiñeira Dos Hermanas foi provocado por un golpe de mar a altura de Punta Fanequeira

A primeiras horas da mañanciña e cun forte temporal que arrincaría tellados e árbores, derrubaría postes da luz e castigaría a embarcacións e peiraos, saíu cara as Cíes a motora Dos Hermanas á captura de xardas co mediomundo.

No anoitecer do 19 de febreiro de 1915 cando a embarcación retornaba a porto con duascentas xardas capturadas, un forte golpe de mar, fixo envorcar á Dos Hermanas cando navegaba a toda vela na altura de Punta Fanequeira con dez tripulantes a bordo.

No seu auxilio acudiu a traiñeira Cabo Peñas de Guixar que conseguiu salvar a cinco dos tripulantes que se mantiñan agarrados ao casco, tendo que deixar a outro no lugar polo risco de naufragaren tamén ao quedar sen remos.

Con estes cinco homes conseguiría arribar a Cangas e o que quedara agarrado ao casco sería rescatado unha hora e media despois pola traiñeira Felisa que o conduciu ao Berbés.

A pesar de todos os intentos de reanimalo á calor dun forno, de café, licores e mantas, o náufrago Germán Rodríguez Martínez acabaría falecendo con 35 anos de idade e deixando viúva e unha filla.

Os outros desaparecidos foron Francisco Mallo, o patrón, de 54 anos que deixaba viúva e tres fillos, Antonio Soliño de 12 anos e o seu pai José Soliño de 48 que deixaba viúva e dous fillos e Maximino Soliño de 18 anos que deixaba aos seus pais sen sustento.

No porto cangués vivíronse momentos de dramatismo pola perda dos mariñeiros mortos e de novo se porían en marcha os mecanismos de solidaridade individual e colectiva, organizándose colectas e dispensando autoridades, asociacións e organismos certas cantidades para axudas ás familias dos náufragos. As celebracións de Entroido programadas polos círculos recreativos de Cangas tamén serían suspendidas.

A finais de novembro deste ano 1915 tamén perecería afogado o mariñeiro José Outeiral cando pescaba con Manuel Outeiral e Juan Costas na lancha Manuela.

Xerardo Dasairas Balsa
+ artigos

Diplomado en Filoloxía por Maxisterio, exerceu como mestre en Cangas do Morrazo. Dende 1978 ven colaborando en prensa e revistas de Galicia con artigos referentes a etnografía, historia, arqueoloxía, patrimonio, pedagoxía e socioloxía.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.