NAUFRAXIOS CANGUESES ATA A CHEGADA DA DEMOCRACIA
Texto elaborado por Xerardo Dasairas Balsa, mestre xubilado e cunha dilatada traxectoria como investigador en diversos ámbitos.

O sardiñeiro Nueva Viví naufragou en Punta Subrido en 1962
Sobre as oito e media da tarde do 13 de febreiro de 1962, afundiría en Punta Subrido o barco sardiñeiro Nueva Viví de Cangas ao chocar con el o bou Julio Vieira de Vigo. Este mesmo barco, no que tamén ían tripulantes cangueses, rescataría a dez dos tripulantes que sobreviviran nadando e na chalana auxiliar.

A pesar da busca realizada polos gardapescas, acabarían afogados no mar, o patrón Narciso Rodríguez Refojos, o motorista Bernardo Rodal Vidal e os mariñeiros Ángel Martínez, José Soliño Bastos, Rafael Bonet Soliño, Evaristo Vilariño Rodal e Francisco Cordeiro Leiro que deixaron viúvas e fillos. A prensa destacaría a acción heroica de dous mozos superviventes que conseguiron rescatar coa chalana de a bordo a catro compañeiros.
Nos primeiros días de xaneiro de 1963 dase noticia da desaparición en augas do Gran Sol do mariñeiro Ángel Iglesias Marcos de 54 anos, ao varrelo unha grande onda da cuberta do pesqueiro Massó 28. O infortunado mariñeiro deixaría viúva e catro fillos.
O 15 de agosto deste ano cando faenaba na costa portuguesa o pesqueiro – baca Carolina Figueroa foi arrastrado polo aparello, o mariñeiro de Lubrei (O Hío) Serafín Martínez Piñeiro de 23 anos perecendo afogado a pesar dos esforzos dos seus compañeiros.
Na mañá do domingo 19 de abril de 1964 perecería afogado o mariñeiro de Aldán Fermín Vaqueiro de 54 anos cando pescaba. O seu corpo foi rescatado e levado a porto polo barco pesqueiro “Piedra” de Serafín Costas do Hío.
Cara a mediados de setembro desaparecería no mar Antonio Pereira Vieites de Darbo cando faenaba no pesqueiro Urroz en augas de Canarias.
En agosto de 1966 falecería de accidente en Peniche M. Martinez Piñeiro de Aldán cando faenaba no pesqueiro Charme e poucos días despois M. Martínez Hermelo, tamén de Aldán, quedou atrás (caeu ao mar por unha onda) cando faenaba no Praia de Lapamán.
No ano seguinte, o 6 de xuño, sería o arrastreiro ao bou Denís quen, ao rebentarlle o motor na altura de Sálvora, pagase o seu tributo ao mar, cobrando este as vidas de dez mariñeiros de distintos puntos da Rias Baixas, entre eles o cangués Adelino García Costas de 35 anos e casado.
O 10 de setembro de 1968 tería lugar en Cabo Home, mentres faenaban con mal tempo, o naufraxio da motora Ángel con tripulación de Meira da que só se salvaría un dos sete tripulantes. O 7 de maio de 1969 perdeu a vida ao caer ao mar Ángel Vaquero Pardavila, natural do Hío de 54 anos, cando faenaba no barco Pardavila entre Ons e a Toxa.
O ano 1970 foi funesto para a familia mariñeira canguesa
O 5 de xuño de 1970 falecería en accidente, o capitán de pesca Joaquín Mallo Martínez que contaba 38 anos de idade; o 9 de agosto chegan noticias de Ecuador sobre a morte de Jaime Molanes Tievo, mariñeiro de Cangas, solteiro de 22 anos, que traballaba no bacallaeiro vasco Playa de Bermeo e o 13 de decembro sería José García Malvido de 38 anos, casado e con dous fillos quen perecese abrasado nun incendio a bordo do barco de pesca Lequeitio I matriculado en Pasaia.
As tres da tarde do día 12 de febreiro de 1973, unha grande onda arrebatou da cuberta a catro tripulantes do Saudade que pescaba á parella no Gran Sol co “Cristo de la Victoria”, ambos con base en Vigo. Na busca só se pudo rescatar a un mozo mariñeiro de Bueu de 22 anos que faleceu no barco e entre os outros tres desaparecidos no mar figuraban o contramestre Ernesto Vilariño Sotelo de 32 anos, veciño de Cangas, casado e cun fillo e o mariñeiro Luis Iglesias Iglesias, tamén de Cangas, casado e con dous fillos. O terceiro desaparecido tamén era un mozo de Bueu de 16 anos.
Neste mesmo ano e ás catro da madrugada do día 7 de agosto, o petroleiro español Móstoles abordaría ao pesqueiro Harvest del Mar en augas de África do Sur, perecendo os seus catorce tripulantes, case todos galegos pois estaba participado por Pescanova. Entre os desaparecidos figuraban o engraxador Manuel Villar Castro e o mariñeiro Manuel Villar Sotelo, único cuxo cadáver foi rescatado na primeira busca.
A comezos de maio de 1974, altos cargos de Casa Mar desprázanse ao Piñero – Aldán para comunicarlle aos pais de Serafín Canosa Vidal, mozo de 23 anos, o seu falecemento en accidente en augas de Terranova

Este mozo partira enrolado o 9 de xaneiro no bacalloeiro Mar de los Sargazos (facía parella co Mar de África) e o seu corpo foi trasladado a Saint Pierre et Miquelon para a súa repatriación.
Na madrugada do 30 de xullo vai naufragar a sesenta millas de Villa Cisneros no Sahara español, o motopesqueiro conxelador Quo Vadis? perecendo 18 dos seus 22 tripulantes. Entre eles estaban dous de Moaña, un deles o segundo maquinista Jesús Soage Rodríguez, o patrón de pesca de Cangas Evaristo Fandiño Bermúdez de 58 anos, que deixa viúva e dúas fillas e o do marmitón Avelino Prieto Freire tamén cangués.

O 26 de agosto deste ano, outro barco da Sea Harvest Co., filial de Pescanova en África do Sur, foi abordado por un mercante liberiano cando recollían as redes ao mediodía. O Harvest Pluto, construído en Vigo, andaba á pesca da merluza á parella naquelas augas co Harvest Meteor. Dos seus catroce tripulantes desaparecidos, dez eran galegos e entre eles estaba o mariñeiro José Fernández Barreiro de 40 anos de Outeiro de Balea que deixaba viúva e dous fillos.

Despois de atracar en Cangas o pesqueiro Pino Ladra, que viña de Vigo de cargar xeo para saír á palometa, desapareceu sobres ás seis da tarde do mércores día oito de xaneiro de 1975, o mariñeiro Benito Vidal Broullón de 62 anos e veciño de Cimadevila.
Dous días despois, un dos mergulladores que o buscaba atopou o seu corpo preto do dique de abrigo e a causa deste tráxico desenlace foi atribuída a un accidente ou esvaecemento ao baixar do barco en último lugar. Deixa viúva e catro fillos.
A finais de marzo pereceu arrastrado por unha onda, o mariñeiro de Darbo, Juan Lemos González, casado de 38 anos, cando se dedicaba a recolleita de percebes en Donón. O seu corpo foi localizado por barcos que andaban na súa busca.
Naufraxios acaecidos durante a transición democrática
Sobre o naufraxio do San Martín, sucedido o 25 de agosto de 1977 non imos estendernos, remitindo aos lectores ao artigo xa reflectido anteriormente con motivo de se cumpriren corenta anos deste lutuoso, tráxico e sentido naufraxio no que o mar se cobrou once vidas. Nesta data tamén chegaría noticia desde Santa Cruz de Tenerife da morte en accidente laboral do mariñeiro cangués Manuel Gago Soliño.
O Marbel
E damos final a este memorando obituario, sempre incompleto, con outro naufraxio de grande magnitude como foi o do Marbel, ocorrido o 28 de xaneiro de 1978 ao lle estoupar o motor no medio dun forte temporal e esfarelarse contra os cantís das Cíes. Dos seus 36 tripulantes só salvarían nove (catro de Cangas) perecendo os outros 27, cantidade de vítimas que superaba en número ás xa habidas anteriormente na ria e que agora, baixo un sistema democrático, abriría de novo a polémica sobre os obsoletos sistemas de salvamento e seguranza marítimos.

As coberturas sociais e sanitarias para a xente do mar aínda deberían continuar evolucionando
En artigos anteriores recordabamos que coa creación dos pósitos, os afiliados a estas entidades comezarían a contar cun seguro que contemplaba os casos de morte por accidente, aínda que moi escaso na súa indemnización, e o de afogamento que era o máis frecuente, aínda máis precario.
Coa chegada da República crearíase o Instituto Social de la Marina pero pouco había de mudar esta situación e mesmo podemos constatar como en 1931, o delegado en Cangas da Caja Regional del Patronato de la Vejez del Marino, José Rodríguez Rivera, seguía entregando libretas anuais de escasa pensión vitalicia (365 pts./ano) a algúns mariñeiros, pensións anuais (25/50 pts.) ou escasos donativos.

En maio de 1934 quedou constituída a Mutualidad de Accidentes del Mar y del Trabajo pedindo a mariñeiros e armadores a súa afiliación pois a partir desta ningún barco e tripulantes poderán saír do porto sen acreditar a súa pertenza a unha mutua (podía ser privada) e ter as cotas ao día.
A finais de 1935 denúncianse conivencias e incluso unha trama entre armadores e mutuas, pedindo que se permita que os mariñeiros escollan onde curarse das súas doenzas.
Xa na época franquista, promulgaríase un decreto en setembro de 1943 que contemplaba unhas Normas para la Aplicación del Régimen Especial de Seguros Sociales Obligatorios en las Actividades de la Pesca.
Baixo o paraugas do Ministerio de Traballo e cun convenio entre o Instituto Nacional de Previsión e o Instituto Social da Mariña créanse novos subsidios familiares, de vellice, de paro de viuvedade… pero moi complicados de outorgar pois aínda seguían imperando entre armadores e mariñeiros, os chamados convenios ás partes…
Na actualidade e a parte doutras indemnizacións que non teñan solapamento con esta, a Xunta de Galicia, máis recentemente (setembro 2019) ten estimado un subsidio de 3.000 € para a parella da ou do falecido no mar e 1.000 € por cada fillo, afectándolle isto a todos os mariñeiros galegos que naveguen en barcos de calquera bandeira. Os mariñeiros estranxeiros que naveguen en barcos galegos e as/os mariscadores e bateeiros tamén están cubertos polo mesmo subsidio.
Nos últimos trinta anos, os operativos de salvamento teñen mellorado moitísimo a respecto das épocas que viñemos relatando, con medios, materiais e sistemas de seguridade, alerta e comunicación.
Agora, todos os barcos de máis de quince metros deberían estar, en teoría, localizados por satélite mediante o sistema AIS (Automatic Identification System) que permite localizar, identificar e coñecer o rumbo e velocidade das embarcacións conectadas. Mais, a pesar disto, os océanos, mares e rías aínda continúan a cobrarse, sen lugar nin data concretos, o seu tributo inapelable de vítimas humanas, ás cales, desde aquí, quixemos render a nosa particular lembranza e homenaxe.

Xerardo Dasairas Balsa
Diplomado en Filoloxía por Maxisterio, exerceu como mestre en Cangas do Morrazo. Dende 1978 ven colaborando en prensa e revistas de Galicia con artigos referentes a etnografía, historia, arqueoloxía, patrimonio, pedagoxía e socioloxía.
-
Xerardo Dasairas Balsa#molongui-disabled-link20/05/2024
Deixa a túa resposta