TRAXEDIAS NO MAR DURANTE A II REPÚBLICA (1931-1936)

Texto elaborado por Xerardo Dasairas Balsa, mestre xubilado e cunha dilatada traxectoria como investigador en diversos ámbitos.

O naufraxio da traiñeira Dolores deixou cinco falecidos

Durante o período republicano tamén sucederon tráxicos naufraxios con mariñeiros cangueses como protagonistas. Xa andando os comezos de Novembro do 1931, concretamente o día 6, produciríase nos baixos dos Castros en Liméns o naufraxio da Dolores, unha traiñeira a motor con cinco tripulantes a bordo. As vítimas serían o patrón Antonio Refojos Rodríguez O Traila de 42 anos, os seus fillos Manuel e José de 25 e 19 anos e os mariñeiros Casimiro González Tievo de 20 anos e Maximino Portela de 24.

O patrón deixaría viúva e seis fillos. Como adoitaba reaccionarse nestes casos, poríanse en marcha os mecanismos solidarios, organizándose desde o sindicato Alianza Marinera unha comisión cidadá encargada de recadar cartos para axuda das familias das vítimas que chegarían tamén desde outras asociacións sindicais e cívicas, empresas, personaxes públicos, partidos políticos e de varios actos benéficos como o partido de fútbol entre o Alondras e membros da tripulación do acoirazado Miguel de Cervantes comandado por Álvaro Guitián.

A motora Azaña naufragou entre as illas de Sálvora e Ons

O 4 de agosto do 1932, ás tres da madrugada, produciríase entre as illas de Sálvora e Ons, o naufraxio da motora gasolineira Azaña do armador José Iglesias que con 24 tripulantes retornaba a porto cargada de sardiña.

Navegaba entre mar grosa e arreciando o vento norte cando un forte refacho e unha grande onda envorcaron o barco, arrastrando o aparello a seis dos tripulantes cara ao fondo.

O TRIBUTO HUMANO DE CANGAS AO MAR

Os dezaoito restantes nadan cara ao barco xa coa quilla ao ar, asíndose e encaramándose á mesma. Ás sete da mañá xa só ficaban catro sobreviventes, exhaustos polos embates do mar e desesperanzados ao ver como ningún barco acudía na súa axuda.

Nunha estraña manobra do mar, o barco recupera a flotación e ao mesmo conseguen subir tres pois o cuarto, xa sen forzas, é arrastrado polas ondas. Ante isto, o patrón lánzase ao mar tentando rescatalo pero tamén había perecer no intento.

Os dous restantes aínda conseguirían aguantar ata as sete da mañá do sábado, transcorridas 52 horas desde o naufraxio, en que os avista o vapor noruegués Kert-Ledre e procede ao seu rescate.

Pouco máis de dúas horas despois, serían traspasados ao bou Santiago Rusiñol que remolcaría a motora e traería aos sobreviventes a Vigo a onde chegaron ás cinco da tarde sendo recollidos logo por unha lancha que os foi buscar desde Cangas.

Bernardino Graña Refojos, pai do poeta do mar Bernardino Graña Villar, nun emotivo artigo titulado “Cangas, la nueva dolorosa del mar” apela á solidariedade coas nais e pais anciáns ou enfermos, coas viúvas e cos fillos, denunciando asemade o estado de depauperación existente entre a grande familia mariñeira da vila.

O TRIBUTO HUMANO DE CANGAS AO MAR

Tamén inmediatamente se organizaría un movemento a prol dos damnificados, conformado pola Corporación municipal, o cura, o xuíz municipal, os sindicatos, a patronal, os partidos políticos, o comercio e os industriais e fabricantes para nomear unha comisión que se encargase de recadar diñeiro para as familias das vítimas e aliviar a súa fame e miseria.

Os actos e doazóns foron moitos e importantes con moita participación activa, implicándose o Ministerio de Mariña, sociedades de Vigo promovendo festivais e partidos de fútbol, chegando donativos aínda meses despois do naufraxio.

O TRIBUTO HUMANO DE CANGAS AO MAR
Artigo da época sobre a situación na que quedaban as familias logo dos tráxicos naufraxios.

No 17 de febreiro de 1933 envorcaría na ría de Aldán a chalana Engracia Justa con seis tripulantes cando ían embarcar na motora Plus Ultra para saír a pescar. No traxecto, a chalana con demasiados pasaxeiros, perdeu a estabilidade e inundouse, perecendo afogados José Soliño Sotelo de 24 anos, natural de San Pedro e Genaro Ares Cabaleiro de 21, veciño de Aldán.

Na madrugada do día 26 de maio do 1933, no final do lockout (paro) dos armadores, chegaría a Cangas a triste noticia de que o Julia González que andaba á sardiña, tivera a desgraza de perder un dos seus homes. Ocorreu na noite do devandito día e cando se dispuñan a subir a bordo da chalana para realizaren a manobra de virada da rede, o mariñeiro Agustín González Sotelo tivo a mala fortuna de dar un traspés e caer ao mar.

As versións do accidente foron moi contraditorias e especulouse incluso sobre unha abordaxe da mesma polo barco, que botaría ao mar aos seus tres tripulantes, sendo que un deles sería arrastrado polas turbulencias da hélice.

O caso pasaría a mans do xuíz municipal que determinaría as circunstancias do accidente e de aceptar a versión oficial, os familiares só percibirían os escasos beneficios do Seguro de Afogamento e non os que debería achegar por morte o Seguro de Accidentes do Traballo, tantas veces reivindicado polos sindicatos mariñeiros.

O 5 de decembro do mesmo ano, perecería afogado o mariñeiro Saladino Fernández Iglesias para cuxos familiares iniciaría unha subscrición o Pósito de Darbo que contaría coa colaboración do Concello e doutras forzas sociais representativas na Vila.

O TRIBUTO HUMANO DE CANGAS AO MAR
Mulleres agardando a volta dos barcos no medio dunha galerna.

Outro dos naufraxios máis recordados durante a II República foi o da traiñeira Josefa

Na madrugada do 9 de abril do 1934 tería lugar o naufraxio da traiñeira Josefa patroneada por Joaquín Bamio. Desde o día anterior xa se botara de menos a súa presenza no porto cangués, creándose a lóxica inquedanza polos seus cinco tripulantes, dado o mal tempo reinante.

Poucos días despois na Costa da Vela, preto do Facho, localizaríanse utensilios pertencentes á mesma, pensándose xa na morte dos seus tripulantes. O día da súa partida desatárase un forte temporal que ademais iría empeorando por momentos.

Horas de tensión e de anguria desesperadas, acumularíanse no peirao de Cangas. Algunhas noticias esperanzadoras situaran a esta embarcación acollida en Bueu mais os restos dunha traiñeira atopados nas Cíes virían confirmar o tráxico desenlace dos seus cinco tripulantes que deixaban viúvas e vinte orfos.

O TRIBUTO HUMANO DE CANGAS AO MAR

Os mortos resultantes deste naufraxio serían o patrón Joaquín Bamio Pérez de 44 anos e casado con Elisa Santos Germade, sostiña co seu traballo á súa nai anciá e a oito fillos máis, un dos cales, o maior de 19 anos perecería tamén; Alfonso Núñez Soto de 36 anos, casado con  Josefa Piñeiro e con seis fillos; Jesús Santos Germade de 33 anos, casado con Cecilia Graña había  apenas catro meses e Francisco Broullón Malvido de 33 anos, casado con Concepción Paredes Rodal, con tres fillos e outro en camiño.

E de novo os actos solidarios de persoeiros sociais e políticos, de empresas, de sindicatos mariñeiros, da patronal, dos pósitos, dos conserveiros e de festivais benéficos para axudas das familias das vítimas, intervindo por primeira vez o Instituto Social da Mariña a través do Pósito.

Neste período de tempo tamén habería que lamentar a finais de abril a morte do percebeiro de Darbo, Angel Hermo Sotelo de 30 anos que fora arrebatado por unha forte onda mentres faenaba.

O naufraxio da chalana Amalia deixaría dúas familias orfas

Cando aínda non se extinguira a dor polos náufragos da Josefa e polo percebeiro morto, produciríase o 2 de maio do mesmo ano 1934, a traxedia da chalana Amalia que deixaría a dúas familias orfas. Ángel Soto e Ángel Casás Freire, de 51 e 53 anos respectivamente, serían os mortos neste novo naufraxio cuxos restos buscaría infrutuosamente o vapor Capitán Arana que tiña saído do peirao de Cangas na súa busca.

A solidariedade volvería a mostrarse tamén neste caso, acudindo esta vez en primeira axuda dos damnificados o secretario xeral dos pósitos, señor Costa Alonso, quen procedería a doarlle cen pesetas a cada familia (200 total), subministradas como no caso do naufraxio anterior polo Instituto Social da Mariña.

O TRIBUTO HUMANO DE CANGAS AO MAR
D. José Costa Alonso, unha figura moi relevante na constitución e xestión do Pósito de Moaña que despois tivo varios postos de responsabilidade nese ámbito a nivel nacional.

Nestas datas, a estatística de naufraxios de embarcacións de Cangas xa contabilizaba durante o último ano e medio, unha cifra de 37 mariñeiros desaparecidos no mar.

Algunhas veces, as menos, os tripulantes das embarcacións terían a grande sorte de seren rescatados como lle acontecera, tamén a comezos de maio, a dous náufragos dunha chalana que conseguiran manterse sobre a quilla da embarcación ata que foron rescatados polo vapor Alegría.

Desta, o patrón do barco de pasaxe, José Lloréns e o inspector José Fervenza lograrían izalos a bordo lanzándolle uns cabos e subministrándolle deseguida roupas secas. Noutros casos eran a sorte e a pericia dos patróns e mariñeiros quen conseguirían evitar o afundimento do barco.

Así lle acontecería ao vapor Pablo Iglesias e aos seus 22 tripulantes que nos comezos de maio de 1934 e co mar embravecido, sería barrido por unha onda que lle levaría todo o aparello e máis a chalana de a bordo. Xa a punto de írense a pique, o patrón Joaquín Blanco conseguiría salvar o barco grazas ás hábiles manobras realizadas.

En 1934, un forte temporal afectaría a parte da frota amarrada e provocaría o derrubo de casas no barrio do Forte

O día 11 de decembro de 1934, o forte temporal reinante provocaría o derrubo de casas no barrio do Forte e faría que moitos barcos rompesen amarras e batesen contra os muros do peirao de Cangas sufrindo danos.

As casas máis afectadas serían as da familia de Rafael Cabral a quen os veciños axudarían a salvar boa parte dos seus enseres. Ante isto, todas as olladas e análises se dirixirían cara o proxectado muro do Forte que xa levaba un ano parado sen que ninguén tomase cartas no asunto. O gobernador Diego Fernández Gómez, ante a chuvia de críticas que se lle aveciñaba, anticiparíase co anuncio dunha proposta de medidas para estes casos.

O TRIBUTO HUMANO DE CANGAS AO MAR
Temporal no Forte en 1934.

Non pretendemos saírnos do noso relatorio local pero é necesario deixar constancia pola repercusión en Cangas, do naufraxio da lancha 4 Hermanos de Moaña ocorrido en xaneiro do 1935 causando a morte de seis dos tripulantes, abrindo unha subscrición o Concello para axuda das familias damnificadas.

O 10 de febreiro deste ano, ao terse producido o afundimento do vapor República de Bouzas, tería lugar na ria unha impresionante manifestación de barcos de todos os portos da Ría para denunciar a inseguridade e as condicións deste traballo, tributándolle aos mortos unha homenaxe fronte a Cabo Home, lugar do naufraxio.

A mediados de agosto deste mesmo ano afundiríase por impacto contra o peirao de San Esteban de Pravia en Asturias, o boniteiro Méndez Núñez de Vigo. Oito dos tripulantes, entre eles tres cangueses, salvaron, morrendo cinco homes, un deles Ángel Fernández, mozo solteiro tamén de Cangas.

O TRIBUTO HUMANO DE CANGAS AO MAR
Barco de pesca no porto de Cangas en xullo de 1935.

A mediados de agosto deste 1935 naufragaría nas Cíes a gamela Abecede cando os irmáns José e Álvaro Mariño apañaban mexillón nunhas rochas. Un golpe de mar botou fora da barca ao José que conseguiu agarrarse a unha rocha, mais outra forte onde conseguiu arrastralo, afogando ante a impotencia do seu irmán que non sabía nadar.

O 9 de febreiro do 1936, cando o vapor Rodríguez Neira 2 de Bouzas navegaba  entre Cíes e Biduidos con forte marexada, un golpe de mar arrancaría da cuberta ao cangués Julio Iglesias Chapela. Despois dunha busca infrutuosa, o náufrago foi dado por perdido deixando en Coia, onde residía, viúva e dous fillos en cuxa axuda acudiría, entre outros, o Concello de Cangas.

O TRIBUTO HUMANO DE CANGAS AO MAR
Julio Iglesias Chapela

As compañías aseguradoras desta época eran moi reticentes a asegurar o traballo no mar, polo que o goberno republicano creou unha Mutualidade de Accidentes do Mar e do Traballo 

Outro punto en cuestión era a inexistencia de seguros entre os traballadores do mar, situación que aínda empezaría a ser denunciada polos  sindicatos e diversos xornais a comezos de 1930, facéndose eco da exclusión dos mariñeiros pescadores das leis de accidentes do traballo no mar que non lles deixan aos familiares destes máis que dor e loito.

Para entender esta situación temos que aclarar que a mesma, viña dada polo vello réxime de traballar ás partes cos armadores e patróns, que defendían este sistema para non asumir o risco de custosas indemnizacións no caso de accidentes ou mortes no traballo pois as febles compañías aseguradoras desta época eran moi remisas a asegurar o que consideraban un traballo perigoso.

Xa que logo, os mariñeiros que querían traballar tiñan que aceptar o faenaren ás partes, renunciando, ás veces sen sabelo, a calquera tipo de indemnización por accidente ou morte xa que este sistema implicaba legalmente ser copartícipes do negocio, é dicir socios e non asalariados.

O 26 de febreiro de 1930 nacería o Instituto Social de la Marina como herdeiro do que desde 1919 era a Caja Central de Crédito Marítimo e uns meses despois, desde o mesmo e ligado aos pósitos, xa se tiña promovido unha “Asociación Nacional Mutua de Riesgo Marítimo de las Embarcaciones”.

Aínda así, desde o I.S.M. terían que admitir, ao pouco, que tan nobres esforzos non conseguiron o resultado desexado pois foron escasos os armadores que se inscribiron nesta Mutualidad de Riesgo Marino, ademais da oposición das nacentes organizacións sindicais, ás políticas dos pósitos.

Aínda que con incumprimentos iniciais desde abril de 1930, as confrarías da ría de Vigo e Aldán comezarían a implantar o descanso dominical nos barcos de pesca. Mais, había ser o goberno republicano quen o 20 de novembro de 1931 puxese en marcha unha Mutualidade de Accidentes do Mar e do Traballo coa que tentaba cubrir o déficit histórico nesta materia.

O TRIBUTO HUMANO DE CANGAS AO MAR
Recreación xenerada mediente IA dunha homenaxe aos náufragos na Ría de Vigo.
Xerardo Dasairas Balsa
+ artigos

Diplomado en Filoloxía por Maxisterio, exerceu como mestre en Cangas do Morrazo. Dende 1978 ven colaborando en prensa e revistas de Galicia con artigos referentes a etnografía, historia, arqueoloxía, patrimonio, pedagoxía e socioloxía.

Un comentario

  1. O tributo humano de Cangas ao mar (V) » A Illa dos Ratos

    […] feita con IA na que vemos as mulleres no peirao agardando noticias dun naufraxio. CAPÍTULO ANTERIOR SEGUINTE CAPÍTULO RUTA "CANGAS E O […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.