TRAXEDIAS CON MELLOR COBERTURA SOCIAL (1927-1932)

Texto elaborado por Xerardo Dasairas Balsa, mestre xubilado e cunha dilatada traxectoria como investigador en diversos ámbitos.

A finais de xaneiro de 1927, un barco de Redondela que traballaba fronte á fabrica de Cervera, sacou nas redes o corpo de Antonio Rodríguez de Coiro que tiña desaparecido no mar o 22 decembro de 1926 cando pescaba na traiñeira Carme.

Polo Nadal deste ano tamén tivo lugar o naufraxio da traiñeira Teresa de Tirán, falecendo os tripulantes Antonio e José Rodríguez, Francisco Ramos e José Comesaña.

O 29 de xuño deste mesmo ano, a traiñeira Paso libre de Cangas quedou sen motor nunha zona das Cíes chamada Xuiras á tres e media da madrugada e a forte mar reinante fíxoa encallar nas rochas. Tentando liberala, con remos e paus, caeu ao mar o seu patrón Eduardo Lorenzo Bernárdez que se perdeu nas frías augas da noite.

O resto dos tripulantes salvaríanse pois un novo golpe de mar soltou o barco e inesperadamente o motor volveu funcionar, volvendo a Cangas taponando con roupas a brecha aberta. Unha chalana con oito homes e o vapor Antonio de Cangas buscaron sen éxito ao patrón cuxo corpo sería atopado en Alcabre dez días despois.

Na madrugada do 18 de novembro e na altura de Cabo Silleiro, sería o vapor María quen perdese nun golpe de mar a Graciano Martínez Santaclara de 18 anos que caeu ao mar arrastrado polo aparello cando facía garda.

Remigio Herbello Barreiro perecería afogado nos cantís da Costa da Vela, nos arredores do Facho, cando a comezos de febreiro de 1928 andaba na recolleita de percebes co seu cuñado que cando o foi buscar non o atopou, deducindo que a forte resaca o tiña levado mar adentro.

A finais de maio deste mesmo ano, o vapor Que dicen?, que fora reflotado despois do anterior accidente, foi abordado pola proa polo vapor Laurita cando estaba largando as redes na altura de Figueiro. Dous homes caeron ao mar e a un salvouno o vapor Cantabria 2º pero o outro, Eliseo Parcero Costas de Coiro e con 17 anos, pereceu afogado.

O 22 de novembro, Ángel Nobé, tripulante da embarcación Eva, falecería do impacto contra as rochas cando andaban a pescar polbos cun forte temporal.

A finais de xaneiro de 1930, unha forte galerna furacanada asolaría varios días as costas e portos, producindo numerosos danos en terra e no mar

As perdas materiais foron enormes e moitas embarcacións quedaron danadas ao soltaren amarras, afectándolle pola súa situación en maior medida aos portos de Bouzas e Bueu.

Numerosos barcos e motoras que sairan a faenar atopáronse en dificultades e algúns como o Weyler 8, Constante, Mª del Carmen, Pionia (Redondela), Celia (Marín)… acabarían naufragando, sumando un elevado número de rescates e 42 vítimas.

O TRIBUTO HUMANO DE CANGAS AO MAR
O “Weyler 8” xunto a imaxe de Ángel Carracelas, un dos falecidos de Darbo a causa da galerna.

Entre estas mortes houbo que lamentar tamén as de Ángel Carracelas Rodríguez de Darbo, fogueiro do Montenegro 8 que deixou muller e seis fillos, Claudino González González de Darbo, residente en Panxón e Alejandro Barreiro Blanco, fogueiro, solteiro e tamén de Darbo, ambos tripulantes do Ángel Manuel e máis outro tripulante morto, enrolado no Montenegro 7, do que só se soubo que era do Forte e que estaba para casar.

O TRIBUTO HUMANO DE CANGAS AO MAR
Claudino González, tripulante do “Ángel Manuel”.

Ademais da coincidencia de oficio e de lugar de orixe, todos tiñan en común a extrema pobreza na que se desenvolvían as súas vidas e familias, algo moi común a todos os mariñeiros nestas datas.

O 26 de febreiro de 1930, na altura das Sisargas, colisionaron dous vapores de pesca polo mal estado do mar, afundíndose un deles, o Pepe, do que era fogueiro o cangués de Balea, José González González de 47 anos.

Mentres os seus compañeiros se salvaron, este foise ao fondo por terse asegurado cunha corda para que non o levasen as fortes ondas reinantes. Deixa viúva a Encarnación Fernández Lemos con seis fillos que quedaron sen o principal sustento.

O TRIBUTO HUMANO DE CANGAS AO MAR
Familia de José González de Darbo, falecido no naufraxio do Pepe.

A finais de setembro deste ano morreu afogado José Martínez de Darbo cando por forte golpe de vento na vela, envorcou o bote no que andaba aos percebes en Subrido xunto con dous compañeiros que foron recollidos por unha motora de Aldán.

Durante o período republicano tamén sucederon tráxicos naufraxios con mariñeiros cangueses como protagonistas

A traiñeira Dolores

Xa andando os comezos de Novembro do 1931, concretamente o día 6, produciríase nos baixos dos Castros en Liméns o naufraxio da Dolores, unha traiñeira a motor con cinco tripulantes a bordo. As vítimas serían o patrón Antonio Refojos Rodríguez O Traila de 42 anos, os seus fillos Manuel e José de 25 e 19 anos e os mariñeiros Casimiro González Tievo de 20 anos e Maximino Portela de 24.

O patrón deixaría viúva e seis fillos. Como adoitaba reaccionarse nestes casos, poríanse en marcha os mecanismos solidarios, organizándose desde o sindicato Alianza Marinera unha comisión cidadá encargada de recadar cartos para axuda das familias das vítimas que chegarían tamén desde outras asociacións sindicais e cívicas, empresas, personaxes públicos, partidos políticos e de varios actos benéficos como o partido de fútbol entre o Alondras e membros da tripulación do acoirazado Miguel de Cervantes comandado por Álvaro Guitián.

A motora Azaña

O 4 de agosto do 1932, ás tres da madrugada, produciríase entre as illas de Sálvora e Ons, o naufraxio da motora gasolineira Azaña do armador José Iglesias que con 24 tripulantes retornaba a porto cargada de sardiña.

Navegaba entre mar grosa e arreciando o vento norte cando un forte refacho e unha grande onda envorcaron o barco, arrastrando o aparello a seis dos tripulantes cara ao fondo.

O TRIBUTO HUMANO DE CANGAS AO MAR

Os dezaoito restantes nadan cara ao barco xa coa quilla ao ar, asíndose e encaramándose á mesma. Ás sete da mañá xa só ficaban catro sobreviventes, exhaustos polos embates do mar e desesperanzados ao ver como ningún barco acudía na súa axuda.

Nunha estraña manobra do mar, o barco recupera a flotación e ao mesmo conseguen subir tres pois o cuarto, xa sen forzas, é arrastrado polas ondas. Ante isto, o patrón lánzase ao mar tentando rescatalo pero tamén había perecer no intento.

Os dous restantes aínda conseguirían aguantar ata as sete da mañá do sábado, transcorridas 52 horas desde o naufraxio, en que os avista o vapor noruegués Kert-Ledre e procede ao seu rescate.

Pouco máis de dúas horas despois, serían traspasados ao bou Santiago Rusiñol que remolcaría a motora e traería aos sobreviventes a Vigo a onde chegaron ás cinco da tarde sendo recollidos logo por unha lancha que os foi buscar desde Cangas.

Bernardino Graña Refojos, pai do poeta do mar Bernardino Graña Villar, nun emotivo artigo titulado “Cangas, la nueva dolorosa del mar” apela á solidariedade coas nais e pais anciáns ou enfermos, coas viúvas e cos fillos, denunciando asemade o estado de depauperación existente entre a grande familia mariñeira da vila.

O TRIBUTO HUMANO DE CANGAS AO MAR

Tamén inmediatamente se organizaría un movemento a prol dos damnificados, conformado pola Corporación municipal, o cura, o xuíz municipal, os sindicatos, a patronal, os partidos políticos, o comercio e os industriais e fabricantes para nomear unha comisión que se encargase de recadar diñeiro para as familias das vítimas e aliviar a súa fame e miseria.

Os actos e doazóns foron moitos e importantes con moita participación activa, implicándose o Ministerio de Mariña, sociedades de Vigo promovendo festivais e partidos de fútbol, chegando donativos aínda meses despois do naufraxio.

O TRIBUTO HUMANO DE CANGAS AO MAR
Artigo da época sobre a situación na que quedaban as familias logo dos tráxicos naufraxios.

Coa implantación dos pósitos, os mariñeiros podían acceder a créditos, gozar dunha mutualidade de accidentes e dun retiro na súa vellez

O interese polos caladoiros, a demanda de información sobre os mesmos e a procura da mellor posta levarían moitas veces ás numerosas colisións que se detectan, sobre todo nas primeiras décadas do século XX.

Unha práctica habitual nestes tempos era o chamado “matute”, un acordo cos mariñeiros polo que estes recibían dúas de cada dez cestas de sardiña ou o importe das mesmas por parte das fábricas.

Houbo intentos de facer que esta remuneración en especie (revendible) pasase por lonxa pero os mariñeiros negaríanse pois con isto non só perderían un 5% do seu valor senón que terían que pagar o imposto municipal.

Durante a Ditadura de Primo de Rivera e coa implantación dos pósitos de pescadores impulsados por Alfredo Saralegui en 1923, ábrense para os asociados as Caixas de Crédito para préstamos, Mutualidade de accidentes para decesos e enfermidades e un servizo de farmacia, creándose tamén o chamado Seguro de Vejez ou de Retiro de los Trabajadores del Mar.

Este seguro, en réxime obrigatorio, vai estar tutelado polo Instituto Nacional de Previsión e dependente da Caja Central del Crédito Marítimo que anualmente celebraba as chamadas Homenajes a la Vejez del Marino, onde cada Patronato Local (pósito) procedía a facer entregas de cadernos de pensións e donativos.

Os mesmos pósitos estableceron un chamado Seguro Mutuo de Ahogamiento de escasa contía pero non todos os mariñeiros estaban afiliados a estas entidades e cada vez que ocorría un naufraxio, eran moitas as voces que demandaban maior seguranza no mar, aludindo á precariedade das instalacións portuarias, á falta de balizamentos na ría e á carencia de medios de salvamento, poñéndose tamén en cuestión que as autoridades permitisen a saída ao mar en condicións adversas debido á presión patronal e a necesidade dos mariñeiros.

A demanda dun buque de salvamento con base en Vigo xurdía cada vez que se producía un naufraxio e demandábase das confrarías, sociedades de armadores e de mariñeiros o seu mantemento cunha achega sacada do monte maior da pesca antes da poxa da mesma.     

Xerardo Dasairas Balsa
+ artigos

Diplomado en Filoloxía por Maxisterio, exerceu como mestre en Cangas do Morrazo. Dende 1978 ven colaborando en prensa e revistas de Galicia con artigos referentes a etnografía, historia, arqueoloxía, patrimonio, pedagoxía e socioloxía.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.