SOLIDARIEDADE FRONTE Á CARENCIA DE SEGUROS (1916-1926)

Texto elaborado por Xerardo Dasairas Balsa, mestre xubilado e cunha dilatada traxectoria como investigador en diversos ámbitos.

Un período no que as familias dos mariñeiros afectados por un naufraxio contaban unicamente coa solidariedade social ante a carencia de seguros que lle desen cobertura

A desaparición dos Gremios de Mar en 1864 vai reducir o panorama asociativo no sector pesqueiro, restándolle posibilidades de supervivencia aos pescadores polo labor benéfico e de «ordenación dos recursos» que desenvolvían.

A finais do XIX van aparecer as primeiras asociacións de mariñeiros en Cangas e Aldán cun carácter máis reivindicativo do laboral que do social e que van evolucionar cara ao sindicalismo en 1914 ao se fundar a Alianza Marinera.

A pesar de isto, o asunto dos seguros seguía sendo unha cuestión particular, lastrada polas posibilidades persoais, existindo en Cangas unha Sociedad de Socorros Mutuos de Pescadores presidida por Antonio Camaño Martínez (patrón) que tamén contaba con médico.

Xa cara a 1924, baixo a ditadura de Primo de Rivera desactivaríanse os sindicatos e establécense os Pósitos de Pescadores, sociedades mixtas de mariñeiros e armadores que arelaban a mellora das súas condicións de vida.

Ademais das cuestións laborais e da extensión cultural, van establecer os socorros e seguros baixo o paraugas da Caja Central del Crédito Marítimo dependente do Ministerio de Marina.

O Patronato de la Vejez del Marino (1913), activo en Cangas, desde 1927 tamén outorgaba axudas no caso de mariñeiros retirados e con necesidades monetarias, aínda que as súas contías mensuais eran baixas pois dependía das doazóns de empresarios, comerciantes e particulares.

O TRIBUTO HUMANO DE CANGAS AO MAR
Homenaxe do Patronato de la Vejez del Marino ou Caja Central del Crédito Marítimo (Cangas, 1925)

Mais, a pesar da existencia da Caja Central del Crédito Marítimo ou do Padroado da Vejez del Marino os únicos seguros efectivos eran os que os armadores lle facían ao barco sen ter en conta para nada ás súas tripulacións que nalgúns casos, minoritarios, contaban con algún seguro de afogamento ou dos pósitos.

Xa que logo, e como se pode deducir polos relatorios, estes seguros de pouco servían pois ao se ter noticias dun naufraxio, a primeira reacción vaise dar no tecido social, ligado maioritariamente ao ámbito do mar, producíndose un estado inicial de angustia e preocupación, mobilizándose a colectividade mariñeira en demanda de información sobre acontecido para transmitirlle aos familiares e amigos as boas ou malas novas.

E de confirmárense os lutuosos datos xa so quedaba poñer de novo en marcha como único recurso, o mecanismo solidario coas familias das vítimas, evidenciando ao mesmo tempo unha inexistente protección social nos traballadores do mar que se había prolongar durante anos, a pesar da frecuencia destes tráxicos episodios.

Son os xornais, a través dos seus editoriais, e os columnistas coñecedores do tema quen adoitan denunciar as precariedades, falta de seguranza e condicións de traballo dos mariñeiros suxeitos, paradoxalmente, non aos criterios dos patróns de costa senón ao dos patróns de pesca que eran con quen acordaban o enrolamento.

Tiñan estes tal predicamento e mando no barco que as faenas e manobras de pesca, o uso das artes e artimañas (dinamita) e incluso o goberno do barco estaban da súa man podendo incluso cesar ao capitán se era contradicido.       

O naufraxio do Hércules I e do Africa sucedeu en 1916 debido ao estado do mar e dunha fatal manobra

Era este un vapor con base en Bouzas que saía cara os caladoiros portugueses na noite do 23 de novembro de 1916, navegando a pouca distancia del, o Maruja, coa mesma orixe e dirección.

Arredor das once e media da noite, na altura de San Miguel de Oia, o Hércules Nº 1 construído en 1908 e armado por Félix Correa e Gabino Freire, cruzouse co África e mailo Europa que navegaban xuntos no retorno dos caladoiros de Leixoes cara a Bouzas.

Entón, o patrón do Hércules decidiu achegarse ao África, que pertencía ao armador Miguel Márquez, para preguntarlle como era habitual, que tal lles fora a ceifa, pois estes barcos aínda non contaban con radio.

O estado do mar e unha falsa e fatal manobra provocarían que o África, patroneado por José Márquez, fillo do armador, embestise ao Hércules no centro do costado de babor, abríndolle unha gran brecha pola que entrou o mar, botando a pique o barco en poucos minutos.

O TRIBUTO HUMANO DE CANGAS AO MAR
Abordaxe do Hércules en 1916.

O África, coa proa esnaquizada comezou a tocar a buguina demandando axuda e aínda aguantaría a flote case unha hora, permitindo que a súa tripulación de 36 homes fose rescatada polo Maruja.

Durante un tempo, o capitán e o maquinista tentaron salvar o barco pero ao rebentar os mamparos do caixón do peixe xa todo foi inútil, póndose a salvo ante o temor da explosión da caldeira.

Mentres tanto, o Europa afanábase en rescatar aos sobreviventes do Hércules pois máis da metade da tripulación marcharan co barco ao fondo ao iren durmindo. Despois dun arduo labor de tres horas, conseguiron rescatar a quince tripulantes dos que sete eran de Bouzas e localidades próximas, e oito do Morrazo: Emilio Seijo de Cangas (patrón), Juan Cosco Malvido, José Pena e Avelino Fdez. Sotelo de Coiro, Antonio Millán de Aldán, Antonio González de Darvo e Eugenio Nores e Julián Bravo de Marín.

Sobre as dúas da noite, estes homes foron traspasados ao Maruja que enfilou cara Bouzas con todos os sobreviventes, mentres o Europa seguiu ruta cara aos caladoiros portugueses.

Xa que logo, como viña sendo habitual, para a achega de recursos monetarios aos familiares das vítimas do Hércules Nº 1, o Concello de Cangas, presidido por Manuel Cabanelas, o sindicato Alianza Marinera e a Sociedade de Armadores demandarían das autoridades de Mariña, das sociedades homólogas e dos xornais de Vigo e Pontevedra actos solidarios individuais e colectivos que permitisen recadar diñeiro para este fin.

Nin que dicir tén que a resposta foi inmediata, organizándose recadacións en comercios e empresas coa banda de música, actuacións musicais, teatrais, de cine… importantes achegas de cartos de recoñecidos persoeiros e numerosas achegas máis humildes de moitos cidadáns.

O TRIBUTO HUMANO DE CANGAS AO MAR

Houbo numerosos naufraxios con mariñeiros de Cangas

Por estas mesmas datas de finais de novembro tamén naufragaría a lancha do xeito Manuela, fronte a cabo Subrido. Ía tripulada por Juan Costas e Manuel e José Outeiral, perecendo afogado este último sen que os outros puidesen facer nada por el.

O primeiro de ano de 1917 e na altura de Leixões, produciríase o afundimento do vapor de Cangas Has de Vir por abordaxe do vigués Jaime que conseguiría rescatar aos seus 28 tripulantes.

A mediados de setembro deste mesmo ano perdería a vida ao caer ao mar entre unha espesa néboa, o tripulante do vapor Europa 2 de Cangas, Rafael Giráldez García de 20 anos e solteiro.

A mediados de outubro de 1918 e despois de recoller o aparello cando pescaban na altura do Faro de Aveiro, o vapor “Albatros” de Vigo golpeou á gamela auxiliar na que estaban dous mariñeiros axudando na operación e ambos caeron ao mar. O barco parella deste, o “Unión”, achegouse podendo rescatar só a un deles, perecendo afogado Serafín Queirós Lorenzo de Aldán de 34 anos, casado e con tres fillos.

E o mar non lle daría respiro á familia mariñeira nunha continua pingueira de vítimas, esta vez o día 13 de xaneiro de 1919 ao se afundir nas Cíes polas fortes ondas, unha chalana na que andaban aos polbos dous veciños de Darbo, conseguindo alcanzar un deles a costa e perecendo José Pérez Alonso “O Plotón” de 21 anos.

Dez días despois, o día 23 deste mes, envorcaría fronte a Liméns a traiñeira 1º de Agosto  cando arriaban a vela. O peso de todos os tripulantes, colocados nunha banda do barco e mailo vento provocaron este accidente no que se afogou o patrón Manuel Parcero “O Meneno” de 57 anos e casado. A pronta axuda da lancha Amelia de Ángel Casás Freire evitaría unha traxedia máis grande pois dúas embarcacións de xábega que estaban a douscentos metros fixeron oidos xordos aos berros de auxilio.

A finais de xullo de 1921, a 35 millas de Cabo Mayor, produciríase o afundimento do vapor cangués Marzo que andaba ao bonito desde o porto de Xixón, perecendo todos os seus tripulantes, entre eles o mariñeiro da nosa vila Ismael Xouleiro.

O 26 de xullo de 1922 morrería afogado nas Cíes o mariñeiro de Cangas Manuel Núñez cando un golpe de mar o arrastrou da cuberta do vapor Finacho na altura das Cíes.

O naufraxio do vapor X nº2

O día 4 de outubro de 1922 chegaría a Cangas a noticia de que na madrugada do día anterior, o vapor X nº 2 deste porto foi abordado e afundido nas Basoñas, na ría de Muros, por un barco descoñecido que fuxiu do lugar do sinistro sen auxiliar aos náufragos.

Percatados os vapores vigueses José Rodríguez e Almirante, conseguiron rescatar cadanseu a dez e dezasete náufragos e o vapor Pepita trouxo despois a Cangas algúns máis.

Por desgraza, familiares, amigos e compañeiros terían que soportar a perda de sete dos mariñeiros, pois o maquinista Jesús Silva, aínda que rescatado, morrería ás poucas horas en Muros.

Era ferrolán e casara en Cangas onde deixaba un fillo pequeno e viúva a punto de traer outro. As primeiras investigacións apuntaron como causante a un vapor de nome Nimo pero semella que por máis datos achegados polos náufragos, foi o denominado Guerra de Santa Uxia de Ribeira contra o que a comandancia instrúe dilixencias.

As traxedias no mar non deron tregua na segunda década do século XX

O 22 de setembro deste mesmo ano morrería afogado o mariñeiro Secundino Fandiño fronte do Forte cando ás once da mañá se dirixían nunha gamela a embarcar no vapor Nuevo Forte de Juan Azpeitia que saía a pescar.

O mar estaba picado e a gamela levaba a demasiados homes, envorcando no traxecto. Todos conseguiron chegar a terra agás o coitado Secundino que xa tiña sobrevivido a un naufraxio anterior e agora deixa muller e seis fillos que viven mesmo fronte de onde aconteceu a desgraza. O corpo foi buscado sen éxito ata que apareceu no mesmo lugar unha semana despois.

O 24 de abril de 1925 pereceu afogado o veciño de Darbo José González Sotelo cando recollía percebes. Tiña casado había seis meses e a súa muller estaba encinta. O seu corpo apareceu nunhas rochas despois de tres días de busca.

O TRIBUTO HUMANO DE CANGAS AO MAR
Percebeiros e percebeiras de Darbo en 1928.

O 18 de outubro deste ano e na colisión entre os vapores Explorador e Chita, ambos de Vigo, pereceu afogado o mariñeiro cangués Antonio Acuña Soliño de 14 anos. Este ía durmindo no rancho cando o Chita se afundiu entre Monteferro e as Estelas pola vía de auga producida. Ao día seguinte foi rescatado o corpo por un buzo e trasladado a Cangas para o seu enterro.

A mediados de abril de 1926, naufragaría en augas de Pasaia o vapor Ernio, afogando os irmáns mariñeiros de Cangas, Francisco e Fructuoso Mayo Bon e o seu curmán Adolfino Oliveira.

Ás tres da madrugada do 21 de xuño deste ano, afundiría na dársena de Cangas o vapor Que dicen?, que fora de Estanislao Refojos pero agora era dunha sociedade de mariñeiros, ao estouparlle a caldeira cando saía para a pesca con 22 homes. O barco afundiu e deixou a 15 deles feridos leves  e catro graves que foron levados a Pontevedra onde falecería o fogoneiro Antonio Núñez, orfo e solteiro de trinta anos de idade que deixa dúas irmás menores.

O 24 de xullo deste ano perecería a moza Lina Mariño de Darbo cando andaba aos percebes e o seu corpo foi atopado vinte días despois por un seu irmán que levaba este tempo buscándoo.

A mediados de setembro e cando pescaba na zona da Guarda, avarióuselle o motor á traiñeira Pura de Cangas con 21 tripulantes. Tentando arranxalo e como era noite, achegaron un farol que tiña un vidro rachado, prendendo lume no barco.

O TRIBUTO HUMANO DE CANGAS AO MAR
Traiñeira Pura antes de pórlle o motor.

Presos do pánico, uns botáronse a auga e outros ocuparon unha chalana que levaban de remolque que acabou dando a volta por exceso de ocupantes e causando a morte de Balbino Posada Paredes de 22 anos. Os demais foron recollidos por barcos que faenaban nas proximidades.

O 22 de novembro deste ano acaecería o naufraxio da chalana Eva na punta de Rodeira a causa do temporal reinante. Ía tripulada por tres mariñeiros que andaban ao polbo cando envorcaron, sendo que dous deles nadaron cara terra salvándose, mentres que o terceiro, Ángel Nobé Batiche, foi lanzado contra as rochas por un golpe de mar, falecendo polas graves feridas causadas.      

Xerardo Dasairas Balsa
+ artigos

Diplomado en Filoloxía por Maxisterio, exerceu como mestre en Cangas do Morrazo. Dende 1978 ven colaborando en prensa e revistas de Galicia con artigos referentes a etnografía, historia, arqueoloxía, patrimonio, pedagoxía e socioloxía.

Un comentario

  1. O tributo humano de Cangas ao mar (I) » A Illa dos Ratos

    […] SEGUINTE CAPÍTULO RUTA "CANGAS E O MAR" […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.