ALGO MÁIS QUE O SOPORTE PARA O RELOXO DA ALAMEDA VELLA

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos e Antonio Iglesias Castro, soldador profesional que foi encargado de soldadura en Construcciones Navales Sto. Domingo e que foi un dos artífices da reconstrución do quiosco meteorolóxico de Cangas. Fotografías cedidas polo propio Antonio Iglesias Castro e a A.C. A CEPA.

No artigo de hoxe contaremos a interesante e descoñecida historia dunha estrutura icónica da Vila de Cangas: o quiosco meteorolóxico sobre o que luce o reloxo da Alameda Vella.

Para ir abrindo boca podemos adiantarvos que o quiosco meteorolóxico que temos hoxe en día é unha réplica. O orixinal de 1908 conseguiuse grazas a iniciativa de D.Álvaro Guitián Delgado, Capitán do Porto de Cangas, e ás aportacións, entre outros, dos propietarios das embarcacións de pesca, os conserveiros e o Concello.

Cando se fixo o novo aterrado, o quiosco foi recolocado na outra banda da  alameda pero pouco tempo despois foi retirado debido ao seu deterioro e  desapareceu durante moitos anos da vida cotiá dos cangueses.

Un quiosco meteorolóxico para axudar aos mariñeiros a coñecer a previsión do tempo e evitar desgrazas no mar

Temos que remontarnos ao 8 de xuño de 1906, data na que D. Álvaro Guitián Delgado, un destacado militar republicano que por aquel entón era Tenente de Navío da Armada, foi nomeado Axudante Militar de Mariña e Capitán do Porto de Cangas.

Desde a súa chegada ao cargo demostrou ter unha gran empatía coas penalidades e desgrazas que sufrían os pescadores da vila cando saían ao mar.

Para mellorar as súas condicións de traballo propuso dotar ao modesto porto de Cangas dos máis avanzados aparatos meteorolóxicos da época co obxectivo de orientar aos mariñeiros sobre as condicións climatolóxicas que se ían a topar no mar. 

A tal efecto, D. Álvaro Guitián Delgado convocou unha reunión na Adxuntía de Mariña de Cangas á que acudiron todos os patróns e armadores que había na Vila e, trala mesma, creouse unha comisión especial presidida por el mesmo que sería a encargada da recollida dos fondos necesarios para a consecución de tan nobre fin.

Os propietarios das embarcacións, os donos dos vapores, das fábricas de conserva, salgadura e o Concello foron quen de ir facendo achegas na medida que lles era posible.

Así, cos cartos obtidos mercáronse os primeiros aparatos, que foron un barómetro e un termómetro de fabricación alemá.

A falta de decidir unha localización definitiva, estes elementos foron colocados provisionalmente no escaparate dun comercio na zona da ribeira cunha fachada moi visible e que era propiedade dun empresario chamado D. Eduardo García Camiña.

A recollida de fondos continuou a bo ritmo e como se recadou máis do previsto, convocouse unha reunión na que os mariñeiros decidiron optar por unha estrutura de quiosco.

Como colofón, o Concello ofreceuse a sufragar un “reloxo” de catro esferas para a cúpula e foi entón cando comezou a construción do que sería o quiosco meteorolóxico orixinal.

A estrutura definitiva quedaría instalada finalmente o 19 de marzo de 1908 na rúa Progreso (actual Eduardo Vincenti) no límite entre os dous barrios mariñeiros e principais da época, o Costal e o Sinal.

Mercado de Cangas cara a 1920 co quiosco meteorolóxico orixinal na súa primeira localización.

Cos novos recheos do litoral decidiuse trasladar o quiosco meteorolóxico e o reloxo ao outro extremo do recheo

Corrían os anos 50 do século pasado cando se ampliou o aterrado e a pequena estación meteorolóxica de Guitián foi trasladada do Norte ao Sur da alameda que se acababa de construír, curiosamente hoxe coñecida como a “Alameda Vella”.

Vista panorámica da Alameda Vella, por aquel entón recen inaugurada, co quiosco meteorolóxico na súa nova localización.

Os anos foron pasando e sobre e estrutura do quiosco. Debido á corrosión pola salitre e a falla dun mantemento axeitado, a estrutura acabou bastante deteriorada.

Apreciábase falta de pintura, moito óxido e a parte inferior do quiosco estaba totalmente podrecida polo que, a pesar de que houbo un intento por reparalo, acabou sendo retirado.

O quiosco meteorolóxico e o reloxo desapareceron da Alameda Vella pero non do pensamento dos cangueses

O feito da desaparición do vello quiosco foi tan lamentado como lamentable. A súa peculiar forma, a súa utilidade e antigüidade e sobre todo os estimables servizos que durante moitos anos viña prestando aos mariñeiros, o convertiran nun símbolo moi especial para toda a xente da Vila.

Por isto, a pesar da súa desaparición, o recordo do vello quiosco meteorolóxico co seu reloxo de catro esferas seguía vivo, aletargado, na memoria colectiva de Cangas.

O rexurdir do quiosco meteorolóxico e o reloxo da Alameda Vella, ligado a figura de Avelino Avilés

Corría o ano 1991 cando a un veciño da vila chamado Avelino Avilés Martínez ocurréuselle construír unha réplica en miniatura do antigo quiosco meteorolóxico e poñelo no escaparate do seu negocio de electrodomésticos.

A pequena escultura espertou o interese dos habitantes da vila e pouco a pouco foise creando unha opinión pública favorable a súa recuperación.

Aproveitando que xustamente se ía a levar a cabo unha controvertida reforma da alameda, na que incluso se valorou mover a escultura adicada a D. Félix Soage Villarino,  varios veciños  organizaron unha reunión coa Comisión Xestora Municipal encabezada por Mariano Abalo e lograron que o proxecto para recuperar aquela icona histórica da vila fose costeado integramente polo Concello de Cangas aportando 5.101.600 de pesetas.

A construción da réplica fíxose no baixo da casa de Avelino Avilés que sería o encargado de coordinar o equipo multidisciplinar constituído para a ocasión

A formación do equipo encargado de reconstruír o quiosco meteorolóxico correu a cargo do propio Avelino Avilés Martínez, que fora a finais dos anos 50 do século pasado campión de España de ourivería en dúas ocasións.

Considerando os traballos que ía ter que facer, reclutou para a causa a Emilio Padín García, mecánico electricista, e a Antonio Iglesias Castro, soldador profesional.

Antes de comezar a traballar aquel 25 de febreiro, topáronse co problema de que non había planos do modelo orixinal, así que tiveron que recorrer á revisión de varias fotos antigas para ter unha referencia.

Tendo claro o deseño xeral, chegou o momento de valorar que materiais se empregarían e decidiron que a mellor opción sería que o novo quiosco fora realizado cunha estrutura en ferro fundido, chapa e acabados artesanais en bronce. Estes subministros correron a cargo de Tito Prieto López, que foi tamén quen ensamblou no seu taller as catro coronas ortogonais con molduras en fundición de ferro que serviron de base para o resto do quiosco.

O equipo comezou a traballar e a eles se uniron Bladimiro Mielgo Iglesias, consumado artista local se encargou de deseñar os modelos para os adornos especiais, e Ricardo Fernández Lago quen se encargou do remate e matización dos bronces.

Foron 74 días e moitas noites de duro traballo para que o quiosco meteorolóxico estivese listo para a inauguración da remodelación da alameda.

O equipo rematou o seu traballo o día 9 de maio colocando na parte superior do quiosco meteorolóxico un medidor de velocidade do vento con cataventos e sinalización dos catro puntos cardinais, e un reloxo de cuarzo con son de catro esferas. Na parte inferior instalaron un barómetro, un termómetro,un higrómetro e un anemómetro.

Algunhas fotografías do proceso de construción da réplica do quiosco meteorolóxico cedidas por Antonio Iglesias Castro

A instalación da réplica coincidiu coa inauguración da reforma integral da Alameda Vella

O día 9 de maio de 1991 sobre as 22:00h, unha comitiva formada por varios vehículos e unha grúa da empresa “Grúas La Vendimia” saíu dende a casa de Avelino Avilés para transportar as pezas da réplica ata o lugar onde ía ser inaugurada ao día seguinte.

Camión da empresa Grúas A Vendimia chegando a Alameda Vella coa estrutura do quiosco meteorolóxico.

A operación de montaxe foi bastante delicada alongándose dende a 01:30 h ata ás 07:00 da mañá, momento no que o quiosco quedou oculto baixo plásticos. Incluso ao día seguinte pola mañá inda foron precisas unhas horas máis para rematar de poñer operativo o reloxo.

Algunhas fotografías do proceso de montaxe do quiosco meteorolóxico na madrugada do 9 de maio de 1991, cedidas por Antonio Iglesias Castro

Por fin o día 10 de maio pola tardiña celebrouse a inauguración oficial da reformada Alameda Vella con presenza de gran parte do pobo de Cangas que deron unha calorosa benvida ao novo quiosco con aplausos e exclamacións de admiración e ledicia.

Actuación da Banda de Música Bellas Artes de Cangas no acto de inauguración.

A Banda de Música Bellas Artes puxo a música e Cecilio Rial e Bernardino Graña uns versos compostos para a ocasión e desde entón, o quiosco meteorolóxico voltou a presidir a “Alameda Vella” e ser de novo o punto de encontro dos cangueses.

Cecilio Rial recitando un poema acompañado por Bernardino Graña o día da inauguración.

Os artífices da construción da réplica tamén aproveitaron para sacar unha fotografía diante do quiosco

Foto para o recordo na que ademais do alcalde Mariano Abalo aparecen os membros do equipo que traballou na construción da réplica do quiosco meteorolóxico e o reloxo.

Para recordar a data da volta á vida do quiosco meteorolóxico e o reloxo de catro esferas, pero sobre todo para homenaxear aos artífices de tan excelente réplica do quiosco orixinal, colocouse unha placa que aínda hoxe en día pode lerse nun dos laterais da estrutura.

“Feito en Cangas, baixo a dirección de Avelino Avilés Martínez, fruto da vontade e sentimento popular e coa colaboración de Emilio Padín García, Antonio Iglesias Castro, Tito Prieto López e Bladimiro Mielgo Iglesias. Cangas, Maio de 1991”

A Deputación de Pontevedra editou un libro sobre a historia do quiosco meteorolóxico de Cangas

Trala recuperación do histórico quiosco meteorolóxico e o reloxo de catro esferas de Cangas, chegou as mans de Avelino Avilés Martínez un curioso exemplar dun folleto orixinal do ano 1908 que fora editado pola Comisión de pescadores no que explicaba que, “baixo a presidencia de D. Álvaro Guitián, dotara a vila dun quiosco-estación meteorolóxica complementada con un reloxo”.

Ademais de facer públicas as actas cos acordos adoptados ao respecto, o documento incluía tamén unha relación de ingresos e gastos do proxecto detallando quen foran os benefactores do mesmo.

Este motivo empurraría a Avelino Avilés Martínez a traballar na busca de máis información coa intención de elaborar unha nova edición máis extensa que servise para dar a coñecer a historia da icónica estrutura canguesa e render tributo as persoas que impulsaran a súa instalación a principios do século XX.

Ese novo libro sería editado pola Deputación de Pontevedra no ano 1992 baixo o título “Los kioscos meteorológicos de la Villa de Cangas” e completou dunha maneira brillante todo o traballo que Avelino Avilés Martínez fixo para recuperar o quiosco meteorolóxico de Cangas.

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

2 comentarios

  1. Avelino Avilés Martínez, ilustre e orgulloso cangués » A Illa dos Ratos

    […] ou outros elementos que naqueles intres xa non estaban en pé como a Capela do Hospital, ou o Quiosco meteorolóxico da Alameda Vella, o mítico […]

  2. Lino J. Pazos

    Magnífico artigo…

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.