O PROCESO DE DESPECE DA BALEA NA FACTORIA

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos.

No anterior artigo que adicamos ao proceso da caza da balea titulado “Do mar á cama de despece” explicabamos como se realizaba a caza do animal e o seu posterior traslado ata a factoría. Nesta segunda parte falaremos do proceso de despece e dos diferentes productos que se obtiñan.

A actividade baleeira era moi rendible xa que a súa pesca non provocaba moitos custos e dun só exemplar de balea ou cachalote obtíñase moita cantidade de diversos produtos

O destino dos diferentes produtos era moi diverso, pero hai constancia de que nun principio se destinaban ao mercado nacional, sobre todo ao Pais Vasco e Levante e, a posteriori, ao mercado xaponés, con longa tradición de consumo de produtos procedentes da balea.  Algúns dos produtos e aplicacións que se obtiñan eran:

  • o aceite ou saín obtido de cocer a graxa da balea usábase como combustible para o alumeado público, pero tamén para impermeabilizar prendas.
  • o aceite de cachalote usábase para as manufacturas de margarina e xabón.
  • a carne destinábase para alimentación.
  • os ósos empregábanse como engadido nos materiais de construción e tamén se trituraban para elaborar afrodisíacos.
  • as barbas da balea eran usadas para fabricar armas, fustas, paraugas, abanicos ou corsés.
  • o ámbar gris que se orixina no intestino do cachalote era apreciado como fixador de perfumes.
  • co espermaceti, unha especie de cera ou aceite presente na cabeza dos cachalotes, facíanse ungüentos, candeas e xabóns.
  • coas súas vísceras facíanse fariñas que tiñan unhas propiedades tan excepcionais que podían valer ata o dobre doutras fariñas de peixe e usábanse case integramente para alimentar crías de peixe en piscifactorías.

O despece tiña por obxecto separar as diferentes partes de forma eficiente

Para a obtención do aceite, o primeiro era o despezado do animal, para o que se empregaban coitelos de mango curvo denominados “noruegueses” e zapatos de cravos para poder trepar pola balea.

Facíanselle profundos cortes arredor da cabeza do animal e ao longo de todo o corpo no sentido lonxitudinal para obter a graxa subcutánea ou touciño. Nos cortes próximos á cabeza, facíanse ollais por onde se pasaba un cable de aceiro e coa axuda dun guinche o animal era pelado como un plátano.

Estas grandes tiras cortábanse en anacos menores que se deixaban caer por trampas situadas na cama de despece aos autoclaves ou cociñadores. Mentres cocían, separábanse os tecidos brandos da cabeza e a mandíbula inferior.

O almacenamento nas cámaras frigoríficas e clasificación da carne despezada (empaquetada nunha especie de “cueiros”)  levábanos a cabo algunhas das mulleres da conserveira que cobraban un plus sobre o seu salario por realizar estas tarefas.

Operarias coa carne de balea tras o despece

Tras este proceso, un único exemplar daba lugar a moita cantidade de varios produtos, o que supoñía un elevado valor engadido e unha fonte de ingresos moi importante para Massó. A fin da actividade baleeira derivada da moratoria establecida pola Comisión Baleeira Internacional supuxo, polo tanto, un gran quebranto económico para a empresa, sendo un factor máis que influiría na súa posterior quebra.

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

2 comentarios

  1. Memorias de Massó (III): Memorias del Salgueirón » A Illa dos Ratos

    […] baleeira tamén se chega por un camiño que sae do hotel e baixa polo campo de redes. Diante da baleeira […]

  2. Lembranzas de Massó (III): Memorias do Salgueirón » A Illa dos Ratos

    […] baleeira tamén se chega por un camiño que sae do hotel e baixa polo campo de redes. Diante da baleeira […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.