OS CRUCEIROS COMO SÍMBOLOS DA IDENTIDADE GALEGA

Texto elaborado por Inés Costas Villar, graduada en Historia da Arte e autora dun traballo fin de grado baixo o título “Estudo iconográfico dos cruceiros de Cangas do Morrazo a partir do Cruceiro do Hío”. Fotografías cedidas por Árbore Arqueoloxía S. Coop. Galega.

Rúa Alfredo Saralegui, 28 en Cangas. Teléfono 986 30 09 23 / 699 09 39 90.

Ao longo dos séculos, a tradición foi recollendo no ideario popular galego toda unha simboloxía que ata día de hoxe forma parte da nosa identidade como “pobo”. Algúns destes símbolos como o trisquel, a cruz de Santiago, a Catedral ou a cuncha de vieira, atópanse dentro dun longo repertorio que acolle incluso lendas populares, paisaxes, cheiros ou sabores. Pero sen dúbida, un dos máis repetidos no campo artístico son os cruceiros.

Laredo Verdejo indicaba que non hai parroquia en Galicia que non teña un ou máis cruceiros, e se non os ten é porque os perdeu, pero seguro que o cruceiro estaba alí onde tiña que estar, nunha encrucillada, no adro dunha igrexa ou no campo da festa.

O PETO DE ÁNIMAS DA MAGDALENA
Cruceiro que forma parte da estrutura do peto de ánimas da Madalena.

A partir da Contrarreforma, a devoción ás Ánimas do Purgatorio tivo moita popularidade en Galicia

Herrero Pérez comenta que as preocupacións que afrontan as devocións máis arraigadas en Galicia e con máis presenza nas igrexas parroquiais, céntranse na preocupación pola morte, a enfermidade e todos aqueles problemas cotiáns propios dunha sociedade campesiña.

Ademais disto, a morte exprésase na cultura galega a través da devoción ás Ánimas do Purgatorio, o que xustifica que moitas das cruces inclúan tamén algúns “esmoleiros” ou directamente os chamados “petos de ánimas”.

A súa finalidade é a de ofrecer un lugar onde depositar esmolas para as ánimas que aínda non atoparon descanso no Purgatorio e que, unha vez liberadas, conceden favores por aquel que realizou a ofrenda.

A situación xeográfica destas construcións ten moito que ver coa localización dos cruceiros, que como ben apuntaba Castelao, teñen relación tamén co tema da Santa Compaña, indicando un límite da feligresía ou zonas que son de paso para aquelas almas que aínda non pasaron a outro mundo.

Estas almas en pena, unha vez que atopan unha igrexa na que toman cruz e o escano (peto de ánimas), comezan a vagar polos contornos dos pobos, e posto que normalmente transitan con luces prendidas de velas, o cirio cando se atopa prendido sería significativo do contacto entre a alma en pena e o vivo, por iso atopamos en moitos cruceiros e especialmente nos petos de ánimas, un cirio acendido polas noites.

O PETO DE ÁNIMAS DA MAGDALENA
Estado do peto de ánimas da Madalena antes da actuación levada a cabo por Árbore Arqueoloxía S. Coop. Galega.

O peto de ánimas da Madalena é atribuído segundo algúns documentos “ao mesmo escultor que o Cruceiro de Hío”

Segundo unha información recollida a partir dunhas notas do crego D. Rafael Sotelo, o peto de ánimas da Madalena foi encargado por D. Domingo Antonio Freijomil Sotelo e a súa autoría atribuída “ao mesmo escultor que o Cruceiro de Hío.

O cruceiro posúe unha cruz bastante común, co crucificado no anverso, un pano de pureza anudado á dereita e co signo INRI enriba da cabeza. O fuste ou varal, remata cun capitel no que se combinan anxos en cada unha das catro caras e as arestas cun pergamiño.

O que destaca desta obra é, sen dúbida, o retablo de ánimas feito en pedra, cuxa última policromía, que foi realizada no 2021 pola empresa Árbore Arqueoloxía S. Coop. Galega, e que reemprazou a anterior de 1995 que presentaba zonas moi ennegrecidas polos cirios que colocan os devotos. Engadíronse ademais dúas “hornacinas” a ambos lados do retablo para deixar as candeas sen perxudicar a obra.

O PETO DE ÁNIMAS DA MAGDALENA
Vista frontal onde poden observarse as dúas hornacinas engadidas para colocar os cirios e así non perxudicar a imaxe.

Iconográficamente falando, na parte baixa do retablo faise alusión ao Purgatorio, onde o canteiro sitúa nove figuras ardendo en chamas.

No ceo, unha parella de anxos sosteñen un neno e sae outro par de anxos en baixorrelevo de entre as nubes. Esta composición está coroada por unha Virxe co Neno de grandes dimensións,  intentando crear a sensación de perspectiva, como se estivesen colocados por riba das nubes.

O PETO DE ÁNIMAS DA MAGDALENA
Aparencia do peto de ánimas da Madalena despois da súa restauración.

Poñendo esta obra en relación cos demais petos do municipio cangués, sen dúbida é unha das máis grandes e das que máis devoción recolle. Por isto, se aínda non tivestes a oportunidade de contemplalo in situ, recomendámosvos que o fagades.

Queremos agradecer a Inés Costas Villar a elaboración deste artigo para o noso blog, no que nos mostra aspectos moi interesantes deste elemento patrimonial tan importante como pouco coñecido por moitos cangues@s, que de seguro non dubidarán en visitalo no futuro para apreciar a súa beleza e significado.

Inés Costas Villar

Graduada en Historia do Arte pola USC e autora do TFG "Estudio iconográfico dos cruceiros de Cangas do Morrazo a partir do Cruceiro do Hío"

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.