UN NAUFRAXIO QUE CONMOCIONOU A CANGAS
Texto elaborado por Xerardo Dasairas Balsa, mestre xubilado e cunha dilatada traxectoria como investigador en diversos ámbitos.

O día 25 do mes de agosto de 1977 produciríase un naufraxio que tivo unha especial repercusión en Coiro, en Cangas e en Galicia polas especiais circunstancias que rodearon ao mesmo naquelas datas: a xuventude dos tripulantes, a celebración das Festas do Cristo e as neglixentes condicións en que saíu a faenar o barco.
O San Martín era un antigo barco cun motor de 150 CV matriculado en Vilagarcía pero con base en Cangas e fora reformado polo seu novo patrón Manuel Varela para dedicalo ás faenas de pesca
O naufraxio do San Martín tería lugar a finais de agosto de 1977 e había producir grande conmoción na vila que vivía nesta data os prolegómenos das Festas do Cristo, a punto de iniciarse oficialmente.
Por unha derradeira conexión telefónica ás catro da mañá do día 25, púidose deducir que a colisión debeu producirse despois desta hora e coa maioría da tripulación durmindo cando navegaban con mal tempo e néboa entre Sálvora e Corrubedo.

Aínda que os primeiros restos do barco se atoparon nos baixos da Meán, calculouse que o naufraxio tivera lugar nos cons chamados dos Canteiros preto da illa de Sagres de Fóra.
Tras o naufraxio do San Martín iniciouse a busca dos restos
Nesta zona, as autoridades de mariña de Ribeira, a bordo do “Rosario Victoria” e barcos de pesca de Aguiño e de Cangas, realizaron os rastrexos sendo precisamente uns mariñeiros de Cangas os que atoparon a chalana auxiliar e roupa que souberon que pertencía a un dos fillos do patrón polo chaveiro que había nela.

A maruxía con ondas de catro metros non favorecía a busca que tivo que aprazarse ata o luns, día 29 pola tarde, con mellores condicións do tempo.
Finalmente o barco foi atopado, afundido e esnaquizado, nos mencionados cons das illas Sagres a 12 brazas de profundidade e envolto polas redes, procedendo os seis mergulladores da Armada e un oficial, chegados do Ferrol, ao rescate de dous cadáveres e á extracción do tanque de gasóleo do barco.
Neste día, catro ou cinco barcos de Cangas coas tripulacións dunha decena doutras embarcacións locais, tiñan pensado desprazarse ao lugar para homenaxearen aos náufragos e familiares e veciños tamén se desprazaron a Aguiño por terra para seguiren as operacións de rescate.
Nesta concentración, os familiares e mariñeiros solicitarían das autoridades que se sinalizase con baliza ou faro este lugar polo número de naufraxios que se viñan producindo nesta zona.

O martes día 30 continuarían os labores de rescate por catro pesqueiros de Cambados, Aguiño e Ribeira sendo o “Bahía” a base dos mergulladores, viaxando no mesmo o comandante de Mariña de Ribeira e o patrón maior da confraría de Cangas, o señor Carballo.
Este día remataría sen achar máis desaparecidos mentres en Cangas, despois da polémica polo inicio das Festas do Cristo, vanse interromper estas polo sepelio de J. M. Rodríguez Lorenzo, o tripulante de Cangas atopado, entanto en Cabral (Vigo) acontecía o mesmo co outro náufrago, Eduardo Lusquiños.
Dous días despois, o xoves día 1 de setembro, tería lugar ás sete e media da tarde o funeral polas vítimas na excolexiata canguesa e despois no Cine Calvar unha actuación das corais Lestonnac e Casablanca para recadar fondos para as familias damnificadas.
Unha vez localizados os restos do barco, comezaron as investigación sobre as circunstancias do naufraxio
O feito de que o barco partise de Cangas sen dar conta na comandancia do rol, acreditacións para navegar e xustificante dos seguros, deu pé, en primeira instancia, ás especulacións sobre o número e identidade dos náufragos cuxo rescate no interior do barco se demoraba polo mal tempo reinante.
Finalmente, a comandancia elaboraría un listado de once nomes, aínda que se falaba de doce, nos que incluía ao patrón Manuel Varela Cacabelos de 47 anos e aos seus fillos José Manuel e José Carlos de 17 e 13 anos respectivamente.
Os outros tripulantes identificados foron Antonio Iglesias Parcero de 23 anos, Manuel Viéitez Rodas de 19, Manuel Malvido Bernárdez de 16, Tomás Romero Malvido de 17, J. Manuel Rodríguez Lorenzo, Manuel Barreiro Sotelo, Armando Chapela Ríos, Eduardo Lusquiños Rodríguez de Cabral (Vigo) e un seu cuñado non identificado momentaneamente pero que resultou ser Eleuterio Rodríguez Herrán.
Eduardo estaba emigrado en Alemaña e xunto co seu cuñado foran os encargados da reparación do motor do barco e agora viaxaban como maquinistas.
No medio da polémica por manter a celebración das Festas do Cristo, se sucederon varios actos de condolencia, solidariedade e protesta
Ante a polémica suscitada pola suspensión ou continuación das festas, a corporación acordaría decretar un día de loito e celebración de honras fúnebres e o Club Alondras, que tiña previsto uns combates de loita libre en Romarigo, en vez de suspendelo, decidiu doar as 40.000 pts. da recadación ás familias das vítimas, pero unha vez devengados os gastos que non foron poucos.
Entre as misivas de condolencia que se recibiron nestes días no Concello cangués destacan as dos deputados Víctor Moro e Sancho Rof, a do arcebispo de Santiago monseñor Suquía Goicoechea e as de patróns das confrarías do Morrazo e doutros portos galegos.
Os partidos e sindicatos nacionalistas locais (algúns aínda ilegais) convocarían unha manifestación cuxas consignas facían fincapé na desidia das autoridades marítimas en canto ao control dos barcos e na lexislación que permitía o enrolamento de menores de 18 anos como era o caso na maioría da tripulación do San Martín.
A AN-PG, partido no que militaban Manuel Malvido e Armando Chapela, foi a primeira organización que emitiu un comunicado crítico coas autoridades seguindo o da UPG e o do Sindicato SGTM que facían fincapé na antigüidade do barco, na irresponsabilidade do patrón e na das autoridades que permitiron a saída sen permiso, rol e inspección.

A UMG, rama xuvenil da UPG, tamén denunciaría o enrolamento de mozos, solicitando a escolarización obrigatoria ata os 18 anos.
Tamén os sindicatos SLMM e CCMM, na órbita do PCE, van abrir unha conta na Caixa de Pontevedra profamilias das vítimas, emitindo comunicados nos que pedían a dimisión do comandante de Mariña de Vilagarcía (?) e dos patróns maiores das confrarías da ría de Arousa (?).
Neste curioso comunicado solicitarían que as confrarías volvesen a denominarse pósitos, que se suprimise a cota do 1% que os mariñeiros aportaban ao seu mantemento e que os postos administrativos destes entes fosen ocupados por afiliados das Comisións Mariñeiras (CCMM).
Os cadáveres dos dez tripulantes restantes nunca foron atopados pero en días sucesivos, segundo contan, iríanse atopando no mar restos dos mesmos que foron soterrados en Aguiño e outros lugares.
Xerardo Dasairas Balsa
Diplomado en Filoloxía por Maxisterio, exerceu como mestre en Cangas do Morrazo. Dende 1978 ven colaborando en prensa e revistas de Galicia con artigos referentes a etnografía, historia, arqueoloxía, patrimonio, pedagoxía e socioloxía.
-
Xerardo Dasairas Balsa#molongui-disabled-link20/05/2024
Un comentario
Cesar Gil Iglesias
Juan carlos Varela era compañeoro meu no pupitre de Nazaret, foi un duro golpe a perdida para todos. Munca esquecin este nsufraxio