RELATOS E NOVELAS CO MORRAZO COMO ESCENARIO

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos.

Máis de 25 anos de experiencia no sector informático e dende 2015 distribuidores oficiais de Landín Informática. Agardámoste en rúa Canabés de Abaixo, 3 – baixo en Cangas.

Aquel fora, tradicionalmente, un pobo tranquilo, antigo, indeciso entre acadar o azul do ceo correndo monte arriba ou baixar a ollarse no espello salgado das augas da ría. Un histórico movemento pendular facía que durante moitos anos os veciños foran establecendo os seus asentamentos nas bagoadas e fértiles vales, nas ladeiras protexidas dos fríos do norte, namentres que, outras veces, o fluxo expansivo da poboación dirixíase cara a costa e a ribeira.

A xente deste pobo é traballadora, pacífica, soidosa e, por que non? festeira cando a ocasión así o pide, e cando non o pide, tamén. Non hai parroquia que non celebre as súas festas por todo o alto, con procesión, foguetes, verbena, cabaliños e rosquilleiras. Os homes e mulleres deste pobo labran as feraces terras que, pouco a pouco van roubando ao monte; outros dedícanse á pesca, en pequenas embarcacións artesanais, e ao marisqueo, cando é o tempo. Algúns traballan na capital ou en pequenas industrias dos arredores, mais, a maior parte dos homes, sobre todo os máis mozos, emigran a Alemaña, Bélxica ou Suíza, en busca dunha vida mellor. Ultimamente moitos atopan o traballo e os salarios que na súa terra non lles poden ofrecer nas plataformas petrolíferas.”

( Fragmento de “Ollos de cinsa”)

O Morrazo, a súa terra, o seu mar e as súas xentes son unha constante na obra literaria de Serafín Parcero

Son moitos os diferentes lugares do Morrazo que están presentes tanto na que poderiamos denominar a súa obra menor (contos, microrrelatos, narrativa breve…) como na súa obra longa, as súas novelas “Ollos de cinsa” (publicada polo CIM do Concello de Bueu, edición esgotada) “As Illas dos Deuses” (Edicións Xerais de Galicia) e “Viúvas de vivos e de mortos” (Edicións do Peirao).

Parcero (Moaña, 25/07/1955), que leva residindo dende hai máis de 20 anos no lugar de Verín, en Coiro, considerase “un moañés de ben”, aínda que tamén “un cidadán do Morrazo”. Unha idea e un sentimento forxados nos seus anos de estudante no Instituto de Rodeira, onde compartiu aulas, compañeirismo  e amizade con mozas e mozos dos distintos lugares que conforman o Morrazo máis occidental, da Ponte de Rande ata o Cabo de Home.

O autor opina que a pertenza a esta comarca e ao grupo social que a conforma condiciona en boa medida a personalidade, a maneira de ser e de sentir dos seus habitantes. En consecuencia, tamén a súa maneira de expresarse.

Malia que nas súas obras, aínda nas fases dialogadas, trata de fuxir do hiperenxebrismo lingüístico (gheada, seseo, vocábulos e frases feitas propios de zona…) para optar polo galego normativo, a maneira tan peculiar de ollar o mundo das xentes do Morrazo reflíctese de modo claro no seu modo de expresión, na súa forma de describir –ou inventar- a realidade. Na linguaxe, tinguida de ironía, condicionada algunhas veces pola desconfianza, sempre pola espontaneidade e, en moitas ocasións, por un notable grao de atrevemento.

Serafín Parcero conta varios relatos curtos ambientados en O Morrazo e que foron merecedores de diferentes premios

A súa primeira obra foi galardoada co 1º premio no “Concurso de Narracións Breves” da Asociación de Veciños de San Pedro de Darbo no ano 2000. A obra aporta xa o clarificador título de O verán no que Manolo Escobar veu actuar nas Festas do Cristo (ou na súa adaptación publicada na revista “O Canastro” da A.V. de Berducedo e Piñeiro, na que cambia as Festas do Cristo polas do Carme, de Moaña). Malia que nesta primeira obra a acción transcorre en Cangas, moitas das persoas do entorno de Serafín chegaron a identificar, con bastante precisión, os individuos nos que se inspirou para crear esta historia triste e tenra ao tempo.

Tamén no microrrelato que mereceu o 1º premio do Certame convocado pola Lonxa Literaria de Moaña aparece unha referencia explícita a outra icona da nosa contorna como é a Ponte de Rande. A construción desta impresionante estrutura constituíu un fito na vida económica, social e aínda cultural do Morrazo. En palabras de Parcero: “Podemos afirmar que a inauguración da Ponte de Rande marca un antes e un despois na vida do Morrazo”

En 2004 volve a gañar o concurso de narracións convocado pola Asociación de Veciños de San Pedro de Darbo, nesta ocasión co conto que leva por título “Aconteceu nun outono que se negaba a selo”. A acción sitúase esta vez na Moaña da súa infancia e nesta breve obra inclúe unha figura mítica, hoxe practicamente esquecida ou descoñecida, un sinistro personaxe co que os pais e as nais aterrorizaban ás crianzas: o Rachador. Un ser mítico, unha especie de cruce entre a figura do vampiros, do home do saco e do sacauntos (ou sacamanteigas, como se denomina en outros lugares). Unha figura practicamente descoñecida fóra do ámbito territorial do Morrazo.

SERAFÍN PARCERO
A Moaña da nenez do autor. (Imaxe do arquivo familiar do propio Serafín Parcero tomada dende a fiestra da casa dos seus pais).

No seu primeiro relato longo, “Ollos de cinsa”, galardoado co 1º premio no Certame de Relatos de Muller, convocado polo CIM do Concello de Bueu, o protagonismo recae nas terras e as xentes do interior da ría

En Ollos de cinsa, a acción discorre nas terras de San Adrián e Santa Cristina, sen nomealas de xeito explícito, nun momento histórico moi concreto e complexo: nos anos nos que tiveron lugar as obras de construción da que se había de denominar Autopista del Atlántico”. A Ponte de Rande volve ser unha referencia neste relato.

A súa primeira novela longa, As illas dos Deuses (Edicións Xerais de Galicia) fabula coa presenza na Illa de Ons dun Castelao aínda mozo. Como explica Parcero nas presentacións do seu libro: “A semellanza entre algunhas obras pictóricas de Castelao e as paisaxes da Illa leváronme a situar parte da xuventude do xenial artista rianxeiro en Ons, nun momento transcendental da súa vida e do seu futuro: cando ten que escoller entre dedicarse á medicina, como anhelaban os seus pais, ou centrarse no debuxo, a pintura e tamén a política, como el desexaba e finalmente optou.” Certo que nesta novela, nuns arriscados saltos no espazo e no tempo, a acción cruza o Atlántico e dende Ons salta ao Bos Aires que recibiu cos brazos abertos a Castelo e a numerosos exiliados políticos e tamén económicos. O autor recolle así un dos fenómenos que marcou á sociedade galega durante séculos: a emigración.

Viúvas de vivos e de mortos (Editorial do Peirao) constitúe unha crónica, unha historia novelada da Moaña do século XX, dende antes da guerra civil ata as primeiras eleccións municipais logo da restauración da democracia. Unha complexa trama que se estende tamén pola Cangas veciña e na que a propia familia do autor xoga un papel destacado. Aínda que os papeis principais corresponden a  coitada Laura, Penélope, viúva de vivo e, unha vez máis, á propia emigración.

Para Serafín Parcero, o Morrazo é parte da súa vida e sempre estará presente dun xeito ou outro en todas as súas obras

De feito, cando preguntamos ó autor se vai continuar con esta tendencia na súa obra futura, a súa resposta é clara: “O Morrazo, dunha maneira ou de outra vai estar sempre presente na miña obra. O lugar onde medramos, a familia, os amigos, os primeiros amores e os primeiros desenganos, os consellos e os exemplos das persoas que nos quixeron, que nos ensinaron, van a estar sempre con nós. E, por moitos mundos que un poida crear, por moitas realidades que sexa capaz de inventar, as raíces, malia que non sexan visibles, van estar aí. Nutrindo, reconfortando e recordándonos quen somos e de onde vimos.”

BIBLIOGRAFÍA:

  • Entrada Serafín Parcero
  • Publicacións obras premidas nos concursos convocados pola AA VV Nós, de San Pedro de Darbo, anos 2000 e 2004.
  • Páxina literaria do autor: bicebersa.com
  • Hemeroteca do Faro de Vigo, La Voz de Galicia e Nós Diario.

NOTA: Na páxina www.bicebersa.com podedes acceder ás obras mencionadas no artigo e a outras obras do autor aínda non publicadas.

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

6 comentarios

  1. Rutas guiadas na primavera de 2024 » A Illa dos Ratos

    […] “O último barco” (Domingo Villar, cortesía do Concello de Moaña), “As illas dos Deuses” (Serafín Parcero, cortesía da Editorial Xerais), ou “Canteiras do litoral de […]

  2. Rutas guiadas de primavera 2024 » A Illa dos Ratos

    […] (Noa Setemuíños), «El último barco» (Domingo Villar, cortesía del Concello de Moaña), «As illas dos Deuses» (Serafín Parcero, cortesía de la Editorial Xerais), o «Canteiras do litoral de Moaña» […]

  3. Rutas guiadas para o inverno de 2024 » A Illa dos Ratos

    […] “O último barco” (Domingo Villar, cortesía do Concello de Moaña), “As illas dos Deuses” (Serafín Parcero, cortesía da Editorial Xerais), ou “Canteiras do litoral de […]

  4. Rutas guiadas para a primavera de 2023 » A Illa dos Ratos

    […] “O último barco” (Domingo Villar, cortesía do Concello de Moaña), “As illas dos Deuses” (Serafín Parcero, cortesía da Editorial Xerais), ou “Canteiras do litoral de […]

  5. Rutas guiadas para o outono de 2022 » A Illa dos Ratos

    […] “O último barco” (Domingo Villar, cortesía do Concello de Moaña), “As illas dos Deuses” (Serafín Parcero, cortesía da Editorial Xerais), “Canteiras do litoral de […]

  6. Mª del Carmen García Hernández

    Gustoume moito esta novela de Serafin Parcero, polo ameno que é o argumento; polo ben redactado que está; e polas boas descricións, tanto dos personaxes como dos lugares.
    “A Illa dos deuses” é a primeira novela de Serafín que leo, pero non será a última.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.