UNHA NOVA NOVELA CO MORRAZO COMO ESCENARIO

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos.

Nun artigo anterior que publicamos en febreiro do ano 2022 con este mesmo título, o autor moañés, que leva residindo no lugar de Verín – Coiro dende hai máis de vinte anos, anticipábanos:

O Morrazo, dunha maneira ou de outra vai estar sempre presente na miña obra. O lugar onde medramos, a familia, os amigos, os primeiros amores e os primeiros desenganos, os consellos e os exemplos das persoas que nos quixeron, que nos ensinaron, van a estar sempre con nós. E, por moitos mundos que un poida crear, por moitas realidades que sexa capaz de inventar, as raíces, malia que non sexan visibles, van estar aí. Nutrindo, reconfortando e recordándonos quen somos e de onde vimos.

O Morrazo volve a estar presente na nova novela de Serafín Parcero titulada “As tres vidas e as catro mortes de Roberto Seoane”

Fiel á súa palabra, na súa nova novela, que ten por suxestivo título: “As tres vidas e as catro mortes de Roberto Seoane”, ao igual que acontece nas súas anteriores obras: “Ollos de cinsa”, “Viúvas de vivos e de mortos” e “As Illas dos Deuses”, as terras e as xentes do Morrazo cobran un especial protagonismo.

A obra trata da historia de Roberto Seoane e da súa nai, que se ven na obriga de abandonar o fogar e a súa vila para fuxir dun pai celoso, cruel e violento. Buscarán refuxio nunha aldea do interior da provincia de Pontevedra, onde tentarán refacer as súas vidas.

Unha serie de dramáticas circunstancias farán que Roberto se vexa envolto nunha espiral de violencia que condicionará a súa vida adulta. Logo de moitas vicisitudes acorda darlle un cambio radical ás súas circunstancias vitais. Mais cando intenta acadar a redención, terá que enfrontarse ao seu tráxico destino.

Nun dos capítulos do primeiro dos tres Libros en que está dividida a obra, botando quizais a vista á súa propia infancia, Parcero recrea as Festas do Cristo de Cangas da década dos sesenta do pasado século:

Así que colleran o coche de liña na parada máis próxima á súa casa a media tarde e, pouco tempo despois baixaban na entrada da vila máis populosa da bisbarra do Morrazo, mesmo diante do cuartel da Garda Civil. Botaran a andar cara a Alameda Vella, e, a pesares de estaren aínda apagados, foi admirándose cos fermosos arcos de lámpadas de colores que voaban por enriba da rúa principal.

Non tardaron en facer a primeira parada, nunha moderna cafetería, onde o seu pai deu boa conta da primeira das varias copas de licor que trasfegaría aquela tarde. Soltárase da man da súa nai e botara a correr, emocionado, cara as variadas atraccións da feira: a tómbola, as barcas, as barracas de tiro, os cabaliños, para os máis pequenos; o carrusel con cadeas, para facer voar os máis audaces.

Esta visión retrospectiva do que acontece co pai do protagonista nunha barraca de tiro con escopetas de aire comprimido durante as festas grandes da vila dará lugar a un episodio que resultará clave para o desenvolvemento da trama.

A trama tamén se desenvolve noutros lugares preto do Morrazo

Moitos outros lugares do Morrazo e tamén de vilas e poboacións veciñas aparecen nomeadas de xeito explícito na obra, en especial no denominado Libro I dos tres que compoñen a novela.

Escasean nestes capítulos as pasaxes descritivas, en contraposición a descrición minuciosa de paisaxes e lugares que ten lugar nos Libros II e III.

Nestes primeiros capítulos nos que aparece a nosa comarca, a ollada do autor enfoca a súa visión na paisaxe humana. Nunhas páxinas de marcado acento costumista, Parcero vai introducindo os personaxes principais e o ambiente que os rodea.

Ademais da caracterización psicolóxica dos actores principais atoparémonos tamén cos usos e costumes sociais propios da época, fondamente marcados pola situación política e relixiosa, que condicionaba a vida dos nosos antecesores.

Tamén se poden apreciar como se van producindo algúns cambios significativos nesa sociedade pechada, coma pode ser a consolidación do mercado ao aire libre do “aterrado” grazas a presenza de vendedores de orixe zamorano e etnia xitana.

Preguntado o autor pola xénese da novela confesounos que está baseada nun relato que tiña escrito tempo atrás que facía referencia a un rapaz que vivía nunha vila do interior.

O pequeno devecía por ver o mar e, dado que pertencía a unha familia humilde que non tiñan medios para viaxar, dedicábase a facer barquiños de casca de piñeiro e velas de papel, naves de xoguete que depositaba no leito do río.

Xa que el non podía ver e abrazar o mar, que a lo menos os seus barquiños o fixeran. Ese relato non deixou de medrar involucrando novos personaxes, novas paisaxes e novas situacións. Medrou ata converterse nunha novela de máis de seiscentas páxinas.

E, aínda que nun principio o autor maxinara as terras do interior da provincia de Pontevedra (concellos de Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade, en especial) para desenvolver a trama, o Morrazo, como quedou dito, xoga tamén un papel primordial, pois é de onde proceden os protagonistas da obra.

No relato non se concreta o lugar onde comeza a traxectoria vital dos protagonistas (algo decidido a propósito polo autor), mais unha lectura atenta desvelará con facilidade este pequeno misterio. Tampouco no texto se fai referencia ao tempo no que transcorre a acción, non aparecen datas concretas que axuden a situar a época na que transcorre a trama.

Aínda así, non resulta difícil situar temporalmente a acción da obra, que tería o seu principio a mediados dos anos cincuenta do pasado século ( aínda que atopamos algún flashback que nos retrotrae a tempos anteriores) e abarcaría ata finais dos setenta, coa democracia xa asentada no noso país.

Nunha desas escenas retrospectivas a acción da novela trasládase ao campo de concentración situado na Illa de San Simón nun exercicio de memoria democrática.

Ao longo da obra aparecerán tamén paisaxes queridas polo autor, como Pontevedra, Vigo e Bos Aires, está última visitada xa, de xeito virtual na súa obra: “As Illas dos deuses”. Estes tres lugares e os seus habitantes, a pesar da crueza presente en moitos dos episodios da novela, unha novela que podemos inserir, sen dúbida, no subxénero de “ novela negra”, aparecen descritos con esmero e poderiamos dicir que con admiración.

Nótase en especial no caso de Vigo. Como adoita dicir o autor: “ o Morrazo está unido a Vigo polo cordón umbilical dos barcos de pasaxe”, e na súa opinión “coido que resulta moi atinada a descrición que Roberto fai da cidade olívica. É a primeira vez que se atopa cunha cidade tan grande, así que pode observala con ollos limpos de prexuízos“.

Resulta moi reconfortante a evocación ao recentemente desaparecido bar “As almas perdidas”, no Berbés, un refuxio para moitos dos nosos mariñeiros e pescantinas, un lugar no que podían atopar un chisco de calor e amizade logo dunha dura noite de traballo. A estancia do protagonista, naqueles intres tamén el unha alma perdida no medio da noite e a néboa, convértese nunha lección de compaixón e solidariedade e nunha denuncia da explotación dos mariñeiros por parte de patróns e armadores.

A pesar da súa extensión, consideramos que se trata dunha novela de fácil lectura, cunha trama que “engancha” e un sorprendente desenlace, unha obra máis que recomendable.

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.