O MILLO QUE SEGÚN OS ANTIGOS MAIAS QUEDOU NEGRO POLO FUME DUN RAIO ENVIADO POLO DEUS CHAC.

Texto elaborado por Liliana Cancelas Gargamala, socia de A Illa dos Ratos e Guía oficial de Galicia. Fotografías de Evaristo Cancelas.

O millo é unha planta da familia das gramíneas, orixinaria de América, que chegou á zona do Morrazo arredor do ano 1618 co nome de maíz (adaptación de mahís). Pero este nome non prendeu en Galicia e comezóuselle a chamar co mesmo nome que o cereal que acabaría substituíndo, o millo. E para distinguir un do outro, o vello recibiu diversos nomes como paínzo, millo miúdo, millo dos paxaros…

O millo pode presentar diferentes cores debido ao proceso de polinización, pois cada pistilo producirá un gran e, se reciben pole de estames de plantas diferentes e de cores diversas, a mazaroca “pintarase” de diferentes cores

Esta explicación non era tan transparente para os antigos maias que explicaban as diferentes cores do millo con esta lenda: o Gran Pai e a Gran Nai crearon catro deuses chamados Bacabs para que sostiveran o ceo en cada un dos puntos cardinais evitando que a auga celestial caera sobre a terra. 

Os homes loaban os deuses e cultivaban a terra, pero non topaban os grans de millo que constituían o seu verdadeiro sustento. Un día, unha raposa observou a unhas formigas transportando uns grans brancos ás súas costas. A raposa contou o seu descubrimento a outros animais e mais ao home, que foi ata a montaña e tentou liberar o millo, comprobando que non era quen de sacalo de debaixo da montaña.

Entón pediu axuda aos deuses da choiva e Chac lanzou un raio contra a montaña que liberou o millo. Cando os homes foron recollelo descubriron que a intensidade do raio fixera que algúns grans foran afectados pola calor dando como resultado as catro castas de millo: o branco foi o que saíu indemne do impacto daquel raio; ao que lle chegou algún calor quedou amarelo; vermello ao que o lume lle chegou máis a vivo, mentres que o que tinguiu o fume do raio quedou negro.

O millo corvo, que se adapta moi ben aos terreos duros, era coñecido popularmente como “gran do demo” pola súa cor oscura e por iso non se consumía tanto como as outras variedades

Este último tipo de millo que na lenda se vira afectado polo fume, pasou á posteridade como millo corvo pola súa semellanza coa cor deste paxaro. Esta negrura fixo que algúns lle chamasen tamén “gran do demo” e fosen reticentes a consumilo. Esta mala sona foi desmentida cun estudo da Misión Biolóxica de Galicia (MBG) que descubriu unha relación directa entre a cor do gran do millo e os seus beneficios para a saúde. Os grans máis escuros son os que máis compostos antioxidantes teñen.

Este millo tamén é especial polas súas características xenéticas que fan que se adapte moi ben a terreos duros nas que outros cereais non crecen, polo que se emprega como cultivo de transición entre as zonas boscosas e os terreos de cultivo, ademais de servir como protección contra as aves depredadoras como o corvo.

O millo corvo case desapareceu coa aparición do millo híbrido, por iso cada ano celébrase en Meiro a finais de marzo ou principios de abril  o Encontro-Degustación do Millo Corvo.

Co paso do tempo, e a aparición de millos híbridos que se adaptaban a calquera terreo e clima, o cultivo do millo corvo descendeu pero non desapareceu grazas ás xentes que seguían cultivándoo xa como cultivo de transición, xa para obter a súa fariña, ingrediente principal das filloas de sangue de porco, da bola de nadal, de certo modo tradicional de facer os chourizos…

MILLO CORVO

Para evitar a súa desaparición, a Asociación Cultural Meiro (Bueu) leva dende 1997 traballando para recuperar o millo corvo tanto para nós como para as xeracións futuras. Durante todo o ano coidan do millo, un arduo traballo que vai desde a sementeira na primavera ata a recollida a finais do inverno e na que colaboran tamén os veciños.

Nesta festa, declarada de Interese turístico de Galicia, todos os asistentes poden degustar alimentos realizados co millo corvo como principal ingrediente, participar en charlas divulgativas, obradoiros, actuacións musicais ou asistir a rutas interpretativas como a que organizamos dende A Illa dos Ratos baixo o título ” Muíños do Canudo “. Participade na próxima edición desta festa para que o millo corvo non desapareza!

MILLO CORVO DE MEIRO

Liliana Cancelas Gargamala
+ artigos

Socia de A Illa dos Ratos e Guía Oficial de Galicia

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.