O CICLO COMPLETO DO MILLO: DA SEMENTE AO PAN

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos.

Na nosa ruta “Sendeiro de Rialdarca” falamos da importancia do cultivo do millo como base da economía rural galega en xeral e nesa zona de Moaña en particular. Neste artigo empregamos parte da información recollida entre os seus veciños, que nos contaron como se facía alí o proceso completo do cultivo millo, algo que poderíamos extrapolar a outras zonas do país. 

A chegada do millo americano provocou unha revolución alimentaria que levou aparellado un importante crecemento demográfico

O millo tal e como o coñecemos introduciuse en Europa logo da conquista de América no comezo do s. XVII, máis o seu auxe produciuse no noso territorio a finais do s. XVII e, sobre todo, durante o s. XVIII. Ata entón, cultivábanse nos nosos campos cereais coma o centeo, a cebada, o millo miúdo e o paínzo.

O espallamento do novo cereal trouxo parello o crecemento demográfico das comunidades rurais galegas e en consecuencia, a proliferación de muíños nos nosos ríos e regatos.

A importancia do pan de millo foi fundamental na nosa sociedade e era o que se enfornaba maioritariamente nas casas. Este e outros cereais eran a base para a alimentación ao longo de todo o ano e se converteu no cultivo principal das fincas galegas entre Abril e Novembro.

Nese contexto, non debería sorprendernos que ata os anos 60 a economía da familia rural galega xirase ao redor do cultivo do millo. Tiveron que pasar séculos ata que se comezou a traballar nos fornos co pan de trigo importado.

Era unha economía de subsistencia onde unha boa colleita garantía o pan, o alimento básico das familias para todo o ano, e tamén poder alimentar o gando:

–  a fariña máis fina era a que se empregaba para o alimento humano e tamén se vendía para atender outras necesidades.

–  coa palla alimentábase o gando vacún e se creaba abono nas cortes.

–  o gran era alimento para as aves de curral e o “farelo” ou fariña máis gorda se empregaba para a crianza dos porcos.

O proceso para o cultivo do millo comezaba coa labranza e a sementeira

O primeiro que había que facer para comezar era preparar a terra. Se colocaba ben repartido por toda a finca o esterco resultante de estrumar as cortes dos animais e unha vez estendido, se procedía a labrar ben o terreo.

Demostración de labranza tradicional con bois na “Festa da sementeira de Matamá” (Vigo) que se celebra cada ano no mes de Maio.

Co terreo xa listo, tocaba botar a semente, seleccionada previamente da colleita anterior. Empregando unha cana de 80 cm se ían facendo cadrados de 80 cm x 80 cm e nos vértices de cada cadrado se facían os buratos onde se botaban 3 ou 4 grans como mínimo en cada un, xa que “había que ter en conta que as palomas ían a “merendar” neles”.

Co millo medrando, no mes de agosto era habitual botar a herba e os feixóns no mesmo terreo para aproveitar a humidade das primeiras rosadas, que axudaban moito a que colleran forza

A semente que se empregaba para botar a herba era seleccionada en maio do ano anterior cando a rozaban, a mallaban e a secaban, e recollían as sementes nunhas cestas.

Botar a herba entre o millo que estaba medrando era unha práctica moi estendida, porque así, unha vez se facía a colleita, os campos quedaban cheos de herba ata marzo e aínda que se rozase cando se precisaba dela para darlla aos animais, tamén seguiría crecendo. Era habitual botar tamén os feixóns para que medrasen enroscándose nas canas do propio millo.

A colleita do millo, que se facía a man, era unha parte tan importante como laboriosa

A colleita era unha parte do proceso que resultaba moi laboriosa xa que se collían a man unha a unha as mazarocas ou “espighas” (espigas) co gran.

En Rialdarca, nas zonas onde se botaba o millo, era habitual ver un bo número de palleiros nas fincas e os nenos, incluso procedentes doutras parroquias, aproveitaban para xogar ás escondidas entre eles.

Facer o palleiro tiña a súa cousa xa que primeiro había que colocar algo no centro que servise de apoio e logo ir colocando as capas. No Morrazo, as veces se empregaba unha “vacenilla” ou unha ola vella para fixar as canas do medio que servían de base para o resto. Esas capas exteriores eran as que se ían retirando pouco a pouco a medida que se precisaban para darlle de comer aos animais e estrumar.

Tras a colleita as familias traballaban xuntas realizando tarefas como esfollar, secar, debullar e almacenar o millo

Para que no momento da moenda o gran puidese ser ben moído pola moa e a fariña non quedase pegañenta, era moi importante realizar un proceso exhaustivo co que se buscaba o secado das “espighas” e o gran.

Na esfollada, as follas das “espighas” íanse abrindo a man e colgábanse nunha corda. Canto máis secas estivesen, mellor se debullaría (se quitaría o gran da “espigha”).

O secado do millo recollido en outubro e novembro duraba ata o mes de marzo porque aínda que o millo, en teoría, estaba cumprido, se non quedaba ben seco era moi posible que a moa do muíño non conseguise moelo ben, afectando a calidade e textura da fariña.

O almacenamento das “espighas” de millo se facía nos canastros/hórreos. Estas construcións contaban cunha ventilación axeitada, que favorecía a súa conservación, e con elementos arquitectónicos como o “tornaratos” para que os ratos non puidesen subir a comer o gran.

O debullado se realizaba a man movendo unha “espigha” contra outra para que se soltase o gran, ou empregando uns instrumentos manuais que axilizaban moito o traballo.

Este era o momento de seleccionar o mellor gran para empregalo na sementeira do ano seguinte, unha tarefa moi relevante xa que gardando unha boa semente o éxito da seguinte tempada e estaba moito máis preto. Non facía falla moita cantidade xa que con 3-4 “espighas” por ferrado de terra xa era suficiente.

O gran de millo se moía nos muíños a medida que se precisaba e coa fariña se facía o alimento básico do rural: o pan, de millo ou de broa

A moenda que se realizaba no muíño daba como resultado diferentes tipos de produtos:

  • Óleo: era a fariña máis fina e empregábase para facer as papas para os nenos pequenos.
  • Gran picón: moíase o gran de maneira basta, para rompelo e darllo de comer as galiñas.
  • Fariña para consumo humano: podía empregarse unicamente fariña de millo ou incorporarlle fariña de centeo que axudaba a que a mistura ligase mellor (se facía o chamado pan de broa).
  • Farelo: era unha fariña basta que maioritariamente se empregaba para darlle de comer aos porcos xunto con verdura aínda que as veces tamén se lle daba ás galiñas.

Para facer a masa de fariña de millo, usábase un caixón de madeira onde se amasaba e logo se levaba ao forno enriba da cabeza tapada cun trapo . En Moaña a esa caixa chamábaselle “a vasía” e se caracterizaba por ser bastante fonda e ter unhas baldas nos laterais. Normalmente poñíaselle unha folla de verdura debaixo da masa ou unha folla de cana do millo.

Dos elementos resultantes do ciclo do cultivo do millo aproveitábase todo

Agora xa coñecemos todos os aspectos relativos ao cultivo, colleita e transformación do millo, pero nos falta coñecer algunhas utilidades curiosas dos outros produtos resultantes do proceso:

  • As canas poñíanse nos palleiros e se lle ían poñendo aos animais para comer e estrumar.
  • Os “carosos” (carozos), resultantes de quitar o gran das “espighas”, tiñan gran capacidade de combustión polo que eran empregados para prender a cociña de ferro e para asar sardiñas. A frase “lume de caroso” ilustra moi ben este uso.
  • As follas das “espighas” eran empregadas para facer os chamados colchóns de follaco, que se fabricaban enchendo con elas unha funda e coséndoa. A xente que usou estes colchons recorda que triscaban ao principio, e que cando as follas xa estaban moi desfeitas, se abría a funda e había que cambialas. Loxicamente os ricos tiñan colchóns de la de ovella.
Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

4 comentarios

  1. O hórreo galego (I) » A Illa dos Ratos

    […] cal fose a súa orixe, cando chegou o millo americano no século XVIII, o hórreo que empregaban comunmente os labregos para almacenar o cereal, circular […]

  2. juan

    Estupendo o artigo, moi ben explicado e de forma moi amena. As fotos tamén moi axeitadas pra á súa mellor comprensión. noraboa. moi ben.

  3. Evaristo Cancelas

    Xergón é o “colchón” feito de follas de millo secas (follato, ou follaco en algunha zona do Sur).
    Saudos.
    Evaristo Cancelas

  4. Sara Arias Queipo

    Disfruto e aprendo moito lendo os artigos que publicados. Hoxe quería comentar que o “farelo” é o “salvado” ou recubrimento do gran dun cereal.
    Saúdos.
    Sara Arias Queipo

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.