UNHA CONSTRUCIÓN RURAL TÍPICA DA PAISAXE GALEGA

Texto elaborado por Liliana Cancelas Gargamala e Xabier Guardado Soliño. Socios de A Illa dos Ratos e Guías oficiais de Galicia. Fotografías de Evaristo Cancelas.

O hórreo galego cumpre a importante función de almacenar, manter seco e protexer o cereal

O hórreo é un dos elementos máis recoñecibles da paisaxe galega e, malia o que algúns poidan chegar a pensar, non se trata dunha construción meramente ornamental senón que cumpre un cometido: gardar, manter seco e protexer o cereal.

Para lograr todo isto, por unha banda temos os elementos que compoñen o propio hórreo, como a peculiar forma das doelas que fai que entre o vento pero non a choiva; ou o uso dos tornarratos, que impide que tales animais poidan acadar o cereal.

E por outra, a colocación do hórreo dentro do eido: unha boa orientación é fundamental para o óptimo funcionamento do hórreo. Unha das premisas principais é situalo nun espazo ben ventilado, en lugares expostos á acción dos ventos dominantes e non aproveitable para o cultivo. O habitual é que estean situados preto da casa por que será alí onde se empregue o cereal gardado.

Existen varias hipóteses sobre a orixe do hórreo

Non está moi claro cando apareceu o hórreo. Algunhas hipóteses remontan a súa xénese á prehistoria; outros investigadores cren que a súa orixe sería xermánica, baseándose nunha furna funeraria atopada en Obliwitz (Alemaña) que ten unha forma moi semellante aos hórreos actuais; outros derivaríano dun tipo de casa asturiana anterior á chegada dos romanos… 

Fose cal fose a súa orixe, cando chegou o millo americano no século XVIII, o hórreo que empregaban comunmente os labregos para almacenar o cereal, circular feito de vimbios entrelazados, deixou de resultar útil.

Era preciso facelo máis grande para que tivese capacidade para gardar as mazarocas e acondicionalo para que o millo acabase o seu ciclo de maduración ben ventilado, seco e a salvo da choiva.

A necesidade de protección da humidade fai que atopemos hórreos só en zonas moi concretas da Península

De forma xeral, podemos distinguir entre dous tipos de hórreos: os cadrados situados dende Biscaia a Asturias incluíndo zonas do norte de León, Palencia e nalgunhas localidades de montaña de Lugo. E os hórreos rectangulares de Galicia e Portugal, incluíndo algunhas comarcas do oeste de Asturias.

En todo caso, a súa forma e tamaño dependerá do espazo dispoñible na eira e do volume da colleita, polo que o gran tamaño dos hórreos en casas reitorais ou pazos  dános unha idea da inxente cantidade de gran que se cobraba como renda.

Os hórreos galegos teñen formas moi variadas

Aínda que non o pareza, a forma dos hórreos galegos pode ser moi variada. Cando miramos un hórreo podemos distinguir varias partes de abaixo a arriba: 

O HÓRREO GALEGO

A SOLEIRA ou CIMENTACIÓN: habitualmente os hórreos constrúense en zonas onde non é preciso facer unha cimentación, como unha laxe, por exemplo. Deste xeito, só se empregaría a soleira cando o terreo está en pendente ou o chan non é de boa calidade e é necesario contar cun alicerce para construír o hórreo.

SOPORTES: O prototipo de hórreos que se representa sempre é o máis habitual na provincia de Pontevedra, e o occidente de Ourense e da Coruña. Son os hórreos con ESTEOS ou COLUMNAS.

O HÓRREO GALEGO

Trátase de bloques de pedra (comunmente granito) ou madeira dispostos en parellas e apoiados directamente no chan ou na soleira. Os esteos poden ser máis anchos na súa base para conseguir maior superficie de apoio no chan. 

A súa altura vai dos 80 aos 150 cm e colócanse a unha distancia (claro ou pasavento) de entre 1 e 1,5 metros. Rodeando os pés non é raro atopar “tornaformigas“, unhas pequenas canles que se enchen coa auga da choiva e impiden o paso das formigas e doutros insectos.

Pero o certo é que os soportes poden ser moito máis variados. O hórreo con CELEIRO ten a cámara sobre catro muros. Tradicionalmente eran de cachotería pero os máis modernos fanse en ladrillo.

Para aproveitar este novo espazo ábreselle unha porta e pode usarse como almacén para gardar por exemplo as patacas ou as fabas, aínda que tamén podemos atopar algún exemplar no que o celeiro é macizo como na zona de Vilalba. 

O HÓRREO GALEGO

Un tipo intermedio é o de CEPAS ou MUROS TRANSVERSAIS, que son pequenos muros que se colocan de maneira paralela á parte máis curta da cámara e do seu mesmo ancho. O seu número depende da lonxitude do hórreo, sendo o mínimo dous e o habitual tres, un en cada extremo e outro no medio. A súa altura e distancia viría sendo a mesma que a dos esteos.

Separando os soportes da cámara van os TORNARRATOS ou MOAS (mós en moitas zonas de Galicia, como o Morrazo) cuxa función é impedir que os roedores poidan acceder ao cereal gardado. Miden uns 50 cm de diámetro e 10 cm de altura. Cando esta peza está colocada enriba de dous pés, recibe o nome de mesa e é común atopalos en Ourense e en Portugal.

O HÓRREO GALEGO

Agora vén a GRADE, que é unha estrutura formada por catro vigas que serve de base á cámara. As medidas das vigas dos lados longos (paredes costais) dependen de se se trata de madeira (entre 4 e 5 m.) ou se se constrúe en pedra (entre 1,50 e 1,80 m) sendo necesario empregar varias pezas cando o hórreo supera esa lonxitude.

E por fin, a CÁMARA, o espazo principal, onde se garda o gran. Novamente, segundo a zona pode estar feita de pedra, de madeira ou mixto. O chan tamén pode realizarse en madeira de carballo ou castiñeiro, ou en pezas grandes de granito ou xisto.

No caso das cámaras de pedra, cada unha das unidades que forman a parede da cámara chámase doela e poden estar dispostas en vertical ou en horizontal. Os hórreos de madeira ou mixtos, por veces, presentan a cámara pintada.

O HÓRREO GALEGO

PINCHE é o nome que reciben as pezas triangulares nas que rematan as paredes penais (as dos lados curtos), que poden levar enriba unhas sobrepenas, unhas pezas cuxa función é a protección contra a choiva da xunta entre a cuberta e a parede.

Cubríndoo todo, a CUBERTA. En liñas xerais, a cuberta dos hórreos mixtos e dos de pedra é a dúas augas e utilízanse os materiais propios da zona: tella, lousa ou laxes.

Finalmente, os REMATES ou TERMINAIS. Aínda que o habitual é que os hórreos de pedra e mixtos estean coroados cun pináculo nun lado e unha cruz no outro, o certo é que os remates poden ter diversas formas, tales como reloxos de sol, santos, animais…  e estar máis ou menos traballados.

O HÓRREO GALEGO

Son máis comúns nos hórreos de pedra que nos de madeira ou nos mixtos. A razón da colocación dunha cruz é que este símbolo sirve de protección divina para a colleita. 

Por contra, os pináculos dan para moitas máis especulacións. Algúns autores consideran que se colocaría para propiciar a  fecundidade da terra, para que a colleita sexa abundante.

Castelao, no seu libro Cruces de pedra na Galiza dinos ao respecto: “a cruz dos hórreos deseméllase da que santifica os fogares, porque non ten virtudes profiláiticas, senón consagratorias. O hórreo -tal vez con outra feitura- é anterior ao triunfo da Eirexa e denantes de ser cristianizado, foi obxecto de culto pagán ou cicáis fose mansión dalgún deus xa esquecido, que inconscientemente se representa no remate piramidal que acompaña á cruz”.

Moito menos común (salvo en Bueu, onde temos unha importante concentración) é colocar un reloxo de sol, que serviría para orientarse temporalmente nas labores do campo.

O normal é que os hórreos non conten con ESCALEIRA fixa para seguir evitando que os animais poidan acceder á cámara, utilizándose unha escada móbil. No caso da escaleira fixa situaríase a unha distancia prudencial do hórreo, sen conexión directa. 

O HÓRREO GALEGO

Se quedastes con ganas de saber máis, podedes consultar os seguintes libros que serviron de bibliografía para este artigo:

  • Arquitectura Popular en Galicia de Pedro De Llano Cabado.
  • El hórreo gallego de Ignacio Martínez Rodríguez 
  • As construcións populares. Un tema de etnografía en Galicia de Begoña Bas.                  
  • Cruces de pedra na Galiza de Castelao
  • As construcións da arquitectura popular. Patrimonio etnográfico de Galicia de Manuel Caamaño Suárez.
Liliana Cancelas Gargamala
+ artigos

Socia de A Illa dos Ratos e Guía Oficial de Galicia

Xabier Guardado Soliño
+ artigos

Socio de A Illa dos Ratos e Guía Oficial de Galicia

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.