POSIBLEMENTE O BARCO EN ACTIVO MÁIS ANTIGO DE GALICIA

Texto elaborado e fotografías por Pablo Martínez Otero e Celso Coloret Portela da Asociación Recreativa e Cultural Sueste.

Neste primeiro artigo os amigos de Sueste nos achegarán a historia da súa embarcación máis emblemática, o Galeón Eliseo.

Pablo Martínez cóntanos a evolución histórica desta embarcación falándonos dos cambios de denominación, usos e propietarios.

No segundo artigo que publicaremos, será Celso Coloret quen nos contará cousas moi interesantes sobre a recuperación da embarcación e nos falará dos Encontros de Embarcacións Tradicionais de Galicia, cuxa XV edición tiña previsto celebrarse en Moaña no ano 2021 e foi cancelada pola mala evolución da COVID-19.

O Eliseo é un tipo de embarcación coñecida como galeón das rías que foi construído no ano 1908 e botado inicialmente co nome de Pepita

Na actualidade conta polo tanto con 114 anos de idade, sendo probablemente o barco en activo máis antigo en Galicia e un dos de máis antigüidade de España.

O galeón das rías, o galeón, é unha embarcación que se dedicaba, noutros tempos, ao transporte de mercadorías entre as diferentes vilas de cada unha das nosas baías. Tamén con galeóns de máis porte se transportaban mercadorías entre os portos da costa galega saíndo a mar aberto.

As súas características facíano apto para estes mesteres: panzudos de proa, levemente lanzada, característica dos deseños antigos, con moita manga con respecto á eslora, cuberta ocupada en gran parte ou totalmente pola bodega e unha popa redonda.

Galeóns en Vigo.

As características do barco facíano apropiado para este tipo de navegación e para varar en calquera das nosas praias. Eran embarcacións de moi pouco calado. A cuberta ten brusca e arrufo pronunciados. A parte do casco correspondente á obra viva, por seren barcos de carga, era chea e  arredondada, é dicir, o deseño do casco en forma de U. 

Isto era consecuencia, dende logo, dos lugares onde tiñan que desenvolver, moitas veces, o seu labor: esteiros e praias que quedaban en seco para cargar area, ou pequenos peiraos e que quedaban sen auga no devalo do mar para a carga ou descarga do material. Este pequeno calado do barco facilitaba o achegamento a terra; así como tamén o casco, moi plano, axudaba a que puidesen varar nas praias sen ningún tipo de problema.

O Galeón que hoxe coñecemos como Eliseo foi construído en Serra de Outes e botado co nome de “Pepita”

A construción deste galeón das rías levouse a cabo nun dos estaleiros de O Freixo (Serra de Outes), concretamente na aldea de Cerzóns, ao final da enseada de Broña, na marxe norte. O seu mestre carpinteiro foi Manuel Romero Otero, coñecido como “O Cacherulo”, experto construtor de innumerables barcos como o balandro Manuel Siaba, de 20,16 metros eslora,  goleta San Alberto, goleta Aurrerá, paquebotes como o Luís Cadarso ou o Nuevo Siglo.

Galeóns na Moureira, en Pontevedra.

Pola súa estrutura é un galeón típico dos construídos en O Freixo, é dicir, orixinariamente non posuía cuberta, si corredores polos costados para realizar as manobras e desprazamentos da tripulación. Consideramos que a cuberta foi posta na segunda das etapas de vida deste barco. As dimensións do Eliseo son algo máis pequenas ca maioría dos galeóns da época, segundo consta no proxecto de reparación do mesmo son as seguintes:

Eslora total:                                11,20 mts

Eslora entre perpendiculares:      10,55 mts

Manga fóra de forros:                   3,08 mts

Puntal de construción:                  1,10 mts

Tripulación:                                    2

Pasaxeiros:                                    12

Propulsión:                                   motor/vela

Matrícula                                     7ª VILL 3.83.05

Arqueo bruto:                               7,71 TRB

NIB                                              6783

Categoría navegación                   C zona IV

Galeóns Eliseo e Natalio no Grove cargados de madeira.

Na vida do Galeón Eliseo podemos distinguir 5 etapas

1ª etapa: (1908-1925)

Dende a súa construción (1908) para o armador don José Romaní Ferrer, fomentador catalán afincado en Esteiro (Muros), quen xa posuía unha flota duns cincuenta barcos que se adicaban a pesca da sardiña, ata a súa venda para un armador de Vilalonga (1925)

Todo este período se desenvolve na ría de Muros – Noia. As funcións principais foron a pesca da sardiña coa arte da xávega ou ben a compra a flote da mesma.

 2ª etapa: (1925 – 1948)

Este período transcorre en Vilalonga (Sanxenxo). Ten varios armadores e dedicarase a o transporte de arxila e barro, así como ao transporte dos produtos xa rematados como ladrillos e tellas.

Propietarios desta época:

  1. Vicente Padín Outón
  2. Albino García Caneda
  3. Alberto J. Demetrio Estévez
  4. Juan Apolinar Fernández Afonso
  5. Manuel Padín Outón
  6. Vicente Padín Outón
  7. José Caneda Buezas

Remata esta etapa coa venda do barco a D. Eliseo Rey Bustelo, da Isorna (Rianxo).

Pensamos que é nesta etapa cando se lle coloca a cuberta , xa que orixinalmente non tiña, característica dos galeóns de O Freixo.

3ª etapa: (1948 – 1972)

Esta é a etapa na que ten o propietario que máis anos o explotará. Dedicarase ao transporte de leña e area.

Propietario:

  1. Eliseo Rey Bustelo. Isorna (Rianxo).

Nesta etapa múdaselle o nome orixinal de Pepita polo de Eliseo, no ano 1950. No ano 1959 inscríbese na Capitanía de Vilagarcía a instalación, por vez primeira, dun motor.

No ano 1972 véndese, outra vez, para ser transformado nun barco auxiliar da batea.

4ª etapa: (1972 – 2005)

Dende o ano 1972 ata 2005. Terá a súa base no porto de Vilanova de Arousa e logo O Grove. Terá neste época dous propietarios.

Propietarios:

  1. Ramón Díaz Oubiña. Vilanova de Arousa.
  2. Ramón Vidal Lijó. O Grove.

5ª etapa: (2005 – …)

No 2005, a asociación Sueste compra o barco e comeza a súa primeira rehabilitación, devolvéndolle a súa forma primitiva para a navegación a vela.

Queremos agradecer a Pablo e Celso a elaboración deste interesante artigo para o noso blog e tamén o seu gran traballo na difusión e a defensa do patrimonio marítimo galego.

Celso Coloret Portela
+ artigos

Secretario da Asociación Cultural e Recreativa Sueste

5 comentarios

  1. Sueste estará presente no XVI Encontro de embarcacións tradicionais de Galicia en Sada » A Illa dos Ratos

    […] das travesías realizadas a bordo do Eliseo, o barco máis emblemático de […]

  2. Redacción A Illa dos Ratos

    Tes razón, Amador. Volveu a mercalo 12 anos despois da súa venda e o mantivo nas súas máns durante dous anos e medio.

  3. Amador Durán Núñez

    Nos propietarios da 2ª etapa: (1925 – 1948), repitese no nº 1 e nº 6 Vicente Padín Outón.
    Moi interesante, agradacemento a todos os que levan facendo e fan posible a súa existencia.
    Slds.

  4. Patricia

    Interesantísimo y qué buenas fotografías, gracias

  5. Javier

    Fantástico !!!

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.