OS SEGREDOS DAS EXCAVACIÓNS ARQUEOLÓXICAS NO FACHO

Texto elaborado por D. José Suárez Otero, Doutor en Arqueoloxía, Director dos traballos arqueolóxicos realizados no Monte do Facho (campañas de 2003 a 2016) e Coordinador científico da campaña de 2019. Fotografías aéreas tomadas pola empresa Aerorec para a Deputación de Pontevedra.

O Monte do Facho vén sendo nos derradeiros anos un dos xacementos castrexos galegos máis relevantes, tanto pola súa singularidade, como polos intensos e prolongados traballos que se viñeron efectuando nel, e moi especialmente polo descubrimento dun excepcional conxunto de altares votivos de época galaico-romana, coñecido desde finais do século pasado grazas a Enrique Massó Bolivar e José Suárez Mariño.  

Coñecido como “castro” dende mediados do século pasado, ó que se lle engadiría a denominación de “santuario galaico-romano” nos anos sesenta desa mesma centuria, serán os traballos levados a cabo a partires do 2003 polo Concello de Cangas e o Instituto Arqueolóxico Alemán, os que coloquen definitivamente este sitio arqueolóxico entre os máis significativos para o coñecemento arqueolóxico da relixión galaico-romana, ao tempo que permitiron avaliar a relevancia do enclave na súa etapa prerromana e coñecer o seu uso na Idade Moderna.

Unha serie de episodios, escalonados no tempo, de xeito descontinuo, e que nos falan dos distintos usos e significados do monte ao longo dunha historia que se remonta a tres mil anos atrás e que iremos expoñendo do máis recente ao máis antigo.

O Facho: Velando a costa

As escavacións no cumio do monte permitíronnos coñecer mellor a última ocupación humana do Facho. Referímonos ao posto militar de vixilancia costeira existente ao longo de todo o século XVIII e principios do XIX, e do que aínda queda, o testemuño da ‘garita’ de forma circular e cuberta de cúpula que coroa o monte, así como o propio topónimo de O Facho, referido ao lume usado para dar os avisos.

O proceso de explanación do terreo e o traballo de construción da garita, falan da incidencia desta ocupación na parte alta do monte, dando lugar á conformación actual da mesma. Os restos materiais, especialmente as cerámicas, indican a presenza, aínda que ocasional, de continxentes militares.

Serían os que levarían a vaixela de mesa en forma de escudelas ou algunhas pezas de maior calidade debido á súa cuberta pintada e vidrada. Tamén o explicarían os restos dalgúns recipientes de transporte e almacenaxe, como as anforiñas nas que se transportaba o aceite, ou a presenza de restos dunha botella en gres de produción alemá e usada para bebidas alcohólicas nos ambientes mariñeiros da época.

Aínda que normalmente o lugar estaba ocupado polos vixías, xente das aldeas próximas eran os que velaban do funcionamento do que era un posto de control militar da costa. 

O Santuario adicado ao Deus Lar Berobreus (s. III-VI)

Os altares votivos son, sen dúbida, os achados máis significativos e coñecidos do Monte do Facho. Trátase de ofrecer ao deus un pequeno monumento que lembra na súa forma á fachada dun templo e que recolle nunha inscrición o nome da divindade á que vai dirixida.

Nos exemplos de Monte do Facho podemos ver a copia ou a interpretación dos modelos orixinais romanos, e a pesar da súa, polo xeral, escasa ou simple epigrafía permítennos coñecer o nome da divindade que se veneraba no monte: Deus Lar Berobreus.  

O FACHO
Aras votivas atopadas nas excavacións do Monte do Facho.

As escavacións permitíronnos constatar que a disposición dos altares axustábase a un espazo concreto dentro da parte máis alta do monte. Situado a carón da cima pero a unha cota lixeiramente máis baixa, presentaba unha topografía en pendente suavizada artificialmente e estaba orientado cara o Leste. Conforme nos afastamos dese espazo, desaparecen as evidencias relacionadas coa colocación das aras-ofrenda, ao tempo que estas diminúen en número ata desaparecer.

A pesar da súa espectacularidade, en especial polo seu gran número, as aras non son a única expresión do culto realizado en época galaico-romana no Facho. Son unha parte dos ritos realizados e ocupaban só unha parte do conxunto do santuario.

Dende o espazo ocupado por elas podíase acceder por un camiño entre dous muros ao cumio do monte, que debeu de xogar un papel importante na definición do santuario, pero que, de xeito paradoxal, aparece baleira de calquera resto, agás, da presenza dalgunha ofrenda en forma de produtos perecedoiros, o que podería ser indicio do carácter marcadamente sacralizado, e polo tanto exclusivo, desta parte do santuario.

Detrás do ámbito das aras e rodeándoo atopamos as vellas construcións do castro, das que algunhas van a ser recuperadas polo propio santuario. Trataríase de edificios que se manterían en bo estado de conservación e que poderían servir, tanto para a realización de ritos que necesitaran dun espazo pechado, como para o almacenamento das ofrendas.

O FACHO

De feito é nelas onde atopamos o maior continxente de cultura material asociado ao santuario: moedas, vidros e cerámicas. Cultura material que nos permite definir o tempo de existencia deste santuario, que xorde a partir de finais do século III, cunha existencia ata avanzado o século V, e un final impreciso a partires desas mesmas datas. Final que está vencellado a unha pervivencia como lugar de culto, pero xa baixo a nova fe cristián.

Berobriga, un castro da Idade do Ferro (s. II a.C. – I d.C.)

Debaixo do santuario, conforme profundamos, vai saíndo á luz unha realidade anterior: o castro da Idade do Ferro, que ocupara boa parte do monte, e, en gran medida, conformouno no aspecto que hoxe ten.

Un asentamento humano que tivo que salvar as dificultades dunha orografía difícil, con acusadas pendentes cubertas totalmente polo rochedo granítico, polo que tiveron que suavizarse esas condicións: construción de muros de aterraplenado, eliminación parcial do rochedo; ao tempo que a arquitectura ten que adaptarse a esa orografía: as construcións cólganse sobre a pendente, configurándose en forma e dimensións segundo a disposición do terreo.

O FACHO

Espallado dende a coroa/cumio por toda a ladeira norte, con proxeccións cara a Leste e a Oeste, estaba rodeado dun importante sistema defensivo conformado por tres liñas de murallas e un pequeno foxo no extremo noroccidental do monte.

A arquitectura responde ás características do mundo galaico prerromano: uso da cachotería concertada en parede dobre, formas con predominio do curvilíneo na definición dos edificios e cubertas de colmo.

A especificidade estaría na abundante presenza de construcións de formas trapezoidais e de morfoloxías atípicas, ou a preferencia polas construcións de gran tamaño, fronte ás que responderían as dimensións típicas nos castros que serían coevos.

No ámbito da vida cotiá temos datos para a etapa previa ao abandono do castro, que se expresa nunha abondosa presenza de ánforas, case que sempre en relación o transporte do viño, e de vaixelas de luxo de produción romana, algunhas destas elaboradas xa no ámbito rexional, como é o caso das cerámicas pintadas ou doutras destinadas a usos máis comúns.

Dito isto, a cerámica máis frecuente, como cabería esperar, é a que responde ás producións locais, realizadas na tradición da cerámica castrexa da área sudoccidental galaica. Grandes recipientes de contención, olas, xerras e cuncos son as formas máis comúns, nunha cerámica decorada fundamentalmente con motivos en relevo, menos mediante incisión, acadando as veces un esaxerado barroquismo, que diferencia as de uso doméstico, as máis delas sen decorar, das que tiñan un significado e unha funcionalidade especial, como a ostentación ou a ritual.

O FACHO

No apartado dos metais, mencionar a relativa abundancia dos obxectos de uso cotián realizados en ferro, como coitelos, cravos, argolas; ou en bronce, caso das fibelas, nas que predominan as de filiación xa romana e propias da etapa final da cultura castrexa; e, en menor medida, broches de cinto, agullas e outros.

Nun contexto aínda referido ao metal pero nun ámbito de características específicas, como é o da moeda, temos que sinalar a aparición de varios exemplares en bronce, en especial das chamadas “da Caetra, acuñada no Noroeste con motivo das campañas de Augusto nas Guerras Cántabras, e tamén unha moeda de prata (“denario”) dese mesmo emperador, todas de entre os anos 25 a.C. e o 37 d.C. e dándonos probablemente as datas de esplendor de Berobriga.

Aínda de xeito moi limitado, constatouse a existencia dunha etapa anterior cunhas dimensións e características semellantes á que lle sucedeu, aínda que descoñecemos si tiña sistema defensivo, e agora adaptándose máis a topografía do monte, sen modificala substancialmente.

Centrado na primeira metade século I a. C., tería as súas orixes nun momento aínda por definir do século II a.C. A olaría local, propia das rías Baixas, e as primeiras cerámicas importadas do Mediterráneo, tanto ánforas como vaixela de luxo, así como a presenza de útiles e armas de ferro, certifica esa antigüidade. O que si é seguro e que esa foi a primeira ocupación da Idade do Ferro e correspóndese coa creación do castro.

As evidencias máis antigas: A Idade do Bronce Final (s. IX – VII a.C.)

Aínda moi pouco coñecida, enigmática no seu significado, as primeiras evidencias da presenza humana no Facho retrotráennos a principios do I milenio a.C. Espallada, agora, polas ladeiras este e sur do monte, dende o cumio ata os seus pés, ocupando os buratos entre os penedos ou os espazos entre eles, constatamos unha ocupación caracterizada por unha olaría simple e case nunca decorada, a que acompañan algunhas evidencias da metalurxia do bronce.

Deste momento poderían ser tamén parte dos gravados rupestres que aparecen, non só no monte, senón tamén na súa contorna.

O FACHO

As dimensións desta ocupación que aínda non podemos definir, nin física, nin funcionalmente, semella apuntar a unha importancia que estaría referendada pola riqueza do depósito coevo de armas e útiles atopados xa fai moitos anos en Liméns, e hoxe no Museo de Pontevedra: o coñecido como “Depósito do Hío”.

José Suárez Otero
Doutor en Arqueoloxía.
Director dos traballos arqueolóxicos realizados no Monte do Facho (campañas de 2003 a 2016) e coordinador científico da campaña de 2019.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.