O DILEMA DA AUTORÍA DO CRUCEIRO DO HÍO: ESTADO DA CUESTIÓN

Texto elaborado por Anxo Coya Otero, veciño do Hío e Premio Ignacio Cerviño á Recuperación/Promoción do Patrimonio 2019, na honra de Ignacio Cerviño como escultor do Cruceiro do Hío. Fotografías aportadas polo propio autor.

O Cruceiro do Hío, labrado polo excelso Mestre Cerviño, está recoñecido como a obra máis importante en Galicia no eido da arte popular galega

Algúns investigadores deste asunto teñen a opinión, respectable pero non compartida polo autor deste artigo, de que o Cruceiro do Hío é obra do mestre canteiro José Cerviño García (1843-1922), natural do lugar da Pena, parroquia de Santa María de Aguasantas, no concello de Cotobade, hoxe fusionado co de Cerdedo.

A este canteiro coñéceselle polo alcume de Pepe da Pena, por ser este o lugar do seu nacemento. A documentación presentada polos Pepistas (defensores de José Cerviño como autor do mencionado Cruceiro e outras obras), baséase nunha longa tradición oral, na nosa modesta opinión, deformada polo paso do tempo.

O historiador cangués, xa finado, Eugenio Eiroa Hermo demostrou dunha forma encomiable que o verdadeiro autor deste fermoso Cruceiro e outras obras non era Pepe da Pena, se non Ignacio Cerviño Quinteiro. Nun dos traballos publicados por Eiroa, asegura que “…Ignacio Cerviño era – como decíamos antes- un picapedrero y nada más. No había tenido estudios, no recibió más preparación, ni le fueron dadas otras dotes que las de su propio ingenio, su natural inspiración de lo artístico…”( “El Crucero de Hío, Verdadera Maravilla: La obra de Cerviño en Cangas”. Faro de Vigo 30/08/1964).

O DILEMA DA AUTORIA DO CRUCEIRO DO HIO
Panteón de Joaquín Francisco Graña Rodal “O Ranqueta” en Cangas. Fotografía de Anxo Coya.

Existe un debate que podemos centrar en dúas opinións diverxentes, dando vida deste xeito a dúas correntes de investigación neste asunto: Pepistas e Ignacistas

Despois de ler a uns e a outros, decidín mergullarme entre documentos da época na procura de información sobre ambos mestres canteiros sempre coa equidistancia que debe ter un investigador, é dicir, sen favoritismos nin suxestións maniáticas. Así fixen, sempre co apoio e axuda de grandes investigadores como o exemplar Emilio Alfonso Fernández Sotelo, o incansable Estanislao Fernández De la Cigoña ou o inefable Calros Solla Varela.

O que xa estaba recollido, máis o que conseguín recadar, leváronme á conclusión de que a figura do Mestre Cerviño correspóndese coa persoa de Ignacio Cerviño Quinteiro (Peroselo, Aguasantas 1834-O Porriño 1905). Como podemos ver existe unha diferencia de idade entre ambos canteiros de 9 anos, un dato a ter en conta, pois na data que se ergue o Cruceiro (1872), José Cerviño tería 29 anos e Ignacio contaría con 38, ao que lle debemos asignar maior experiencia e coñecemento laboral. 

Ignacio, era fillo de María Antonia Quinteiro Touriño e de Antonio Cerviño Couceiro, mestre de cantería e home a ter moi en conta para axudar a debullar quen labrou o Cruceiro do Hío

Tal e como documentou o investigador Arturo Sánchez Cidrás, en 1850 atopamos a Antonio Cerviño Couceiro nunhas obras na igrexa e adro de San Martiño de Bueu e no 1851 consta que remata a obra da bóveda da igrexa parroquial da súa natal Aguasantas, obra na que incluso aparece a súa sinatura labrada na propia pedra.

En xullo de 1852, mediante un contrato ante notario, sae á pública poxa a obra da construción da bóveda central e outras obrigas contractuais da Igrexa do Hío, que será adxudicada ao devandito Antonio. Cómpre subliñar que este contrato está asinado polo cura párroco do Hío, Juan Manuel Míguez Alonso, o mesmo crego que manda construír e levantar o Cruceiro do Hío á devoción dos veciños. Ignacio, entón con 18 anos, estivo traballando co seu pai durante os máis de dous anos que durou esta construción da bóveda. Está documentado por Antonio Rodríguez Fráiz que Ignacio fai o Cruceiro do Pego, na parroquia de San Pedro de Parada, en Cerdedo.

Esta información está acreditada por dous documentos, pero a aparición dun terceiro faime pensar que este cruceiro non está labrado na súa totalidade polo noso protagonista. Para maior información debemos consultar o traballo desenvolvido polo escritor Calros Solla en “A labra percusora de Ignacio Cerviño” (FdV 7/10/012).

Cando contaba con 25 anos casou con Ramona Isidora Beiro Mosquera, o 3 de agosto de 1859 na parroquia de San Xoán de Cerdedo. Aquí, o 3 de novembro de 1860, naceu a súa primeira filla, Vicenta Fernanda.

Neste mesmo ano trasladouse a Madrid, baixo a protección do político de Ponteareas Sr. Bugallal, segundo testemuñas que poden considerarse fidedignas. Fíxoo para matricularse na Escuela de Bellas Artes de San Fernando.

Este dato, refírome ao feito de ser matriculado, puiden corroboralo no Arquivo, trasladado á Complutense, onde aparece tan só matriculado no curso de 1860-61. Inscribiuse en Xeometría, e despois dentro da Matrícula General, fíxoo na “Sala Grande de Principios”, materias que se impartían na Escuela Especial de Pintura, Escultura y Grabado. Esta información debemos de valorala á hora de atribuír a que persoa corresponde a figura do Mestre Cerviño.

Ignacio tiña 26 anos pero seguiu vivindo na capital durante algún tempo máis, tempo suficiente para que nacese o seu segundo fillo, Dionisio Casimiro, en 1862, e falecese a súa esposa Ramona o ano seguinte, o 26 de Marzo de 1863. Nese intre vivían na Calle Olivar nº 4, na parroquia de San Sebastián.

Este desgraciado suceso debeu rachar co seu proxecto de permanecer en Madrid, e regresou a Galicia, instalándose na parroquia de San Nicolás en A Coruña. E nesta cidade casará na parroquia de San Jorge catro anos despois, o 20 de maio de 1867, con Josefa Costa Linares, muller que nos documentos posteriores aparece como Linares Costa ou Linares Barrera. Delfina será súa primeira filla destas segundas nupcias, quen naceu o 11 de marzo de 1869 en Aguasantas, Cotobade, e faleceu dous meses despois. Polo tanto, a súa permanencia na Coruña será tamén curta.

Seguindo a pegada de Ignacio Cerviño atopamos que residiu no Hío entre 1869 e 1872, anos nos que se labra o Cruceiro do Hío

Nese mesmo ano de 1869 aparece domiciliado en San Andrés do Hío, onde o párroco D. Juan Manuel Míguez Alonso, vello coñecido do seu pai polas obras que nesta parroquia realizou, quería erguer un Cruceiro para devoción dos veciños. Non din co documento ou contrato que acredite que Ignacio Cerviño foi o elixido polo párroco para realizar a que sería a súa obra preferida e de gran proxección popular; pero si consta que residiu na parroquia do Hío de 1869 a 1872, anos da labra do Cruceiro, sen que exista noticia algunha da existencia doutro escultor vivindo aquí neses anos.

O DILEMA DA AUTORIA DO CRUCEIRO DO HIO
Cruceiro do Hío. Fotografía de Anxo Coya.

Neste tempo, Ignacio Cerviño aparece actuando como un veciño máis, que merece confianza e prestixio. Era o 27 de Novembro de 1869, cando Ignacio asina como testemuña da entrega dunha cantidade de diñeiro ao mestre albanel Juan Iglesias polos traballos realizados na Casa Reitoral. Igualmente asina outro documento en 1871, tamén como testemuña, pola compra dun terreo por parte dun veciño da parroquia que vivía preto do seu taller.

Cerviño debeu trasladar a súa familia a O Hío, é dicir, a súa muller Josefa e a Casimiro, o fillo que tivo coa súa primeira esposa, Ramona, en Madrid, que na chegada a O Hío contaría con 7 anos. Confirman esta situación os datos do nacemento da filla María Carmen Remedios, o 1 de abril de 1872, segundo consta no libro de bautizados desta parroquia e no Rexistro Civil de Bueu, a cuxo Concello pertencía a parroquia de O Hío. É o ano da colocación do Cruceiro, segundo nos acredita O Esmoleiro, obra tamén de Ignacio, e esta coincidencia debe de terse en conta.

Dende 1864, D. Juan Manuel Míguez ocupouse de erguer os muros do adro, para cuxo fin aporta 480 reais. En 1868 a información do II Libro de Fábrica é concreta e aporta unha cantidade importante: 3332 reais “por la variación de los muros del atrio para colocar el Sto. Cristo de la Luz”. Por outra parte, o mordomo fabriqueiro Javier Piñeiro, no mesmo ano, entregou 700 reais “para ayuda del Sto Cristo del Atrio”.

Pero entón preguntémonos todos: que fixo Ignacio Cerviño vivindo aquí?… A que se dedicou?

Desa época non se lle coñece obra algunha. E de súpeto o Cruceiro é unha realidade a partir de 1872, e concluída esta obra, trasládase a vivir a Cangas, onde cumprirá varios contratos. Todo isto non pode certificar que Ignacio Cerviño foi o escultor desta obra, pero non hai dúbida de que neses anos desenvolveuse unha actividade dirixida a instalación de algo que se chamará Cristo da Luz, o noso Cruceiro do Hío, como desde entón (1872) e ata hoxe se lle coñece, e ademais coincide coa súa presenza.

Anxo Coya Otero
+ artigos
Veciño do Hío.
Premio Ignacio Cerviño á Recuperación/Promoción do Patrimonio 2019.

13 comentarios

  1. Anxo Coya

    Eu mentras non saia a luz novos datos que indiquen o contrario, seguirei defendendo esta tese. Se vostede posee e acredita algo contundente ou quere contactar con algún investigador que publique a súa postura, insisto en que non teño prexuízo en facelo eu mesmo e cambiar de tese. Pero ten que aportar documentación.
    Contacte conmigo cando queira.
    Saúdos.

  2. María Jesús Fontán.

    Por educación no quiero seguir comentando pero quiero darles las gracias a Anxo Coya Otero y a Luis Pérez porque gracias a su página me pude expresar yo también.

  3. María Jesús Fontán.

    Gracias a su publicación que permite comentarios , he podido yo expresarme.
    Por lo que les doy las gracias a Anxo Coya Otero y a Luis Pérez.
    Aunque no tengamos los mismos datos, agradezco el poder expresar me.

  4. María Jesús Fontán.

    Por educación no quiero seguir comentando pero quiero darles las gracias a Anxo Coya Otero y a Luis Pérez porque gracias a página me pude expresar yo también.

  5. María Jesús Fontán.

    Ya veo que Anxo no está sólo.
    Lamento decirle a Luis Pérez que el crucero de Hio no se hizo en 1872.
    Ese es uno de los datos falsos que alguien sin conocimientos dió hace muchos años y es lo que favorece que continúen en su error.
    El auténtico crucero de Hio no se hizo en 1872. Esa fecha está mal.
    Pueden seguir manchando pero por eso yo respondo .
    Me parece muy injusto que sin fundamento ninguno hayan escrito tantos y tanto .
    No se dan cuenta del daño que hacen, sinceramente ojalá pudiéramos aclarar todo ésto pero no creo. Por desgracia llevan años convencidos de algo que no es cierto.
    Aseguro que no es mi intención enfrentarme además con quien ni conozco.

  6. Luis Pérez

    Absurda a polémica que plantea Maria Jesús Fontán reivindicando a autoría do Cruceiro do Hío para o seu antergo, sen aportar ningún dato nin argumento.
    Datos coñecidos e contrastados documentalmente:
    1.- O Cruceiro do Hío eríxese no ano 1872.
    2.- Manuel Fontán Armiñán nace no ano 1877.
    Nada máis que engadir.

  7. María Jesús Fontán.

    Después de leer la respuesta de Anxo Coya Otero quedo más convencida de lo que es una mente retorcida como la de Anxo Coya Otero. Es capaz de cualquier cosa con tal de hacer valer la suya. Deduce usted fatal. Ha descrito mi actitud sin conocimientos, no siquiera nos conocemos.
    Ya veo cómo deduce y qué conclusiones falsas saca de todo Anxo Coya Otero.
    Repito, he leído todo lo que han escrito y están muy mal fundamentados. Es inaceptable lo que usted escribe pero no es aquí donde lo voy a razonar con quien no quiere ni sabe razonar.
    Yo conozco su información pero usted no conoce la mía.
    La mía es auténtica, está basada en hechos reales.
    La de Anxo Coya Otero está basada en datos falsos dados por alguien y ni siquiera se dedica al trabajo del que tanto escribe. Por eso sus datos son falsos y vienen de atrás, de la falta de rigor y de honradez.
    Es la última vez que me dirijo a usted y a esta página, supongo que responderá con insultos y más mentiras que ya veo que es la manera que tiene usted para defenderse y hacer valer la suya.
    Sinceramente es lamentable que gente como usted se atreva a escribir y publicar sin tener fundamento ninguno y hasta puede que aporte más falsedades.
    La buena educación que recibí en mi casa me permitió callar hasta ahora durante años y probablemente continúe callada para no tener que aguantar a falsos y atrevidos como Anxo Coya Otero.

  8. Anxo Coya

    Señora Maria Jesús Fontán González. Con dicir vostede que non está de acordo con publicacións que defenden a Ignacio Cerviño como o escultor do Cruceiro do Hío, quedaría mellor e sería de moita máis de cortesía. Pero, nos seus comentarios percíbese envexa, odio e un malestar xeral de insultos e acusacións procedentes dunha mentalidade que non acepta ler outras posibilidades que non sexan da súa conveniencia, xa que os lazos familiares dos que vostede fai mención son entendibles. Vostede teno moi fácil, tan só ten que defender o que vostede pensa sobre o escultor do Cruceiro do Hío con documentos que acrediten tal cousa. É máis, tal vez Fontán Armiñán e Pepe da Pena traballaron nalgún momento da súa vida co Mestre Cerviño (Ignacio Cerviño Quinteiro) ou con algún dos seus discípulos. Estes pupilos pudieron herdar ferramenta, planos, debuxos, e outros bens do Mestre Cerviño.
    Eu, mentras tanto e non aparezan documentos que amosen o contrario, seguirei defendendo a Ignacio Cerviño. O dito, publique vostede ou colabore cedendo documentación relacionada coa causa con investigadores para que o fagan se tanto interese ten. Eu mesmo téndolle a man para que o faga. Grazas pola lectura das miñas publicacións. A próxima vez intente facer lectura delas deixando a mente enoxada e limpándoa de envexa e odio. O resultado será positivo e faralle ben.
    Saúdos.
    Anxo Coya.

  9. María Jesús Fontán.

    Tenga cuidado ANXO COYA OTERO porque no tiene autoridad para atribuir obras. La autoridad no la da la verborrea.
    No puede seguir escribiendo basado en datos falsos como hacen Anxo Coya Otero y otros

  10. María Jesús Fontán González

    Tenga cuidado ANXO COYA OTERO. Tiene muy mal la base de datos.
    Parte de falsedad y escribe falsedades respecto a la autoría de obras que son de Manuel Fontán Armiñan.

  11. María Jesús Fontán.

    Cuanta barbaridad escribieron sobre el crucero de Hio en Cangas.
    Cuanta mentira.
    Tienen los datos falsos y a partir de ellos escriben sin conocimientos dando como resultado grandes barbaridades.
    El crucero de Hio no lo hizo ningún Cerviño. No lo hizo ningún Cerviño.
    El verdadero Artista es Manuel Fontán Armiñan es quien hizo el auténtico crucero de Hio.

  12. O peto de ánimas da Magdalena » A Illa dos Ratos

    […] Segundo unha información recollida a partir dunhas notas do crego D. Rafael Sotelo, o peto de ánimas da Magdalena foi encargado por D. Domingo Antonio Freijomil Sotelo e a súa autoría atribuída “ao mesmo escultor que o Cruceiro de Hío”. […]

  13. O dilema da autoría do Cruceiro do Hío (II) » A Illa dos Ratos

    […] primeira parte deste artigo falabamos das dúas correntes de investigación existentes sobre a autoría do Cruceiro do Hío: os […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.