CANDO OS VECIÑOS DE COIRO SE OPUXERON A PARA AMPLIAR O ABASTECEMENTO DE AUGA DA VILA CO CAUDAL DO BOUZÓS
Texto elaborado por Xerardo Dasairas Balsa, mestre xubilado e cunha dilatada traxectoria como investigador en diversos ámbitos.

No primeiro artigo que adicamos ao “conflito da auga en Coiro en 1977” falabamos da oposición dos veciños de Coiro ante un proxecto impulsado dende o Concello para a ampliación de abastecemento de auga a vila co que se pretendía paliar a escaseza de auga no núcleo urbano empregando parte do caudal do río Bouzós.
Nesta segunda entrega o autor nos relata a evolución dos feitos e como os veciños de Coiro, encabezados por Manuel Boubeta, logo de constituír unha Comisión Veciñal e buscar apoio nun grupo especializado de asesores, lograron paralizar o proxecto.
Unha vez organizados, os veciños comezaron a mobilizarse para solucionar o conflito da auga de Coiro pola vía legal
Tras a constitución formal da Comisión Veciñal de Coiro, a primeira iniciativa emprendida sería a elaboración dun manifesto, avalado por centos de firmas, coa finalidade de entregarllo ao gobernador, facendo constar no mesmo a postura e reclamacións dos veciños.
A primeira proba do desprezo institucional aos representantes veciñais vai vir do mandatario provincial pois solicitada a entrevista co gobernador o 16 de marzo, apenas os vai recibir o seu secretario no día cinco de abril seguinte, volvendo de baleiro os comisionados.
No entremedio deste período, o 23 de marzo, a comisión tamén vai acudir ao Concello a pedir explicacións, recibindo a calada por resposta. O manifesto veciñal que se pretendía entregar ás autoridades constaba de dezasete puntos, logo refundidos en dez, nos que se recollían, ademais das denuncias dalgúns feitos xa narrados (malas contestacións, purga do técnico agrario…), o dereito inmemorial dos veciños ao aproveitamento das augas para o regadío, muíños, lavadoiros… sen opoñerse a que o caudal destas augas tamén se destinase ao abastecemento.
Recalcan, non obstante, a súa oposición a ESTE PROXECTO porque non respectaba a finalidade destas augas nin os dereitos dos veciños, ademais de que, con todo, non solucionaría o problema de abastecemento de Cangas pois a demanda xa non se resolvía construíndo depósitos.
Insistindo na defensa do regadío, dos muíños e dos lavadoiros, os veciños seguen a apelar no seu dereito inmemorial ás augas, non permitindo a ruína do feraz val de Coiro nesta época de emigración e paro galopantes.
Critican, asemade, tanto o desprezo polo informe do técnico e axente de Extensión Agraria como a opinión veciñal, a falta de diálogo e a torpeza do alcalde cuxa única xustificación deste proxecto consistía en reafirmarse en que este fora confeccionado por uns enxeñeiros.
Mais, nesta altura, a Comisión Veciñal xa contaba tamén cos seus asesores, entre eles o enxeñeiro e economista Xan Facal, e co apoio do cura da parroquia Amancio Ínsua que permitía as asembleas no adro e mesmo no interior da igrexa polo cal tamén sería amoestado e trasladado da parroquia.
Os membros da Comisión Veciñal de Coiro organizaron un mitin no Cine Avenida para expoñer as súas reivindicacións
Como medidas de presión, os veciños afectados chegarían a celebrar un concorrido mitin no Cine Avenida no que difundiron a súas reivindicacións, apelando sempre á resistencia civil non violenta, a pesar de que o presidente da Comisión Veciñal, Manuel Boubeta, estaba moi vixiado e incluso tivo que pasar polo cuartel da Garda Civil.
O 30 de maio, en base ao asesoramento xurídico, oito dos membros da directiva da Comunidade de Veciños, incluído o presidente, outorgaríanlle ante notario, ao avogado Nemesio Barxa e a oito procuradores de Vigo, A Coruña, Pontevedra e Madrid, un poder para interpoñeren accións, recursos, demandas, casacións, querelas… no nome dos veciños.
Posteriormente, o 20 de xullo, os técnicos adscritos ao Concello aínda presentarían uns planos parcelarios que en vista do panorama opositor, elaboraran a base de fotogrametría aérea e cos datos catastrais existentes, adxuntando neles o número da finca, o polígono de pertenza, o lugar de localización, a superficie e o nome do propietario, agás o tipo de cultivo que, segundo eles, “non se inclúe pola oposición dos propietarios a que accedesen á finca”.

Con estes datos e apuntando a conversión das terras de regadío a secaño, realizarían tres planos parcelarios para cadansúa fase construtiva, afectando na primeira, como xa dixemos, a 365 parcelas, na segunda a 296 e na terceira a 220 que contabilizaban unha superficie total de case 43 hectáreas.
Mais, había ser este un tardío e inútil intento do Concello por sacar adiante o seu plan pois a ameaza das accións xudiciais e a documentación histórica que avalaba aos veciños, fixeron que as autoridades locais abandonasen o proxecto, influíndo tamén moito nesta decisión o resultado das eleccións xerais que abrían un novo tempo e novos protagonistas na transición cara a democracia.
As forzas progresistas superarían en votos ás franquistas de Suárez e Fraga, que non tiveron en conta a existencia dun antifranquismo sociolóxico que como en Coiro xa asomara a cabeza por toda España.
Xerardo Dasairas Balsa
Diplomado en Filoloxía por Maxisterio, exerceu como mestre en Cangas do Morrazo. Dende 1978 ven colaborando en prensa e revistas de Galicia con artigos referentes a etnografía, historia, arqueoloxía, patrimonio, pedagoxía e socioloxía.
-
Xerardo Dasairas Balsa#molongui-disabled-link20/05/2024
Un comentario
O conflito da auga en Coiro en 1977 (I) » A Illa dos Ratos
[…] SEGUINTE CAPÍTULO RUTA "MUÍÑOS DE COIRO" […]