CANDO OS VECIÑOS DE COIRO SE OPUXERON A AMPLIAR O ABASTECEMENTO DE AUGA DA VILA CO CAUDAL DO BOUZÓS

Texto elaborado por Xerardo Dasairas Balsa, mestre xubilado e cunha dilatada traxectoria como investigador en diversos ámbitos.

A finais de outubro de 1976 o goberno local de Cangas aprobou un proxecto de ampliación de abastecemento de auga a vila que pretendía paliar a escaseza de auga no núcleo urbano empregando parte do caudal do río Bouzós.

Os veciños de Coiro, encabezados polo histórico Manuel Boubeta, como principais afectados deste medida, decidiron organizarse e mostraron unha forte oposición a aquela medida defendendo os seus dereitos inmemoriais a unhas augas que eran empregadas para o regadío das súas terras, mover os seus muíños e dar servizo aos lavadoiros da parroquia. Xurdía entón o coñecido como “conflito da auga de Coiro”.

O conflito da auga de Coiro xorde nun momento no que a vila estaba experimentando un gran crecemento urbanístico 

A pesar de xa ter morto Franco, os seus seguidores no goberno municipal aínda andaban a consumar políticas ditatoriais e oportunistas que no caso de Coiro, igual que nas Encrobas e Baldaio no mesmo ano, toparían cunha forte contestación veciñal na defensa dos seus dereitos colectivos. Así empezaba o período predemocrático en Galicia.

Desde finais de outubro de 1976, o Concello de Cangas vaise ver sumido nunha crise municipal pola renuncia do alcalde de Antonio Graña Giráldez, pasando a ser substituído no cargo polo concelleiro Antonio Sangabriel Gago como presidente accidental da Corporación Municipal.

Durante o seu mandato, o 4 de novembro do mesmo ano, vaise aprobar en plenario o “Proyecto de Ampliación de Abastecimiento de Agua a la Villa de Cangas” elaborado polo enxeñeiro de camiños Alberto Vázquez Peña que contaba cun presuposto de 1.507.876 pts., a executar polo contratista Manuel Bugallo.

Este proxecto fora incluído no “Plan de Infraestructura Sanitaria del Litoral Gallego” da Confederación Hidrográfica e doce días despois contaba coa súa inclusión nos Plans Provinciais apoiado polo gobernador.

Con este Plan, a Corporación pretendía paliar a escaseza e demanda de auga de traída para o núcleo de Cangas, apenas suficiente, ao estar servida polo depósito da Magdalena a onde se quería bombear esta procedente da traída de Coiro.

O crecemento urbanístico nestas datas e as alturas dos edificios puñan en cuestión o abastecemento de auga ás novas edificacións, sobre todo nos edificios en torno á Avenida de Marín, no Forte ou na rúa Moaña…

Inmerso nunha política de parcheo co tema da auga, o Goberno Local puxo entón as súas miras no maior caudal existente na zona, ou sexa o río Bouzós, para levar adiante desde o mesmo, o proxecto de abastecemento a Cangas en tres fases.

A tal fin, identificados e comunicados 365 propietarios e titulares de fincas afectadas para acometer a primeira fase, o Concello convocaría aos mesmos a unha reunión en Coiro o 30 de novembro do mesmo ano.

O CONFLITO DA AUGA EN COIRO EN 1977
O val de Coiro.

No lugar da reunión, segundo comunicaron o enxeñeiro de camiños Alberto Vázquez Peña e o enxeñeiro técnico agrícola Carlos Costa Fraga, contratados polo Concello, toparíanse cunha forte oposición por parte dos afectados que impediron totalmente o inicio dos traballos de elaboración do plano parcelario e de cultivo, que se vían afectados.

En xaneiro do ano seguinte, 1977, xa nomeado alcalde accidental Fortunato Graña Núñez, van continuar os intentos de sacar adiante o proxecto, contando esta vez co apoio do Consello de Ministros que o 30 de decembro do ano anterior, acordara “declarar de urgencia este acto de ocupación de los bienes y derechos afectados por las obras a todos los efectos de aplicación del artículo 52 de la Ley de Expropiación Forzosa de 16 de decembro de 1954“.

Neste tempo, o Concello vai solicitar a concorrencia do axente de Extensión Agraria Local, Leandro Álvarez, quen lles expón aos edís que valoren a finalidade que estas augas veñen cumprindo desde tempo inmemorial e neste sentido a invalidez e prexuízo do proxecto tal como estaba redactado. Nin que dicir ten, que pouco tempo despois, o probo funcionario pagaría co seu traslado a defensa dos dereitos veciñais que recollera no informe demandado polo Concello.

En 1977 o alcalde Fortunato Graña Núñez pediu a colaboración dos afectados para solucionar o conflito da auga en Coiro pero non tivo éxito e tratou de facer o proxecto “por cojones”

Xa no día 8 de febreiro de 1977, o alcalde vai emitir un edicto conminando aos veciños afectados a que colaboren, durante os vinte días de exposición pública do proxecto, aportando cada un persoalmente un esbozo descritivo no que debían constar as distancias entre marcos, superficie, lindeiros, denominación do lugar, clase de cultivo e título de propiedade.

Ante a falta de resposta veciñal, o alcalde promovería o 11 de febreiro en Vigo, unha reunión con algúns dos regantes de Coiro, convocados no despacho do avogado Lucas Irisarri, coa intención de firmar no seguinte día 17, un compromiso entre propietarios e Concello. Neste compromiso recollíase a reposición de danos nos terreos lindantes ao río, reposición do camiño e pago dos terreos que se ocupen sempre que sexan privados ou de servidume.

Ante a reiterada negativa veciñal e a falta de información para elaborar os planos de expropiación, o alcalde, en compañía dos técnicos, volverían convocar aos veciños o 7 de marzo, encontrándose de novo coa oposición dos propietarios que impedían o acceso ás súas fincas.

Para dar unha idea da tensión existente, basta con reproducir algunhas das frases, recollidas en documento, que soltou o alcalde señor Fortunato Graña, manifestándolle aos veciños que o proxecto habían levalo adiante “por cojones” e para quencer máis o ambiente, o concelleiro delegado de obras A. Sangabriel aínda engadiría que el tiña auga na casa pero que se non a tivese había levala para Cangas aínda que fose con pistola.

O CONFLITO DA AUGA EN COIRO EN 1977
En 1976 a escaseza fixo que fose habitual ver as mulleres do núcleo urbano collendo auga para levar as súas casas na Fonte do Sinal.

Como non había democracia e o respecto era pouco, a esta sarta de dislates tamén se sumaría o concelleiro A. Núñez que sesudamente reflexionaba que se os veciños de Coiro se quedaban sen auga que fosen botar as patacas a Rodeira. Ademais, os afectados foron coñecedores das veladas visitas do gobernador e dos enxeñeiros á zona, sen darlles noticia aos veciños nin convidalos a dialogar sobre o tema.

Ante o rumbo que levaba o conflito da auga en Coiro, os veciños decidiron legalizar unha Comisión Veciñal para evitar os actos violentos e encamiñar as demandas pola vía legal

Estas posturas oficiais enrarecerían máis o ambiente con algún enfrontamento e actos de boicoteo á obra xa en execución, motivando que os veciños decidisen organizarse e legalizar unha Comisión Veciñal para evitar os actos violentos e encamiñar as demandas pola vía legal.

Reunidos en asemblea, os veciños elixirían para a presidencia a Manuel Boubeta que estaría acompañado na mesma por Humberto Sotelo como secretario, José Gestido como tesoureiro e Julio Miranda, Antonio Bernárdez, Antonio Costas, José Miranda, Jesús Gestido, José Abal e Sergio Paredes como vogais da mesma.

Xerardo Dasairas Balsa
+ artigos

Diplomado en Filoloxía por Maxisterio, exerceu como mestre en Cangas do Morrazo. Dende 1978 ven colaborando en prensa e revistas de Galicia con artigos referentes a etnografía, historia, arqueoloxía, patrimonio, pedagoxía e socioloxía.

Un comentario

  1. O conflito da auga en Coiro en 1977 (II) » A Illa dos Ratos

    […] primeiro artigo que adicamos ao “conflito da auga en Coiro en 1977” falabamos da oposición dos […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.