QUIZAIS ALGO MÁIS QUE UNHA SIMPLE TEORÍA

Texto elaborado por Nuria Otero Desojo, Guía Oficial de Galicia. Fotografías cedidas polo fotógrafo santiagués Xaime Cortizo.

Viaxar a modo, deténdose para sumerxirse na cultura e a paisaxe do lugar, sen presas, sen colas… Así son as rutas gastronómicas de Eat & Walkabout – Sustainable Slow Way Food Tour – Rutas Gastronómicas Sostenibles. Contacto +34 644 675 350 – info@eatandwalkabout.com

“Só uns poucos atopan o camiño, outros non o recoñecen cando o atopan, outros nin sequera queren atopalo”. Lewis Carol, Alicia no país das marabillas.

O Camiño de Santiago converteuse co paso do tempo nunha monumental ruta turística de éxito internacional, revitalizando un camiño medieval

Hai quen dixo de xeito acertado que na tumba do apóstolo “hai espazo tanto para o achado como para a invención” porque igual de fantásticos son os seus resultados.

A descuberta dos restos de Compostela desatou un dos maiores movementos de masas da cristiandade, formando dende o ano 1000, unha rede de percorridos, coñecidos no seu conxunto como Camiños de Santiago, e como dixera Goethe, peregrinando a Compostela naceu Europa e a súa identidade.

Os peregrinos que frecuentan estes itinerarios nas derradeiras décadas, teñen motivacións tan diversas como as que moven a complexa sociedade contemporánea na que vivimos e á que pertencemos. Para algúns segue a ser unha ruta esencialmente relixiosa, mais para moitos as motivacións espirituais, paisaxísticas, patrimoniais, artísticas, turísticas ou de simple pracer de retornar á mobilidade lenta, constitúen o impulso fundamental para ir a Santiago de Compostela.

Entre os camiños oficializados, o único totalmente delimitado, declarado BIC e Patrimonio da Humanidade é o Camiño Francés (apartado especial por tramos merecerían o Camiño do Norte e o Camiño Primitivo). Os sete camiños oficiais restantes, estarían catalogados á espera do seu plan integral para a súa delimitación, caso dos camiños portugueses, tanto o interior como da costa, sendo este último xustamente no que encadraríamos ese Camiño a Santiago de paso por Cangas, sexa para unha ruta marítima, sexa para continuar a pe por vías medievais ou, se cadra, para darlle unha aperta ao mesmísimo apóstolo xa que en Cangas, parece ser que dende 1706 se concedía o perdón dos pecados do mesmo xeito que na Catedral de Santiago.

O CAMIÑO DE SANTIAGO POR CANGAS
Camiños medievais do Morrazo.

“Os itinerarios do camiño  baséanse no recoñecemento do seu uso como rutas de peregrinación de longa distancia que estruturan, conforman e caracterizan o territorio que atravesan” segundo a Lei de Patrimonio de Galicia, que deixa aberta a posibilidade de catalogar novas rutas, ademais das principais. Quen sabe se este camiño que tratamos de estudar non responde a unha senda histórica que se foi perdendo ou unha ruta alternativa funcional, apuntadas por dita lei para contrarrestar a posíbel saturación das principais.

O Camiño Portugués pola Costa, cruza o Miño en transbordador, dende Camiña á Guarda, continuando por Oia, Baiona, Nigrán e Vigo, para xuntarse ao Camiño Interior en Redondela, unha vila con tradición de encrucillada sexa de camiños medievais, de ferro ou contemporáneos. Sen embargo a ruta marcada por Chapela e Rande non existiría ata mediados século XVIII.

Neste contexto, poderíase considerar a posibilidade do paso de peregrinos dende Vigo por mar a Cangas do Morrazo, que logo poderían continuar a pe ata Pontevedra, a través de sendas históricas medievais, conformando así parte do trazado do antigo Camiño Portugués pola Costa

No Morrazo existen poucos documentos de localización das rutas medievais, pero a partir dos camiños reais, podemos deseñar unha ruta principal que daría volta á Península, ademais de travesías que unían as dúas costas, atravesando o espiñazo montañoso.

Polo tanto trataríase dunha vía que chegaría dende Tui por diferentes ramais ata Vigo, que logo cruzaría unhas 4 millas por mar para chegar a Cangas e podería continuar ben pola travesía conformada pola Madalena, Daravelo, e Monte Castelo, ou ben pola travesía de Coiro, Portela, Santiago de Ermelo, ambas dende San Martiño de Bueu. O camiño continuaría cara a Marín pola Torre de Cela, cruzaría o río Loira e, seguiría por Lourizán, confluíndo en Pontevedra cos outros camiños portugueses.

Outra posibilidade sería que os peregrinos chegados dende diferentes lugares e medios, embarcaran por mar dende Cangas, a través dunha ruta marítima cara a Bouzas (onde o “cabaleiro das Cunchas” camiñou sobre as augas), navegarían rumbo a Baiona, para logo continuar ata a desembocadura do Ulla-Umia, seguindo o curso do río ata Pontecesures-Padrón.

O CAMIÑO DE SANTIAGO POR CANGAS
Mapa elaborado polo historiador cangués Manuel Rodal González.

Aquí conectaría con moitos camiños xa referidos como os portugueses, o do Mar de Arousa e mesmo cunha variante das referidas pola lei, o “Camiño Espiritual”, inda non oficializado pola Xunta, unha “inventio contemporánea” que dende Pontevedra, atravesa os concellos de Combarro-Armenteira-Vilanova de Arousa, onde embarcaría como o anterior.

Como curiosidade, cómpre salientar que a día de hoxe o Club Náutico de Rodeira forma parte da chamada Travesía Náutica Xacobea, unha ruta de peregrinación por mar, parando nos portos asociados a Asnauga e incluso selando as credenciais, no que Cangas está incluído.

Existen varias singularidades relevantes para xustificar á Vila de Cangas como lugar de paso do Camiño de Santiago

Por diversos factores parece evidente que Cangas puido ser un lugar de paso de peregrinación a Santiago, con hospital incluído, e non faltan publicacións de investigadores locais que defenden esta hipótese.

Un primeiro elemento que chama poderosamente a atención é a urna de reliquias, a cruz de Santiago, a cuncha de vieira e o bastón de peregrino que aparecen no escudo de armas da Vila de Cangas, ademais do sol dourado.

A segunda singularidade sería o feito de que a parroquia de Cangas celebra as festas patronais na honra do Cristo que non quixo arder na invasión turca de 1617, pero o seu patrón, para moitos esquecido, é Santiago.

A imaxe sedente do Apóstolo preside o retablo barroco en madeira policromada na ex-colexiata, un dos mellores deste estilo en Galicia, onde tamén destaca outra imaxe de Santiago Matamouros.

O CAMIÑO DE SANTIAGO POR CANGAS
Retablo da Ex-Colexiata de Cangas. Fotografía de Xaime Cortizo.

A terceira circunstancia que serve para ilustrar esta relación de Cangas co Camiño de Santiago é que coa chegada do Ano Santo, a talla de Santiago sedente baixábase cunha roldana dende a parte superior do retablo e colocábase diante do altar da igrexa, para que os devotos e peregrinos puideran abrazalo durante todo o ano. O retablo ten dúas portas laterais inferiores dende as que ascendían unhas escaleiras á parte traseira da imaxe de Santiago Apóstolo.

No contrato da construción do retablo topamos referencia expresa da súa función, que os peregrinos puidesen abrazar ao Santo, subindo as escaleiras polo lado da epístola e baixando polo lado do evanxeo

No século XVIII,  chegou a Cangas Don Gonzalo de Nogueira y Araujo, comisario do Santo Oficio da Inquisición e prior da colexiata, e mandou construír un retablo novo, con Santiago Apóstolo como eixo principal do mesmo.

O mestre que executou o retablo, Domingo Rodrigo de Paço, da freguesía de San Xoán de Fornelos, tivo que transformar a talla de Santiago a cabalo nun Matamouros, é dicir, con mouros nas patas do cabalo.

O CAMIÑO DE SANTIAGO POR CANGAS
Parte do retablo da Ex- Colexiata de Cangas na que podemos ver a Santiago Matamouros. Fotografía de Xaime Cortizo.

A devoción a Santiago tamén queda reflexada na escultura da Fonte do Cabalo que atopamos no adro da Ex-colexiata

Esta imaxe ecuestre de Santiago Matamouros é obra do magnífico escultor Cerviño. e chega aos nosos días bastante deteriorada como consecuencia de varios actos vandálicos como a castración realizada por un crego da época ou os ataques continuados dos últimos anos.

O CAMIÑO DE SANTIAGO POR CANGAS
Fonte do Cabalo preto da Ex-Colexiata de Cangas. Fotografía de Xaime Cortizo.

Outro aspecto relevante para xustificar o paso do Camiño de Santiago por Cangas é que está documentada a existencia dun Hospital de Peregrinos no século XVI

Moi preto da ex-colexiata de Cangas, aínda podemos contemplar a día de hoxe o edificio que no século XX acollía a escola do mestre Barbicas. Parece ser que nesa mesmo lugar, con anterioridade, atopábase o antigo Hospital de Peregrinos de Cangas, xa que del se conserva no interior do edificio actual un arco de medio punto da primitiva fachada, adornado con bólas. Nada sabemos da súa fundación, pero os antigos hospitais dependían da Igrexa e asumían o traballo benéfico de lugar de acollida a peregrinos.

No caso de Cangas desde 1711 tamén existía unha capela, que formaba parte do complexo hospitalario. Esta estaba situada precisamente na rúa Hospital ata que na década de 1960 o terreo que ocupaba foi vendido a Caixa de Aforros de Vigo. A edificación foi desmontada e, logo de moitos anos no esquecemento, foi reconstruída no 2002 polo Concello nos Xardíns do Sinal.

Por se todas estas referencias non fosen suficientes para ilustrar a idea que estamos a defender, o 25 de xullo, celebrábase a festa patronal cunha Danza de peregrinos, recuperada dos tempos nos que se celebraba a procesión de Santiago. Daquela o santo era baixado do altar e levado en procesión polo pobo, para logo tornar para que os devotos déranlle unha aperta ao patrón. 

En cada Ano Xubilar ábrese a Porta Santa da Catedral de Santiago e na antiga colexiata de Cangas a imaxe do apóstolo colócase diante do altar

No ano 2021 a talla de Santiago sedente foi baixada por motivo das obras do retablo, xa que, por mor da pandemia, os veciños de Cangas non podían darlle unha aperta ao apóstolo nese ano do xubileu.

O CAMIÑO DE SANTIAGO POR CANGAS
Figura de Santiago sedente baixada do retablo da Ex-Colexiata con motivo do ano santo. Fotografía de Óscar Rodríguez.

Sexa fábula ou invención, lenda ou fe, disque o apóstolo Santiago predicou o evanxeo por terras do Morrazo, xunto con Epitafio, bispo de Tui. Deixemos logo, a tradición coas súas lendas e, para as descubertas probemos cun pouco de carbón.

Nuria Otero Desojo
+ artigos

Guía Oficial de Galicia

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.