UN GRAN PLAN PARA UNHA TARDE CON NENOS

Texto elaborado por Merchi Rodal, propietaria e xerente do Hostal Rodeiramar 2A e autora dun blog onde publica información sobre diferentes experiencias nas Rías Baixas.

Merchi Rodal vainos achegar detalles desta antiga finca que pertencía aos Condes de Aldán e que nos tamén percorremos na nosa ruta “Aldán, un condado á beira do mar“.

O Bosque Encantado de Aldán atópase na finca do Frendoal, na parte alta da finca dos Condes de Aldán e é una boa opción en calquera época do ano para gozar dunha tarde con nenos

Eles exploran, xogan e gozan ao aire libre, e non é preciso camiñar moito para chegar dende a zona de aparcamento, o que o fai ideal para os máis pequerrechos.

Unha tarde de outono, aproveitamos un ratiño entre ballóns para ir dar un paseo con Leo, de 6 anos, e Sabela que ten 4 anos. Botas de auga, gorro e abrigo é o noso uniforme. A búsqueda do tesouro do Castelo coa merenda e auga na mochila, a nosa misión.

Deixamos o coche no pequeno aparcamento de terra que hai xusto fronte ao viveiro “Xardinería Morrazo” e dende alí accedemos ao Bosque Encantado por un lateral da finca.

O BOSQUE ENCANTADO DE ALDÁN

O son das follas das árbores, o canto dos paxaros e o río, que leva bastante auga, fai que entremos pouco a pouco nunha atmosfera de contos, princesas e castelos

Despois de 150 m de camiño entre árbores tales como carballos, loureiros, eucaliptos ou mimosas, xa divisamos o Castelo. A edificación en realidade non é máis que unha fachada de pedra que simula a entrada a un castelo en miniatura xusto diante do que era a zona de xogo dos Condes.

O BOSQUE ENCANTADO DE ALDÁN
Fachada do pequeno castelo que hai dentro da finca do Frendoal.

Para entrar nel hai que cruzar unha ponte improvisada ou andar un pouco e cruzar outra ponte que hai xusto antes do acueduto. ¡Acueduto, si! Tamén hai un acueduto que data do século V e que levaba auga ao pazo dos Condes.

O BOSQUE ENCANTADO DE ALDÁN
Parte do acueduto que aínda se conserva dentro da finca do Frendoal.

A zona é moi agradábel e invita ao xogo e á exploración polas diferentes escaleiras e os pequenos sendeiros polos que podemos percorrer diferentes zonas da finca 

Hoxe con eles dous o paseo rematou no Castelo e na súa contorna porque a chuvia tampouco nos deu máis tregua, pero se quedades con ganas de máis, continuade polo camiño que vai por baixo do acueduto e chegaredes a unha estrada asfaltada.

A vosa dereita veredes o lavadoiro de Pardellas e se cruzades, xusto detrás del está o acceso a un camiño de terra que volve estar pegado ao río e polo que atoparedes varios muíños de auga.

Noutros tempos esta era unha zona con moito movemento de xente, indo e vindo aos muíños para moer. O muiñeiro era a persoa encargada de converter o cereal que cultivaran na preciada fariña que empregaban para elaborar rico pan ou as famosas empanadas de millo, tan típicas da nosa zona.

Desta moenda tamén se obtiña unha fariña máis gorda, o farelo, que empregaban para darlla de comer aos animais e outra máis fina, o óleo, que servía de alimento para os nenos e nenas.

Agora os muíños son so un recordo dese pasado que xa non volverá, e que nos deixa un recordo da paisaxe bucólica e tranquila, rodeados de natureza.

Se aínda estades con gañas de andar un pouco máis, de volta da ruta dos muíños, ao chegar novamente á estrada asfaltada, en lugar de metervos de novo no bosque encantado, podedes continuar pola estrada ate chegar á xeral PO-315. Cruzámola e iremos pegados a un muro de pedra ata atoparnos co “Pazo de Vista Alegre” que era a residencia dos Condes de Aldán sendo empregada como vivenda dende o século XV.

Se continuamos, sempre co muro de pedra á nosa esquerda, chegamos á igrexa de Aldán primeiro, e ao porto de Aldán xusto despois.

O BOSQUE ENCANTADO DE ALDÁN
Paseo de madeira sobre a praia de San Cibrán que nos leva cara o porto de Aldán.

O porto de Aldán é un pequeno porto mariñeiro con moito encanto, onde pasear gozando das vistas dos barcos bateeiros, as bateas, as praias do Hío na outra beira da ría, e da morea de bares e restaurantes onde se come de marabilla (mexillóns, navallas, chinchos e xoubas….)

Non é mala idea rematar o paseo repoñendo forzas, cambiando rapidamente do paseo que dimos polo bosque a outro pola beira do mar.

Merchi Rodal

Propietaria e xerente do Hostal Rodeiramar 2A en Cangas

Reposteira do programa Larpeiros da TVG

Un comentario

  1. Olga

    Que maravilla! Espero pasear en mi próxima visita a Cangas y a vuestros apartamentos de Rodeiramar.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.