UN PASO IMPORTANTE NA CONSOLIDACIÓN DO MUVI
Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez en base a información facilitada por Jacobo Martínez, Director do Museo do Videoxogo de Galicia.
O Museo do Videoxogo de Galicia (MUVI) medra ata os 300 metros cadrados e abre na súa nova ubicación en Cangas o vindeiro 10 de setembro de 2022
A Fundación Museo do Videoxogo de Galicia vén de anunciar que o vindeiro 10 de setembro se inaugurarán as novas instalacións do Museo do Videoxogo no número dous da rúa Aragón, na vila de Cangas do Morrazo.
Con estas novas instalacións o novo MUVI será a partir de agora un centro de preservación, exposición e experimentación da industria cultural do videoxogo, con capacidade para máis de 100 persoas e con amplos espazos para organizar diferentes exposicións sobre o mundo dos videoxogos.
Trátase dun espazo completamente novo, sete veces máis grande que o anterior, que conta con coleccións renovadas e con representantes de tódalas tipoloxías de sistemas que conforman a historia do videoxogo.
Poderemos atopar dende as míticas máquinas Arcade, pasando por videoconsolas, portátiles e dispositivos bidireccionais e ata unha selección dos títulos máis influíntes da súa historia.
En definitiva, un lugar con decenas de pezas para tocar, experimentar e xogar, que ademais contará con aulas e áreas de divulgación, que posibilitarán o desenvolvemento de proxectos no campo do videoxogo e que transcenderán ao ámbito nacional.
O videoxogo galego, un plus para o novo MUVI
Nesta nova etapa, o MUVI manterá a súa entrada semanal de balde (tódolos sábados de 16:30 a 20:00) e redobrará o seu compromiso coa industria de Galicia, contando agora con zonas exclusivas de preservación e divulgación especificamente adicadas.
Espazos galegos, nos que se conserva e expón de xeito interactivo o patrimonio cultural galego do sector, o seu corpus artístico: o total dos videoxogos comerciais dos últimos 25 anos e documentación sobre os autores, centros de ensino, entidades preservadoras e tódalas as asociacións e empresas que dalgún xeito forman parte dela.
Unha viaxe experimental rica, que estará sempre en constante evolución, e a través da cal os visitantes poderán coñecer e probar os videoxogos creados en Galicia e na que o MUVI, xunto con videoxogo.gal, tende a man a empresas e persoas que desexen aportar información e recursos.
O novo MUVI se presenta como un novo punto de interese turístico galego
A Fundación Museo do Videoxogo de Galicia, o Concello de Cangas e a Dirección de Cultura da Xunta de Galicia apostan polo videoxogo como patrimonio a conservar, accesible de xeito universal e gratuíto polo menos unha vez á semana.
O novo Museo xorde precisamente pola necesidade da Fundación de normalizar a súa actividade e de mellorar as súas zonas de traballo. Os seus impulsores buscan dar un salto de calidade que lles permita alcanzar todos os seus obxectivos e converter incluso ao MUVI nun novo atractivo que axude á desestacionalización do turismo na vila de Cangas.
Ademais, con este impulso, os promotores do Museo buscan potenciar o feedback positivo que os visitantes foron deixando nestes case 4 anos de traxectoria, especialmente tras a situación de pandemia e a posterior recuperación, onde milleiros de persoas tiveron contacto coas actividades da Fundación e o Museo.
Incorpóranse novos colaboradores e proxectos con pegada internacional
O nacemento do novo MUVI ven avalado por unha vertente de liñas de investigación estratéxicas que darán soporte á renovación e reinvención anual do MUVI, apuntando á súa visibilidade máis alá do ámbito local.
Por un lado, traballando coas tres universidades galegas, a través de convenios de colaboración con varias escolas e facultades do País. Por outro, no ámbito museístico, a Fundación Museo do Videoxogo anuncia unha nova alianza co Museo Arcade Vintage de Ibi (Alacante) formulando a primeira gran colaboración entre museos de videoxogos de España.
A curto prazo esta colaboración culminará nun intercambio de pezas entre ámbolos dous museos, reforzando a presenza do mundo Arcade -un dos alicerces do videoxogo – no MUVI, e do que o prestixioso museo alacantino é un dos maiores expoñentes de Europa.
O novo MUVI nace grazas ao apoio social de varias entidades e organizacións
O novo Museo é unha creación da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia, que nace grazas ao apoio social, avalado polo Concello de Cangas e polo patrocinio de empresas e asociacións galegas:
- Concello de Cangas – Patrocinador preferente
- Balidea – Patrocinador preferente
- Lares
- Iseltec
- Aitire
- Asociación Videoxogo.gal (Colaborador no espazo “O videoxogo Galego”)
- imaxin|software (Patrocinador do espazo “O videoxogo Galego”)
- PuntoGal (Patrocinador do espazo “O videoxogo Galego”)
- Asociación Informática Solidaria
- Vai@bit
- Kabuki flux
- Deputación de Pontevedra – Exposición efémera sobre Cine e Videoxogos
O acto inaugural contará con representación da Xunta de Galicia, música en directo e unha exposición efémera sobre cine
O sábado 10 de setembro ás 17:30 levarase a cabo un acto no novo MUVI de Cangas, que marcará o inicio do seu horario regular: tódolos sábados de 16:30 a 20:00.
O acto de inauguración contará coas intervencións de Galo Martínez, Presidente da Fundación MUVI; D. Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia; Luz Castro, Presidenta de Videoxogo.gal; Aurora Prieto, Concelleira de Cultura do Concello de Cangas; e Jacobo Martínez, Director do Museo do Videoxogo.
Durante a tarde haberá un breve acto de música en directo que de seguro será do agrado dos visitantes, entre os que se atoparán diferentes personalidades do ámbito cultural e da industria galega do videoxogo que xa confirmaron a súa presenza.
Ademais, a través dos fondos “Subvencións dirixidas a entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais”, a Deputación de Pontevedra posibilita unha exposición efémera e interactiva sobre Cine, que explora a relación entre ámbalas dúas industrias culturais ao longo dos últimos 40 anos.
Dende A Illa dos Ratos queremos desexarlle ao novo MUVI unha longa vida chea de éxitos. De seguro que se converterá co paso do tempo nun referente a nivel internacional e ocupará un lugar destacado dentro da historia da nosa vila.
Óscar Rodríguez Martínez
Socio fundador de A Illa dos Ratos.
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/02/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/15/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/09/07/2020
Deixa a túa resposta