O NAUFRAXIO DO SIBONEY NA BORNEIRA

Texto elaborado por Nuria Otero Desojo, Guía oficial de Galicia.

LA FIORENTINA. Deliciosos helados artesanos en la calle Félix Ozámiz, 6 de Cangas.

Dentro da serie de artigos que vimos adicando aos “Naufraxios na Borneira”, tras os casos do Southern Cross e o Valparaiso hoxe imos a relatar nesta terceira entrega o Naufraxio do Siboney.

Subimos a bordo do transatlántico rumbo ao ano 2046, invádenos un cheiro a café, de fondo soa, na voz de Connie Francis, a canción de Siboney.  

Como no filme de Wong Kaswai, navegamos cara ao futuro para visitar no pasado algún recordo perdido, en concreto atracamos no outono de fai exactamente 100 anos, recen desaparecida a “gripe española”, a pandemia máis grave da historia, que, coma no noso presente, obrigou ao uso dos tapabocas durante dous anos.

A historia do naufraxio do Siboney, un feito mediático en 1920

Nesta viaxe no tempo, podemos rescatar da memoria un feito inusitado, cando o barco mercante Siboney encallou “nunha das baías máis fermosas e seguras do mundo”,”no corazón do lago suízo da Ría de Vigo”, así rexistrado no nº 46 de “Vida Gallega”, afirmando que “só un suicida podería ter empurrado o barco contra as rochas”.

Este naufraxio tivo gran repercusión social polo inexplicable do incidente, así reflectido en xornais mesmo do estranxeiro, que ata chegaron a falar do perigo da Ría de Vigo e a súa sinalización nefasta, o que provocou unha corrente moi vivida de defensores (Faro de Vigo) e detractores (“Orzán”).

O Siboney facía escala en Vigo camiño de Cuba e México

A historia do naufraxio do Siboney comeza cando o barco chega á ría de Vigo, procedente de Santander, coa intención de embarcar, ademais da carga, mais de un millar de novos pasaxeiros que puxeran en Cuba, principalmente, e México, o destino das súas ilusións.

Esas xentes seguían a estela de moitos outros compatriotas que tentaban acadar naquelas terras a oportunidade que se lles negara aquí, na Galiza, de mellorar a súa miserable situación económica.

Seguian a eses mesmos que conseguiron estrear o himno galego no “Gran Teatro Nacional de Tacón de la Habana” facéndoo soar por vez primeira en 1907, afortunadamente nada facía imaxinar o que supuxera a trata de escravos que moitos galegos sufriron case un século atrás con Urbano Feijóo y Sotomayor.

“Co tempo claro e o mar coma unha balsa de petróleo”, segundo as crónicas, aquela fatídica mañá de verán, do xoves 9 de setembro de 1920, o transatlántico Siboney, con bandeira de EEUU, pertencente a compañía Ward-Line, tentou pasar, nunha manobra inexplicable de todo, a través da estreita canle entre o faro da Punta Borneira e a costa.

Mapa no que se recolle a traxectoria do Siboney.

Chegou a Ría de Vigo tripulado por 186 mariñeiros baixo o mando do capitán americano H.M.Huff, e con 350 pasaxeiros que embarcaran en Santander, levaba  ademais carga diversa, como conservas, auga mineral, manteiga, xabóns de tocador, …

A Borneira, clave no naufraxio do Siboney

Unha vez que entrou na ría, a través do paso norte das Cíes, enfilou cara a torre baliza da Borneira, que marca a presenza do rochedo e un nivel de profundidade máxima de 10 metros, tentou bordealo de xeito completamente errado, polo interior (en vez de facelo polo exterior, como mandan as cartas de navegación) quedando irremisibelmente embarrancado ó encallar entre unhas grandes rochas, que a preamar impedía contemplar e, en cuestión de segundos, a quilla do barco americano quedou varada.

Esta torre de balizamento, pintada na súa zona superior de cor vermella, obrigaba a ser bordeada sempre pola dereita, segundo a lexislación náutica internacional, endexamais pola esquerda.

No naufraxio do Siboney, buscouse explicar o inexplicable con curiosas teorías

Fora como fora, ó estar claramente sinalizado e non darse imprevistos, pronto xurdiran diversas propostas para explicar a varada, pois o Siboney xa tiña entrado outras veces no porto de Vigo, polo que coñecía o recorrido.

Uns falaban dun golpe de mar, outros falaban que o capitán confundiu a barca dun mergullador, que estaba a traballar cerca de “Punta Borneira” coa do práctico do porto e, dirixiuse cara ela.

Mesmo dicían que o capitán Huff confundiu a baliza de “Punta Borneira” coa de “Alcabre”, bastante difícil pola grande distancia e, porque ademais, a ruta errada do Siboney viña de atrás, xa que pasara tamén pola esquerda da baliza de “Punta dos Castros”.

Non faltaron versos sobre o naufraxio do Siboney, cantados nos grupos en tabernas e festas, recollidos de xeito oral na zona do barrio vigués de San Lourenzo.

Neles se pode deducir, segundo a interpretación popular, que o accidente do Siboney non se podería achacar a ningún tipo de feito errado por parte do práctico do porto, nin a unha mala sinalización dos baixos da Punta Borneira, senón a un accidente; ou, como se chegou a soster en diversos xornais, buscado de xeito intencional.

Se recuperaron uuns sinxelos versos con ripios que o expresaban así:

“Entre censuras y comentarios

en Okiley.

Sin ver las causas

porque ha quedado

embarrancado el Siboney.

Hay quien asegura que fue fatal,

hay quien murmura que intencional

pero nosotros sabemos cierto

que culpa el puerto

no tuvo tal.

Hay siniestros sones

lindos guasones

que en sus anales

culpan al “whiskei”

Se cadra, como din eses versos, o verdadeiro causante do incidente sería o estado do capitán do barco, afectado polo alcohol, mostra do ambiente anti-ianqui bastante desenrolado aínda, de cando o porto de Vigo recibira en estado lamentable ós repatriados da guerra de Cuba 20 anos atrás.

O naufraxio do Siboney, chegou a convertirse en mito e a xerar tanta expectación que se organizaban excursións para velo encallado na Borneira

Unha vez coñecido o accidente, moitos barcos pesqueiros que se atopaban nas inmediacións, foron os primeiros en participar no traballo de rescate dos pasaxeiros e da tripulación, entre elas estaba a histórica cisterna Roberto.

Non houbo vítimas mortais, pero si serios temores pola integridade do buque. O encallamento foi de tal envergadura, que se precisaron varias semanas de ímprobos esforzos, nas que as bombas de achique non paraban de traballar, desaloxando a auga que ateigaba parte das súas adegas.

Durante este tempo, o buque inmobilizado convertíase nun importante foco de atracción turística ao recibir a visita de multitude de curiosos, que tanto por terra como por mar, ían ver o transatlántico americano, incluso en excursións organizadas, pois moita xente pensaba que o Siboney formaría xa, en adiante, parte do cemiterio de barcos que temos nesta rocha da Borneira.

O Siboney encallado ao lado da baliza da Borneira. Foto de Jaime Pacheco (1946)

Decidiran agardar tres días de mareas vivas para intentar desvarar o Siboney contando para a manobra co empuxe de varios remolcadores de gran porte como o danés Walkyrian e o MmZ, cuxos esforzos resultarían estériles de non ter estoupado, previamente dun xeito controlado, algunhas das rochas do fondo onde descansaba o barco.

Ademais tiveron que soltar á Ría gran parte do petróleo que servía como combustible e encher de auga os tanques de popa para acadar elevar algo a proa fincada no rochedo. Grazas a todo isto xunto cunha boa marea e a axuda do vento do sur oeste foi o que permitiu finalmente desvarar o Siboney.

Todas estas operacións  foron vistas en directo por uns espectadores de excepción, os emigrantes que dende o vello peirao de pedra do porto de Vigo agardaban para ser embarcados. Unha tensa espera, despois de vivir moitos días da caridade por mor da falta de recursos, como sinala a prensa da época.

En vista do moito que se demoraba a reflotación do barco, o día 17 chegou a Vigo o “Henry R. Mallory” fretado expresamente pola mesma Ward-Line para substituír ao Siboney que, por desgraza, viña case cheo cos emigrantes que embarcaran en Santander e A Coruña, polo que só puido recoller a 120 persoas e, unha semana despois, o resto embarcaría no Orizaba.

No momento de sacar o barco dos baixos da Borneira non se apreciaron aparentemente grandes danos polo que foi levado ó interior da Ría ata a base naval de Ríos, en Teis, para facer unha primeira avaliación, percorrido que foi seguido por gran cantidade de curiosos que madrugaron para ollar por fin libre ó Siboney.

Trala primeira inspección, xusto un mes despois do sinistro, dispúxose que o barco se dirixise cara o porto de Ferrol para ser reparado, cuxos técnicos avaliaron en polo menos seis meses o tempo de reparación cun custo de seis millóns de pesetas. A Ward-Line rexeitou o orzamento e, días despois, un remolcador británico, sería o encargado de escoltar ao Siboney cara un estaleiro do porto de Newcastle, onde estimóuselle sobre seis meses en dique seco e un custo de catro millóns de pesetas.

O Siboney fora botado como “Oriente” en 1917 e tivo unha longa e curiosa singladura

O Siboney foi construído nos estaleiros estadounidenses, cunha lonxitude de 123 metros, e lanzado en 1917 como “Oriente”, rebautizado en 1918 como “Siboney”, desprazando 7.600 toneladas brutas, realizou un total de 17 travesías do Atlántico.

Requisado pola Mariña dos Estados Unidos para o transporte de tropas durante o último ano da Primeira Guerra Mundial, foi acondicionado despois, como barco comercial e posto en servizo como transatlántico entre 1919 e 1920, cando a Ward-Line decidiu participar no contrabando de emigrantes nos portos de Santander, Bilbao, A Coruña e Vigo debido á demanda de billetes para viaxar de España a Cuba e, en menor medida, a México.

A finais de 1921 e, ata 1940, debido á caída da venda de billetes, a compañía decidiu abandonar a liña e, foi entón cando comezou a facer a ruta Nova York – Cuba – México – Nova York, unha liña de gran popularidade, ao ser utilizada por miles de estadounidenses, que escaparon da “lei seca”, para gozar de alcol e das praias do Caribe.

En 1940 foi fretado para American Export Lines e comprado polo exército dos Estados Unidos por 750.000 dólares en 1941.

Na Segunda Guerra Mundial empregaríase como buque hospital e, de novo, como transporte de tropas para a repatriación de soldados (como “Usat Siboney” e “Usahs Charles A.Stafford”) e, ao finalizar a guerra, foi desfeito en 1957, logo de estar amarrado en reserva durante nove anos.

O trasatlántico Siboney en Santander.

A Borneira seguiría sendo lugar de moitos encallamentos e naufraxios

Este non sería o derradeiro naufraxio na fatídica Punta da Borneira, que acumula historias dignas dun museo e extraordinarias  rutas para mergulladores.

Mesmo poucas horas despois de reflotar o buque Siboney, dous vapores de pesca chocaron neste fatídico rochedo da Borneira, un deles afundiuse e o outro, aínda que con danos importantes, conseguiu chegar a porto; como tampouco sería o único buque desta compañía que embarrancaría na costa galega, curiosamente, outro buque da Ward-Line, o “Black Arrow” sobordaría nas inmediacións de Cabo Vilano un ano despois por mor dunha espesa néboa.

Nuria Otero Desojo
+ artigos

Guía Oficial de Galicia

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.