O NAUFRAXIO DO SOUTHERN CROSS.

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez.

Ao longo da historia foron moitas as embarcacións que, por descoñecemento da zona ou por erros humanos, remataron encallando ou naufragando na Punta da Borneira.

Para paliar esta elevada sinistralidade, a principios do século XX, o estado decidiu instalar unha baliza en forma de torre no lugar onde as rochas somerxidas estaban a menor profundidade pero, como esta medida non tivo o efecto desexado, posteriormente financiaron un proxecto para establecer nesa baliza unha luz permanente cun presuposto de 56.554 pesetas, unha cantidade nada modesta para o ano 1908.

A pesar de tomar este tipo de medidas, esta zona continuou sendo testemuña de gran cantidade de naufraxios e afundimentos. Entre eles destaca un naufraxio moi presente no recordo dos cangueses como foi o do Southern Cross.

Era a noiteboa de 1909. O Southern Cross era un correo de pasaxe que procedía de Liverpool e viña facendo a súa ruta habitual pasando por Bilbao e Santander. Pero naquela ocasión viña por Vigo a recoller pasaxe e carga con destino a Bos Aires e Montevideo xa que, entre outras cousas de valor, ía levar material para a Exposición Mundial que se ía realizar en 1910 na capital arxentina. 

As crónicas da época recollen que a sinalización lumínica da Borneira estaba apagada á hora do sinistro. Desde o Southern Cross confundiron a luz vermella dun buque coa referencia da baliza e a torre deste co aparello dun veleiro, achegándose por iso máis á terra, ata que tropezou coas rochas quedando sobre elas.

Ás seis da mañá, en canto o vapor quedou encaiado, empezaron a soar as sirenas de a bordo, e a tripulación comezou a lanzar luces de bengala en demanda de auxilio. A eses sinais acudiu o vapor María, que naquela época xa facía o servizo de Cangas a Vigo e que estaba a punto de iniciar a súa primeira viaxe do día, recollendo preto do costado do Southern Cross un bote con pasaxeiros de primeira clase.

Ademais do pequeno vapor dedicado ao transporte de pasaxeiros, acudiron en auxilio do barco accidentado o vaporciño dos prácticos, unha traíña de Cangas, un bou inglés que se dispoñía a facerse ao mar e o alxibe da Viúva de Molins.

A estas embarcacións trasladáronse os 168 pasaxeiros que transportaba o barco e as súas respectivas equipaxes. O salvamento fíxose de forma ordenada, grazas á serenidade dos oficiais do transatlántico e dos tripulantes dos barcos que acudiron ao seu auxilio, e por iso houbo unha única vítima, un home que se lanzou ao mar e finalmente afogou.

Mariñeiros de Cangas subiron ao Cross para coller todo o que puideron

Co barco aínda encallado, foron moitos os mariñeiros da zona que aproveitaron para saquear o que puideron. As autoridades non conseguiron impedilo e, aínda que con posterioridade algúns foron detidos, máis dunha familia canguesa conserva algunha peza de cristalería e/ou vaixela do cargueiro. A tal grao chegou a obsesión dalgunhas persoas polo buque que, dentro da memoria colectiva canguesa, perdurou no tempo a frase «Tes o Cross na cabeza» que os cangueses empregaban cando alguén se quedaba pensativo.

A armadora do barco contratou a Sociedade Coruñesa de Salvamento para o rescate. Participaron tres remolcadores. Sacaron a caldeira e dous coches da prestixiosa marca Humber, que foron posteriormente adquiridos en poxa polos empresarios Manuel Bárcenas e Manuel Neira por 11.730 pesetas.

En pouco tempo o barco acabou partindo pola acción do mar, que foi rebentando os seus remaches progresivamente e, desde entón, permanece na súa tumba submarina con algúns segredos no seu interior.

Hoxe en día é un pecio considerado unha das inmersións estrela da ría de Vigo. O barco segue pousado na area a uns 15 metros de profundidade, xa sen a popa, coa proa a uns cantos metros e con gran parte do casco oculto pola carga que levaba, centos de barrís de cal. Como curiosidade, o mar acabou cos barrís de madeira, pero o cal segue mantendo a forma, amontoados uns sobre outros formando unha montaña de varios metros de altura, sobre unha base de 40 por 40 metros.

No ano 2018 a TVG fixo unha reportaxe moi interesante sobre o Southern Cross no seu programa “Buscadores de naufraxios” que podedes ver se pinchades na seguinte imaxe, onde podedes ver algúns deses barrís.

close

Subscríbete ao noso boletín!

Cada venres mandarémosche un correo con cousiñas interesantes complementarias ás nosa rutas.

Ao subscribirte, aceptas recibir os nosos correos informativos e aceptas a nosa Política de Privacidade. Podes darte de baixa en calquer momento

2 Comentarios

  1. Naufraxios na Borneira (II): O Valparaíso » A Illa dos Ratos

    […] ao longo da historia, existen 3 pecios perfectamente localizados e catalogados, o Hermine, o Southern Cross e o propio Valparaíso, que configuran un valioso patrimonio histórico que, polo seu doado acceso […]

  2. Elvira

    Unha excelente labor divulgativa e unhas visitas guiadas realmente interesantes e moi amenas.

Deixa o teu comentario

O teu correo electrónico non será publicado.Os campos obrigatorios márcanse cun *

Pode empregar estas etiquetas e atributos HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos .
  • Finalidad Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.