CANDO A VILA DE MOAÑA CHOROU OLLANDO AO MAR

Texto elaborado por Raquel Rodríguez Paz. Socia de A Illa dos Ratos. 

Presentámosvos nesta ocasión o que demos en chamar Diario dunha traxedia porque, sen dúbida, o que vos imos relatar a continuación marcou á toda a veciñanza de Moaña tanto polos acontecementos ocorridos como pola relación tan estreita da nosa vila co mar.

O naufraxio do “Ave del Mar”, o máis tráxico da historia 

10 DE NOVEMBRO DE 1956: O pesqueiro moañés Ave do Mar afúndese preto das Illas Cíes.

Saíra a faenar na tardiña daquel venres de outono con 26 mariñeiros a bordo á pesca da sardiña.

NAUFRAXIOS TRÁXICOS PARA MOAÑA
Tripulación do Ave del Mar en 1956. Foto Bene.

Xa de regreso coas capturas, perdéuselle o rastro no cantil da illa sur das Cíes. Os noticiarios da época atribuíron as causas da traxedia á mesta néboa que había naqueles días na contorna das Illas Cíes o que puido provocar a desorientación da embarcación.

Nun primeiro momento só dous cadáveres foron rescatados daquel terrible naufraxio aínda que, unha semana despois, o sábado día 17, uns submarinistas atopaban os restos do Ave do Mar e posteriormente aparecerían once dos cadáveres esparexidos entre as rochas.

NAUFRAXIOS TRÁXICOS PARA MOAÑA
Grupo de submarinistas que estaban buscando o tesouro de Rande e que colaboraron na busca dos desaparecidos tras o naufraxio do Ave del Mar: John Potter, Owen Lee, Florent Ramange, Robert Stenuit e John Nathan.

Os demais irían aparecendo nos seguintes días. O día 31 de decembro dábanse as cifras oficiais: vinteseis mortos, incluíndo os catro desaparecidos dos que non se recuperaron os corpos. Un dos que non apareceu foi o patrón que era fillo do armador do barco, Eduardo Pérez Calvar “Leta“.

NAUFRAXIOS TRÁXICOS PARA MOAÑA
“Leta” posando ao lado do seu busto, que aínda existe na Xunqueira, diante do Edificio Arenas, e no que orixinalmente había unha praca que recordaba o Ave del mar.

Aquel terrible suceso converteuse nunha manifestación de dó de todo o pobo moañés. Mesmo o cardeal arcebispo de Santiago oficiaba na igrexa parroquial un funeral, declarando aquela xornada de loito oficial coas bandeiras da flota pesqueira moañesa a media hasta. As festas na honra ao seu patrón, San Martiño, foron tamén suspendidas.

NAUFRAXIOS TRÁXICOS PARA MOAÑA
Viúvas dos mariñeiros do Ave del Mar en 1956.

Para o cincuenta aniversario do naufraxio, en novembro do ano 2006, Moaña decide homenaxear os falecidos e as súas familias dando o nome de “Ave do Mar” a unha das rúas da vila, así como cun monolito de pedra cos nomes de todas as vítimas e unha imaxe do barco.

O naufraxio do “Centoleira”, sempre na memoria do pobo de Moaña

5 DE XANEIRO DE 1964: O sardiñeiro Centoleira é abordado e afundido polo pesqueiro Puente San Andrés.

Na madrugada daquel domingo o Centoleira navegaba preto da boia de Bouzas con 22 mariñeiros que descansaban antes de volver á faena.

Na ponte ían o patrón e o seu sobriño. De súpeto, irrompeu no medio da escuridade a silueta do Puente San Andrés. A abordaxe produciuse en cuestión de segundos, sen tempo de dar a voz de alarma.

O pesqueiro moañés foi escornado na zona de popa sufrindo unha gran fenda que o afundiu en cuestión de segundos. O Centoleira era un pequeno barco de madeira de 20,5 metros de eslora mentres que o Puente San Andrés era de ferro e medía 33,86 metros. Ante semellante desproporción, non foi de estrañar que o humilde barco moañés afundise mentres os seus mariñeiros durmían sen tempo de pórse a salvo.

Pronto varias embarcacións que se atopaban na zona intentaron recoller os escasos superviventes que, entre berros e chamadas de auxilio, pedían axuda dende o mar.

NAUFRAXIOS TRÁXICOS PARA MOAÑA
Viúvas do naufraxio do Centoleira en 1964.

Moaña enteira viuse de novo sumida nunha profunda dó por unha nova traxedia relacionada co mar e cos seus mariñeiros. Coa lembranza aínda da traxedia do Ave do Mar, outra vez un puñado dos seus homes eran arrincados das súas raíces por ese mar que daba de comer ás súas familias.

Nesta ocasión a imprudencia dos mariñeiros do Puente San Andrés sería a principal causa da traxedia.

Raquel Rodríguez Paz
+ artigos

Socia de A Illa dos Ratos

5 comentarios

  1. El naufragio de la Leonor » A Illa dos Ratos

    […] el del vapor noruego Aslaug en 1929 cerca de la costa de Baiona, el del Azaña en 1932, el del Ave del Mar en 1956 cerca de Bouzas o el del Centoleira en las Islas Cíes en 1964. Son claros ejemplos de […]

  2. José Pazó Rodríguez, artífice de la aventura oceánica de muchos moañeses » A Illa dos Ratos

    […] el tiempo a la muerte de veintiséis marineros de Moaña en el hundimiento del pesquero de bajura Ave del Mar en 1956. A partir de 1957 varios familiares o allegados a las familias damnificadas también son […]

  3. Eduardo Pérez Calvar, "Leta" » A Illa dos Ratos

    […] moitas alegrías pero tamén unha pena moi grande que o marcaría de por vida: a traxedia do “Ave del Mar”, protagonista do naufraxio máis tráxico e importante da historia da vila con 26 falecidos, todos […]

  4. José Pazó Rodríguez, artífice da aventura oceánica de moitos moañeses » A Illa dos Ratos

    […] coa morte de vinte e seis mariñeiros de Moaña no naufraxio da embarcación de pesca de baixura Ave del Mar en 1956. A partir de 1957 varios familiares ou achegados das familias damnificadas foron tamén […]

  5. O naufraxio da Leonor » A Illa dos Ratos

    […] o do vapor noruegués Aslaug no 1929 nas proximidades da costa de Baiona, o do Azaña en 1932, o do Ave del Mar en 1956 preto de Bouzas ou o do Centoleira nas Illas Cíes en 1964. Son claros exemplos de […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.