AS MISIÓNS PEDAGÓXICAS: SEMENTANDO COÑECEMENTOS E CULTURA POR TODO O PAÍS

Texto elaborado por Xerardo Dasairas Balsa, mestre xubilado cunha dilatada traxectoria como investigador en diversos ámbitos.

As misións pedagóxicas, unha forma de achegar a cultura á poboación rural durante a II República

Son moitos os traballos e publicacións que acreditan o intenso labor e esforzo pedagóxico desenvolvido durante a II República como foron as escolas públicas ou as dos Pósitos marítimo-terrestres, entidades asociativas de patróns e mariñeiros que nacen anos antes na ditadura de Primo de Rivera.

Estas escolas, públicas e asociativas alcanzarían o seu maior desenvolvemento educativo ao contar co apoio das Misións Pedagóxicas, os Centros de Colaboración Pedagóxica e outros movementos deste tipo tras dos que estaba a ideoloxía pedagóxica da Institución Libre de Enseñanza.

Unha das primeiras Misións Pedagóxicas levada a cabo en Galicia foi a realizada no concello ourensán da Mezquita

A idea de abordar este tema xurdiu indagando sobre a figura de Maruja Mallo e a súa presenza en Beluso, acompañada do seu compañeiro Alberto Fernández Martínez “O Mezquita”, recoñecido militante e activista do POUM a quen coñeceu en Madrid.

Unha das primeiras Misións Pedagóxicas levada a cabo en Galicia foi a realizada precisamente no concello ourensán da Mezquita de onde lle vén o alcume ao noivo de Maruja, o que nos deu pé a pensar que Alberto, curmán do coñecido xornalista Augusto Assía e máis a pintora viñeran a Galicia como colaboradores daquel padroado.

Porén, a día de hoxe cabe ter por máis fiable que O Mezquita viñese continuar co seu labor de axitación política entre os obreiros do trazado do ferrocarril por Ourense e que a estadía en Beluso se debese ao convite que Federico Ribas lles fixese a Ana Mª Gómez González (Maruja Mallo) e ao seu compañeiro nas reunións que adoito celebraban en Madrid ás que tamén acudía Rafael Dieste, outro animador das Misións Pedagóxicas.

Cara os anos vinte, o boucense Federico Ribas Montenegro (1890-1952) xa adoitaba pasar longas tempadas en Galicia e como fillo dunha importante familia conserveira faría amizade cos Massó que lle encargaron a creación da imaxe corporativa da fábrica e reclamos publicitarios para os seus produtos.

AS MISIÓNS PEDAGÓXICAS E OS CENTROS DE COLABORACIÓN NO MORRAZO
O artista e ilustrador Federico Ribas e o seu deseño para a conserveira de Massó que sería premiado como mellor imaxe de marca a nivel estatal en 1978.

Desta colaboración xurdiría a compra dunha casa en Beluso na que concorrerían os personaxes citados anteriormente e outros artistas e intelectuais como o fotógrafo Ksado ou o xornalista Johan Carballeira, difusor do labor das Misións Pedagóxicas e logo alcalde de Bueu executado no 1937 polos fascistas.

As Misións Pedagóxicas crearíanse por Decreto de 29 de maio de 1931 co encargo de “difundir a cultura xeral, modernizar a orientación docente e a educación cidadá en aldeas, vilas e lugares con especial atención aos intereses espirituais da poboación rural”

Baixo a dependencia do Ministerio de Instrucción Pública e Belas Artes, estas Misións estaban dirixidas por unha Comisión Central que se situaba no Museo Pedagóxico de Madrid, centro de investigación ligado á Institución Libre de Enseñanza que comezara a funcionar en 1884 como centro de investigación, inspirado por Francisco Giner de los Ríos e activadas agora baixo a República como un Padroado presidido por M. Bartolomé Cossío e nel participaban outros intelectuais como Rodolfo Llopis, Marcelino Pascua, Antonio Machado, Pedro Salinas, Óscar Esplá, Ángel Llorca…

As súas actividades habíanse converter en peza fundamental do proceso de renovación do ensino público e fomento da cultura mediante bibliotecas populares, lecturas, cines, sesións musicais de coros e orquestras, audicións de radio, museos itinerantes con exposición de catorce copias de obras de arte emblemáticas que servían para ensinar estilos e autores… 

AS MISIÓNS PEDAGÓXICAS E OS CENTROS DE COLABORACIÓN NO MORRAZO
Unha imaxe do traslado do museo circulante, neste caso rumbo a Corcubión.

Os cinco anos de actividade das Misións marcarían un tempo no que por primeira vez a cultura se entendeu como un ben común e non como algo reservado para as clases privilexiadas, onde os verdadeiros protagonistas foron os habitantes dos pobos e vilas colaborando nas mesmas mestres, intelectuais, artistas, etc.

En Galicia, os principais animadores deste proxecto serían, Dieste, Otero Espasandín, Sánchez Barbudo, Ramón Gaya… destacando como colaboradores Osorio Tafall, Filgueira Valverde, Cruz Gallástegui, Díaz Rozas, Fernández Villamil, Iglesias Alvariño, Núñez Bua, A. Cotarelo, A Fraguas, Daniel de La Sota, Iglesias Alvariño, Odriozola, Cuevillas, Risco, Otero Pedrayo, Ben-Cho-Shei, Carlos Velo e os inspectores de ensino Couceiro Freijomil, María Cid, José Gabaldón ou Rogelio Pérez, entre outros.

As Misións Pedagóxicas son consideradas aínda hoxe como a realización máis xenerosa da II República, distribuíndo máis de 5.000 bibliotecas itinerantes e levando a cultura, a arte e o divertimento aos lugares máis alonxados do noso país, carentes de estímulos culturais.

Xerardo Dasairas Balsa
+ artigos

Diplomado en Filoloxía por Maxisterio, exerceu como mestre en Cangas do Morrazo. Dende 1978 ven colaborando en prensa e revistas de Galicia con artigos referentes a etnografía, historia, arqueoloxía, patrimonio, pedagoxía e socioloxía.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.