OS CENTROS DE COLABORACIÓN: UN ESPAZO ONDE OS MESTRES COMPARTÍAN EXPERIENCIAS 

Texto elaborado por Xerardo Dasairas Balsa, mestre xubilado cunha dilatada traxectoria como investigador en diversos ámbitos.

Os Centros de Colaboración Pedagóxica, unha iniciativa de intercambio de experiencias entre mestres que tivo moita importancia no Morrazo durante a II República

A pesar de que as actividades das Misións Pedagóxicas chegaron a moitas poboacións galegas, as vilas do Morrazo non gozaron das sesións de cine, dos museos, das exposicións fotográficas ou dos monicreques que ofertaba este padroado. Esta ausencia de actividades hai que fundamentala na falta de demanda por parte dos mestres, a maioría na órbita dos pósitos, ou pola propia dinámica da Galicia costeira na que xa incidían proxectos como o dos grupos Ultreya (v. Faro de Vigo 2-8-2016), fun­dados por Álvaro das Casas en febreiro de 1932 e na órbita das Misións, que coas súas xiras culturais xa puñan aos adolescentes en contacto con todos os aspectos do país.

Incluso a acción das Mocedades Galeguistas que a nivel máis adulto interviñan con interesantes publicacións e maior presenza no mun­do social y político estaban influenciadas polos proxectos didácticos das Misións Pedagóxicas.

Porén, a península do Morrazo si se vería beneficiada polas actividades dos chamados Centros de Colaboración Pedagóxica que baixo os auspicios da Inspección do Ensino se levaron a cabo en distintos puntos da nosa xeografía coa intención de potenciar o intercambio de experiencias pedagóxicas entre os mestres a través de reunións por zonas, tentando así unha actualización de cara a mellorar os procedementos educativos e docentes.

As presentacións e relatorios sobre a práctica escolar, os guións de traballos escolares, a crítica literaria, a análise sociolóxica, o desenvolvemento de centros de interese e incluso clases prácticas con debate final, foron os recursos máis empregados nestas charlas que adoitaban celebrarse os domingos para non perturbar o traballo cotiá de poñentes e asistentes.

O Consello Local de Primeiro Ensino de Bueu sería pioneiro organizando as “Conferencias didácticas e pedagóxicas” en 1931

En Bueu, desde xuño de 1931, xa se consolidaba o asentamento do Partido Galeguista coas visitas de Núñez Bua, Paz Andrade e Castelao que en abril do ano seguinte repetiría visita a esta vila para impartir conferencias nun ciclo promovido polo Centro Recreativo, que tamén contaría na palestra con Bóveda, Otero Pedrayo, Filgueira Valverde, Paz Andrade, Álvaro Gil e Iglesias Vilarelle.

Escasos meses despois destas conferencias, Bueu voltaría a ser pioneira nas Conferencias didácticas e pedagóxicas, organizadas polo Consello Local de Primeiro Ensino na escola nacional nº 2.

AS MISIÓNS PEDAGÓXICAS E OS CENTROS DE COLABORACIÓN NO MORRAZO
Unha das conferencias pedagóxicas.

Abriría o ciclo de charlas o mestre de Ons, Joaquín Fernández Cambeiro que disertaría sobre “Influencia del medio ambiente en la educación del niño. Este mestre levaba impartindo clases na illa desde 1926 nun local cedido por Manuel Riobó que ao igual que a antiga reitoral na que vivía, estaban custeadas polo Concello de Bueu.

De Fernández Cambeiro cabe destacar tamén o seu compromiso cos veciños e o labor social que realizou, impartíndolle clases a 72 alumnos de primaria e máis as aulas de Permanencia de Adultos con cuxos asistentes organizou un coro de trinta voces.

AS MISIÓNS PEDAGÓXICAS E OS CENTROS DE COLABORACIÓN NO MORRAZO
A escola do mestre Joaquín Fernández Cambeiro na Illa de Ons, no ano 1931.

A seguinte conferencia en Bueu, celebraríase o 26 de xuño de 1932 no local do Pósito Marítimo-Terrestre a cargo de José Torres Martínez, mestre na escola pública da Portela. Este mestre, natural de Marín, xa tiña exercido en Ermelo e posteriormente sería director da Graduada Anexa, profesor do Instituto e da Escola de Maxisterio de Pontevedra, director e profesor da Escola de Maxisterio da Coruña e xefe de Estudos da Escola do Profesorado da Universidade de Santiago ata a súa xubilación.

Torres Martínez é aínda unha figura moi recoñecida na súa vila natal polos seus traballos e libros sobre pedagoxía e historia local, destacando tamén o seu labor a prol do desenvolvemento e progreso de Marín, facéndoo acredor da medalla ao Mérito Docente.

AS MISIÓNS PEDAGÓXICAS E OS CENTROS DE COLABORACIÓN NO MORRAZO
D. José Torres Martínez.

A súa disertación naquel día de finais de xuño de 1932 no Pósito, versaría sobre o tema “Un problema de actualidad, colaboración de los padres en la obra educativa e nela analizaba as causas da neglixencia dos pais na formación dos seus fillos, deixando esta só en mans dos mestres cando debía ser compartida.

Tamén propuxo a creación dunhas fichas nas que constase, mediante un gráfico, o labor diario de cada alumno debendo ser asinadas semanalmente polos pais facilitándolles dese xeito o control sobre o rendemento dos seus fillos e implicándoos así no proceso formativo. Sería este un precedente da avaliación continua e das cartillas de notas que xa estaban implantadas noutros países.

A seguinte conferencia en Bueu, tería lugar o domingo 3 de xullo do mesmo ano, outra vez a cargo de Joaquín Fernández Cambeiro e versaría sobre “El árbol en su aspecto industrial y geográfico”.

En 1934 o inspector de ensino avogaría pola creación dun Centro de Colaboración Pedagóxica cos mestres de Moaña

A finais do curso do 1934, visitaría as escolas do concello de Cangas o inspector de ensino José Gabaldón quen convocaría aos mestres a unha xuntanza na Escola de Orientación Marítima para crear un Centro de Colaboración Pedagóxica cos compañeiros de Moaña.

Pero non sería ata o mes de marzo de 1935 cando volveriamos a ter noticia de actividades dos Centros de Colaboración Pedagóxica que esta vez, promovidos polo inspector José Gabaldón Navarro, reúnen o día sete aos mestres en Moaña para asistir á charla da mestra Jesusa Rodríguez que presenta un xuízo pedagóxico sobre o libro de Arcaza “La niña bien instruída e a sua conveniencia de incorporalo á biblioteca. A esta charla seguiríalle outra do mestre José Couto sobre o tema “Impresiones sobre el libro Corazón de Edmundo de Amicia”.

As charlas continuarían agora en Cangas, reuníndose os docentes na escola nº 3 de onde o seu profesor Francisco Mosqueira Manso disertaría sobre “Lectura expresiva y artística: La expresión oral y la necesidad de la lectura de los autores clásicos”.

Outra charla á que asiste todo o profesorado da zona como era preceptivo, correría a cargo do mestre de Aldán, José María Quinteiro, que centraría o seu tema en “Como favorecer o intercambio de libros”.

AS MISIÓNS PEDAGÓXICAS E OS CENTROS DE COLABORACIÓN NO MORRAZO
Mestres das escolas públicas e o pósito de Cangas en 1934. Na ringleira do medio están D. Víctor Sánchez Mártil (1º pola esquerda) D. Vicente Sáez Ruíz (4º pola esquerda), D. Manuel Mosquera Vidal “O Barbicas” (5º pola esquerda) ou D. Felipe Carnicer (1º pola dereita) e na de abaixo distinguimos a D.ª Perfecta Situola (3ª pola esquerda) e a D.ª Asunción Pacheco (1ª a dereita).

No mes seguinte, o 11 de abril, terían lugar dúas charlas simultáneas, unha ditada por Rosendo Novo Díaz, mestre do Pósito Marítimo-Terrestre de Darbo, que escollería o tema “Medios más adecuados para fomentar la asistencia escolar de Cangas” e outra en Moaña a cargo do mestre Santiago Barreira Paradela sobre o mesmo tema pero centrado agora nesta vila.

En maio volverían as charlas a Moaña, esta vez da man do mestre señor Cabirta que trataría sobre “Iniciación al estudio de la Geografía”, centrada na aplicación desta disciplina nos estudos dos futuros mariñeiros e na utilidade das diferentes representacións cartográficas.

Neste mesmo mes e no distrito de Cangas tamén se celebrarían outras conferencias sobre o preocupante e recorrente tema “Como fomentar la asistencia a clase” a cargo do mestre do Pósito de Darbo R. Novo. Na súa disertación incidiría na conciliación do horario escolar coas dispoñibilidades familiares, o desterro dos libros de texto usuais, unha organización máis racional da escola e a incidencia que tén na asistencia á escola, a propia conduta profesional e persoal dos mestres.

A seguir e nas semanas seguintes, disertarían no cine de Cangas a mestra do Hío Adela Palacios sobre “Los reinos de la naturaleza”, Pío Cribeiro do Pósito de Aldán encol de “Aplicaciones del modelado en la enseñanza”, rematando o ciclo a mestra, Elena Reboiras da escola de Balea cunha lección sobre “Los sentidos”.

No mes de maio deste mesmo ano 1935 e aínda que fóra das actividades das Misións e dos Centros de Colaboración, tería lugar nas Escolas Graduadas de Marín a inauguración dun Roupeiro para os nenos necesitados e unha Cantina Escolar, iniciativa pioneira no ensino español e precedente do que logo serían os comedores escolares.

Ao primeiro xantar que se lle serviu aos nenos asistirían as autoridades educativas provinciais e a Miss Galicia dese ano a señorita Filo P. Alcántara, acompañada de distinguidas señoritas da vila marinense.

Xerardo Dasairas Balsa
+ artigos

Diplomado en Filoloxía por Maxisterio, exerceu como mestre en Cangas do Morrazo. Dende 1978 ven colaborando en prensa e revistas de Galicia con artigos referentes a etnografía, historia, arqueoloxía, patrimonio, pedagoxía e socioloxía.

2 comentarios

  1. As misións pedagóxicas no Morrazo (I) » A Illa dos Ratos

    […] SEGUINTE CAPÍTULO RUTA "CANGAS NA REPÚBLICA" […]

  2. As misións pedagóxicas no Morrazo (III) » A Illa dos Ratos

    […] comentabamos no anterior artigo adicado as Misións Pedagóxicas e os Centros de Colaboración, a pesar de que as súas actividades […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.