PIONEIRA DA HOSTALARÍA E O TURISMO EN CANGAS
Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio fundador da Asociación A Illa dos Ratos, para a serie “Cangueiras 2026” en colaboración coa Concellaría de Igualdade do Concello de Cangas. Fotografías do arquivo familiar e da A.C. A Cepa.

Mercedes Olivera Bon, máis coñecida como “Olivera”, naceu en Cangas o 7 de agosto de 1915. Era filla de José e Encarnación, unha muller que tivo unha vida complicada despois de quedar viúva e ter que sacar adiante, ela soa, nove fillos e fillas.
Mercedes era a segunda máis pequena e, a pesar das dificultades, foi á escola de Cimadevila, en Cangas, onde hoxe está precisamente o colexio, ata que, con nove anos, a mandaron para Pasajes, no País Vasco, para axudar na casa dun irmán que era patrón.
Mercedes Olivera regresou a Cangas tras a proclamación da II República en abril de 1931 e comezou a traballar como pasteleira
Tras a celebración das eleccións municipais do 12 de abril de 1931, que acabarían desembocando na fuxida do rei Afonso XIII e na proclamación da II República Española, Mercedes regresou a Cangas e comezou a traballar nunha pastelaría da rúa Real que montara un primo seu.
Chamábase Gustavo Mallo Bon e estivera emigrado en Arxentina. Cando regresou, ademais de traer con el coñecementos avanzados de pastelaría, viña cargado de ideas para emprender.
A máis ambiciosa era montar un grande hotel con piscina en Cangas, pero, como non contaba cos recursos para facelo, decidiu comezar con algo máis humilde. Durante un tempo dedicouse a venda de xeados empregando unha bicicleta de tres rodas coa que percorría Cangas, Aldán e mesmo Bueu.
Pouco tempo despois montou a pastelaría e Mercedes botáballe unha man no negocio. Ás veces ela saía tarde do establecemento e, como daquela estaba mal visto que unha moza estivese fóra da casa a esas horas e a situación daba que falar, a familia, a pesar de que Gustavo lle levaba dez anos, convenceu os dous mozos de que o mellor para todos era que casasen, e así o fixeron.

Foron anos de moito traballo. Non existían os aparellos dos que dispoñemos hoxe e todo se facía dun xeito máis manual e artesanal. Mercedes sempre lembraba que cada día había que bater centos de ovos a man. Como era zurda e daquela na escola a obrigaran a aprender a empregar tamén a man dereita, tiña unha grande habilidade para bater cos dous brazos indistintamente e mesmo á vez.
A Guerra Civil provocou represión, fame e miseria e a parella decidiu pechar a pastelaría e abrir un bar
Coa guerra, as cousas empeoraron moitísimo. Había moita represión, fame e miseria, e cada vez era máis complicado dispoñer dos ingredientes necesarios para elaborar os produtos que se vendían no negocio.
Para paliar esa carencia, en plena Guerra Civil, Mercedes ía coa súa irmá polo monte ata Marín e mercaba fariña e manteiga de contrabando na Escola Naval.
Debido a esas dificultades, pero sobre todo porque se decataron de que a situación económica non era propicia para que a xente mercara pasteis, decidiron pechar o negocio e abriron un bar: o popular Bar Galicia, situado fronte a Praza de Abastos, no local no que posteriormente estivo durante moitos anos o Banco de Galicia e, máis tarde, Mercaroupa.
Neses tempos tan complicados, a solidariedade entre a veciñanza era moi importante. A nosa protagonista lembraba emocionada como, naquel establecemento, sempre que podían, dábanlle algo de leite e de pan ás mulleres con fillos que pasaban fame, normalmente de familias republicanas.
Pero a cousa non era sinxela e había que andar con ollo porque as veces no establecemento había falanxistas e partidarios do bando nacional.
Cando bebían máis da conta, falaban dos “paseos” que tiñan previstos. Mercedes sabía que falaban en serio porque en máis dunha ocasión tivera visto pasar pola noite algún camión pola rúa Real trasladando os mortos, e como remataban a golpes de culata a algún ferido.
A nosa protagonista pensaba que aquilo non era xusto nin estaba ben porque era unha loita do pobo contra o propio pobo, e sempre que podía avisaba ás persoas que ían deter pola noite. Grazas a ela, houbo homes e mulleres que salvaron a vida, pero tamén había quen non a cría e acababa tendo un triste final.
Mercedes e Gustavo conseguiron facerse cuns terreos en Rodeira e alí crearon a “Pensión-Restaurante Rodeiramar”, coñecida popularmente como “A de Mallo”
A pesar das circunstancias sociais e económicas daquela época, a parella foi aforrando e mercou uns terreos en Rodeira. Foi entón cando decidiron traspasar o bar e abrir a que sería a primeira pensión – restaurante da vila.

O desembolso que tiveron que facer foi importante e, ademais, como o terreo estaba en primeira liña de costa, tiveron que gastar o que tiñan previsto para toda a obra na cimentación do edificio.
Por este motivo, os primeiros anos foron complicadísimos. Eran tempos de fame e penurias e, a pesar de que a actividade non era rendible todo o ano, a parella non se rendeu porque tiñan o convencimento de que “algún día se poderá vivir do turismo“.
Para diversificar os ingresos, fóra da tempada alta Gustavo estivo traballando en Vigo e mercaron unha pequena embarcación para pescar.
Unha anécdota curiosa é que outros amigos tamén tiveron a mesma ocorrencia nesas datas e decidiron bautizalas como “La Pinta”, “La Niña” e “Santa María”, en lembranza das tres carabelas de Colón, e como non tiñan cartos para mercar unhas velas, empregaban unhas sabas das camas do hotel.
Para dinamizar o restaurante, Gustavo tamén ía todos os días en bicicleta ata o porto de Cangas para falarlles do restaurante ás persoas que chegaban de Vigo.
Como non podían arriscarse a mercar os produtos con antelación por medo a non ter comensais, o que facían era establecer acordos cos provedores e tirar de contactos.
Así, tiñan un acordo co carniceiro para que lles adiantase a carne que podían precisar e, unha vez atendida a clientela, pagábanlla. Como eran cumpridores e boa xente, o home incluso lles recollía a carne que lles sobrara.
Para o peixe e o marisco falaban co Pote, outro afamado establecemento da historia de Cangas, para saber que produtos tiñan dispoñibles e cando algún cliente solicitaba un determinado produto, íano buscar alí e servíanllo.

E así foron saíndo adiante pouco a pouco, con moito traballo e sacrificio.
As trece habitacións da pensión foron rematándoas grazas a un préstamo dun parente que emigrara a Bos Aires e pouco a pouco foron incrementando a súa capacidade de aloxamento e deron traballo a moita xente.
Mercedes tiña un papel moi relevante na organización dos banquetes de voda, unha actividade que foi moi importante para consolidar o negocio familiar
Cando realmente o negocio comezou a despegar foi a partir de mediados dos anos sesenta, cando as parellas de Cangas comezaron a celebrar as súas vodas fóra da casa.

O salón do restaurante prestábase para grandes celebracións e converteuse nun local de referencia na contorna. Cando tiñan eventos, Mercedes, que era unha excelente cociñeira, encargábase da cociña, especialmente das empanadas, aínda que tamén se lle daba moi ben preparar a pescada á romana, as chulas, as vieiras, o suflé ou o brazo de xitano.
Sempre xenerosa cos demais, se sobraba parte da comida que preparaban, non se tiraba nada e sempre se acordaba das persoas máis necesitadas.
Polo establecemento tamén pasaban persoas relevantes do momento como o conde de Aldán, o empresario Manolo Pollán, Armando Fernández Xesta ou José María Castroviejo Blanco – Cicerón, que era un cliente habitual.

Nos xardíns da Pensión-Restaurante Rodeiramar había unha cantina con pista de baile que funcionaba sobre todo na primavera e no verán, unhas casetas para que a xente puidese cambiar o traxe de baño, pagando unha peseta, e tamén unhas mesas de pedra onde as persoas que viñan a praia de Rodeira e traían a comida da casa puideran xantar alí, sempre que mercasen as súas bebidas no establecemento.
O relevo xeracional no negocio familiar chegaría a mediados dos anos setenta con Gustavo, Mercedes e María Jesús
A comezos dos anos sesenta, Mercedes e Gustavo, animados pola boa marcha do negocio familiar, participaron nunha poxa pública convocada polo Concello de Cangas tras a que se fixeron cos terreos anexos ao edificio orixinal da Pensión – Restaurante Rodeiramar. Alí, en 1964, construíron seis apartamentos: tres pegados á praia e outros tres na zona anterior.
Entre ambas as edificacións tamén construíron un chalé que se converteu na súa residencia e onde aínda se pode ver unha placa que recorda o seu labor como pioneiros do turismo no Morrazo.

No ano 1974 decidiron pasar o testemuño a seguinte xeración. O seu fillo Gustavo, o maior, herdou o negocio situado no edificio orixinal; Mercedes quedou cos tres apartamentos que estaban onde hoxe en día está o Hotel Rodeiramar que xestiona a súa filla Merchi Rodal; e María Jesús, a máis pequena, recibiu os tres apartamentos pegados á praia, que a día de hoxe son outro establecemento hoteleiro coñecido como Hotel Playa Rodeiramar 2B e que xestiona a súa filla Alba Piñeiro Mallo.
Mercedes Olivera sempre foi unha muller ben informada, moi activa e con ganas de aprender e formarse
Ademais da súa gran labor como pioneira da hostalería e o turismo na vila, Mercedes foi unha muller a que lle gustaba estar sempre ben informada.
Durante a Guerra Civil contaba que tiña escondida unha radio no Bar Galicia para estar ao día de como ían sucedendo os acontecementos a través de Radio Pirenaica. Incluso nos seus últimos anos de vida non era allea aos acontecementos e novas tanto a nivel local como no país e lía o periódico todos os días prestando especial atención o ámbito político.
Tamén era unha persoa con moita iniciativa e unha motivación extraordinaria para aprender cousas novas e formarse, mesmo cando xa tiña unha idade avanzada.

Proba disto é que foi das primeiras mulleres da provincia de Pontevedra que sacou o carné de conducir e, sobre todo, que con máis de 90 anos tivo a valentía para matricularse na Escola de Adultos do Instituto de Rodeira para aprender informática. Desta última experiencia sentíase especialmente orgullosa e non dubidaba en presumir ante a familia, con satisfacción, que o fixera tan ben que os profesores chegaran a gardar un texto escrito por ela no ordenador.

Mercedes, a segunda pola esquerda, coas compañeiras da escola de adultos.
Queremos agradecer a Mercedes, Moncho e a Merchi Rodal, filla e netos de Mercedes Olivera, respectivamente, a información e as fotografias facilitadas para a realización deste artigo, gracias ao cal puidemos recordar a historia desta grande cangueira.
Óscar Rodríguez Martínez
Socio fundador de A Illa dos Ratos.
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/02/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/20/10/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/27/11/2020
Deixa a túa resposta