UNHA MULLER ADICADA EN CORPO E ALMA A ENSINANZA
Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio fundador de A Illa dos Ratos a partir da información e fotografías facilitadas por Arturo Sánchez Cidrás.
Na súa casa escola impartía ensinanza primaria mixta e pola tarde ensinaba a ler e escribir aos adultos que se preparaban para emigrar a América
Matilde Bares naceu o 25 de xaneiro de 1853 nas Meáns, en Bueu, no seo dunha familia formada polos seu pais, a súa avoa Josefa e os seus tres irmáns. Tiña unha gran vocación coa ensinanza e cando o seu irmán Manuel Antonio marchou para Arxentina en 1875, comezou a dar clases no baixo da Casa Cabanillas, ao lado do actual Museo Massó, antes de conseguir sacar o título de mestra en ensinanza elemental en 1880.
En 1887 tratou de que lle outorgasen a cualificación de escola pública e aínda que a solicitude foille denegada por non cumprir algún dos requisitos, non se rendeu e continuou exercendo.
Sería logo da súa primeira viaxe a Arxentina en 1904 para visitar ao seu irmán, o seu gran valedor e referente, cando acordaron promover a construción dunha casa-escola en Bueu na que se establecería o “Colegio particular Virgen de los Dolores” de carácter mixto que comezaría a súa actividade en 1906 baixo a tutela de Matilde.
A partir de aí serían máis de 60 anos os que esta gran muller adicou a ensinanza primaria pero tamén exerceu outra labor educativa de gran compromiso social: ensinar a ler, escribir e fundamentos básicos de matemáticas a aqueles veciños que decidían emigrar ao outro lado do Atlántico, persoas que buscaban ter unha formación mínima para defenderse e saír adiante na súa nova vida.

Ademais desa impagable formación, os alumnos que emigraban á Arxentina logo de pasar polas mans de Matilde Bares levaban con eles unha carta de recomendación para entregarlle o seu irmán Manuel, intelectual republicano exiliado no país sudamericano onde fixera fortuna, para que axudase a eses veciños procedentes de Bueu a conseguir casa e traballo.

Tras moitos anos adicada a educación e a promoción da cultura en Bueu, Matilde Bares recibiu varias homenaxes
Ademais da súa faceta como mestra, hai constancia de que a inicios do século XX Matilde Bares comeza a realizar unha importante labor cultural como promotora/directora e coordinadora de funcións teatrais, concertos e outros eventos, algún incluso en galego, tanto na súa casa como no Cine Victoria tras a súa inauguración no ano 1920.
En 1931 Johan Carballeira publicou no diario “Ahora” de Madrid un artigo referíndose a ela como “mestra de tres xeracións” e no que trataba de poñer en valor a súa figura logo de máis de 60 anos ininterrompidos adicados a mellorar a vida dos seus veciños e veciñas a través da educación e a cultura.
A partir desta publicación comezou a tomar forma a idea de facerlle unha homenaxe. En xuño dese mesmo ano os mozos da comisión das Festas da Xuventude mercaron un álbum para recoller sinaturas e mentres recadaban fondos, presentaron unha solicitude no concello para pórlle o seu nome a unha rúa.
En agosto, a asociación “Hijos de Bueu en América” escribiu unha carta dirixida ao alcalde na que expresaban a súa vontade de sumarse a homenaxe que se estaba a organizar costeando unha placa conmemorativa. Nese escrito tamén propoñían que en caso de adicarlle unha rúa, pensaban que a que debería levar o seu nome era a rúa Eduardo Vincenti, coñecida anteriormente como rúa do Príncipe, argumentando que o pobo de Bueu non tiña nada que agradecerlle ao xenro de Montero Ríos.
Chegado outubro foi cando se creou a “Comisión Organizadora da Homenaxe a Matilde Bares” formada por representantes dos colectivos máis importantes da vila como os mariñeiros, armadores, Liceo casino, Centro recreativo, gandeiros de Beluso ou agricultores de Beluso e Cela.
Sería finalmente no ano 1932 cando se levarían a cabo diversos actos para homenaxear a gran mestra. Un deles foi a celebración dunha xornada cultural na Sala Paraíso na que houbo teatro, orquestra e exhibición de bailes de salón.
A placa da súa casa se descubriría coincidindo coa festividade de San Martiño, nun evento que contou coa presencia de alumnos seus, antigos e do momento, veciñanza e autoridades locais e provincias.
O libro coas sinaturas de todos eles o recibiría na súa casa o 14 de marzo do ano 1933, coincidindo coa súa onomástica.

En 1935 Matilde Bares vendeu a súa casa e marchou para Santiago, onde falecería tres anos despois en Santiago
O 11 de abril do 1935 Matilde Bares vendeu a súa casa ante notario ao médico Luís Pimentel Gíl, descendente da familia Pimentel vinculada ao Pazo de Santa Cruz, e marchou de Bueu.
A gran mestra falecería o 29 de xuño de 1938 en Santiago de Compostela, na “Casa Asilo das Irmáns de anciáns desamparados”, sendo enterrada no cemiterio de Bonaval, curiosamente preto do Panteón de Galegos Ilustres, como bueuesa senlleira que foi.
Óscar Rodríguez Martínez
Socio fundador de A Illa dos Ratos.
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/02/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/09/07/2020
Deixa a túa resposta