Lonxa literaria de Moaña
Asociación Lonxa literaria de Moaña é unha asociación cultural onde se realizan diferentes actividades literarias como tertulias, contacontos, lecturas dramatizadas, etc.
Texto elaborado polos membros da Lonxa Literaria de Moaña.
A nós é que nos gustaba ler. Sinxelamente. Gustábanos ler e iamos a miudo á Biblioteca municipal de Quintela. E aí comezou todo.
Ocorréuselle ao bibliotecario o de xuntarnos, aglutinar a aquela xente dispersa que nós eramos e facer grupo. Quizais, pensou, se podería facer algunha actividade en común. Ler un libro e quedarmos para intercambiar impresións sobre el, podía ser?
A idea gustou e ampliouse. Se liamos un libro, talvez podiamos convidar ao/á seu/súa autor/a. E se se escollía alguén de preto, ao mellor, podía acudir e compartir a charla con nós. Semellaba factible. Decidimos intentar poñer en marcha a iniciativa.
Convidamos a Fran Alonso, que se prestou de bo gusto a acudir a este encontro. A estrea foi con Males de cabeza e deixou moi bo sabor de boca. Tanto, que se pensou en repetir a experiencia.
Foi o propio Fran quen suxeriu o seguinte libro. O editor de Seda, de Alessandro Baricco, andaba por Vigo. Esta novela estaba sendo un gran éxito editorial e quizais podiamos aproveitar a ocasión e traelo. Seguramente daría para unha conversa moi interesante. Por que non probar?
Aceptamos a proposta e repetimos a xuntanza. O resultado foi novamente moi gratificante. Tanto, que quedamos en insistir no formato de xeito periódico. A charla en torno a un libro semellaba funcionar.
Deste xeito comezamos a xuntármonos de cando en vez. Sempre se invitaba ao/á autor/a que nos acompañase na tertulia. Ocorréusenos tamén que cada un/unha podía recomendar ao/á seguinte.
E así comezou todo. O funcionamento da tertulia comezou a ser regular. Foi cuestión de tempo que pensaramos en formalizar o grupo, en constituírnos como asociación.
Pasaron máis de vinte anos desde que no 2002 nacera formalmente a Lonxa Literaria. Aquel grupo orixinario comezou a botar a pacer a imaxinación e as ganas de facer cousas. Fomos debullando outras ideas que se puxeron en marcha decontado: por que non convocar un concurso de microrrelatos (2003)? Ou, a semellanza da de adultos, unha tertulia xuvenil (2004)?
Para os máis cativos/as as sesións de contos podían estar ben (2005) e implicar a todo o alumnado na confección dun relato conxunto (o conto viaxeiro) tampouco semellaba mala idea (2004).
A nosa incursión na poesía veu da man do Prestige. O afundimento do pesqueiro deu lugar a aquel primeiro recital, que acabou sendo multitudinario (2003) e iniciou o camiño para outros que viñeron detrás.
Co teatro comezamos máis tarde (2007). Sempre en colaboración coa Erregueté, a inclusión na tertulia das lecturas dramatizadas abriu posibilidades tan descoñecidas como sorprendentes.
Paseniño fomos ampliando actividades. Unhas, puntuais; outras, periódicas. Movémonos nun abano extenso que foi desde os concursos de marcadores de páxinas ata a polafía pasando por actividades literarias diversas: concertos musicados, rutas literarias, presentacións de libros, obradoiros de escrita, cursos de declamación, conferencias, doazóns de libros, homenaxes a escritores/as, colaboracións con entidades e asociacións…
O saldo é cumprido. Nesta altura máis dun cento de escritores/as galegos/as acudiron á nosa chamada. A nosa actividade non sería a mesma sen a súa presenza. Moito lles temos que agradecer e lles agradecemos. Non só a eles/as.
Nestes máis de vinte anos a colaboración desinteresada de amigos, asociacións, particulares… fortaleceu a Lonxa Literaria. Os nosos éxitos débense tamén a todos/as eles/as. Xusto é recoñecelo, xa que sen eles, non seríamos nós.
Asociación Lonxa literaria de Moaña é unha asociación cultural onde se realizan diferentes actividades literarias como tertulias, contacontos, lecturas dramatizadas, etc.
Un comentario
Manuel Angel Fernández Garcí
Hola.
Os conocí por A Illa dos Ratos y me gusta vuestra actividad.
¿Cómo podría conoceros?
Ya conozco a algunas personas de ahí ya dos ratos y estoy suscrito a su boletín.
Muchas gracias
Manuel Angel Fernández