UN AMOR A PRIMEIRA VISTA CO FOLCLORE GALEGO

Texto elaborado por Oscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos a partir de información e fotografías facilitadas por Lela e Dolores, irmá e sobriña de Lola Diz respectivamente.

Neste artigo imos a falar de Lola Diz Pose, a fundadora da A.F.C Breogán de Moaña, unha muller importante na historia de Moaña que dedicou gran parte da súa vida a mantener con vida o folclore galego cando esta parte tan importante da nosa cultura estaba en perigo de desaparecer.

Lola Diz Pose, unha gran pasteleira namorada do baile tradicional galego

A nosa protagonista de hoxe era a maior de tres irmáns que curiosamente tiñan uns diminutivos moi folclóricos (Lola, Lela e Lolo) e que dende moi noviños comezaron a axudar na panadería familiar.

Lola foi aprendendo o oficio e os que probaron os seus doces contan que era moi boa pasteleira, tanto que o coñecido médico D. Amancio dicía que era “a mellor pasteleira de Moaña”.

LOLA DIZ POSE
Lola Diz cunha cesta de pan na cabeza. A súa irmán Lela nos dixo que probablemente esta foto fose sacada de broma, de aí que levase postas as zapatillas da casa.

Era unha muller relixiosa que foi catequista e colaboraba nas parroquias de Meira e San Martiño

Lola Diz era unha persoa moi relixiosa e hai unha anécdota bastante curiosa relacionada con esta faceta súa.

A nosa protagonista colaboraba na parroquia de Meira e na de San Martiño e que fora catequista xunto a Modestiña a modista e Leonor Rosales “Da Sinda” de Meiramar.

Debido a isto poderiamos cometer o erro de pensar que Lola Diz era unha persoa con ideas de dereitas pero realmente non era así. De feito,  unha vez rematada a dictadura franquista, coa chegada da democracia, decidiu apoiar abertamente as listas de Unidade Galega que era unha formación de corte nacionalista.

Os veciños máis conservadores do pobo, que consideraban a Lola Diz “unha das súas”, quedaron tan contrariados que moitos deixaron de coller o pan na panadería familiar.

Máis alá desta anécdota, as persoas que tiveron o gusto de coñecela a recordan como unha persoa carismática, tranquila e aberta, moi coñecida e querida entre os seus veciños, á que lle gustaba falar con todo o mundo e á que se lle daba moi ben tratar cos nenos e as nenas.

Tamén tiña moitas inquietudes culturais e de feito ademáis da súa faceta como fomentadora do folclore, ten organizado e participado en varias obras de teatro afeccionado.

Detrás da creación da A.F. C Breogán de Moaña hai unha historia ben curiosa

O baile galego era algo que a Lola Diz sempre lle gustara, pero a idea de formar o grupo folclórico que acabaría dando lugar á A.F.C Breogán de Moaña ten detrás unha historia bastante curiosa.

Todo comezou cando a súa sobrina Dolores, filla de Lela, era unha neniña. A rapariga era moi activa e pasaba moito tempo bailando soa tanto na casa como na panadería familiar.

Un día Lola Diz fartouse de que non tivese con quen compartir esa inquietude e decidiu que buscaría un grupo de nenas para que a acompañasen e ela mesma sería a súa profesora.

Comezaron a ensaiar nun local que había detrás do lavadoiro da Martinga e que compartían con outros grupos pero como cada vez tiña máis nenas e se lles quedou pequeno, mudáronse ao baixo da casa de Xil Ríos.

Eran tempos nos que comezaban a facer algunhas actuacións puntuais. Nin sequera lle puxeran un nome ao grupo pero cando chegaba o entroido todas as compoñentes se disfrazaban e ían de comparsa no enterro da sardiña de Moaña como “As vinte en rosa”.

En 1981 nace oficialmente a A.F.C Breogán de Moaña

Non sería ata 1981 cando se crearía oficialmente a A.F.C Breogán. Elixiron ese nome porque era o que tiña a primeira asociación de veciños que existía na zona e que curiosamente se reunía unha vez a semana na panadería familiar.

A partir desa formalización a agrupación comezou a medrar dun xeito expoñencial grazas ao tándem formado por Lola Diz, que se encarga do aspecto creativo, e a súa compañeira de fatigas María Dolores Taboada, que levaba todo o tema administrativo.

Lola Diz era moi perfeccionista e non dubidaba en asistir a algún curso en Santiago ou A Coruña para mellorar as súas competencias. Tamén fixo un gran traballo de investigación sobre diferentes traxes de baile e unha recollida de pezas de música tradicional.

LOLA DIZ POSE
Actuación nas Festas do Carme de Moaña (1983). Lola Diz no centro da imaxe coa indumentaria tradicional de baile galego.

En 1985 se incorporaron gaiteiros e os primeiros homes do grupo de baile

Para as actuacións era necesario contar con gaiteiros. Como a A.F.C Breogán non dispoñia deles, ao principio recurrían a colaboracións de diferentes familiares e amigos como Xabier Blanco.

En 1984 tiveron a iniciativa de ir ao conservatorio de Vigo para falar co mestre gaiteiro Henrique Otero Covelo, coñecido como “O Mestre Otero”, para que viñera a dar clases de gaita a Moaña. Foi así como comezaron a formarse gaiteiros dentro da propia agrupación iniciando esta labor cun grupo de doce nenos.

Ao ano seguinte incorporáronse os cinco primeiros homes ao grupo de baile da agrupación e isto facilitou que chamasen á A.F.C Breogán para participar nun programa da TVG no que Lola Diz fixo de portavoz.

Este novo fito na historia da agrupación fixo que fora chamado para multitude de actuacións polo territorio galego (entre outros Covelo, Portomarín, Festa do pulpo de Carballiño, Festa do Albariño en Cambados, Festival de Ortigueira, San Froilán de Lugo, Peregrina de Pontevedra) e tamén en vilas de Portugal e o resto de España (Segovia).

Chegou a ser tal a demanda das súas actuacións que as veces facían unha pola maña e outra pola tarde noutro lugar, e así practicamente todos os fines de semana.

BREOGAN DE MOAÑA (1988)
Actuación de Breogán de Moaña en Carboeiro (1988). A primeira pola esquerda é Maria Dolores Taboada, o gran apoio de Lola Diz.

Foron anos dunha actividade cultural moi intensa xurdindo gran cantidade de grupos de baile e música tradicional por todo o Morrazo gracias a labor de xente como Lola Diz, Carmiña Perez Alonso ou Leonor Rosales “da Sinda”.

Nos anos 1987 e 1988 A.F.C Breogán chegou a contar con preto de 300 compoñentes que se dividían en varios grupos en función das idades dos integrantes que ían dende os 6 ata os 55 anos:

– Lumieira: Era o grupo dos máis maiores e eran os que ían as actuacións máis importantes. Era un grupo mixto que contaba con 10 homes. Segundo nos contaron, moitas parellas de Moaña sairon de aí…

– Lareira.

– Sementeira.

– Garabullos. Este grupo era onde se incorporaban os máis pequenos e pequenas.

Lola Diz vía con orgullo como o seu proxecto estaba no punto máis álxido cando enfermou de maneira repentina

Lola Diz estaba vivindo unha vida feliz e intensa, orgullosa da súa labor a fronte da A.F.C Breogán. Estaba probablemente nun dos mellores momento dos seus 50 anos de vida cando enfermou e faleceu de maneira fulminante e inesperada o 26 de Xaneiro de 1989.

Foi unha noticia que de seguido se extendeu por toda a vila de Moaña e o seu enterro estivo marcado por unha gran emotividade. Moitos dos nenos que formaban parte da A.F.C Breogán de Moaña fixeron que o son das gaitas estivese presente e nos días seguintes colocouse unha placa para recordala na rúa onde está a panadería familiar.

Ademais dende o ano 2007 existe unha  praza na zona do Rosal que leva o seu nome, como mostra de agradecimiento pola súa gran labor no eido cultural.

Fotografía tomada diante da placa da Plaza Lola Diz na ruta “Mulleres da historia de Moaña” do 20 de Xullo de 2019.

A Agrupación Folclórica e Cultural Breogán de Moaña organiza todos os anos dende 1989 un memorial na súa honra

O fin de semana seguinte á festividade da Virxe do Carme a A.F.C. Breogán de Moaña organiza cada ano o “Memorial Lola Diz – Henrique Otero”. Esta iniciativa conta co apoio total da familia de Lola Diz que ao longo de todos estes anos segue apoiando a organización como cando ela estaba viva.

Isto tamén serve de motivación a todas aquelas personas que a día de hoxe seguen traballando polo folclore galego en Moaña, e que non perdan forzas nin ilusión na súa loita por recuperar, manter e difundir esta parte tan importante da nosa cultura.

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

Un comentario

  1. A.F.C Breogán de Moaña » A Illa dos Ratos

    […] facemos na nosa ruta “Mulleres da historia de Moaña“, tamén falaremos da figura de Lola Diz Pose, a moañesa que fundou esta asociación e que tivo o acerto no seu día de rodearse dun grupo de […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.