Unha das portas da Igrexa de San Martiño

CUBRINDO OS EDIFICIOS E  MONUMENTOS DO MORRAZO

Texto elaborado por Xandro García (@Mar_Abaixo). Socio de A Illa dos Ratos


Durante as rutas culturais que facemos na asociación A Illa dos Ratos, temos observado que os liques e outra vexetación cobren de distinto xeito os edificios históricos e monumentos do Morrazo.

Podemos atopar monumentos completamente cubertos de liques como o Cruceiro de Hío, que podemos observar na ruta Hío de pedra en pedra, e outros completamente limpos como o Cruceiro Singulis ou a Capela do Hospital de Cangas que podemos ver no percorrido polo Casco histórico de Cangas, ou en Cangas 1617, a defensa da vila

Liques, unha vexetación que medra de forma natural

A orientación, a humidade, a porosidade, a contaminación e o entorno que rodean os edificios inflúe sobre o crecemento dos vexetais nos seus muros. É algo totalmente natural que tamén podemos ver sobre pedras non labradas. Para que un edificio se manteña en pé máis de 500 anos (como as igrexas de San Martiño, Ermelo ou tantas outras que existen nesta comarca) as persoas deben realizar un esforzo na conservación.

Inmediatamente despois de cortar unha pedra comeza o crecemento de seres vivos sobre ela. As bacterias son o primeiro paso no proceso de colonización, que continúa con organismos pluricelulares: liques, musgos, herbas e finalmente árbores.

Capela do Hospital de Cangas, practicamente sen liques.
Capela do Hospital de Cangas, practicamente sen liques.

Obviamente o crecemento de árbores nun monumento histórico é pouco desexable polo risco que supón para a súa conservación, pero tamén as raíces das plantas máis pequenas que crecen nas xuntas poden provocar desperfectos se non son eliminadas. Arrancar ou cortar herbas non ten porque afectar á conservación dun edificio, pero si que o fan intervencións agresivas como a hidrolimpeza a presión, o rascado con cepillo de arame ou o uso de determinados produtos químicos. 

Os líques son uns excelentes indicadores de contaminación

Os liques son seres formados pola simbiose dun fungo e unha alga. Estes dous seres vivos crecen axudándose mutuamente: a alga fai a fotosíntese e produce azúcares que o fungo emprega para crear as condicións nas que a alga poida vivir.

A morfoloxía dos liques é diversa. Hainos que teñen aspecto de pequena árbore, outros son incrustantes e crecen totalmente apegados ás rochas, e tamén os hai que crecen por dentro da pedra. Son seres sen estruturas complexas que deben tomar da atmosfera os compostos que precisan para vivir, o que fai que sexan moi sensible á contaminación.

De feito son considerados bioindicadores da calidade do aire. Nos entornos naturais onde non existe contaminación hai unha maior concentración, e pola contra non crecen nas cidades ou zonas industriais.

É por iso que per se o crecemento de liques non é malo. Se ben é certo que non son inocuos para as pedras, ás que se aferran fortemente. O seu sistema de fixación, que penetra no substrato, pode meteorizar a pedra, pero na maioría dos casos, retiralos é moito máis perxudicial para a conservación do monumento. 

Xeitos de vida dos liques: A) incrustante, b) folioso, c) fruticoso, d) endolítico. Fonte.
Xeitos de vida dos liques: A) incrustante, b) folioso, c) fruticoso, d) endolítico. Fonte: sciencedirect.com.

Entón, deberíanse limpar ou non as pedras dos monumentos históricos? Este é un debate que temos ás veces nas rutas que realizamos nas que nos gusta preguntarlle as persoas asistentes as súas impresións. Aínda que para algunha xente o aspecto que lle da a pátina de liques é de suciedade e abandoado, a moitas outras transmítelles unha sensación de antigüidade e dalle unha presenza máis histórica.

Segundo enquisas feitas en edificios históricos do Reino Unido e España, as pátinas máis escuras ou con maior contraste sobre as pedras dos monumentos son as que transmiten á xente maior sensación de suciedade. Sen embargo os liques con cores máis semellantes á pedra (como o laranxa ou o brancuzco no granito) danlle un aspecto histórico para a xente que os visita.

A vexetación que crece nas construcións humanas é semellante á que atopamos nos entornos naturais. Cando o material empregado é o mesmo a comunidade que poboa as pedras naturais e as labradas ten unha composición prácticamente idéntica; por iso, debemos ver esta comunidade como unha continuación da natureza, non como un perigo.

Detalles do cruceiro de Hio que está cuberto de liques case por completo e con outra vexetación no seu pé.
Detalles do cruceiro de Hio que está cuberto de liques case por completo e con outra vexetación no seu pé.

Así que, a partir de agora, cando asistas ás nosas rutas culturais, ademais de ver o lado histórico dos monumentos fíxate tamén na pátina natural que as cobre e no entorno que os rodea. A península do Morrazo é un entorno natural con pouca contaminación e cheo de lugares para visitar como Cabo Home, a Costa da Vela e a Serra da Madalena en Cangas, A Fraga de Moaña, ou os Muíños de Canudo en Bueu. Todos eles poden ser visitados en rutas organizadas pola nosa asociación. Se queres asistir, mira o calendario e reserva praza.

Redacción A Illa dos Ratos
+ artigos

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.