OS BUQUES BALEEIROS DA FROTA DE MASSÓ
Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos a partir da información facilitada por Manuel Ermelo Giráldez que foi empregado en Massó durante máis de 40 anos na oficina técnica, o taller mecánico e no de electricidade. Fotografías cedidas pola A.C. A CEPA.

Noutros artigos do noso blog temos falado da intensa e importante actividade baleeira da empresa Massó durante máis de 30 anos na súa factoría de Cangas. Nesta ocasión Manolo Ermelo Giráldez, coñecido por todos como “Manolo Romero”, nos achega unha información moi interesante sobre a frota baleeira de Massó, a súa orixe, preparación e actividades.
A actividade baleeira en España concentrouse en Galicia a partir dos anos 50
Tras unha pausa de 25 anos debido a crise económica e ás guerras, en 1951 a empresa Industria Ballenera S.A (IBSA) volveu a poñer en funcionamento a antiga fábrica de Caneliñas (Cee) que fora a primeira que traballara en Galicia nun breve período de tempo nos anos 20 do século pasado.
Pouco despois, en 1954, Massó Hermanos S.A levantou unha factoría en Punta Balea (Cangas) e outra en 1965 en Cabo Morás (Xove) equipando ambas con maquinaria e buques procedentes do desmantelamento de dúas últimas fábricas do sur que estaban en Alxeciras e Benzú (Ceuta).
Cando se montou a baleeira de Massó os dous buques baleeiros que se mercaron tiveron que sufrir unha renovación integral antes de poder ser empregados para a caza de baleas
Cando Massó se propuxo comezar a cazar baleas mercou dous buques que foran construídos nos anos 20 e 30 do século pasado e que no seu momento formaran parte da frota baleeira norueguesa.
Durante a Segunda Guerra Mundial foran empregados como cazasubmarinos aproveitando o seu silencioso motor de vapor, ideado para non alertar aos cetáceos e despois estiveron prestando servizo nas empresas baleeiras que operaban no Estreito de Xibraltar, ao sur da Península Ibérica.
O testemuño de Manolo Ermelo serve para ilustrar o estado dos buques cando chegaron a Cangas: “Eran os anos 50 e cando os buques chegaron a Cangas loxicamente estaban en moi malas condicións despois de tanto trote polo que nos ordenaron ás diferentes cuadrillas que dabamos servizo na factoría de Cangas que lles fixeramos unha reforma de arriba a abaixo.
Cando lle fomos a meter man comprobamos que aquilo case era pura chatarra. Tardamos dous anos en poñelos operativos porque había moito traballo que facer: tivemos que modificar as chapas remachadas por soldadura, reparar todas as máquinas e unicamente mantivéronse arrastres e caldeiras. Respecto a “acomodación” de camarotes, cociña e outras estancias todo se tivo que substituír e colocarse novo”.
Eses dous buques eran o “Carrumeiro” e o “Antoñito Vera” que cando Massó abriu a súa segunda factoría en Xove o rebautizou como “Cabo Morás”.
En 1971 todas as factorías fusionáronse baixo a denominación de IBSA, que pasou a ter unha frota de cinco buques
Durante uns anos operaron en Galicia tres empresas baleeiras aínda que se podía dicir que na práctica eran dúas: a Factoría de Balea da empresa Massó Hermanos S.A, a Factoría Ballenera de Morás, participada maioritariamente por Massó, e Industria Ballenera S.A. En 1968 comezaron a falar de fusionarse baixo o nome de Industria Ballenera S.A (IBSA) rematando o proceso de integración en 1971.
A partir dese momento, a frota da empresa quedou constituída por cinco buques baleeiros. Industria Ballenera S.A aportaba o Caneliñas, o Temerario e o Lobeiro mentres que Massó incorporaba a frota o Carrumeiro e o Cabo Morás.
Era moi habitual ver catro deses buques na dársena de Cangas:
- O “Cabo Morás”. Era un barco bastante baixo que orixinalmente se chamaba “Antoñito Vera” e foi rebautizado cando Massó abriu a súa segunda factoría baleeira en Xove. O arpoador que ía a bordo normalmente era un tal Miguel de Mugardos. Actualmente este buque está afundido entre Ons e Cíes.
- O “Lobeiro”. Foi mercado pola empresa IBSA en 1956 e tras a fusión sempre cazou para a factoría de Cangas levando como arpoador a un tal Rico que tiña moitísimo sentido do humor. Actualmente o barco se atopa afundido en Baiona.
- O “Temerario”. Este buque foi rebautizado como “Caneliñas”. O seu arpoador se chamaba Jaime.
- “Carrumeiro”. O seu arpoador era un home chamado Alejo Varela Neira.
Coa apertura ao mercado xaponés chegaron os novos buques da serie IBSA
Tras a integración das factorías de Massó en IBSA e o inicio da exportación de carne a Xapón, fíxose necesaria a adquisición de buques baleeiros moito máis potentes para aumentar as capturas. Eran buques de vapor de importación e formaran parte da frota beleeira norueguesa e posteriormente da inglesa.
Mercáronse tres que foron bautizados como IBSA UNO, IBSA DOS e IBSA TRES. Todos foran construídos entre 1948 e 1951 e adquiridos en 1975 para substituír aos obsoletos buques da empresa, aínda que non comezarían a faenar a pleno rendemento en Galicia ata 1978.
Cunha conciencia ecolóxica en crecemento e en pleno debate sobre o cese da caza de baleas, dous buques baleeiros que estaban en Marín sufriron un ataque terrorista
A partir dos anos 70 foi crecendo a conciencia ecolóxica e a caza de baleas foi obxecto dunha atención inusitada. Moitos grupos ecoloxistas levaron a cabo varias accións para chamar a atención sobre a crueldade que supoñía a caza dos cetáceos e foise creando na opinión pública unha gran corrente que pedía o cese desta actividade.
As tensións crecían dun xeito exponencial. En 1980, o IBSA UNO e o IBSA DOS estaban atracados no porto de Marín cando sufriron un atentado terrorista cometido por un grupo eco-terrorista chamado Sea Sheperd, unha excisión radical de Greenpeace.
Como consecuencia das explosións o IBSA DOS acabou no desguace pero o IBSA UNO puido ser reflotado e seguiu operando durante algúns anos máis.

Nesa década, co establecemento da moratoria por parte da Comisión Baleeira Internacional que foi referendada polo Parlamento de Galicia o 28 de Agosto de 1987, extinguiuse a frota baleeira galega.
Solo sobreviviu ata os nosos días o IBSA UNO. O que foi o último baleeiro da frota galega, segue navegando tras ser salvado do desguace e restaurado por unha asociación de antigos baleeiros do porto de Sandefjord en Noruega.
Hoxe forma parte do patrimonio cultural noruegués e pode ser visitado no porto desa localidade como parte do seu Museo Baleeiro, algo que lamentablemente non podemos facer en Galicia.

Óscar Rodríguez Martínez
Socio fundador de A Illa dos Ratos.
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/02/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/15/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/09/07/2020
Un comentario
Recuerdos de Massó (VI): La ballenera » A Illa dos Ratos
[…] que los patrones del Lobeiro o del Carrumeiro avisan por radio que se dirigen a la base de Cangas con sus capturas, el […]