AS NENAS NA ESCOLA DO PADROADO DE MASSÓ

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos, a partir da información facilitada por Rosario Entenza Mallo, antiga alumna da escola de Massó.

Neste segundo artigo da serie “Lembranzas de Massó”, poñemos o noso foco na Escola do Padroado de Massó recollendo o testemuño de Rosario Mallo Entenza, asistente ás nosas rutas e que foi unha desas nenas que viviu en primeira persoa como era o día a día naquela escola tan especial vinculada á fábrica. 

Os meus recordos máis profundos e entrañables da escola de Massó

Nos anos nos que a empresa Massó desenvolveu a súa actividade en Cangas foron moitos os nenos e nenas que pasaron pola chamada “Escola do Padroado de Massó”, unha institución situada no antigo hotel do complexo industrial cangués que ofrecía aos fillos e fillas dos traballadores e traballadoras o acceso a unha escolarización moi diferente á que coñecemos hoxe en día.

Coa reforma integral do hotel para convertelo en vivendas sociais, a escola pasou do ático á planta baixa e pasou de ter unha aula a tres

Na escola de Massó eran tres aulas, unha de nenos, outra de nenas, e había unha dos máis pequenos que estaba nunha sala detrás do mostrador do hotel de Massó.

A sala de recepción era un sitio moi amplo e particular: imaxinádevos un hotel onde o recibidor era o distribuidor para as tres aulas. Creo recordar que había unha cheminea no centro con amplo espazo para todos nós.

Á dereita quedaba a aula de Don Paco, que era o mestre dos nenos; e á esquerda a aula de Doña Sagrario, que se encargaba das nenas. Na dos máis pequenos daba clase a señorita Montse, que era a mais nova de todos os profes.

A aula das nenas a min parecíame enorme e, de feito, creo que o era. Non sei exactamente cantas nenas estábamos alí, pero o que si recordo é que había nenas desde os 8 anos ata os 14 ou 16. Unhas axudabámonos ás outras, sobre todo as maiores, que facían moitas veces de nais das máis pequenas, así como tamén nos explicaban as cousas que non entendíamos.

Os pupitres eran do máis prácticos. Tiñan bancos para sentarse que estaban unidos a unha mesa cunha pequena inclinación e que contaba con tinteiro e un pequeno oco para poñer os lápises. Era estupenda esta mesa! De feito, creo que son moito mellores que as que hai agora. 

As aulas tiñan moitas ventás, con pequenos sitios como unha pequena galería cuadrangular que sobresaia do cadrado perfecto da aula e que quedaban algo máis escondidos da profe, polo que era onde podíamos falar e contar as nosas cousas. Creo que o dos nenos era igual.

Algunhas veces xuntabámonos cos  nenos, cando así o requiría a ocasión. Tiñamos por fóra unhas escaleiras que daban moito xogo. Aí xogabamos á pita, ás alturas e, no camiño de diante, xogabamos  ao brilé, á comba ou ás “casitas”.

Era impresionante o que tiñamos ao redor da escola, espazos amplos, cheos de xardíns onde podíamos xogar sen ruídos e sen medo a que pasaran coches ou persoas alleas.

Os nenos e nenas da Escola do Padroado de Massó ían aprendendo segundo o interese e a capacidade de cada un

Nenas na entrada da escola de Massó. Rosario é a primeira nena vestida de branco na segunda fila empezando por abaixo.

Non había présa por chegar a ningún lado!!!  Recordo que cando a profe Doña Sagrario se poñía enferma viña o seu fillo a darnos clase e todas estabamos entusiasmadas e coa clase alborotada. Ademais de todo isto a maioría de nós tiñamos as nosas nais, irmáns, ou incluso pais, traballando moi preto.

Con 11 anos fun para o colexio de San Roque, ao igual que a maioría de nós, pero estou segura de que cada vez que pasamos por diante desta escola a recordamos como unha escola aberta, onde todas e todos contribuían a que funcionase!!!”

Queremos agradecer a Rosario a súa participación neste artigo para o noso blog e colaborar para que sigamos facendo este labor de recompilar contidos adicionais ao que vimos contando nas nosas rutas.

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

2 comentarios

  1. Ana María Soto Landeira, a asistenta social de Massó » A Illa dos Ratos

    […] Actuaba como mediadora para solucionar calquera problema a nivel laboral dos/as empregados/as e para mellorar a súa vida a través da cultura, abogou pola organización dunhas clases para diminuír o seu índice de analfabetismo. Neste senso, tamén axudou a tramitar bolsas de estudo para os fillos/as dos traballadores/as que estudaban na “Escola do padroado de Massó“. […]

  2. Carmiña Pérez Alonso, promotora do folclore e baile galego no morrazo » A Illa dos Ratos

    […] paso do tempo as súas fillas creceron e, despois de varios anos na Escola do Padroado de Massó, en 1974 pasáronas para o novo CEIP  San Roque. De feito, para a inauguración do centro, o […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.