O TRABALLO NA FÁBRICA DE MASSÓ
Texto elaborado por Sara Ruth Pombal Lagoa. Socia de A Illa dos Ratos e neta de Josefa.
Con este artigo inauguramos a serie “Lembranzas de Massó” na que achegarémosvos os recordos e vivencias de persoas coñecedoras da historia de Massó en Cangas.
Neste primeiro artigo, imos a coñecer as vivencias de Josefa Bernárdez Bon, unha muller de Cangas, que na actualidade conta con 92 anos de idade e que comezou a traballar na fábrica Massó aos 17 anos permanecendo alí durante case 30 anos.
Como moitas canguesas da súa época, Josefa viviu dende dentro a época de maior esplendor da que chegou a ser a maior conserveira de Europa a mediados dos anos 50 do século pasado.
As xornadas de traballo eran longas e duras en Massó
Comezamos falando das condicións do traballo, o día a día e os labores que Josefa realizaba habitualmente na fábrica. Cóntanos que “as empregadas recibían dous mandís o primeiro día, que empregaban coma uniforme”.
“Empezábamos a traballar as 8 ou 8.30 h da mañá e, cando chegábamos, os encargados dicíanche onde tiñas que poñerte. Dependía un pouco do día e do traballo que houbera. Normalmente cando chegábamos pola mañá os encargados chamábante e distribuían os traballadores polos diferentes postos. Estabas para todo. Aínda que tiveras un posto fixo, se había máis traballo noutro lado, movíante para axudar. Por iso traballei en moitos postos distintos: no canal, cortando peixe; na mesa, empacando; lavando o peixe; levando os carros coas latas en caixas para o camión ou descargando o bonito.”
“Traballábamos moitas horas. Entrábamos as 8:30 h da mañá, ata as 12:30 h da tarde. Despois, tiñamos un tempo para comer. Algúns ían á casa e outros comían alí. Eu, por exemplo, ía comer á casa. E logo volvía entrar ás 14:00 h para facer a quenda de tarde, ata as 18:30 h.
Pero, cando viñan barcos, había que descargar o peixe e non se podía saír ata que se acabara de descargar todo. Cando pasaba isto, ás veces non podíamos saír ata as 22:00 h ou 23:00 h, polo menos.
Ademais, se había algún barco que chegaba pola noite, tiñamos que volver á fábrica, non se esperaba ao día seguinte como se fai agora.
Recordo que algúns días viñan os encargados ou outras compañeiras a chamarte á casa. Fora a hora que fora. Un día viñéronme petar á porta da casa ás doce da noite. ‘Josefa, temos que ir traballar’. E tiñas que ir, non che quedaba máis remedio!. E, se tiñas sorte, chegabas para darlle o almorzo aos nenos e mandalos ao colexio“.
Preguntada por canto era o salario, afirma “xa non recordo canto era, pero dependía un pouco do traballo que fixeras e da idade que tiñas. Ao principio, como eu era moi nova, cobraba menos. Por exemplo, as empacadoras cobraban máis e as que collían os carros para gardar as latas cobraban menos. O bo é que pagaban todas as horas extras que fixeramos. Cando viñan os barcos facíamos moitas horas, pero tamén as cobrábamos. Iso si, daba igual o día que fora, traballábase días santos ou domingos porque o traballo tiña que estar feito”.
As mulleres na conserveira e os homes no taller e axudando na descarga do peixe
A prevalencia de mulleres dentro do cadro de persoal de Massó era impresionante, pero Josefa recorda con claridade que os homes tamén tiñan presenza nas actividades e no dia a día da fábrica: “traballaban homes e mulleres por igual, pero a maioría de homes estaban arriba no taller, poñendo a punto as máquinas. Pero tamén descargaban os barcos e cargaban os camións coas caixas de bonito”.
As condicións ambientais do traballo eran en xeral boas aínda que “dentro da fábrica facía bastante calor, porque había moitas máquinas funcionando á vez. Así acabábamos todos arrefriados, porque tiñamos que ir a fóra ao frío a descargar, a coller caixas ou levar latas e logo, ao entrarmos, facía moito calor. Un inverno collín unha pulmonía e foi a única que tiven.
A limpeza era moi boa, todo estaba sempre moi limpo. Daba gusto, non cheiraba nada mal.
Por outra banda, entre os traballadores había moi bo ambiente. Algúns falaban, outros cantaban. E ademais tiñamos un coro propio da fábrica”.
Josefa tamén recorda as boas condicións laborais que ofrecía a empresa “todos entrábamos a traballar cun contrato e seguro médico. Ademais, había un médico na fábrica por se pasaba algo.”
Respecto aos servizos sociais, recorda a importancia da gardería que se atopaba preto do edificio principal porque “era un servizo gratuíto e os traballadores que tiñan fillos, e non tiñan con quen deixalos, levábanos alí. Ademais cando o necesitaban, as nais podían saír para darlles o peito, non lle poñían problema ningún”.
Massó organizaba actividades para que as traballadoras se sentisen unha gran familia
Entre as diferentes actividades que a empresa realizaba destacaban a proxección de películas, a existencia dun xardín botánico, onde ás veces as traballadoras comían facendo pícnic, e tamén un coro.
Josefa formaba parte del e recorda que “estaba formado polos traballadores, tanto homes como mulleres, e íamos cantar a diferentes sitios: Pontevedra, Baiona, Bouzas…
Unha vez fomos cantar a Madrid. Que ben o pasamos! Eses días ao non traballar, non cobrábamos, pero a viaxe era gratis. Tiñamos os gastos do hotel e da comida pagos.
Foi moi divertido. Recordo que unha das rapazas do coro, mentres cantaba empezou a bailar e de repente, caéronlle os pantalóns! Todo o mundo comezou a rir. E sacáronnos puntos por iso, pero pasámolo moi ben. Era unha especie de concurso, xa non me acorda moi ben, pero había franceses, alemáns, ingleses, xente de todas partes.
Tamén recordo que había persoas montadas a cabalo e un desfile precioso. Pero non recordo moito máis. Cantamos varias cancións, coma esta que di así:
E a xente animábanos moitísimo e berraban “Viva Galicia!”, “Viva Cangas!” Foi incrible, pasámolo pipa.
A verdade que foi unha época de moito traballo, pero tamén foi moi bonita. Non había tantos problemas e tantas cousas raras como hai agora”.
Estamos moi agradecidos con Josefa, por compartir connosco todos estes recordos e poder ver a través dela como foi aquela época. Se ti tes algúns recordos diferentes e queres compartilos con nós, estaremos encantados de lerte nos comentarios.
Se pola contra, quedaches con ganas de saber moito máis sobre como era a vida na fábrica podes apuntarte á ruta “Massó, o sentir dun pobo”.
Sara Ruth Pombal Lagoa
Socia de A Illa dos Ratos
-
Sara Ruth Pombal Lagoa#molongui-disabled-link24/09/2020
Deixa a túa resposta