PERCORRIDO POLO SALGUEIRÓN DOS ANOS 60.

Texto elaborado polo grupo do blog “Memorias de Salgueirón” (salgueiron.blogspot.com). Fotografías cedidas pola A.C. A CEPA.

O Salgueirón é a zona lindante coa fábrica de Massó de Cangas. Está limitada ao norte pola estrada de Cangas a Aldán, co barrio da Caína na ladeira do monte San Roque, e ao noroeste polo de Balea.

Unha viaxe polo recordos dos nenos de Massó

Nos anos 50 nacemos unha serie de nenos e nenas nas distintas familias que viven nas casas da zona e que pertencen á fábrica. Vivimos a nosa infancia e adolescencia á marxe da actividade fabril, O Salgueirón convértese no noso pequeno paraíso.

A economía familiar destes fogares está influenciada pola existencia das hortas. Nelas hai animais, árbores froiteiras e pequenas plantacións de verduras e hortalizas. A nosa infancia transcorre en grande medida aí, onde descubrimos ourizos, paporrubios aniñando no chan, ratos, serpes e camadas de gatos e cans nacidas ao abeiro das edificacións.

A primeira saída exterior é cara ás dúas alamedas construídas sobre os alxibes que subministran auga á fábrica. As alamedas están axardinadas. José encárgase de manter os mirtos e as roseiras en bo estado. Pola fileira de plátanos pasan diariamente as filas de traballadores que son convocados pola sirena da fábrica, procedentes da Caína, Balea e máis alá. Os plátanos son o lugar de refuxio de bandadas de pardais no verán e ao final do outono os empregados da fábrica pódanos.

Nas alamedas facemos os primeiros xogos de socialización: xogamos ás estampas, ás bólas, ás chapas, ao pañuelo, aprendemos a andar en bicicleta e facemos partidos de fútbol. Ao lado da alameda grande hai unha pequena canteira. Está limitada por outro gran alxibe de auga chamado O Campiño. Nun lateral hai un túnel que é unha mina de auga e está cheo de morcegos. O Campiño e a canteira son o lugar idóneo para xogar a indios e vaqueiros. De aquí pasamos a organizar batallas con tirabolas, pedras e frechas de béstas contra os barrios limítrofes.

As alamedas están limitadas por dúas estradas paralelas, a de arriba e a de abaixo. Como non hai moito tráfico son outro lugar de lecer e permiten ampliar a exploración do territorio, serven para andar en bicicleta, correr, ir e vir da escola, ir ás casas dos amigos. Os portais das casas son lugares de reunión, sobre todo no verán. As dúas estradas converxen no “garaje”, unha das últimas construcións da zona, feita coa pedra extraída da canteira do Campiño. Na estrada de arriba, preto do garaje está o hotel.

Antigo hotel de Massó e o Cruceiro.

Orixinariamente facía esta función, pero a finais dos cincuenta é onde se aloxan as dúas escolas unitarias de nenos e nenas, inicialmente no último piso e, posteriormente, no primeiro. Ademais, adáptanse algunhas plantas como vivenda para os traballadores da fábrica. Diante do hotel hai unhas escaleiras que permiten o tránsito entre as dúas estradas. Nesa baixada está o hórreo de pedra onde José garda os apeiros de xardinaría.

Desde a alameda grande, descendendo por unhas escaleiras chégase á fábrica. No descanso intermedio está o lavadoiro. Neses anos non funcionaba como tal, utilizabámolo para xogar á pita. Diante da entrada principal da fábrica está a gardería, onde deixan os nenos mentres os pais están traballando; a carpintaría; o varadoiro, onde se arranxan os barcos de pesca; e a cantina, cos vestiarios dos traballadores na planta baixa. Ao lado do varadoiro hai unha pequena praia que, xunto coa rampla, resultan cómodos para aprender a nadar. No verán bañámonos no carro. Coas mareas baixas hai unha grande cantidade de algas e o entretemento principal é ir polas rochas pescando camaróns e algunha que outra nécora.

Ademáis de nas alamedas, os nenos tamén xogaban no “muelle” de Massó

O “muelle” de Massó é o lugar de descarga dos motorciños que traen croques e ameixas dos areais do fondo da ría, e dos barcos de pesca de xoubas, xurelos, atúns e todo tipo de peixes que se enlatan na fábrica. Os croques chegan á última hora da tarde e, cuns pequenos tractores, transpórtanos en caixóns ao interior da fábrica.

Transporte do peixe á fábrica no peirao de Massó.

Nós estamos arredor atentos para coller os croques que caen dos caixóns ou que nos dan os pescadores, para comelos alí mesmo. O muelle é tamén unha oportunidade para pasar as tardes pescando os omnipresentes buraciños, fanecas e demais peixes que abundan por alí. Tamén é zona de xogos de futuros construtores de barcos, aínda que con risco de algunha caída polas escolleras ou polas escaleiras cheas de verdello.

As veces se entretiñan observando as baleas en Massó

Máis alá do garaje está o eucaliptal que, coa súa frondosidade, protexe ao Salgueirón dos cheiros da baleeira situada ao outro lado.

Mulleres posando na baleeira de Massó.

Á baleeira tamén se chega por un camiño que sae do hotel e baixa polo campo de redes. Diante da baleeira deixan fondeadas as baleas e os cachalotes que traen os barcos baleeiros á espera de seren despezados. Os traballadores soben aos animais cunhas botas de pinchos e, cunha especie de gadañas invertidas, van despezando a epiderme, sacando uns grandes cachos de graxa que quentan para diluíla e gardala en bidóns. O chan de madeira está moi esvaradío e máis dun visitante próbao.

Pasada a baleeira están as praias da Congorza, co matadoiro municipal; a do Medio, coa lagoa; e Areamilla, son o confín do Salgueirón cara á ría, onde pasamos mañás e tardes de verán, tomando o sol, xogando ao fútbol, nadando, mergullándonos, collendo camaróns e comezando a soñar coa vida adulta, como pioneiros do turismo masivo de praia que chegou posteriormente.

Se vos gustou este artigo, tedes máis información, historias e vivencias en: salgueiron.blogspot.com

Compoñentes do Grupo do blog Memorias de Salgueirón:

Merche Álvarez Vidal, Fernando Baliño Pizcueta, Marisa Baliño Pizcueta, Pili Broullón Miranda, Marisa Fernández Besada, Pili Fernández  Valladares, Mari Carmen García Hernández, Francisco Gil Cordeiro, Estrella González Fernández, Fina González Fernández, Carlos Pintos Llopiz y Jose Pintos Llopiz.

close

Subscríbete ao noso boletín!

Cada venres mandarémosche un correo con cousiñas interesantes complementarias ás nosa rutas.

Ao subscribirte, aceptas recibir os nosos correos informativos e aceptas a nosa Política de Privacidade. Podes darte de baixa en calquer momento

Deixa o teu comentario

O teu correo electrónico non será publicado.Os campos obrigatorios márcanse cun *

Pode empregar estas etiquetas e atributos HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos .
  • Finalidad Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.