MESTRA A TEMPO COMPLETO, ESCRITORA CANDO PODE E ACTIVISTA POLOS DEREITOS DO COLECTIVO LGTBIQ+

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio fundador da Asociación A Illa dos Ratos, para a serie “Cangueiras 2026” en colaboración coa Concellaría de Igualdade do Concello de Cangas.

CANGUEIRAS 2026

“Se non te recoñeces nin te aceptas como realmente es, nunca serás libre”.

Lara Boubeta Bamio

Quedamos con Lara Boubeta para tomar un café e aparentemente nos atopamos cunha moza orgullosa da súa traxectoria e ilusionada co que lle trae o futuro. Pero a medida que avanza a nosa conversa comprobamos que o camiño para chegar a este momento non foi sinxelo e que estivo cheo de obstáculos en forma de medos, inseguridades e momentos complicados que superou inspirándose sobre todo en ideais dalgúns dos referentes máis importantes para ela.

As tatuaxes da súa pel nos dan pistas sobre a súa personalidade e sentimentos. Entre todos eles, chámanos a atención que nun dos seus brazos leva a imaxe da ilustre escritora e poeta Rosalía de Castro, unha muller adiantada a súa época, feminista, intensa no sentir e que foi quen de plasmar nas súas obras temas como a tristura, a nostalxia e o sufrimento ou a saúde mental, e no seu torso, a palabra liberdade, algo que para Lara é un camiño: ser, sentir … unha loita por ser libre.

A historia de Lara Boubeta é a dunha nena esperta que comezou a escribir sendo moi nova e a que lle gustaba moito xogar ao fútbol cos amigos no barrio do Forte

LARA BOUBETA BAMIO

Cando Lara Boubeta fai memoria da súa infancia o primeiro recordo que lle vén a cabeza son aqueles partidos de fútbol que xogaba cos amigos na contorna do paseo marítimo de Rodeira.

Que ben o teñen pasado e cantas veces teñen ido buscar o balón ao mar ¡¡¡. O campo quedaba delimitado polas árbores que xa daquela había na contorna e para facer as porterías retiraban catro lastras (“adoquines”) do paseo que logo devolvían ao seu sitio cando remataban, provocando as veces o enfado dalgún veciño que se queixaba de que cada vez o chan estaba máis irregular.

O pai de Lara, que rexentaba o antigo Mesón O Forte, vía xogar a súa nena dende a porta traseira do establecemento, sorprendido por aquela afección tan desmedida que a súa pequena tiña polo chamado “deporte rei”, que por aquel entón era eminentemente masculino. Naquel momento non considerou oportuno que Lara formase parte dun equipo porque lle parecía perigoso e quizais por iso durante moitos anos intentou despertar nela o interese por outras disciplinas.

Anotouna a taekwondo, a patinaxe no Club Ánfora e ata probou co atletismo no Vila de Cangas, onde curiosamente Lara, a pesar da súa falta de interese, chegou a ser campiona galega de lanzamento de xavelina.

Pero a Lara o que lle gustaba, e moito, era o fútbol e por iso facía algunha que outra escapada para xogar no parque ou no keniata. Finalmente, cando xa tiña arredor dos 13 anos, conseguiu que a deixaran probar nun equipo de fútbol sala feminino que había en Aldán chamado FS As Lagoas, unha primeira experiencia a que seguirían outras en equipos de fútbol 11 como o C.D Bueu, o F.C Cruceiro do Hío, o Rápido Bahía de Aldán, o U.D Mos ou o Domaio F.C.

LARA BOUBETA BAMIO

Durante moito tempo, esa teima de non deixarlle facer o que a ela lle gustaba foi un foco de frustración para Lara. Para sentirse mellor escribía sobre os seus sentimentos e pensamentos máis íntimos no seu diario e, de cando en vez, deixaba fluír a súa imaxinación e inventaba algún conto que as veces incluso acababa convertido nun guión teatral que logo levaba á práctica.

A súa relación coa escrita tamén tivo influencia do seu pai, que tiña o costume de escribir poesías en papeis soltos mentres traballaba e logo lle pedía a ela que llos pasase ao ordenador. Loxicamente, Lara prefería ir xogar cos amigos en lugar de estar tecleando; pero co paso do tempo sospeita que eses momentos puideron influír sobre ela para que se achegase o mundo da poesía.

A adolescencia foi un período complexo para Lara Boubeta

Lara Boubeta estudou a primaria no CEIP Castrillón, centro do que garda un gran recordo, especialmente da súa mestra Teresa; pero cando pasou a secundaria cambiouse para a Compañía de María de Cangas onde viviu unha experiencia totalmente diferente que recorda como “unha época escura da súa vida“.

Pola presión social e as inseguridades propias desta etapa da vida, tentou durante un tempo encaixar no modelo de feminidade que se esperaba dela. Porén, esa procura constante de aceptación provocoulle moita frustración e acabou levándoa a rebelarse contra moitas das normas e expectativas que a rodeaban.

Aquela adolescente que comezaba a buscar o seu lugar no mundo non entendía porque lle chamaban a atención polo seu comportamento, ás veces afastado do que se esperaba tradicionalmente dunha nena da súa idade. Co paso do tempo, Lara foi comprendendo que realmente non se sentía cómoda dentro dese rol feminino máis convencional e que a súa forma de ser, expresarse e relacionarse non encaixaba neses moldes impostos.

O paso ao bacharelato no IES Rodeira foi un sopro de aire fresco, unha etapa na que conseguiu estabilizarse e puír o seu carácter e personalidade, algo que afianzaría posteriormente na súa etapa universitaria.

Daquela etapa recorda con cariño especialmente a Salvador Castro, o seu profesor de literatura universal, que conseguiu despertar nela o interese por ese xénero.

A etapa universitaria foi unha experiencia liberadora, e a elección da carreira de Maxisterio “unha cita a cegas que saíu ben”

“Cando decidín facer Maxisterio xoguei a lotaría, foi como ter unha cita a cegas que ao final saíu ben e co paso do tempo descubrín un traballo do que me namorei”.

Lara Boubeta Bamio

Unha vez rematado o bacharelato e superada a proba de acceso a universidade, Lara decidiu matricularse en Maxisterio. A esas idades é complicado tomar decisións que poden marcar a túa vida e non o tiña nada claro.

Como ademais non quería estudar fora, unha vez analizadas as alternativas que ofrecían os campus de Vigo e Pontevedra e tendo en conta as notas de corte que se pedían, decidiuse por Maxisterio.

Non houbo ningún motivo especial para decantarse por esa opción, aínda que cando pensa nalgún referente dese eido que puidese inspirala, recorda con especial cariño precisamente a Dna. Teresa, a titora que tivo durante dous anos na súa época no CEIP Castrillón, e tamén a uns tíos seus que eran mestres.

Durante o tempo que cursou os seus estudos universitarios comezou a sentir certa inquedanza por que ao seu redor sempre había alguén que lle recordaba que “ser mestra ten que ser algo vocacional”. Sabía que a súa elección de facer Maxisterio non a fixera por vocación e ese tipo de comentarios creábanlle certa inseguridade alimentando as súas dúbidas sobre se elixira ben, se se sentiría ben cando lle tocase exercer …

Co paso do tempo Lara deixou atrás esas inseguridades e, facendo as prácticas de mestra, foi consciente de que aquel traballo facíaa moi feliz. Agora cando recorda aquela etapa o fai como quen tivo unha cita a cegas que ao final saíu ben.

Lara Boubeta iniciou a súa etapa como mestra no ano 2018 exercendo no P.R.O.A no CEIP Tirán e no CEIP A Guía de Moaña

Unha vez superadas as oposicións, a primeira experiencia de Lara como mestra foi curiosamente no CEIP Castrillón, o cole no que estudara de pequena, e alí estivo exercendo entre setembro de 2018 e xuño de 2022. 

O seguinte curso que se iniciou en setembro de 2022 pasou a desempeñar as súas funcións como mestra de primaria no CEIP San Roque de Darbo, onde continúa a día de hoxe.

No curso 2024/25, un grupo de familias dese centro decidiu presentar a súa candidatura ao premio Educa Abanca, no que se premia aos mellores profesionais da educación a nivel estatal e Lara foi seleccionada entre os dez finalistas.

Na gala que se celebrou na Coruña, recolleu orgullosa o galardón como novena mellor mestra de primaria a nivel nacional e aínda que polo seu carácter non quixo facer entrevistas e mantivo un perfil baixo, o certo e que este premio fala moi ben da súa aptitude como docente.

LARA BOUBETA BAMIO
Lara Boubeta recollendo o trofeo e diploma como 9ª clasificada nos Premios EDUCA ABANCA na categoría dedicada aos mellores docentes de primaria de España no curso 2024/25.

Lara Boubeta tamén é unha importante activista na defensa dos dereitos do colectivo LGTBIQ+

“Se non te recoñeces e non te aceptas, non es libre”.

Lara Boubeta Bamio

Antes de aprobar as oposicións, Lara foi mestra de apoio no CEIP Tirán. Alí tivo como coordinador do P.R.O.A a Marcos Barreira, un mestre que lle impactou pola súa capacidade para traballar a diversidade de forma moi natural, tanto nas súas clases como noutras actividades do centro, pero sobre todo porque non escondía a súa orientación sexual.

Durante anos Lara non se sentira libre para expresar a súa sexualidade pola presión social e, aínda que a esas alturas xa dera o paso de ser lesbiana visible co seu círculo máis próximo, seguía levando na mochila certos medos e inseguridades que fora acumulando ao longo dos anos.

Por ese motivo Marcos Barreira foi liberdade, unha figura inspiradora para Lara e iso a axudou a que tivese a confianza suficiente para facerse visible tamén no ámbito laboral e a sentirse co dereito a compartir a súa realidade abertamente sen necesidade de esconderse.

A través del, Lara coñeceu a outra das súas referentes, Ana Ojea Alonso, Profesora de Cultura Audiovisual no IES Politécnico de Vigo, e ambas figuras foron imprescindibles para que a nosa protagonista puidera chegar a ser quen é.

De feito, grazas a eles, nos últimos anos, foise incorporando progresivamente ao activismo polos dereitos do colectivo LGTBIQ+ e ademais de formar parte da Xunta Directiva de CODIMO, Colectivo Diverso do Morrazo, implicouse na Rede Educativa de Apoio LGTBIQ+ de Galicia.

Este colectivo é unha asociación sen ánimo de lucro pioneira no ámbito do estado español que está formada por profesorado en activo en todo eido educativo, e que naceu no ano 2020 coa intención de aplicar o activismo na docencia co compromiso de incluír e visibilizar a realidade LGBTIQ+ en todos os contextos educativos.

Os membros da organización traballan temas como a diversidade sexual, de xénero e familiar, a coeducación e a educación sexual nas aulas, desenvolvendo as súas tarefas no contexto educativo regrado e non regrado de Galicia.

Dentro dese grupo de profesionais que decidiron impulsar este colectivo, atopamos docentes de todos os niveis educativos, dende infantil ata a universidade, e de feito, o propio Marcos Barreira foi un dos fundadores xunto con Ana Ojea.

Ambos ocuparon os cargos de vicecoordinador e coordinadora respectivamente, e dende o mes de xaneiro de 2026, a propia Lara tamén se incorporou á xunta directiva como secretaria, un feito moi importante e emocionante para ela, máis aínda sabendo que coincidía coa saída do seu querido Marcos.

No 2023, Lara Boubeta publicou “Xe”, o primero conto en galego que aborda a intersexualidade e o non binarismo de xénero

LARA BOUBETA BAMIO

Trátase dun conto publicado pola Editorial Galaxia, con ilustracións da estradense Sara Valcárcel, e que aborda a complexa situación das persoas intersexuais, que teñen que vivir nunha sociedade que as obriga a levar etiquetas que non sempre senten nin recoñecen.

Nunha entrevista publicada na Voz de Galicia, Lara afirmaba que “Xe non parte dunha experiencia propia, pero sempre tiven gustos que se asociaban a nenos ou homes e a miña infancia quedou marcada polo binarismo e os cánones sociais, así que decidín abordar a historia poñéndome na pel da cativada de hoxe en día, e tratar outros asuntos como a idea binaria de neno-nena, home-muller, que engade expectativas e estereotipos que non deixamos de poñerlles en canto nacen”.

De seguro que este libro, pioneiro en Galicia, servirá para facilitar o diálogo sobre este tema, algo moi necesario nas aulas das nosos centros educativos.

Queremos dar as grazas a Lara Boubeta por darnos a oportunidade de charlar con ela sobre a súa vida, experiencias e sentimentos e por facilitarnos os datos e fotografías cos que elaboramos este artigo que merecía esta “cangueira”.

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

Un comentario

  1. Carmen Iglesias Rosales

    Xenial a entrevista con Lara Boubeta admirable a sus decisión desde pequena e que se mostrase tal cual nos tempos actuais. Moitas grazas por compartir conmigo este Bloc.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.