UNHA HISTORIA DE AMOR CO MAR E A REPÚBLICA
Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos.
José Oliveira Avendaño, foi un cangués cunha vida intensa e interesante vinculada a república e ao mar, ese mar que precisamente baña o porto no que Cangas recibía a bandeira tricolor que ondearía no Concello no 1931.
Oliveira estivo embarcado no “Juan Sebastián Elcano” dando seis veces a volta ao mundo
Oliveira foi unha desas persoas que ao longo da súa experiencia vital tivo a oportunidade de vivir momentos únicos ao alcance de moi poucos. Embarcado no “Juan Sebastián Elcano” deu seis veces a volta ao mundo con multitude de vivencias moi enriquecedoras.
Oliveira foi condecorado no 1931 coa Cruz de Prata da Orde de Mérito Naval, participou na Guerra Civil Española no bando republicano e rematou nos campos de concentración en Francia
Pola súa gran carreira na Armada foi condecorado no 1931 coa Cruz de Prata da Orde de Mérito Naval e no momento da sublevación militar do ano 1936 foi destinado polo Estado Maior á frota de destrutores de Cartaxena participando en varias accións de guerra no bando republicano.
Unha vez perdida a guerra, xunto a outros compañeiros refuxiados republicanos desembarcou en Marsella sendo trasladados aos campos de concentración de Argeles e Barcares.
A partir de aí, buscando o seu lugar no logo camiño do exilio, colaborou na evacuación das tropas aliadas en Dunkerque durante a segunda guerra mundial e tratando de achegarse a España viuse obrigado a traballar na construción do ferrocarril Transahariano en pleno deserto nunhas condicións durísimas.
Regresou a España, foi declarado indiferente polas autoridades franquistas e cando por fin se arquivou o expediente, Oliveira puido volver a percorrer os mares
Sendo consciente de que no mellor dos casos o que lle agardaba era pasar uns anos nos cárceres franquistas, en 1940 Oliveira tomou a decisión de voltar a súa terra. Pasou a fronteira e dende Ceuta, onde permaneceu retido un tempo, agardou a que se resolvese o seu expediente. As autoridades franquistas o declararon indiferente permitíndolle que regresase a Cangas coa obriga de presentarse cada semana no posto da Garda Civil e na Adxuntía de Mariña, e prohibíndolle a saída da vila.
Cando por fin se arquivou o seu expediente, Oliveira puido volver a navegar por eses mares que lle daban a vida. Embarcou na mercante, traballou como patrón de pesca de altura en varias importantes compañías. Polo seu bo facer incluso conseguiu praza no buque oceanográfico “Cornide de Saavedra” como capitán de pesca en dúas viaxes expedicionarias.
Xa coa morte de Franco no ano 1975, Oliveira se afilia ao Partido Socialista Galego e intervén na creación de AETINAPE
Os seus últimos anos en activo, ata a súa xubilación en 1980, puxo a súa experiencia a disposición das novas xeracións exercendo de profesor na Escola Náutico Pesqueira de Vigo.
No 1995, cando xa contaba con 84 anos, recoñéceselle por fin o grao que como membro da armada se correspondía cos seus méritos sendo nomeado Capitán de Corveta.
Tras unha longa vida chea de vivencias, Oliveira faleceu no ano 2001 aos 92 anos. As súas cinzas foron entregadas ao mar preto do faro da Borneira, ese mar que sempre estivo presente no seu corazón ao igual que a súa fidelidade a república.
Se queredes coñecer máis sobre a vida desta interesante persoa, debedes saber que no ano 2010, con motivo do centenario do seu nacemento, publicouse “Memorias dun mariño republicano”. Trátase dun libro escrito polo propio Oliveira, editado por Edicións Morgante en colaboración coa A.C A CEPA e a A.C Memoria Histórica 28 de Agosto de Cangas, no que se recolle en primeira persoa unha recompilación das súas experiencias vitais, comezando cunha adicatoria moi especial: “Ós meus netos Marta, Cristina e Álvaro, para que lembren as “batalliñas” do avó”.
Óscar Rodríguez Martínez
Socio fundador de A Illa dos Ratos.
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/02/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/15/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/09/07/2020
4 comentarios
Redacción A Illa dos Ratos
Moitas grazas polas túas palabras, Carmen.
Carmen Iglesias Rosales
Óscar, xenial o artigo que escribes de Oliveira , grazas por difundir a historia do voso povo a todos os que participamos nas rutas guiadas da que disfrutamos moito cada vez que participamos nelas
Redacción A Illa dos Ratos
Muchas gracias por tus palabras.
Marta Lamas Oliveira
Muchas gracias Óscar por esta entrada. Ha sido una sorpresa muy agradable encontrar en el blog la historia de mi abuelo.
Somos muy fans de vuestro trabajo.