UN GRAN HOME MOI COÑECIDO E QUERIDO EN CANGAS
Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio fundador de A Illa dos Ratos en base a diversas conversas coa Carmiña Pérez Alonso, viúva de Pepe Cordeiro.
Cada mes de decembro se celebra en Cangas o Trofeo de Pedestrismo Concello de Cangas “Memorial Pepe Cordeiro“, no que se homenaxea a un cangués que durante toda a súa vida estivo moi presente no día a día da vila e que foi un dos impulsores dunha proba que en 2025 cumprirá as 50 edicións.
Neste artigo, coa impagable colaboración da súa viúva, a nosa querida Carmiña Pérez Alonso, imos a repasar algúns dos momentos máis relevantes da súa vida e falaremos da súa traxectoria como xefe de almacén en Massó, a súa etapa como corresponsal da axencia E.F.E e directivo do Alondras, cando foi concelleiro e organizador das Festas do Cristo durante o goberno de Lois Pena ou incluso o seu desempeño como Xuíz de distrito de Cangas durante 5 anos.
Pepe Cordeiro tivo unha infancia complicada pola morte do seu pai na Guerra Civil
Pepe Cordeiro naceu no seo dunha familia moi humilde de Cangas o 27 de setembro do ano 1936. A súa nai Rolindes, que traballaba na fábrica de Cervera, tivo que sacalo adiante sen o seu marido, un home de Moaña que morrera na guerra.
O pequeno Pepe non foi a escola e con 8 anos era limpabotas na Alameda Vella de Cangas, lustrando os zapatos dos “señoritos” de entón para sacar unhas moedas ou “patacóns”.
Chegou a traballar como axudante dun zapateiro do pobo pero como tiña unha pequena coxeira tivo a oportunidade de ingresar no Colexio San Rafael, unha institución de carácter relixioso rexentada polos “Hermanos de San Juan de Dios de Vigo”. Alí aprendeu a ler e conseguiu desenvolver outras habilidades que lle permitirían afrontar a vida doutro xeito no futuro.
Na súa xuventude participou de moitas iniciativas e xuntanzas coa súa inseparable guitarra
Cordeiro sempre tivo moi bos amigos en Cangas. Con eles pasou moi bos momentos participando das comidas típicas daqueles tempos nas que os mozos se reunían nas tabernas para xantar.
Na sobremesa era cando Pepe Cordeiro sacaba a súa guitarra e todos se arrincaban a cantar esas pezas populares que tradicionalmente se cantaban nas tabernas de Galicia costeira logo de tomar uns viños.
Pepe Cordeiro entrou a traballar en Massó grazas a D. Fernando Massó e conseguiu ascender na empresa ata ocupar o cargo de xefe de almacén
Consciente da importancia de contar cunha mínima formación para desenvolverse na vida, Pepe Cordeiro decidiu tomar clases na academia de Don Bernardino, a Academia Morrazo, onde aprendeu a escribir e a facer contas a un nivel moi básico e iso facilitoulle entrar a traballar no almacén de Massó, onde co paso dos anos iría ascendendo ata ser o xefe, cargo que ocuparía ata a súa xubilación.
Carmiña recorda que foi D. Fernando Massó, quen tivo un papel decisivo para a entrada do seu marido en Massó, tamén lle pedía que fixera de guía cando escolares ou personalidades da época visitaban a gran fábrica.
A historia de amor entre Carmiña e Pepe Cordeiro comezou nas Festas do Carme de Moaña de 1963
Un dos momentos máis importantes da vida de Pepe Cordeiro foi o día no que invitou a bailar a Carmiña, a muller que sería o amor da súa vida. Eran as Festas do Carme de Moaña de 1963 e logo de dous anos de noivos, casaron o 21 de febreiro de 1965 na Igrexa de Fátima de Vigo. A cerimonia celebrouse as 17h e logo fixeron unha merenda cea cos invitados no Marbella, un coñecido local que se atopaba no número 18 da rúa Colón da cidade olívica.
Logo da voda, a parella mudouse a unha casa a estrear dentro do complexo industrial de Massó, na zona do “eucaliptal”, e alí formaron a súa familia coas súas dúas fillas, Auxi e María José.
Para ter uns ingresos extra, naqueles anos o matrimonio adicouse a vender enciclopedias e libros da Editorial Salvat e foron varias as ocasións que tiveron que viaxar a Madrid, Barcelona ou A Coruña para recoller algunha distinción polas ventas que realizaban aos seus amigos e coñecidos pero tamén a colexios e librarías.
Pepe Cordeiro foi corresponsal da axencia EFE en Cangas
Durante moitos anos, Cordeiro foi o corresponsal da Axencia E.F.E en Cangas, cargo que compaxinaba co de colaborador deportivo de Radio Vigo, “Hoja del lunes” ou “La voz de Vigo” entre outros medios.
Debido a isto, a súa casa era o única do barrio que tiña teléfono e cando había partido do Alondras, Carmiña e o seu marido saían do campo rapidamente para chegar ao seu fogar e atender as chamadas de todos os medios e darlles a crónica do sucedido no terreo de xogo.
Logo de narrar durante anos as fazañas do club do seu corazón, o noso protagonista acabou ocupando un cargo dentro da directiva de Alondras e esa vinculación segue viva a día de hoxe a pesar do seu falecemento a través de Carmiña que actualmente é a socia número dous.
Pepe Cordeiro foi concelleiro nos anos da “movida”, representante sindical en Massó pola UXT e xuíz de paz de Cangas durante cinco anos
Pola súa capacidade para tratar coa xente e o seu carácter dialogante, ao longo da súa vida Cordeiro ocupou varios cargos relevantes a nivel local.
No eido laboral foi elixido polos seus compañeiros para ser o seu representante sindical pola UXT. Gracias a iso, durante tres anos el Carmiña tiveron a oportunidade de asistir a varias reunións en Madrid e aproveitaron para facer turismo pola zona alargando a súa estadía e durmindo no Escorial.
Tras un breve paso pola política no que exerceu como concelleiro no goberno de Lois Pena, ocupou durante cinco anos o cargo de xuíz de distrito da vila. Nese período mediou en conflitos veciñais e participou na constitución de varias entidades como por exemplo a Comunidade de Montes veciñais da parroquia do Hío en 1979.
Pepe Cordeiro faleceu no ano 2010 logo dunha vida feliz, chea de experiencias, bos momentos e boas amizades
Cordeiro deixou este mundo o 15 de abril de 2010 cando contaba con 73 anos deixando un baleiro no corazón dos membros da súa familia e unha fonda pegada entre os que tiveron o gusto de coñecelo, sobre todo nos amigos, como Tucho Perete, que recordaba as tardes na súa casa tocando a guitarra, ou Manolo Tomé, futbolista cunha gran carreira que o levou a xogar no F.C Barcelona de Johan Cruyff.
Óscar Rodríguez Martínez
Socio fundador de A Illa dos Ratos.
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/02/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/09/07/2020
Un comentario
Carmen
Moo interesante a historia de Pepe Cordeiro, grazas por compartir con todos os andarins rateiros a súa biografía.